– Palavra Comum: Que supõe para ti a poesia/literatura?
– Ramón Neto: A poesía, e a literatura en xeral, supón unha forma de interiorizar pensamentos, emocións, vivir a través das vivencias dos outros, ver as cousas desde outras perspectivas e motivar cuestionamentos. No que respecta á escrita, o que a poesía me aporta varía dependendo da obra na que estea a traballar. Mais, tentando xeneralizar, diría que entendo a poesía como unha maneira de comunicar que fica sempre en suspenso, gardando sempre unha certa actualidade. A voz do poema, independentemente de cando teña sido escrito, garda o alento da palabra que vén de ser pronunciada. Igualmente é o poema unha encrucillada de posíbeis significados que poden revelarse como aparentemente contraditorios sen ser excluíntes. A poesía, mesmo mantendo un ton coloquial e reflectindo a oralidade da lingua, non deixa de ser esa linguaxe rara, esa forma inhabitual de aludir ao cotián ou ao imaxinario; un medio que permite renovar constantemente a maneira na que nos referimos ás cousas. E pode, e mesmo creo que debe ser tamén, un modo de filtrar emocións e experiencias que non son nosas, de meterse na pel dos outros. Por iso mesmo, a poesía pode tamén ser un xogo, un entretemento; e cando se volve retranqueira, o sarcasmo pode axudar a darlle a volta ao xeito de ver as cousas. Mais, finalmente, o que talvez a poesía verdadeiramente sexa, é a arte de non dicilo todo, de deixar espazos abertos para que sexa o lector quen os complete a través de lectura.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?
– Ramón Neto: O proceso de creación acostuma traducirse nunha especie ruxerruxe interno, de fluxo mental, que funciona nalgún lado do maxín en paralelo a todo o que fago na vida cotiá. Sobre todo nos momentos nos que a creación dun poemario vai collendo corpo, acaba sendo o calidoscopio a través do cal vou observando as cousas. Así, ese mesmo proceso vaise nutrindo do que acontece diante dos meu ollos e das vivencias que outras persoas teñen a ben compartir comigo.
Despois está o traballo de revisión. Mesmo se ao final un texto pode practicamente non sufrir cambios, gústame deixalo repousar antes de dalo por bo; e se é preciso modificalo, ter a ocasión de facelo en frío. Concordo co que afirma Manuel Álvarez Torneiro nunha recente entrevista: “Hai que escribir máis coa cabeza que co corazón, deixar arrefriar as cousas”.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, artes plásticas, etc.)?
– Ramón Neto: Creo que no contexto actual, en que todas as artes tenden a mesturarse con naturalidade, a hibridación con outros tipos de expresión artística ofrece a posibilidade de achegar a literatura a un público máis amplo e non especificamente lector.
A nivel persoal, probabelmente debido ao feito de ter levado o estudo da música en paralelo á escrita durante bastante tempo, sempre lle prestei especial atención ao vínculo entre estas dúas formas de expresión artística. Obviamente, a poesía garda unha relación directa coa música. A lírica medieval que hoxe lemos como se fosen poemas, ben sabido é que non eran máis que textos de cancións. A poesía pode ser entendida, en certo modo, como a arte de escribir textos para músicas que acabou prescindindo da música. Seguindo o camiño inverso, un poema musicado pode mesmo acabar formando parte da cultura popular, e disto temos un bo número de exemplos na cultura galega. Por outro lado, escribir textos para composicións musicais fai que un se cuestione até que punto se poden utilizar para o texto dunha canción os mecanismos de escritura dun poema.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos (desde qualquer ponto de vista)?
– Ramón Neto: A dicir verdade, máis que gardar referentes creativos, a miúdo interésame atopar estilos diferentes ou mesmo opostos ao tipo de literatura coa que naturalmente me sentiría a gusto. Porén, si hai unha serie de autores aos que non deixo de volver cada certo tempo, sobre todo cando preciso retomar o pulso da escrita. Nesa lista seguramente incluiría a Sylvia Plath, Paul Celan, Philip Larkin, Ingeborg Bachmann, René Char, Leonard Nolens, Thomas Tranströmer, Álvarez Torneiro, Hugo Claus, Lois Pereiro, Raymond Carver, Nakahara Chuya e Henri Michaux.
– Palavra Comum: Que poetas (ou artistas, em geral) reivindicas por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?
– Ramón Neto: É difícil avaliar baixo que criterios se pode afirmar se certos autores son ou non suficientemente coñecidos; e mesmo non estou moi seguro do que en Galiza é coñecido ou non. En todo caso, comezaría por reivindicar a calidade e o interese que para min posúe a literatura escrita en neerlandés. Malia que as letras neerlandesas teñan dado autores que son xa clásicos a nivel internacional, como Hugo Claus, Harry Mulisch ou o grupo poético dos Vijftigers, estimo que aínda hai moito que descubrir nas literaturas de Holanda e Flandres.
Por poñer un exemplo, podería facer mención dunha nova xeración de autoras flamengas das que gusto especialmente como Delphine Lecompte, Ruth Lasters ou Els Moors.
Así mesmo me parecen sumamente interesantes autoras contemporáneas francófonas belgas como Elke de Rijcke e Véronique Bergen.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– Ramón Neto: É sempre interesante, e mesmo necesario, tentar levar a creación literaria aos espazos públicos fóra das súas canles habituais de difusión; e no que respecta á poesía, explorar as posibilidades da oralidade da lingua literaria, por exemplo, en performances, ou en contextos nos que interactúe con outros tipos de expresión artística.
Con todo, penso que nada pode substituír a experiencia persoal e intransferíbel que é abrir un libro, ou acender o e-reader, e debullar a obra literaria cada quen ao seu xeito.
– Palavra Comum: Que perspectivas tens sobre a língua galega (e também sobre a sua relação com a Lusofonia)?
– Ramón Neto: Acho que acertadamente se está a espallar a opinión de que a relación do galego coa lusofonía representa unha oportunidade para Galiza e para o galego. Con todo, é preciso que isto se traduza en feitos tanxíbeis, e que por exemplo se faga efectiva unha maior presenza do portugués no sistema educativo galego. Tamén observo que pouco a pouco se crean espazos para os autores galegos que optan pola norma reintegrada; van nacendo editoriais e medios como este mesmo que dan liberdade de elección no tocante á normativa. Espero que esta tendencia se manteña, pois estou convencido de que a literatura galega precisa de todxs, independentemente da normativa ortográfica que se escolla.
– Palavra Comum: Residindo em Bruxelas, que aspectos da cultura que conheces ali são relevantes para ti -e, por extensão, para tod@s nós-?
– Ramón Neto: Bruxelas, capital de facto da Unión Europea, é capital tamén dun estado que se ve a si mesmo nas marxes, con respecto ás grandes potencias que o arrodean. Bruxelas posúe igualmente a súa vertente popular e excéntrica na súa condición de “rexión”, a terceira do país, inmersa na bipolaridade de ser tamén considerada capital tanto pola comunidade flamenga como pola francófona; e por riba desa bipolaridade, desprégase toda unha babélica mestura de linguas e culturas. Ese aspecto plurilingüe e multicultural non só é enriquecedor en si mesmo senón que ademais se traduce nunha grande diversidade de propostas literarias. Bruxelas é o lugar de encontro de escritores flamengos e francófonos a carón dunha ben nutrida comunidade de autores internacionais. Un bo exemplo da interacción que isto pode xerar é o traballo desenvolvido polo Colectivo de Poetas de Bruxelas.
Ademais, algo que me parece verdadeiramente relevante é o respecto que aquí existe polas diversas comunicades lingüísticas. Exemplo disto é a comunidade de fala alemá nos Cantóns do Leste de Bélxica que, malia só contar cuns 75,000 falantes, posúe unha lexislación que asegura protección institucional para súa lingua e a normalización do seu uso no ensino.
– Palavra Comum: Que ganhas como escritor ao estares aí?
– Ramón Neto: Sen dúbida acho ese carácter babélico de Bruxelas -e todo o que conleva en termos de encontros, experiencias e oferta cultural- moi estimulante. E coido que pouco a pouco me vou deixando poluír por esa mestura de linguas e identidades, polos aspectos caóticos da propia cidade, polas súas contradicións, a súa excentricidade, por cada un deses mundos que nela se agochan.
Por outro lado, todo iso tamén implica a dificultade de gardar e cultivar a lingua literaria cando levas dezaseis anos falando na vida cotiá linguas que non son a túa propia… Sexa como for, as lecturas en galego, as amizades que aquí teño e as que se manteñen na distancia, e os contidos accesíbeis a través da rede, como os que propón esta mesma revista, axudan a que a cousa se faga levadeira. Mais se gaño ou non como escritor por estar aquí, non son eu quen o pode dicir…
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Ramón Neto: O proxecto principal adoita ser o novo poemario no que estou a traballar. E en xeral hai sempre un poemario, ou ciclo de poemas, no que estou a cavilar que evoluciona en paralelo a calquera outro proxecto. Mais, a carón diso, gustaríame chegar a concretar uns traballos de tradución e desenvolver proxectos en conxunto con outros autores e con creadores noutras disciplinas.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Ramón Neto: Certamente aprecio o carácter pluridisciplinar de Palavra Comum, que xa hai un tempo que veño seguindo. E tendo en conta a variedade de contidos que xa posúe, só podo desexar que goce dunha longa vida, pois estou seguro de que ha ficar como testemuña das diversas perspectivas para a creación literaria, e artística en xeral, neste tempo noso.
You might also like
More from Entrevistas
Tocar na palavra de forma viva | Sobre «Câmara de ar», de Hirondina Joshua
Câmara de ar (douda correria, 2023) é o último livro de Hirondina Joshua. Da Palavra Comum tivemos a honra de …
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …