– Palavra Comum: Como vês o mundo a dia de hoje?
– Xulio Ríos: Pois a verdade é que complexo e deshumanizado. Vintecinco anos despois da disolución da URSS, o mundo nin é mais simple nin necesariamente mellor en moitos aspectos. Seguimos en certa maneira á espera de que xurda un novo Leste a modo de alternativa e como sinónimo de emancipación fronte a un capitalismo liberal triunfante e obsesionado coa produtividade e os beneficios. No entanto, mires para onde mires, predominan os signos de deshumanización: no modelo económico, na proliferación das guerras, na deconstrución de Europa…. As forzas alternativas, tanto no teórico como en termos de movementos sociais, son febles ainda se ben ese proceso non ten volta atrás. A humanidade sempre soubo encontrar camiños para rebelarse contra a inxustiza e este noso mundo é inxusto por natureza.
– Palavra Comum: Como levas a cabo, no teu caso, o processo de investigação e trabalho arredor da história e da situação do mundo contemporâneo?
– Xulio Ríos: É un proceso de seguimento constante, claro está que mais centrado nas áreas de maior especialización para min, sobre todo o mundo chinés. Tamén acompañado de todo un labor de reflexión a que obriga o día a día en función da axenda dos medios, dos encontros nos que se participa, etc.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes (desde todos os pontos de vista)? Deles, quais reivindicarias por serem insuficientemente reconhecidos a dia de hoje?
– Xulio Ríos: Cando procurei a creación do IGADI (1991, facemos agora 25 anos), rebusquei nos nosos antecedentes. Sempre me chamara a atención a figura de Plácido Castro, pero igualmente Lois Tobío, que formou parte do noso Consello Asesor e tivemos a feliz oportunidade de aprender del. Son os nosos “clásicos”, aos que deberiamos sumar outras figuras como Fernando Pérez-Barreiro ou Ramón Lugrís. Ese mundo da universalidade galega é fundamental hoxe para a actualización do nacionalismo, pero este ignórao moito.
Noutro plano, como devoto da poesía, figuras como Cecília Meireles, Eugénio de Andrade, Xosé Luís Franco Grande, José Ángel Valente, Walt Whitman, ou Bei Dao, son autores de cabeceira.
– Palavra Comum: Fala-nos, mais especificamente, da tua valoração actual sobre a situação na China…
– Xulio Ríos: China é un planeta, obviamente. E cómpre abordala co respecto debido a quen ten detrás unha civilización tan milenaria. Sen a cultura e a historia non se entende nada deste país. Están máis perto ca nunca de lograr pechar o ciclo da decadencia iniciado no XIX e iso aventura moitos problemas de todo tipo nos próximos anos, tanto polas circunstancias internas como pola presión exterior. Occidente non aceptará de boas a primeiras que China volva a ocupar unha posición central no mundo. Pero aínda que non se perdeu de todo a esperanza de que salvadas as sombras dun proceso tan complexo como o vivido nas últimas décadas poida xurdir ainda unha nova síntese de xustiza social e liberdade, non será doado.
– Palavra Comum: Como vês o estado da cultura e língua galega?
– Xulio Ríos: A precariedade é inmensa. Tanto polo desinterese consciente da administración galega como pola escasa ambición cooperativa que existe no mundo cultural. Hai unha moi rica vida de base pero precisa unha maior organización e altura de miras para saír fóra. Mentres non comprendamos todos que a cultura é un dos catro poderes do país (lexislativo, executivo, xudicial e cultural, diría eu) sempre será algo de segunda orde e non o é. Cómpre repensar tamén a comunicación coas novas xeracións e como infundirlles un amor polo propio que non estea en contradición cunha actitude aberta, cosmopolita mesmo.
– Palavra Comum: Tens analisado a projecção exterior de Galiza. Qual é a tua visão a dia de hoje? Que caminhos e para que espaços achas necessário transitar, nesta linha?
– Xulio Ríos: A acción exterior vive horas moi baixas. Basta comparar o Libro Branco que nós elaboramos en 2004 co decreto que aprobou a Xunta de Galicia o pasado ano. Os que acusan aos galeguistas e nacionalistas de querer erguer valados agora pechan a cal e canto as posibilidades de facer de Galicia unha autonomia no mundo. É unha anécdota. É a doma e castración de Galicia en tempos de globalización. Madrid manda.
– Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que há dela na realmente existente a dia de hoje?
– Xulio Ríos: Galicia é hoxe unha estrela sen firmamento. Precisamos máis autogoberno e non menos autonomía. Precisamos máis autoestima e sentido de país, máis pensar desde nós mesmos e non en imitar os procesos alleos, por máis que simpaticemos con eles. Na globalización só podemos subsistir a partir de nós, pero estragamos moita enerxía nese debate interminable entre se somos ou non somos.
– Palavra Comum: Fala-nos do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional, IGADI (como nasceu, onde chegou e para onde achas interessante que caminhe a dia de hoje)…
– Xulio Ríos: O IGADI naceu con ese dobre empeño de analizar o mundo no que vivimos e proxectar a Galicia no exterior. Aí penso que establecemos un capital importante e de referencia, con moita vocación construtiva e realista. Cre nas posibilidades dunha Galicia entendida como célula de universalidade, como sinalaban os galeguistas no século pasado. Penso que debe insistir nesa dobre vía. É unha singularidade que nos sitúa na vangarda a este nível respecto a outras nacións do Estado, ainda que o eco interno segue a ser limitado por unha axenda que nos reduce para non poucos á condición case de extravagancia.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Xulio Ríos: Queremos celebrar este ano o primeiro congreso de estudos internacionais de Galicia. Será en Pontevedra, en xuño, en colaboración coa Universidade de Vigo. É o colofón de 25 anos de traballo e espero que tamén a oportunidade de propiciar un relevo na entidade: IGADI 25 en 25 Anos (galego-inglés).
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …