– Palavra Comum: Que é e que supõe para ti a Arqueologia?
– Xurxo Ayán: A miña vocación dende pequeno. Eu son arqueólogo grazas a meu pai, que me levaba sendo cativo a mirar castros da Terra de Lemos. En 1987 fun ver canda el as escavacións que se estaban a facer no castro de Penalba en Campo Lameiro (Pontevedra) e dende aquela tiven claro o que quería ser de maior. Creo que todos os arqueólogos e arqueólogas temos experiencias fundacionais semellantes e estamos nisto por vocación, non para forrarnos (cousa, doutra volta, imposible). Porén, para min a Arqueoloxía supón un soño feito realidade, coas súas grandezas e as súas miserias. Como toda actividade ou profesión ten as súas propias leis non escritas, os seus ritos de paso, xera identidades, sobre todo cando un é noviño e procura referencias no que fai e no que quere ser. Neste senso, a Arqueoloxía non se aprende nas Facultades senón no traballo de campo, onde a formación non regrada paga máis a pena, onde se daba de balde unha transmisión do saber facer (o senso grego da palabra técnica) entre xeracións. Por iso a deriva corporativista da Arqueoloxía que estamos a vivir hoxe en día dáme noxo e vergoña por partes iguais.
– Palavra Comum: Como levas a cabo, no teu caso, o processo de trabalho neste âmbito?
– Xurxo Ayán: Nas últimas tres décadas a Arqueoloxía desenvolveuse en catro eidos diferenciados, nos que tiven a sorte de formarme e desenvolver a miña profesión.
En primeiro lugar está a Arqueoloxía académica, desenvolta dende a Universidade e o CSIC nomeadamente. Este é o ámbito que coñezo mellor, xa que comecei na Universidade compostelá, para pasar despois polo CSIC e acabar (polo de agora) na Universidade do País Basco. O proceso de traballo caracterízase pola colaboración en equipos amplos, por unha necesaria interdisciplinariedade e polo vencello entre investigación básica e investigación aplicada. Lamentablemente a crise deu lugar ao desmantelamento parcial ou total da ciencia arqueolóxica pública no Estado español.
En segundo lugar, topamos coa Arqueoloxía profesional ou mal chamada de xestión, protagonizada por empresas adicadas sobre todo á avaliación e control do impacto arqueolóxico de obras públicas e privadas, á valorización de sitios arqueolóxicos e á didáctica do patrimonio. Novamente, a crise económica rematou con grande parte deste tecido empresarial. As novas xeracións de arqueólogos e arqueólogas formáronse neste mundo caracterizado tamén pola sobreexplotación e a precariedade. A creba do modelo levou ao abandono da profesión ou á emigración a Europa do Norte e Sudamérica.
En terceiro lugar, a Arqueoloxía tamén se desenvolve no marco da Museística, un eido moi vencellado ás subvencións estatais, ás administracións locais e á xestión de fondos europeos, 1% cultural e demais. Algunhas empresas adícanse a labouras de asesoría, deseño de contidos e parques arqueolóxicos, aulas didácticas, etc…
Finalmente temos a alcumada Arqueoloxía Pública ou en Comunidade, que procura unha Arqueoloxía sustentable alicerzada no apoio e colaboración das comunidades locais. A través do empoderamento patrimonial procúrase captar financiamento que permita recuperar o patrimonio arqueolóxico e rendibilizalo social e economicamente. Nos últimos anos téñome adicado máis a este ámbito, en Galicia, Euskadi e en proxectos internacionais de cooperación en Chile, Etiopía ou Guiné ecuatorial.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes (desde todos os pontos de vista)?
– Xurxo Ayán: Os meus avós, xa falecidos, Antonio e Xesús, homes subalternos, labregos con ciencia, homes bos que sobreviviron a unha guerra e unha postguerra sen perder os valores da xente de ben. Os meus pais, Xulio e Eloína, a quen debo todo.
A nivel profesional tiven a sorte de formarme nun grupo de investigación que foi coma unha grande familia, que confiaron en min dende noviño e me abriron as portas para facer realidade o meu soño arqueolóxico. Para min son referentes arqueolóxicos Felipe Criado, César Parcero e Alfredo González Ruibal. En Euskadi teño aprendido moito de Francisco Etxeberria.
A nivel xornalístico e literario son un devoto admirador de Manuel Rivas.
A nivel político o único que me parece que está a altura dos tempos é Arnaldo Otegi, por iso está no cárcere.
– Palavra Comum: Qual é o estado da arqueologia a dia de hoje (na Galiza e em geral)?
– Xurxo Ayán: Temos a Arqueoloxía que nos merecemos e todos somos responsables desta realidade. O diagnóstico sociolóxico do noso país serve perfeitamente para o gremio. Temos un inconsciente sentimento de autoxenreira que nos impide ver as cousas boas que facemos. En comparanza con outras zonas do Estado, a Arqueoloxía galega dos últimos anos foi referencia en moitos eidos, pero non somos quen de decatarnos diso. Doutra volta, o minifundismo ideolóxico inunda a nosa praxe arqueolóxica. Nos países pequenos somos moitos a repartir e actuamos a xeito de reino de taifas, cada quen na súa leira, termando dos mollóns. Así non é doado construír nada.
A burocratización da Arqueoloxía galeguista en democracia levou á nosa ciencia a servir de simple discurso lexitimador da autonomía. O modelo económico depredador do país contou coa Arqueoloxía, con nós, como ferramenta útil. Na época das vacas gordas ninguén se queixaba da burbulla. Cando estoupou, entón si que xurdiu un sentimento gremialista e corporativista que se confunde de inimigo a cada intre. A situación da Arqueoloxía galega a día de hoxe é lamentable, non só por causas esóxenas. Estamos nuns tempos nos que arqueólogos desorientados cargan contra o voluntariado, no que os guías poñen cancelas ao monte, no que a Administración olla cara a outro lado, etc., etc… En 1995 Compostela acollía un dos primeiros congresos da European Association of Archaeologists e hoxe en día a arqueoloxía galega alónxase dos códigos éticos, das prácticas sociais que son moeda común en Europa. Son pesimista e coido que a Arqueoloxía entra nunha noite de pedra que vai ser longa. Non hai vontade política no tocante ao patrimonio, a Arqueoloxía vai desaparecer dos estudos universitarios e as actitudes dos profesionais están alonxando a disciplina da sociedade.
– Palavra Comum: Com que outros sistemas culturais se conecta Galiza, do ponto de vista arqueológico? Que influências existem, do teu ponto de vista, que não são conhecidas suficientemente?
– Xurxo Ayán: A koiné atlántica da Idade do Bronce vese claramente reflectida no rexistro arqueolóxico galego (gravados rupestres, ourivería…). No período dos castros dáse unha hibridación de influencias atlánticas, mediterráneas e centroeuropeas, que paseniñamente imos esclarecendo. Nos últimos anos estamos coñecendo mellor a chegada de ideas, artefactos e persoas procedentes do mundo cartaxinés na costa galega ao longo da segunda idade do ferro. Tamén a nosa visión da conquista romana está a mudar, coa localización de inéditos recintos militares vencellados coas guerras cántabras, por exemplo. Con todo, hai períodos aínda moi escuros, como a xermanización do noroeste, a materialidade xerada polos suevos no noso país.
– Palavra Comum: Que caminhos (de comunicação e implicação com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a arqueologia hoje?
– Xurxo Ayán: Na axenda arqueolóxica actual sobrancea a idea da Arqueoloxía sustentable, integrada nas comunidades locais, como dicía antes. O cambio político que se está a vivir preséntase coma unha boa oportunidade para camiñar cara a unha Arqueoloxía mais participativa e integradora. Cómpre ampliar as miras da disciplina arqueolóxica e patrimonializar paisaxes e cousas recentes. A Arqueoloxía do pasado contemporáneo (que supere a simple Arqueoloxía industrial) está por facer en Galicia.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a arqueologia e as artes (literatura, audiovisuais, fotografia, música, etc.)?
– Xurxo Ayán: Dende mediados do anos 90, a alcumada Arqueoloxía postprocesual xurdida no eido anglosaxón fixo fincapé nesta relación entre Arqueoloxía e arte, dando lugar a proxectos cun fondo carácter performativo e audiovisual. Desenvolveuse toda una Antropoloxía visual e unha Etnografía arqueolóxica dende departamentos de universidades como Stanford e Southampton. O desenvolvemento de blogues, páxinas web e redes sociais nos últimos anos incrementaron esta vertente artística da Arqueoloxía. En Galicia fixéronse cousas neste sentido no marco do proxecto Archaeology in Contemporary Europe, sobre todo á hora de fotografar a profesión arqueolóxica. Nesta liña, nos nosos proxectos de Arqueoloxía do Pasado contemporáneo contamos con artistas no equipo como aconteceu este setembro pasado en Belchite (Zaragoza), onde fixeron seguimento dos nosos traballos un artista independente, diferentes fotógrafos e unha produtora audiovisual dentro do proxecto NEARCH de Arqueoloxía en Comunidade. Noutros casos, como nas escavacións no campo de redención de penas franquista de Bustarviejo (Madrid), ciencia e memoria conflúen en actos conmemorativos nos que colaboran actores, actrices, músicos e arqueólogos. Neste senso, o noso equipo de traballo ten naturalizada esta relación da que falas, de feito fomos pioneiros ao facer un dos primeiros blogues de Arqueoloxía no conxunto do Estado (Arqueoneixon, 2007) e encetar a primeira longametraxe documental da Arqueoloxía galega en 2008 Neixón: historia viva dun castro, dirixida por Lukas Santiago.
– Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária? Que há dela na realmente existente a dia de hoje?
– Xurxo Ayán: Moi boa pregunta. O problema deste país é que nos adicamos a construír Galicias imaxinarias no pasado en vez de estudar criticamente a Historia e abordar o futuro. A miña Galiza imaxinaria do que queda de século XXI non ten obviamente nada que ver con esta.
Un país no que a xente non teña vergoña do seu idioma.
Un país no que os fillos non herden o cargo político dos pais, no que non haxa máis dinastías baltáridas nin louzanatos.
Un país no que exista prensa libre e medios de comunicación propios.
Un país verdadeiramente laico no que os representantes dos cidadáns non sexan uns bicadedos de bispos.
Un país que non estea en maos de empresa privadas, de xestores tecnocráticos e touroperadores que crean xeodestinos.
Un país no que a xuventude formada non emigre coma os seus pais e avós e contribúa ao desenvolvemento económico do país, a través da ciencia aplicada e orientada á mellora dos sectores produtivos (patrimonio cultural incluído).
Un país recoñecido oficialmente que forme parte dunha República federal española.
Un país que rache a raia seca e húmida e se achegue a Portugal e o mundo da lusofonía.
Un país no que o presidente renda homenaxe aos represaliados polo feixismo, que preserve os restos da barbarie, que se presente na exhumación dunha foxa común.
Un país no que desaparezan as institucións caciquís como as Deputacións, e se recoñeza legalmente o noso referente identitario (a parroquia) e se valoricen as práticas democráticas populares.
Un país no que os depredadores, narcotraficantes e delincuentes non marquen a axenda política.
Un país que turre polo seu, que crea na necesidade vital de preservar a lingua e o legado patrimonial como ferramentas de futuro.
Un país no que non se acabe co campesiñado, no que se integre o territorio dando servizo e promocionando o hábitat rural para acabar co desartellamento do noso territorio.
– Palavra Comum: Como vê a sociedade e o mundo actuais um arqueólogo? Que é o que desconhecemos, do teu ponto de vista, a grande maioria da sociedade?
– Xurxo Ayán: Hai anos o programa Efervesciencia da Radio Galega saiu á rúa e preguntou á xente na rúa o nome dalgún arqueólogo ou arqueóloga galega. Ninguén soubo respostar. Hai dúas imaxes predominantes na sociedade: unha é o tópico romántico e aventureiro de Indiana Jones e outra a do fulano que retrasa as obras, pon problemas e impide o progreso do país. O proceso de empoderamento patrimonial protagonizado pola sociedade civil nos últimos anos contribuíu moito a revalorizar a figura do arqueólogo como técnico útil para a comunidade. Algo que foi acadado en moitos casos non polo gremio arqueolóxico senón por afeccionados, eruditos locais voluntarios, xornalistas…
A grande maioría da sociedade descoñece o papel xogado pola Arqueoloxía galega a nivel internacional, con investigadores e investigadoras recoñecidas que desenvolven o seu labor nas mellores universidades do mundo. Tamén existe fuga de cerebros neste sector, con profesores e profesoras que son contratados polas puxantes universidades de Colombia, Ecuador, Chile, Brasil, etc… Neses países o patrimonio cultural é unha aposta de futuro para o desenvolvemento sostible e procuran en Europa xente cualificada para esa política estratéxica. Mentres en Galicia non hai nada diso, o noso país exporta creadores de riqueza.
O que non sabe a sociedade galega é que grande parte do noso futuro está nas ruínas.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Xurxo Ayán: Actualmente estamos a botar a andar catro proxectos arqueolóxicos. O primeiro céntrase na Arqueoloxía da guerrilla antifranquista do noroeste, no que escavaremos casas e refuxios en Lugo, Ourense e León. O segundo é un proxecto de posta en valor dun castro mineiro romano na Ribeira Sacra. O terceiro insírese no marco da conmemoración dos 80 anos do comezo da guerra civil española. Con alumnos da Universidade do País Basco imos estudar arqueoloxicamente a fronte do Norte da provincia de Araba. A maiores, en xullo deste ano imos escavar restos da guerra civil na Casa de Campo e na Cidade Universitaria de Madrid con voluntarios británicos e estadounidenses.
Tamén ando a voltas con dous ensaios. Un sobre a construción imaxinaria das paisaxes da Ribeira Sacra e Os Ancares e unha biografía sobre Carlos Alonso del Real, falanxista e combatente da División Azul que foi profesor de Prehistoria en Compostela dende mediados dos anos 50 até fins dos 70.
– Palavra Comum: Que opinas de Palavra Comum? Que botas de menos aqui?
– Xurxo Ayán: Creo que é un portal necesario, útil e comprometido coa cultura galega, nuns tempos de incertidume.
NOTA: a fotografia superior é de Helena Cerviño e a segunda publicada nesta entrevista é de Rui Gomes.
You might also like
More from Entrevistas
À conversa com Luciene Carvalho | Carla Nepomuceno
Luciene Carvalho, a primeira mulher negra no Brasil a assumir a presidência de uma Academia de Letras
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …