– Palavra Comum: Que é para ti a poesia?
– Eva Veiga: A poesía primeiro de todo foi para min, e segue a ser, marabilla: ese acontecemento, esa “maxia” pola que as palabras –(des)colocadas nunha orde (in)determinada- eclosionan nunha nova vida plurisignificativa. A poesía é un espazo libertario, unha quebra do sistema ordinario de pensar, de percibir, de sentir. Neste senso, a palabra poética non só nos axuda a desvelar a realidade ou nos achega ao descoñecido e aínda ao indicible, senón que a súa propia creación está xa a ser fornecedora dunha outra maneira –máis afectiva, máis crítica- de ollar e de relacionarnos co mundo. Por outra parte, a poesía ponnos en contacto coa materia máis sutil do noso ser individual e colectivo. O ritmo poético remítenos ao corazón e á orixe. O poema ten unha dimensión vibratoria que nos afecta sempre dalgún xeito e o que di non se pode dicir de ningunha outra maneira. De todos modos, xa sabemos que a poesía non se deixa delimitar doadamente, mais eu adoro esa definición que fai Luísa Villalta no seu poema “Ritos de resistencia”: “Fronte á rutina, o rito da palabra tensa a pel / do mundo: un tambor que desperta”.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação literária e, em geral, a artística?
– Eva Veiga: É fundamental decote a afinación dos recursos –sensoriais e intelectivos- dos que dispoñemos para que o dicir-escribir se libere o máis adecuadamente posible. E isto esixe sobre todo un traballo incesante coa linguaxe. E ao mesmo tempo unha disposición a baleirarse. Fascíname ese “pasmar” alerta durante o que, nos casos máis felices, o poema fai a súa aparición xa redondo. De todos modos, para min o primeiro é atopar o ton, o ritmo que guía o texto. Coido que a experiencia de creación artística ten que ver co equilibrio entre razón e intuición. Porén, o acto de escribir é no meu caso unha experiencia integral do corpo, de todas as súas células. Ás veces ardua, pero sempre gozosa viaxe.
– Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura, música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)? Como é a tua experiência nesta linha (Grupo Ouriol, etc.)?
– Eva Veiga: Entre as diversas artes hai xa unha relación de empatía que vén dada polo propio feito creativo, precisamente no senso desa intuición que Dámaso Alonso chamou estética. Ao longo da historia –e moi en especial na contemporaneidade- a interrelación entre as diferentes manifestacións artísticas foi e segue a ser un espazo de diálogo, de indagación e mesmo de integración ben frutífero. A mestizaxe expresiva anova e diversifica o mundo, pois no seu desafío dos límites encamiña a creación cara a novos horizontes, a inéditas propostas máis acordes coa complexidade que caracteriza as nosas sociedades actuais.
Gosto de colaborar con artistas, nomeadamente nos eidos da plástica e da música. Sempre me resulta moi enriquecedor.
O meu traballo co Grupo Ouriol -do que formo parte xunto aos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, ademais do artista plástico Alfonso Costa- é precisamente unha acción multidisciplinar –poesía, música e pintura- que se enfoca na procura dunha experiencia estética o máis integradora posible. Neste senso, o carácter improvisatorio da música –ás veces tamén da pintura en directo, malia que adoito son imaxes proxectadas nunha pantalla- crea asemade unha expectativa que propicia a incorporación do público a esa respiración conxunta da que escribiu Clarice Lispector: “O próximo instante é feito por mim? Ou se faz sozinho? Fazemo-lo juntos com a respiração”.
– Palavra Comum: Como consideras que se combinam -ou se deveriam combinar- arte(s) e Vida?
– Eva Veiga: Para min van sempre xuntas, non podo imaxinar unha sen a outra. A arte é, ao cabo, unha transformación da experiencia vital, que é outra maneira de crear conciencia e esta repercute asemade na propia vida. A arte que transcende é precisamente a que nos interpela no noso ser ordinario e cotián, a que se mergulla no máis fondo da complexa natureza humana. A arte é, ao meu entender, calidade de vida.
Neste senso, paréceme moi acaído aquilo que dicía Lois Pereiro de levar a ética e a estética no mesmo peto.
– Palavra Comum: Que referentes tens no teu trabalho criativo e em geral, num sentido amplo? Que autor@s, individuais ou coletiv@s, reivindicarias por não serem (re)conhecid@s suficientemente?
– Eva Veiga: Serían moitas as referencias literarias, artísticas ou doutras disciplinas do pensamento porque decote bebemos do que outrxs fixeron e fan. E cando remato de ler ou contemplar algo que me “mobiliza” non podo sentirme máis agradecida.
Porén, se cadra, máis fornecedoras aínda para o meu traballo creativo son as persoas coas que comparto a vida, as que se cruzan no meu camiño, e aínda as que non coñezo pero imaxino e presinto, porque son elas as que me fan de certo medrar, as que me agasallan coas súas experiencias vitais, sinxelas e auténticas, dolorosas e superadoras, tramadas de miserias e pequenas grandezas. É moi especialmente aí onde se reflicte e se confronta a miña existencia, a miña aprendizaxe. Materia do poema.
Escribo poesía porque sendo moi pequena a mestra leu na escola un poema que debeu provocar no meu cerebro unha sinapse bestial e porque miña avoa –que non sabía ler, pero si dicir- aprendeume que o ritmo é un encantamento. Eu digo agora unha resonancia.
– Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, em geral, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade, hoje?
– Eva Veiga: As redes sociais están a facilitar moitísimo non só a información sobre os eventos artísticos, senón o achegamento ás diversas manifestacións que habitan xa o espazo virtual. Mais, coido, cómpre non perder de vista o corpo a corpo, a sabedoría que emerxe do encontro persoal non só entre xs artistas, senón tamén co público. Ao meu entender, nada pode substituír ese diálogo creativo, esa enerxía que acaba por callar na sociedade, mesmo mobilizando en certa medida as súas ancoraxes.
– Palavra Comum: Que visão tens sobre a literatura galega?
– Eva Veiga: Coido que a literatura galega hoxe en día non ten nada que envexar a ningunha outra, se non é no que atinxe á promoción e, sobre todo, ao número de lectorxs.
– Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua e a cultura galegas (e os vínculos com a Lusofonia e outros espaços culturais)?
– Eva Veiga: O problema máis grave véxoo na escaseza de crianzas galegofalantes. Ou se toman medidas neste sentido –Ensino- ou a verdade é que a cousa non dá para ser moi optimista. Por outra parte, si que sería importante visibilizar a existencia da nosa literatura noutros espazos culturais. Traballar sistematicamente a prol desa proxección paréceme decisivo. Tiraría tamén de nós e achegaríanos novas perspectivas.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Eva Veiga: Estou a escribir un novo poemario. Tamén poesía e contos para nenos. E, tamén fóra de Galicia, os recitais co Grupo Ouriol, que sempre son unha experiencia feliz.
fotografia da poeta é de Alfonso Costa.
You might also like
More from Eva Veiga
10 poemas de Eva Veiga
Eva Veiga (Ombre-Pontedeume, A Coruña, 1961). Xornalista e poeta. Ten publicados os seguintes libros de poesía: Fuxidíos ( Esquío, 1993), …
5 poemas de Soño e vértice, de Eva Veiga
"Soño e vértice", da poeta Eva Veiga, conseguiu o Concurso de Poesia Concello de Carral de 2015, e foi publicado …