– Palavra Comum: Que supõe para ti a literatura?
– Tucho Calvo: Penso que hai que considerala como a mellor opción para poder transmitir todo tipo de experiencias. Na literatura está a vida da humanidade nun resumo da súa parte máis íntima, sobre a que precisaríamos de millóns de anos para poder coñecela persoalmente. Desde o punto de vista de lector, a literatura é unha ventá ao mundo, ao exterior e ao das realidades máis profundas das persoas. Unha fonte fundamental da miña formación e da miña cultura. E como escritor, quizais a forma de devolver eses coñecementos arrequecidos co filtro da miña experiencia.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação literária -e artística, em geral-?
– Tucho Calvo: Non adoito reflexionar moito sobre o asunto nin teorizar ao respecto. Ou quizais o fago e non atopo as respostas. Hai tantas ideas ao respecto como persoas. Poida que só o considere un xogo comprometido coa necesidade de achegar algo ao lector.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, plástica, etc.)? Que experiências tens neste sentido?
– Tucho Calvo: Non creo que poida haber compartimentos estancos a estas alturas. Esa idea da creación compartida con achegas diversas tívena sempre na cabeza e está moi explícita na miña segunda novela, PAE S. XXI, na que colaborou moita xente (ilustradores, arquitectos, fotógrafos…) e na que quixen que o fixesen moita máis… Pero a realidade -entre que non escribo moito ultimamente e que un traballo en equipo precisa de máis tempo e esforzo- é que non avancei por ese camiño.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo, não só literarios)?
– Tucho Calvo: Penso que son todos os que teñen que ver coa cultura, co esforzo, a decencia e a procura dunha felicidade baseada nas cousas sinxelas e realmente importantes.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, etc.) estimas interessantes para a literatura, e quaisquer outras artes, na sua comunicação com a sociedade?
– Tucho Calvo: O importante é contar coa liberdade necesaria para que a humanidade exerza a súa creatividade. Despois, os camiños, carreiros ou vías de alta capacidade que percorra responderán ás peculiaridades dos receptores desas obras. E a liberdade depende en grande medida da cultura, de contar coas ferramentas que nos permitan non ser esmagados por poderes políticos, relixiosos ou económicos. As modas impostas a unha humanidade maioritariamente moi manexable por falta de criterios propios, desvirtúan as propostas que triunfan. O esforzo persoal, a creación crítica que está fóra dos circuítos culturais, adoita ser o máis interesante.
– Palavra Comum: Fala-nos da tua experiência como editor…
– Tucho Calvo: Biblos naceu coa intención fundamental de dar visibilidade aos autores galegos e contribuír ao coñecemento da súa obra. Sabíamos que naquel momento se editaba moito, con moita variedade e calidade. Quizais Carmela e máis eu puidemos aforrarnos o de editar obras que, inicialmente, foron pensadas só para agasallar cun libro exclusivo aos nosos socios. É certo que tivemos moitas satisfaccións, pero é duro comprobar que a masa de habitantes do país non permite manter moitas iniciativas interesantes que se poñen en marcha con boa intención e con fundamento.
– Palavra Comum: E comenta-nos como está sendo também a tua experiência na Libraría Biblos…
– Tucho Calvo: Certamente, moi satisfactoria. Carmela e mais eu disfrutamos moito co traballo de achegar os libros á xente e, sobre todo, facer que nenos e nenas perciban a libraría como un sitio no que se atopan ben e no que son sorprendidos por experiencias sempre novas. Naturalmente, o mundo de actividades que desenvolvemos é apaixonante. E, claro está, sufrimos a tortura da xestión.
– Palavra Comum: Tens exercido também no periodismo. Como encontras a sua situação na actualidade? Que consideras mais relevante da tua trajectória nesse campo?
– Tucho Calvo: O xornalismo debería estar nun dos seus mellores momentos, pero non é así. Nunca foron máis necesarios os periodistas e os periódicos que neste momento no que a xente pensa que está informada e non é consciente da xigantesca manipulación á que estamos sometidos. Deberíamos recuperar os grandes profesionais e os grandes medios que se marcasen como obxectivo a utopía da imparcialidade.
– Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre o estado da língua e a cultura?
– Tucho Calvo: Non poderán ser boas mentres vexamos que nos moven as grandes consignas das multinacionais e que nos dirixen persoas sen a capacidade de crear e promover ideas propias fronte á presión do mundo globalizado que dirixen uns poucos. Pero hai aínda moitas esperanzas na xuventude e na súa formación.
– Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Há algo dela que exista já, do teu ponto de vista?
– Tucho Calvo: Penso que sería outra só con que tanta e tanta xente perdese o autoodio que sente por ela.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Tucho Calvo: De momento, conformaríame con facer que cada vez se acheguen máis rapazas e rapaces á libraría e aos actos que organizamos, e comprobar que o noso esforzo se manifesta nunha xuventude máis crítica e creativa no noso entorno. Que un pequeno proxecto de libraría funcione pode dar azos para poñer en marcha outras por todo o país, alí onde non existen. E iso sería moi importante. Sen librarías propias, a edición e o libro galego rematarían por morrer. Alén diso, sempre teño en mente poñerme a escribir ou reescribir, pero poida que iso sexa menos necesario.
You might also like
More from Entrevistas
À conversa com Luciene Carvalho | Carla Nepomuceno
Luciene Carvalho, a primeira mulher negra no Brasil a assumir a presidência de uma Academia de Letras
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …