– Palavra Comum: Que é para ti a música?
– Quico Comesaña: Na miña opinión e na de moitos, a música é sen dúbida unha fantástica forma de comunicación, comprensible para case todo o mundo, e da que pode gustar máis ou menos o seu “acento” nos seus múltiples estilos. Ela descríbese por si mesma, a medida que vai soando. É unha cuestión de sensacións difícil de explicar con palabras. Para min é máis doado describila tocando que falando. No fondo estás a mostrar boa parte da tua personalidade. É, por suposto, unha das cousas máis importantes na miña vida, sen ela sería outra persoa moi distinta.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?
– Quico Comesaña: Persoalmente non teño un patrón concreto á hora de compoñer. A primeira idea pode xurdir de repente e non necesariamente co instrumento na man. Podes estar paseando por aí e asubiar calquera cousa sen pensar, e daste conta de que che saiu algo que pode chegar a ser interesante. Outras veces non sae nada minimamente aproveitable nin co instrumento nas mans. Cando tes xa con que comezar, entón si que necesito o instrumento para traballar a idea. O proceso é o máis interesante para min: un paseo emocionante cheo de voltas que vas “catando”, cambiando harmonías ou notas por outras, movendo a estrutura, poñendo aquí, sacando acolá, ás veces sen saber moi ben para onde leva todo iso. De feito, cando remato algo, cando ese paseo chega ao seu fin, éntrame como un valeiro… e volta a comezar con algo novo.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre as diversas artes (música, poesia, teatro, etc.)?
– Quico Comesaña: Eu creo que en esencia están relacionadas, e son á vez moi distintas, pero penso que sempre ou case sempre compatibles (neste caso a música soe estar presente nas demais, aportando outra dimensión). Tiven a oportunidade de participar e colaborar en diferentes traballos poñendo música (poesía, cine, documental, publicidade…) e as misturas funcionan mellor cando as temáticas están relacionadas, pero sempre con liberdade creativa.
– Palavra Comum: De quem te sentes, criativamente, filho ou irmão?
– Quico Comesaña: Teño moitas influencias musicais e resulta complexo describilas todas, pero aínda sen pertencer a ese ámbito, dende neno impresionoume moito o son das orquestas sinfónicas, e co tempo, fun sentindo admiración por autores como Stravinski, Debussy, Bartok, etc. Por outra banda, estou bastante influenciado por boa parte da música que se facía nos anos setenta (que é a época que me tocou vivir de rapaz. Todo iso pégase moito no desenvolvemento da túa personalidade, para ben ou para mal…) As fusións do tradicional co máis vangardista e a mistura dos timbres dos instrumentos antigos con outros máis modernos é algo que sempre me resultou moi interesante. E non podemos esquecer a moitos dos compañeiros cos que traballei, que dalgún xeito tamén están na lista da miña propia historia.
– Palavra Comum: Que músicas/músicos reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?
– Quico Comesaña: Tería que pensar nos músicos do meu ámbito, que é o que mellor coñezo, aínda que en realidade tanto ten, porque hai inxustizas en todos os xéneros. Sen dar nomes, estamos vendo un nivel musical que non se deu nunca antes. Os músicos e grupos galegos de hoxe teñen cada vez máis referencias e bases para traballar dende o punto de vista creativo (moitas máis que cando eu comezaba) Iso axuda a contrastar e a atopar o teu propio camiño. Aínda así, o problema está máis ben na infraestructura, medios de comunicación, suposta industria, a indiferenza administrativa, etc., etc…
– Palavra Comum: Que valoração global podes fazer da música galega hoje?
– Quico Comesaña: Como dicía antes, a calidade é cada vez maior e sen embargo iso non se corresponde coa “calidade” nas condicións de traballo que hai actualmente. Un dos principais problemas que temos os músicos á hora de facer unha xira é a billeteira. Houbo demasiados anos onde case todo era gratis e iso fixo un dano tremendo á música. É complicado explicar ao público que sen a súa colaboración neste sentido é imposible profesionalizarse e polo tanto, agás algúns casos, esa calidade artística irá paralela á calidade das condicións laborais.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Quico Comesaña: Neste momento (recén disolto Berrogüetto) estou a traballar nun proxecto propio. Teño algunha oferta que outra para participar en outros máis que interesantes, pero polo de agora, salvo cousas moi puntuais, prefiro centrarme no traballo mencionado, con calma e tranquilidade e a ver que pasa. Pode que máis adiante me aníme a facer algo con algún ex-compañeiro.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Quico Comesaña: Persoalmente este tipo de publicacións parécenme imprescindibles se queremos ter un coñecemento máis amplo da nosa propia cultura e de outras irmáns, e moitas máis debería haber dada a grande cantidade de manifestacións artísticas e a pouca difusión que teñen. Moito do que aquí aparece debería ser materia presente nas escolas, para que as novas xeracións medren familiarizadas con este universo apaixonante (quen somos e de onde vimos para seguir facendo camiño).
Pero ademais (aínda que saindo un pouco do tema) dende o meu punto de vista, ese amor e coñecemento polas artes e a cultura en xeral non serve de nada sen o amor e coñecemento pola natureza. Non creo nunha cultura que se desenrole allea ao estudo, protección, respecto e admiración polo mundo natural. Arte e ciencia son para min inseparables.
Vídeo do tema Deneb, de Quico Comesaña, interpretado por Berrogüetto.
A fotografia que aparece nesta entrevista é de Nando Iglesias.
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …