– Palavra Comum: Que é para ti a música?
– Paco Nogueiras: Unha marabillosa canle de comunicación e de expresión. Nacemos con música e medramos con ela. É capaz de expresar calquera tipo de sentimento, converténdose nunha das manifestacións artísticas máis completas. Non entendo o mundo sen música, de feito reparade nunha cousa, o corazón marca o tempo do noso corpo e da nosa vida, cando comeza o ritmo comeza a vida e cando o ritmo para … a vida cesa. Conclusión: a música é vida.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?
– Paco Nogueiras: O proceso de creación é unha aventura certamente emocionante. Nunca sabes con certeza como chegar á meta mais é unha oportunidade de experimentar, investigar, de probar cousas novas e sobre todo de xogar. Pero sempre dun xeito natural, sen imposicións. Concibo a creación como unha brincadeira onde teño a oportunidade de conxugar, combinar e mesturar os meus coñecementos e ideas, e que toda esa mestura colla vida.
– Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual se deveria procurar- entre a música e outras arte (poesia, teatro, fotografia)?
– Paco Nogueiras: Calquera destas manifestacións artísticas casan moi ben coa música, de feito xa teño feito composicións para teatro ou danza cun moi bo resultado a nivel persoal. Case é impensable pensar en danza ou en teatro sen música. As artes son expresións do ser humano que pretenden espertar sentimentos e comunicar. A combinación destas artes fai que se abra o espectro de posibilidades para poder chegar ao espectador ou oínte. Polo tanto, podo dicir que é unha relación de perfecta convivencia e agradable simbiose.
– Palavra Comum: De quem te sentes, criativamente, filho ou irmão?
– Paco Nogueiras: Eu son fillo de familia numerosa, pois convivo coa música, o teatro e o humor. Comecei na música tradicional, mais co paso do tempo logrei escoitar e gozar con outros estilos moi diversos: creo que todos os estilos musicais teño algo que dicir e procuro alimentarme deles, sen esquecer que a música tradicional e folk marcaron a miña base e seguen sendo parte moi importante. O teatro e o humor fixeron a súa aparición na miña vida posteriormente, mais aprendín moito deles, pois son rexistros nos que me atopo “cómodo”.
Así que procuro combinar os tres elementos : música, humor e teatro. Son unha especie de “Frankenstein”, por así dicilo.
– Palavra Comum: Que músicas/músicos reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?
– Paco Nogueiras: Non son moito de nomear a músicos ou grupos en concreto. Afortunadamente descubro formacións e artistas case a diario cunha calidade excepcional, case descoñecidos. Si é certo que a situación actual fai que sexa difícil asomar o fuciño. Nomear a un grupo ou artista case parece inxusto, tendo en conta os grandes descoñecidos que existen, que son moitos e moi bos. Coido que tamén hai que ter iniciativa por descubrir e investigar, saír para buscar outras alternativas, outros xeitos de facer música. Ese é un labor do oínte, pois descoñecidos existiron, existen e existirán. Reivindico aos músicos emerxentes e aos músicos do país. Reivindico aos investigadores, aos que recollen polos pobos, aos que buscan novas sonoridades. Sería unha lista moi, pero que moi longa.
– Palavra Comum: Como ves a música galega e quais os caminhos prioritários que deveria transitar?
– Paco Nogueiras: A nivel artístico probablemente a música galega estea vivindo unha das mellores épocas, xa que hai multitude de formacións e artistas cunha grande calidade e facendo estilos moi diversos. Hai máis formación musical e moitas ideas. Somos un país moi rico, dígocho eu.
Penso que o camiño prioritario nestes intres é a “profesionalización”, rexerse por uns patróns que dignifiquen o traballo de ser músico, de ser artista, estabelecemento de mínimos, de condicións laborais e crear un sector forte e solidario.
As axudas desaparecen, os circuítos cada vez son menores, mais só creando un sector ben conformado e compacto se poderá facer frente aos malos tempos.
– Palavra Comum: Como entendes que se deve abordar a música para nenas e nenos? Como é a tua experiência neste campo?
– Paco Nogueiras: Escoitando, observando e interactuando. Ver como se moven, como cantan, como bailan. As nenas e nenos teñen unha linguaxe moi clara, son directos, enérxicos e vitais. Penso que buscan sinceridade e alegría, desenfado e diversión.
Sempre tiven moita relación co público infantil, fun mestre de teatro e estiven facendo teatro co grupo de teatro de rúa OS QUINQUILLÁNS durante moitos anos. Todo isto fai que exista unha empatía coa xente miúda.
Nunca considerei facer música infantil dun xeito distinto que a de adultos. Uso os mesmos instrumentos, a mesma voz, as mesmas sonoridades. Trato os seus temas, ben é certo, mais … pouca diferenza hai. Nunca lles tocaría unha peza que non me gustase a min primeiramente. Penso que aí radica a miña idea de facer as cousas, moi bo diálogo con eles e tratar aos cativos de “igual a igual”. Unha nena ou neno en realidade só é unha persoa algo baixiña, mais nada. Todos fomos nenas e nenos e penso que algo me debe quedar, por iso temos tan boa relación. Sempre nos “retroalimentamos” mutuamente.
Procuro que vexan en min a un amigo que canta e baila con eles e para eles. E para ser sincero, teño que confesar que as mostras de cariño que me ofrecen as nenas e nenos fan que me sinta o home máis feliz do mundo. Que un neno che dea un bico, ou unha aperta, ou que te queira levar a casa para xogar contigo … non ten prezo.
– Palavra Comum: Com que instrumentos musicais te sentes mais cômodo?
– Paco Nogueiras: Inicialmente eu tocaba a frauta de pico e a gaita, mais penso que sempre levei un acordeonista dentro de min. O corpo chamábame a coller un acordeón e premer os botóns, e así, pouco a pouco fun aprendendo e xurdiu unha grande amizade.
Gústame moito probar distintos instrumentos, non me importan que sexan de corda, vento ou percusión. Atrévome a experimentar con eles, xogando pouco a pouco, e esa é a razón de que toco un chisco a guitarra, o piano, o ukelele, o saxo, o clarín, etc. Mais pódese dicir que o meu gran amor é o acordeón: temos unha intensa relación.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Paco Nogueiras: Agora mesmo estou mergullado na presentación do libro-cd-dvd Brinca Vai!, publicado por Kalandraka Editora, que é un proxecto bastante completo arredor das festividades que atopamos ao longo do ano dentro da comunidade escolar e familiar. Está tendo moi boa acollida, facendo fincapé no audiovisual, pois coido que é a primeira vez que se fai un dvd de videoclips para nenas e nenos.
Arredor deste libro xorde un concerto-espectáculo de pequeno formato chamado Brinca Vai! (de aquí a acolá), que xa está funcionando e se distribuirá en breve por escolas, centros socioculturais, bibliotecas, auditorios, casas de cultura, etc.
Así mesmo estou traballando nun espectáculo máis grande e ambicioso arredor desta obra, chamado Brinca Vai! 2.0, onde se incorporará un artista audiovisual (o Sr. Saguillo), combinando a canción, interpretación e o humor con proxeccións, videos e … en fin… sorpresas.
Ao mesmo tempo seguirei co meu labor musical dentro da formación ORQUESTRA OS MODERNOS, e tamén dentro do grupo de animación musical infantil OS TRES TENedORES, cos que teño varios espectáculos.
Son unha persoa inqueda e estou a compoñer e idear o seguinte espectáculo. Outra idea que me ronda a cabeza desde hai moito tempo é facer un musical, realmente apetéceme moito… O tempo dirá.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Paco Nogueiras: Gusto moito da vosa páxina. Considéroa unha xanela aberta á información e á lectura, un motivo máis para pensar que hai moita xente que está empurrando polo país sen axudas mais con moita ilusión. Agardo que teña unha grande cantidade de anos de boa saúde e moitas vida por diante.
Que gustaría de ver aquí? Ben, gustaríame ver a miña entrevista, faríame moita ilusión (Ha, ha!). Grazas por parolar comigo.
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …