– Palavra Comum: Que é para ti a poesia?
– Paco Souto: Non é doado respostar. Algo que abana entre unha forma de coñecemento, un xeito de sermos e unha brincadeira.
Todo así ben remexido.
– Palavra Comum: Como é, no teu caso, o processo de criação literária (e artística em geral)?
– Paco Souto: É diverso. Ás veces parto dunha proposta concreta -“vou escribir sobre tal cousa…”-, ás veces mesmo escribo por encargo (as menos: he, he!), e outras achéganseche visións ineludíbeis ás que logo lles darás forma. Adoito partir do inconsciente, do xesto, para logo ir concretizando. Sempre digo que escribir é aprendermos a riscar e quen vexa os meus manuscritos (manuscribo, si!), acreditará no proceso. Sempre lembrarei aquel poema de “Veño da fin do mundo…” que memoricei mentres guiaba de volta para Muros. Ou os moitos versos que escribín en pleno agobio laboral os sábados á noite cando era taberneiro no Dado, por exemplo…
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (plásticas, música, visuais, etc.)? Que experiências tens nestes âmbitos?
– Paco Souto: Non se pode entender a literatura sen a presenza das outras artes, sexa como pretexto ou contexto. No meu caso, a experiencia plástica é moi importante, e non só como observador. Nestes anos tiven a fortuna de asistir a cursos como os de Ana María Vargas ou Afonso Costa e, por suposto, manter relación de camaradaxe e colaboración con moit@s pintores amig@s.
E levo moitos anos realizando recitais coa música de Serxio Moreira ao vivo. Ollo, non con música de fondo, senón como partes intrínsecas e coordinadas dun único acto creativo. Nese sentido LUGAR DE INCENDIOS, que xa pasou pola Palavra Comum, paréceme exemplificador. Pero non quero esquecer TEMPO ESCURO ou o recente PROXECTO BARRO, verdadeiros actos performáticos.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes (desde todo ponto de vista)?
– Paco Souto: A arte ou é incómoda ou non é. Quero unha literatura que me descoloque, que propoña. Unha música que subleve, que non me acougue. Un teatro que me devolva a máscara que levamos dentro e ilumine o camiño, os múltiplos camiños. A linguaxe da arte é múltipla. Eu son varios. Eu son tod@s e cada un.
Podería facer un catálogo de autor@s, de músic@s, de pintor@s, mais seria inútil ou parcial. A xente do común. O que está na tradición tamén é o meu referente. A miña nai non sabe ler pero sabe en carne propia todos e cada un dos traballos que fan da nosa terra un eido produtivo. Iso é CULTURA. Iso tamén é o MEU REFERENTE.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das obras com a sociedade, etc.) estimas interessantes para a criação literária hoje -e para a cultura galega, em particular-?
– Paco Souto: Vivimos nun País de minifundio. As cousas que as irmandades proclamaban hai cen anos e criamos superadas seguen a ter valor -non xa de presente- de futuro. Hai tanto por facer… Non é tanto cuestión de estética como de ética. Padecemos uns gobernantes que din mirar polo País pero só miran para o seu bandullo. No parlamento apróbase por exemplo a LEI PAZ ANDRADE pero aos poucos sabemos que é papel mollado porque non incidirán en facela efectiva. Pásanse polo forro o decreto de bilingüísmo e a Lei de normalización (E NON VOU SER EU QUEN OS DEFENDA, QUE CONSTE!). Non cumpren nin os mínimos. Perdemos falantes a esgalla. O galego que usamos depaupérase a ollo. A escola segue a ser un factor de españolización (E DÍGOCHO EU QUE SOMOS UNS PRIVILEXIADOS POR VIVIR EN MALPICA ONDE POR FORTUNA AÍNDA SE FALA MAIORITARIAMENTE GALEGO, TAMÉN NA ESCOLA. PERO A MIÑA FILLA CANDO TIÑA 3 -HOXE TEN 14- ADOITABA USAR GARFO, CULLER, TIXOLA… E AOS POUCOS…)
Por outra banda paréceme fundamental incidir na posta en valor, na visibilización das propostas artísticas, sexan as que for. Estou certo de que vivimos un bo momento criativo dentro dunha pésima posta en escena. A mal chamada CRISE axudou e moito a retraer propostas fundamentais para o bon funcionamento da cultura, en especial da galega. Editoras que non editan. Distribuidoras que mal cumpren o seu papel. Salas de concertos, Teatros e Concellos que non programan…
En realidade, estou a ver que non contesto á pregunta mais non teño vontade de mudar a resposta. Síntoo.
– Palavra Comum: Que opinas da situação do mar galego? Que alternativas de futuro consideras mais necessárias, desde um ponto de vista integral (ecológico, económico, social, cultural, etc.)?
– Paco Souto: Despois do panorama tan preto que debuxei a respeito da cultura… quéresme afundir, ouh?
Temos unhas cotas de miseria que non permiten aos nosos barcos pescar. Estamos obrigados a non ter descartes, pero é que a pesca artesanal NUNCA TIVO DESCARTES. Con todo, a maioría do tempo, non poden descargar xarda. A pesca artesanal debe saír dos TACs (Totais admisíbeis de capturas).
O cerco galego leva AUTORREGULÁNDOSE desde o ano ’85, pero alguén defendiu (OS GOBERNANTES GALEGOS NON ESTABAN OU QUE?) o reparto maiormente por históricos que favorece aos bascos.
As rías levan decenios contaminadas. O marisqueo -e non só- vai ser borrado do mapa pola nova lei de acuicultura. O mellor mexillón do mundo: adeus denominación de orixe, adeus organización de produtores, adeus ría de Arousa…
VIVA O SALMÓN MESMO CO 85% DE MORTANDADE!!! SABES QUE VAI TER ETIQUETA ECOLÓXICA?!!
Os esforzos científicos deben ir no camiño de repoboar o mar (solta de inmaturos en reservas penso en rodaballos, linguados, lumbrigantes, etc). E os esforzos comercializadores en colocar o que sae do mar como CATEGORÍA EXTRA -esta vez si ECOLÓXICOS- para garantirmos os mellores prezos: PESCAR POUCO E QUE VAIA COMO LUME!! E, porén, os nosos gobernantes din non ter responsabilidade no asunto.
Galiza era potencia pesqueira antes da entrada na U.E.
Que pasou? Quen é responsábel?
O Grand Sole “INVENTOUNO” o noso patrón de referencia SERAFÍN MOURELLE, UN DE CORME que diría Xurxo Souto. Hoxe non pode entrar no porto d’A Coruña. Daste conta? NON SE LLE DEBE NADA A ESTE HOME? A TODOS OS LOBOS DE MAR?
OS TRABALLOS DO MAR, CON SENTIDIÑO, SON SUSTENTÁBEIS, ECOLÓXICA, SOCIAL E ECONOMICAMENTE, PERO HABEMOS DE TER AO GOBERNO DO NOSO LADO. E CLARO… A CULPA É NOSA. NÓS POÑEMOS E QUITAMOS GOBERNOS!!
– Palavra Comum: Fala-nos sobre o teu outro trabalho diário, o de percebeiro. Como é e que consideras que é mais desconhecido para a sociedade?
– Paco Souto: O meu traballo é agridoce. (Estou a reler o que levo dito e paréceme obrigado trocar o ton).
Dunha parte é un traballo fantástico: en plena natureza, arriscado, si, pero moi divertido, autónomo, moi esixente fisicamente tamén. O peor que ten é a inseguridade económica e meteorolóxica. Nunca sabes cando has poder traballar e sobre todo nunca sabes se che van pagar abondo polo teu traballo. Haiche días que cun percebe ruín fas un día estupendo -os menos- e outros -os máis- que malvendes percebe magnífico a perra. Hai xa tempo que non resulta doado manter unha familia se es percebeir@.
Do lado negativo tamén encadraría as relacións faltas da mínima solidariedade entre compañeir@s. Con excepcións. E o desprezo total d@s profesionais e da administración para co animal e o medio que nos dá todo. Estamos a traballar CONTRA o percebe!
– Palavra Comum: Como seria (ou é) a tua Galiza Imaginária?
– Paco Souto: Acouga. Sente. Soña. Fai:
Un País que reaxa.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Paco Souto: Teño algúns proxectos xa en marcha que son realidade certa. CATÁLAGO (que editamos o ano pasado), un proxecto poético-expositivo con Chiña, Mon Lendoiro e Rosalía Fernandez Rial que colgaremos en Marzo en Carballo e temos pendente ir a Muxía cando menos. PROXECTO BARRO: con Rosalía tamén aos textos; Peter Schneider, fotografía; Carlos Barcia, Ismael Marcos e Fran Trashorras, música e Chiña, escultura, do que editamos CD con Manolo Dourado como técnico de son e Bocixa, que nos fixo os vídeos, e contamos con mover neste ano.
LAIOVENTO vai iniciar a súa colección de poesía VENTOALTO co meu e Caín, o que para min é un privilexio absoluto e xa está no prelo. Con ilustracións de Viki Rivadulla e limiar de Miguel Mato.
Do lado creativo estou a lle dar voltas a un poemario que se chamará A ÁRBORE CAÍDA. Pero… vai leeeento. Gostaría de compartir o que será perivisíbelmente o derradeiro poema: “Agora / chéganos o estrondo / da derradeira árbore a caer // o precipicio no vento // como unha folla falta de osíxeno / quebrándoche de vez as mans”.
Con CALDEIRÓN seguiremos a axitar… salientar unha exposición colectiva para abril en Carballo e maio en Malpica dos pintores XULIO MASIDE, XAN PARDIÑAS e FERNANDO RIVEIRO. Para Novembro co XI PREMIO ILLAS SISARGAS se todo sae, presentación dos DEZ ANOS DA PORTA VERDE acompañada pola exposición fotográfica do VICENTE ANSOLA Aldeas sen voz. Retomaremos sine die a homenaxe a Lugrís feita hai dous anos que tan ben saiu.
NOTA: a fotografia destacada na parte superior esquerda desta entrevista é de Peter Schneider.
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …