– Palavra Comum: Que é para ti a literatura?
– Xavier Seoane: Non é fácil definir. E toda definición ten limitacións. Mais eu creo que a literatura, como a poesía, é unha actividade humana que, sustentada na palabra, é capaz de ensanchar a experiencia, o coñecemento, a vida, o horizonte do que somos… Sen as artes seriamos moitísimo máis pobres. A palabra é unha creación abraiante. Que xurdise esa realidade virtual tan portentosa, tan incrible… é un feito certamente único, singular. Unha alquimia marabillosa, malia a súa inevitable imperfección, ás súas limitacións substanciais.
O problema é que a literatura está moi marxinada, hoxe en día, no ensino, e, xa que logo, un teme de que o vaia estar, tamén, na vida. No ensino está marxinada pola ensinanza da lingua, do estritamente lingüístico. Incluso, en gran parte dos exames de selectividade de Lingua e Literatura poñen artigos de xornal, e apenas de narrativa, poesía, teatro, ensaio… É como se se lle fuxise á literatura. Como se producise medo, ou non fose “útil”. O cal non quere dicir que o xornalismo non poida ser, como acontece en moitas ocasións, literatura, e alta literatura. Pero en xeral o feito é expresivo do pouco que ocupan nos temarios dos nosos libros a lectura directa da novela, a poesía, o teatro, o ensaio, o aforismo… e así van as cousas nas conciencias da xente e na vida cultural.
– Palavra Comum: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação literária e, em geral, a artística?
– Xavier Seoane: Como podo. Sabes que ás veces a esquiva “musa”, esa hipotética señora tan pouco prestixiada e en certa maneira desaparecida nestes tempos, dáche moito en pouco tempo. E logo, pasa de ti durante longos períodos, como unha amante difícil, que che ten en pouca consideración, e prefire ir de picos pardos con tipos que lle agradan máis…
Mais eu creo que o bo da creación literaria –que eu aconsello a practiquen sen restrición todos aqueles aos que lles atraia– é que che axuda a vivir a vida cunha intensidade especial. Obrígache a unha ollada máis directa, minuciosa e estreita sobre as persoas e as cousas, sobre a vida e a sociedade. É como se che outorgase un maior grao de conciencia. Como se che tensase nunha certa vixilia, impulsándote a unha certa condición de vixía, á actitude do que está marabillado polas cousas, e trata de comprendelas e expresalas, facéndoas carne propia a través da palabra. A vida é sumamente complexa e inesgotable, pero as artes da palabra son unha vía central de acceso a ese misterio.
– Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as diversas artes (literatura, música, artes plásticas, teatro, audiovisual, etc.)? Quais foram as tuas experiências neste sentido?
– Xavier Seoane: A realidade é poliédrica, plural. As persoas podemos acceder á súa fondura e á súa maxia a través de moitas vías. Todas as artes están relacionadas: todas coinciden, abordan e expresan o zeit geist dun tempo, dunha época, dunha sociedade ou momento civilizador ou embrutecedor. Creo que nada hai máis enriquecedor e pracenteiro que gozalas todas. O que che dá a danza non cho dá a cerámica, o cómic non é cinema, a música é unha viaxe sutil e inexpresable, as artes visuais son unha festa para os sentidos. A propia escultura, o volume, a materia, dannos cousas que non nos dá a pintura. E un debuxo a lapis… ou a tinta… ou unha gravura… que marabillas, que posibilidades tan distintas ás do óleo, o acrílico, os pigmentos ou a arte dixital…
Creo que é fascinante podermos participar da riquísima tradición artística e cultural que chegou até nós, de todo tempo e lugar… E ver como a nosa época segue explorando, innovando, indagando… As novas técnicas e tecnoloxías, mesmamente, abren campos… Teño a sensación de que o concepto “arte” se está ensanchando, non sei moi ben como, e que veremos transformacións na creación artística e na súa recepción coas que non contabamos… O cal é lóxico, porque as artes acompañan de seu, e desde sempre, a evolución humana, histórica e cultural… e reciben influencias, e teñen relación cos avances e achados das técnicas e das tecnoloxías, das ciencias puras e das sociais, da filosofía, do pensamento…
Por outra parte, os numerosos procesos de hibridación que se dan dentro dos xéneros propios de cada arte, así como os das artes entre si, crean campos novos moi interesantes que a xente está explorando.
– Palavra Comum: Como consideras que se combinam -ou se deveriam combinar- arte(s) e Vida?
– Xavier Seoane: Isto empata co anterior. As formas e vías de combinar, comunicar ou mesmo fundir as artes coa Vida son moitas, plurais. E todas elas son iluminativas, ábrennos os poros a algo… tocan as nosas mentes, espertan as nosas emocións, abren e fan porosos os nosos sentidos, a nosa percepción…
O problema é que a universalización dese ser humano poiético, lúdico e creativo, sumamente rico e ensanchado, co que veñen soñando as artes contemporáneas, está moi lonxe de terse conseguido. A natureza alienante, produtiva e consumista da nosa sociedade; o hedonismo badoco, light e de ir tirando; o vivir nun presentismo fuxidío e errático, sen densidade nin transcendencia… son condicionamentos que arrebolan o territorio das artes á obsolescencia, ao ritual ou ao meramente ornamental ou vernicista. Cando non se prostitúe todo a través dun consumo e dun mercado que parecen máis fins ca medios.
Por iso eu creo que as artes deberían recuperar (non falo de actitudes doada e superficialmente panfletarias ou epatantes) o espesor, a crítica, a densidade. A autenticidade do verdadeiro, a intensidade do necesario. As artes, por usar a expresión de Rimbaud, deberían ser “Iluminacións”. Formas de espertar. De ver e de vivir a realidade na súa máis plena dimensión ontolóxica e existencial, histórica e política, social e moral.
As artes deberían espertarnos da alienación, do consumismo, do traballo rutineiro, explotador, escravizante, deshumanizador que campa nas relacións sociais e laborais de hoxe. O ser humano é máis que traballo e consumo. Cubertas as necesidades básicas, o individuo debe ser, como Shakespeare dixo, materia de soños. As artes traballan con ese obxectivo: dilatar a conciencia e a sensibilidade, facer a nosa continxencia menos apegada ao reino da pura necesidade fisiolóxica: darnos un camiño a Ítaca que pague a pena ser vivido. Por iso o poder “real”, a ideoloxía ultraliberal e o economicismo imperante tenden a que os plans de estudos eliminen as humanidades e as artes ou as reduzan a puro verniz, a adorno non sabemos moi ben de que tipo… mais as verdadeiras artes deben traballar no camiño da emancipación individual e colectiva.
– Palavra Comum: Que referentes tens no teu trabalho criativo e em geral, num sentido amplo -aquel@s que mais te marcaram-? Que autor@s, individuais ou coletiv@s, reivindicarias por não serem (re)conhecid@s suficientemente?
– Xavier Seoane: Márcante moitas cousas. Mais hai lecturas que, nun tempo, recordas. Luis Cernuda, por exemplo, tanto como poeta como teórico. Mais en xeral, tanto nas artes da mesa como nas do gozo cultural, a verdade é que me gusta, se non todo, case todo. E de calquera época que falemos. Hai textos que teñen milenios e abráiante pola súa fondura, beleza e envergadura. Os gregos e latinos, os chineses e xaponeses, os hindús… Ou a lírica popular tradicional, que me parece impresionante, tanto en galego como en castelán… E figuras históricas –se nos atemos á poesía– que son verdadeiros cumes. Son tantos… Algúns? Homero, Virxilio, Horacio, Dante, Quevedo, San Juan de la Cruz, Baudelaire, Walt Whitman, Keats… E no século XX hai autores portentosos: Machado e Juan Ramón, a xeración do 27, Rilke, Montale, Eliot, Pound, Pessoa, Cavafis, Vallejo, Neruda… E na poesía galega, ademais dos medievais, que son extraordinarios, a gran Rosalía, o Pondal dos celtas, dos corvos e das soidades, certos poemas rebeldes e elexíacos de Curros, non poucas pezas do orquestral e variado Cabanillas, a fondura de Pimentel, a peculiar e avanzada viaxe de Manuel Antonio, a pertinencia de Aquilino… Vindo máis ao noso tempo, moitos poetas da xeración dos seniors, dos que por desgraza xa podemos gozar da presenza física e amiga de poucos deles, pois foron falecendo, ou a xeración máis nova de Ferrín e Arcadio… pois teñen achegado poemas rotundos, canónicos, e cosmos poéticos moi diversos e singulares. E, aínda que eu nunca fun demasiado partidario das análises exclusivamente xeracionais, porque creo que tenden a ser frouxas e altamente estereotipadas, cando non falsas, teño a sensación de que hai un conxunto moi nutrido de poetas que xurdiron na fin do franquismo e nos inicios da democracia, é dicir, a que se chama dos oitenta, de calidade absoluta e incontestable. E anímame a seguir escribindo e ilusióname fondamente ver que ver xente detrás (chámanlle, en pobre terminoloxía, dos 90) na que hai voces que están empezando a construír cosmos poéticos que, de seguir así, poden chegar a ser verdadeiramente relevantes nos casos daqueles que persistan no esforzo e na autocrítica sempre decisivos nesta dura actividade seguida por tan poucos lectores, malia a seren decisivos á hora de crearen criterio e cultura, excelencia.
E o que me parece moi interesante é, malia ao mal trato da lingua e aos graves problemas que ten na nosa sociedade, ver que hai xente moi, moi nova, ás veces case adolescente, que se achega e practica a creación poética con verdadeira paixón. Iso é unha sorte, pois garante a continuidade da tradición…
– Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar na literatura e nas artes, em geral, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade, a dia de hoje?
– Xavier Seoane: Nas artes, e polo tanto tamén nas da palabra, todos os camiños están abertos. E todos son necesarios. Estou en desacordo coa xente que di: “cómpre facer isto”. Por que? Cada un deberá facer o que lle pete ou deba facer, sen aforrar esforzo, honradez e autenticidade. Se cada autor non dá o mellor do que hai nel, e o máis singular, é dicir, esa mínima diferenza humana e experiencial que constitúe a súa cerna como persoa e como escritor, que outra cousa poderá dar? Discursos, obras impostadas, ecoicas…
Por iso o esforzo está en intentar profundar en nós. Dar, humilde pero xenerosamente, o específico noso. A experiencia humana é tan plural que todos os temas e todas as formas poden ser abordadas e fecundadas. Obviamente, desde unha perspectiva que sexa en certo modo fiel á túa época, ao que o noso tempo nos demanda. Mais tendo coidado non caer no puramente conxuntural, no insubstancial e efémero. A historia da cultura e das realizacións artísticas que temos detrás “interpélannos”, como está de moda dicir, un pouco pedantemente, agora.
– Palavra Comum: Que visão tens sobre a literatura galega?
– Xavier Seoane: A literatura galega non a vexo mal. O que boto máis en falta é certo filtro, tanto nas editoriais como na crítica, nas recensións, nos balances, nas análises dos historiadores da literatura… Creo que non todo vale. E o mercado, quéirase ou non, pesa moito. E as tendencias e as modas. E vexo moito problema á hora de editar poesía, ensaio, teatro, diarios… sobre todo os máis novos, aínda que non só eles.
O que me preocupa é a progresiva marxinación, o silencio cada vez maior sobre a nosa literatura e cultura en xeral nos medios de comunicación. Hai un desexo de que a cultura do país non impregne ás súas xentes, de mantela nun gueto. E creo que cada vez ese feito é máis real e acada o seu obxectivo dunha maneira absoluta, marxinativa e destrutiva. A nosa cultura vai por un camiño acelerado de constituírse marxinal no seu propio territorio. Os creadores xa o somos hai tempo, porque os medios decidiron silenciarnos. A condición de “estranxeiros” na propia terra é compartida por moitísimos creadores galegos de moi diversas artes e ámbitos. É unha actitude consciente, constante e eficaz do “Poder” e dos seus medios de dominación de masas.
Unido a isto está a cuestión da lingua, á que vexo moi mal. Pois, de seguiren así as circunstancias, váisenos… E isto nun tempo disque “ilustrado” e cun presidente da Xunta que leva un nome seica de estirpe ilustrada: nada menos que “Feijoo”. Pois ben, neste momento, a lingua e a cultura do país están a recibir un trato de estranxeiros absolutos no seu propio territorio, tanto desde o poder político e económico como desde os medios. E a lingua e a cultura pertencen a todos. Son de todos. Constitúen un patrimonio cultural, vital, lúdico, pracenteiro, identificador e enriquecedor impresionante. Mais temo que, de seguirmos por este camiño desilustrado e destrutivo, de devalo histórico, lingüístico e cultural, acabemos por ser en non moito tempo un apéndice do nada.
– Palavra Comum: E qual é a visão que tens sobre as artes na Galiza, a dia de hoje?
– Xavier Seoane: Sempre considerei que os logros e o nivel das artes en xeral en Galicia, nas últimas décadas, desde a morte do ditador cando menos, están a bo nivel. Non son triunfalista, vexo tamén as súas limitacións e os seus defectos, e a necesidade de plena universalización e homologación. Mais creo e crin sempre que se o resto dos sectores do país traballasen co entusiasmo e a creatividade dos seus artistas, a realidade sería outra. E moito máis significativa e máis plena.
– Palavra Comum: Que perspectiva tens sobre a língua e a cultura galegas (e os vínculos com a Lusofonia e outros espaços culturais)?
– Xavier Seoane: Da lingua e da cultura xa falei. Canto aos vencellos coa lusofonía, non existen apenas. Iso é algo que tamén se marcou desde instancias interesadas, en Madrid e en Galicia, para que Galicia vivise erradicada e allea ao vasto e impresionante mundo –mundo de noso– da lusofonía.
Se fosen os cataláns os que estiveren no noso caso, de sempre terían tendido pontes. E incluso, detrás diso, terían feito negocios, vendendo a butifarra e a crema catalana, e potenciado as súas editoriais e a súa cultura, e mantendo estreitas relacións comerciais e culturais de todo tipo. Vivir ás costas dese mundo limitounos moito, e non só culturalmente. A cultura portuguesa, brasileira, angolana, etcétera, son impresionantes. E non só literariamente falando.
Houbo un tempo en que moitos lusistas aceptamos negociar a ortografía que existe hoxe porque cremos daquela que era preciso estar unidos, para axudar a normativizar e normalizar a lingua. Pero creo que se renunciou daquela a certas cousas importantes, decisivas. A uns mínimos que, cando menos, terían resultado eficaces para andar.
– Palavra Comum: Trabalhas no ensino. Qual é a tua perspectiva sobre o seu estado e para onde achas que deveria caminhar?
– Xavier Seoane: Debería camiñar para as antípodas do que nesta última lexislatura transitou. A educación no sentido en que a min me interesa, vai en devalo. Preténdese facer “profesionais”, “curritos”, e non persoas emancipadas, libres, cultas, verdadeiros cidadáns. Creo, neste sentido, que os valores da ideoloxía neoliberal (á que creo que mellor sería chamar “ultraliberal”, porque está nesgada cara valores altamente involucionistas, clasistas, elitistas e retardatarios) están penetrándoo todo, e minando todo posible contradiscurso. Precísase unha moi fonda loita polos valores, pola reflexión, por ideoloxías liberadoras e sociais, pola recuperación dos logros da ilustración e dos movementos emancipadores, por dinamitar o “círculo de ferro” do pecuniario como “ratio ultima” das persoas e do mundo. Por iso non interesa unha escola crítica, viva e emancipadora. E por iso os profesores non chegan a ser nin convidados de pedra do debate (se é que o hai) sobre a educación. Vexo o panorama moi, moi negativo. Os profesores cargados de horas, convertidos en burócratas, unha ratio elevadísima de alumnos por aula, etc…
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Xavier Seoane: Gustaríame que a musa non me esquecese de todo. Poder seguir gozando da poesía. E tamén seguir traballando un pouco, con calma e por gusto, no ensaio e facer algúns “pinitos” máis na narrativa. E contemplar os biosbardos.
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …