– Palavra Comum: Que é para ti a literatura?
– Marcelino Fernández Mallo: Algo así como unha segunda oportunidade, a opción de revisitar a realidade e reinterpretala, revivila a partir dos criterios que espontaneamente che dite o teu propio pensamento.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação literária?
– Marcelino Fernández Mallo: Enténdoo alleo a clichés, modas, convencións ou presións dun mercado ou dunha industria. Enténdoo, xa que logo, dun modo algo inocente. Mais para min, doutro xeito deixa de ser creación literaria e tórnase outra cousa.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, cinema, artes plásticas, etc.)?
– Marcelino Fernández Mallo: Supoño que a relación debería ser o máis libre posible, incluso completamente libre, o que significaría que se constrúe e reconstrúe cada vez que alguén desenvolve algún proxecto ou idea que involucre a varias desas artes. En calquera caso, existe e existirá sempre unha relación de retroalimentación espontánea e seguramente infinita onde cabe calquera manifestación que un músico, literato, artista… conciba dentro do seu exercicio creativo.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes -num sentido amplo-?
– Marcelino Fernández Mallo: O meu referente directo sempre será meu pai. Del aprendín o significado da galeguidade que me permitiu sobrevivir neste mundo a partir dunha conciencia identitaria. Fóra diso, cústame moito sinalar influencias relevantes concretas. Poñamos que aprecio aqueles que amosan uns criterios éticos insubornables e admiro os talentos capaces de rachar co statu quo establecido.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras, com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– Marcelino Fernández Mallo: Todo o que represente innovación, incluso intención de tal, coido que debe ser tido especialmente en conta. Isto respecto á estética ou á forma. Respecto ó contido, eu procuro buscar sempre unha temática con raigame social e mesmo con vontade de transcendencia, unha narración que abra novos espazos para a reflexión sobre unha realidade determinada. En calquera caso, non deploro tampouco as propostas cun carácter máis, digamos, comercial. Hai cabida para tódolos xéneros e as opcións estéticas con tal de que a obra amose unha calidade e un traballo dignos de consideración.
– Palavra Comum: Como ves a literatura galega hoje?
– Marcelino Fernández Mallo: Véxoa con preocupación. Coido que estamos incorrendo nun risco grave de retroceso e, dende logo, de tempo perdido, pois mentres que os escritores ofrecen creacións de alto mérito, xa for en novela, poesía ou ensaio, o colectivo lector semella ignorar ou menosprezar o valor desas obras que son, ademais, heteroxéneas en estilo e fondo.
– Palavra Comum: Tens muita experiência no campo da economia. Que características consideras relevantes da economia em Galiza hoje? Para onde pode e deveria transitar?
– Marcelino Fernández Mallo: A economía galega está á cola das economías occidentais na maioría das variables de posible comparación. Sen ningún tipo de dúbida, precisa un proceso transformador e urxente que permita a dinamización produtiva da que hoxe en día carece. Necesita aumentar o seu PIB dun modo drástico co fin de dar resposta a unha demanda de traballo que se ve frustrada sobre todo nos tramos de maior cualificación. Galicia precisa novos proxectos, captar investimento, reestruturar o tecido produtivo para dotalo dunha superior competitividade, mirar aos mercados externos –español e estranxeiros–, incorporar vectores tecnolóxicos e innovadores, explotar de xeito sustentable os recursos do rural, etcétera. Como dicía, todo un gran proceso transformador.
– Palavra Comum: Que afinidades existem, na tua experiência, entre esses campos aparentemente distantes (economia e literatura)?
– Marcelino Fernández Mallo: Afinidades, algunhas. Complementariedades, bastantes. Explícome. Economía e Literatura son áreas de corte social, ámbalas dúas agradecen a aplicación dun método, tamén aprecian forzas motrices como a creatividade e a innovación. Ademais, hai que pensar que a Literatura se nutre esencialmente da realidade e a Economía forma parte ineludible da realidade social actual. Aínda máis, a Literatura busca escenarios onde desenvolver as súas historias e a Economía pode fornecer de contextos e ecosistemas moi potentes. Por último, non esquezamos que a Literatura tamén é un mercado, coas súas normas, os seus oferentes, os seus demandantes, os seus intermediarios e as súas canles de distribución.
– Palavra Comum: Fala-nos de como seria -e que pode existir dela já agora- da tua Galiza imaginária…
– Marcelino Fernández Mallo: Unha Galicia orgullosa de seu, capaz de autoxestionarse, de dotarse duns elementos administrativos, económicos, culturais e sociais que garantan a súa presenza activa no mundo convulso actual dentro do cal, cunha óptica universalista, poida desenvolver as súas capacidades. Unha Galicia que poida ofrecer un espazo de progreso e creatividade ás súas xentes e os seus talentos. Unha Galicia aberta, optimista, solidaria e en íntima conexión co seu medio.
Diriamos que este conxunto de factores semella latente na Galicia actual pero resulta imprescindible poñelos de manifesto, adoptalos coma obxectivos colectivos e facelos protagonistas dun proxecto común.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Marcelino Fernández Mallo: Neste momento atópome concentrado no eido literario. Veño de presentar a miña primeira novela en castelán, El Danubio no pasa por Buenos Aires, que está sendo magnificamente acollida entre os lectores. Pero iso non significa que abandone outras áreas nas que levo operando dende hai décadas: economía, empresa, comunicación ou incluso política. A cousa é irse adaptando aos tempos e ás túas propias inquedanzas e capacidades.
NOTA: a fotografia do autor é de Guillermo Lorén.
You might also like
More from Economia
O TTIP. Um cavalo de Troia contra a nossa soberania, por Bernardo Valdês
Entre o 3 e 7 de Outubro celebrou-se em Nova Iorque a 15ª ronda de negociaçons sobre a Parceria Transatlântica …
Entrevista a Adrián Dios, economista galego
- Palavra Comum: Que é para ti a economia? - Adrián Dios: O elemento determinante para a organización e funcionamento dunha …