– Palavra Comum: Que é para ti a arte?
– Nando Pereiro: Para min a arte é, en esencia, unha forma de alquimia, un acto de transformación que acontece primeiro sobre a materia, e mais ao longo do tempo sobre un mesmo e sobre a colectividade, que remata por valorar o traballo do creador e incorpórao ao seu patrimonio cultural, facéndoo seu. Tocante ao primeiro punto, cabe dicir que hai algo máxico en converter a materia informe, o lenzo cru, o folio en branco ou o silencio en escultura, pintura, literatura ou música, respectivamente.
A arte é, a miúdo, sinónimo de liberdade, mais tamén demanda compromiso e dedicación. Non se pode xerar produción artística e evolucionar sen dedicarlle horas de traballo. O inicio da obra pode ser simplemente unha idea, pero logo hai que materializala, darlle entidade de seu. Velaí o desafío.
Por último, coido importante sinalar que a arte debe ser universal na súa aspiración, aberta para chegar ao corazón a través dos sentidos, sen falsos esnobismos como acontece a miúdo coa arte conceptual. Para min a arte enriquece e conmove algo moi interno no noso interior, difícil de racionalizar. Pódese considerar unha forma de sedución.
– Palavra Comum: Como entendes -e practicas, no teu caso- o processo de criação artística?
– Nando Pereiro: O proceso que me permite crear a miña obra é unha experiencia de aventura e descuberta que me fai transitar distintos espazos e momentos para converter aquela pedra milenaria que atopo e selecciono da aba dun monte ou dunha morea de cascallos nunha forma dotada de vida, por suposto unha vida artificial, provocada pola intervención do artista, pero non por iso carente de “alma”.
Hai unha escolla consciente da materia prima que implica certos coñecementos de xeoloxía e experiencia no traballo con minerais. No caso da madeira, son un chisco “ecoloxista” e tento aproveitar aquela procedente de talas, doazóns ou atopada na natureza, mais non me sinto quen de torar un ser vivo como é unha árbore sa para convertela nunha escultura.
Gústame traballar ao aire libre, co ceo sen fondo como teito, deixando que o pó xerado polo traballo coas máquinas se disperse co vento e a inspiración flúa sen atrancos dende o espazo, ou de onde queira que veña. Emprego aquelas ferramentas que me permiten avanzar con fluidez, despoxando á obra en camiño do que sobra e debuxando sobre ela as liñas que logo se van afondando e transformando nunha peza tridimensional. En moitos casos a obra púlese (tanto a man coma coa axuda de maquinaria) por zonas para acentuar o contraste e acadar superficies que transmiten unha sensación lene e sensual, ou ás veces aerodinámica. Hai, por último, un compoñente moi importante de observación constante do resultado para conquerir esa obra que fai que a intervención do artista chegue a un estadio de satisfacción e poida ser finalmente compartida coa sociedade receptiva a dita linguaxe.
– Palavra Comum: Qual consideras que é a relação -ou qual deveria ser- entre as artes plásticas e as outras artes (literatura, música, audiovisual, etc.)?
– Nando Pereiro: A miña percepción do vencello entre as distintas modalidades artísticas (plásticas ou non) e os artistas que as practican é, fundamentalmente, de irmandade. Compartimos o eido común de xerar cultura, é dicir, patrimonio universal e, se se me permite dicilo, “espiritual” (a miña noción de espírito é a de algo que, formando parte do ser humano, se eleva por riba doutros condicionantes coma a economía ou a política).
En ocasións, e cada vez máis, a plástica e outras formas de expresión atopan o xeito de iren da man e xorden así eventos nos que a exhibición artística é complementada e mesmo enriquecida polo recitado de poemas ou a interpretación de pezas musicais.
Asemade, é frecuente atopar artistas que se desenvolven con soltura en modalidades artísticas ben diferentes. Eu, por exemplo, teño unha relación coa escrita que vén de moito antes de me meter nisto da escultura, e que voltei a recuperar hai algúns anos con verdadeiro pracer. Tamén á hora de bautizar as miñas creacións sae o inventor de palabras que levo dentro. Resulta, porén, moi doado apreciar esa convivencia harmónica de linguaxes e creadores que, ademais, afrontamos dificultades semellantes cando a cultura deixa de ser importante para os que nos gobernan.
– Palavra Comum: Que referentes tens no teu trabalho criativo?
– Nando Pereiro: Se se entende por referente unha persoa, e sen ánimo de resultar pretencioso, respostaría que eu mesmo. Un vai aprendendo e construíndose coma escultor e coma artista, adquirindo coñecementos e tentando innovar sobre o camiño percorrido. Logo están as influencias, digamos, culturais. Eu nacín a mediados dos 70, así que vivín unha infancia e adolescencia moi encadrada nun periodo da historia recente na que os cómics e o cinema (a literatura tamén, por suposto) se impregnaron da ciencia ficción, e, por tanto, influíronme visualmente de xeito moi poderoso. Outra desas contribucións subliminais puido ser o feito de ter dúas tías misioneiras na familia; as pezas de artesanía e mailas cunchas que traían do Congo ou de Polinesia tamén xogaron o seu papel, quizais dun xeito máis sutil. Doutra banda, gústame moito a natureza (sen dúbida, a suprema artífice), e posúo algunhas nocións de zooloxía que deixan a súa pegada en moitas obras. Tamén me seducen as formas aerodinámicas de motocicletas e automóbiles. Todo iso voltou emerxer nalgún intre da miña evolución como artista e se apropiou da miña concepción da escultura para outorgarlle unha personalidade propia.
– Palavra Comum: Que caminhos entendes que seria interessante transitar nas artes, nomeadamente na comunicação com o público e a sociedade hoje?
– Nando Pereiro: O feito de se adicar a unha actividade artística é, en si mesmo, un berro cara á sociedade, a constatación de que hai alternativas de vida baseadas na liberdade (ata certo punto, pois tod@s temos que pagar facturas) a esoutra maneira de vivir e traballar que sofre e tamén se beneficia (cada vez menos) da enxeñería do sistema. Esta actitude de rebeldía e independencia paréceme hoxe tan vixente coma antano, ou cecais aínda máis.
Gustaríame subliñar esa dimensión transcendental da creación artística da que falei antes coma un valor que contribúe ao benestar e enriquecemento cultural da sociedade, alén de manifestacións oportunistas e panfletarias que pretenden tirar proveito dos acontecementos (a actualidade que inza pantallas e xornais) para facerse un oco nos medios e nos museos baixo o epígrafe de “arte denuncia” ou arte conceptual. Eu coido que hoxe en día hai poucas cousas máis subversivas que o compromiso coa procura da beleza, se esta se entende coma unha achega ao ser humano (e refírome tanto ao propio artista coma á sociedade) que o fai medrar na súa dimensión vital. Isto non exclúe que se poida crear arte reinvidicativa, mais sempre respectando esa dimensión transformadora do proceso creativo, non simplemente instrumentalizándoo para procurar o impacto no espectador, como acontece a miúdo coa arte contemporánea.
– Palavra Comum: Que vínculos existem, para ti, entre Arte(s) e Vida?
– Nando Pereiro: Para min arte e vida son indisolubles. Hai unha famosa frase que di algo como “a vida imita a arte”. Como xa sinalei, para min crear esculturas é un xeito de alumar a vida a partires dunha materia inerte, e entendo que acontece algo semellante con calquera forma de expresión artística, literaria ou musical. Tocante á miña vida, a arte manifestouse nela dende moi cativo, cando descubrín a miña facilidade para debuxar, e voltou rexurdir en distintos momentos (cómic, fotografía, pintura) ata que decidín darlle a oportunidade de converterse nun camiño e transformar a miña existencia. E iso foi exactamente o que aconteceu; a arte achegoume amizades, relacións e experiencias, dunha maneira que nunca tería imaxinado. A miña vida, porén, non sería como é de non ser por esa escolla atolada que fixen nalgún momento, e podo dicir que a arte dotouna dun sentido e unha riqueza de vivencias que me fan sentir satisfeito de terme embarcado nesta aventura.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Nando Pereiro: Neste intre estou a traballar en varios proxectos simultaneamente. Teño xa hai tempo escomezada unha serie de obras en madeira e pedra policromadas que dei en chamar “Ferodinamos”. Amais dunha colección inspirada na feminidade e o retorno á xeira “Futúzaros”, ando a voltas cunha serie de vehículos litomórficos que presentarei en público proximamente.
Concebín algúns proxectos moi ambiciosos, pero cecais o meu preferido sexa o dunha obra de grandes dimensións que pretendo situar no cumio dalgún outeiro ou outro espazo con boa visibilidade cara ao lonxe, que permita funcións como miradoiro. A construción de dita obra debe respectar ao máximo o contorno e ter un custo razoable, pois entendo que proxectos megalomaníacos coma o da Cidade da Cultura nos teñen ensinado que as circunstancias actuais requiren dunha distribución dos recursos dispoñibles que favorezan a produción cultural de base e revertan nos creadores/as. De tódolos xeitos, coido que sería un proxecto moi fermoso e que, de serlle consultado á cidadanía, tería a aceptación de moita xente, pois concebino creado para o uso e desfrute por parte da mesma, non como un mero artefacto decorativo na paisaxe, que considero o noso patrimonio máis valioso.
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …