– Palavra Comum: Que é para ti a música?
– Pedro Lamas: A música é para min un espazo emocional no que mergullarme, explorar, descubrir, xogar e mesmo afogar, pero do que sempre extraio unha experiencia persoal enriquecedora.
– Palavra Comum: Como entendes o processo de criação artística?
– Pedro Lamas: Hai moitas perspectivas que conflúen e das que non sempre un é consciente, pero entendo a creación como unha necesidade natural que te impulsa na procura dalgo do que non estás plenamente seguro. O camiño que un percorre nesa busca é a verdadeira esencia da creación no meu caso.
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou poderia ser- a relação entre a música e outras artes (literatura, artes plásticas, fotografia, etc.)?
– Pedro Lamas: Entendo toda manifestación artística como un vehículo de expresión susceptible de ser compartido desde diferentes puntos de vista, e por tanto non estimo fronteiras que delimiten o potencial de comunicación de calquera proposta que bote man de diferentes linguaxes, sexan coñecidas ou estean aínda por explorar.
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes criativos?
– Pedro Lamas: Non sabería precisar. Son unha persoa moi curiosa e foron moitas as propostas creativas (musicais e non musicais) que dalgún xeito me puideron marcar na miña experiencia persoal. Como músico, non sempre é a música a fonte da que un espera extraer un motivo para expresar algo novo e por iso tento empaparme de todas as experiencias das que participo (activa ou pasivamente) nun sentido amplo.
– Palavra Comum: Que músicas/músicos reivindicarias por não serem suficientemente conhecidos (ainda)?
– Pedro Lamas: Creo que é preciso reivindicar a figura de moitos músicos referenciais na transmisión do noso legado musical e que non son suficientemente coñecidos. Lamentablemente é un dos males dos que adoecemos habitualmente e que me produce unha grande tristeza. Hai apenas unhas semanas morreu Manuel Viqueira, outro dos grandes gaiteiros que deu a nosa terra, e do que sen dúbida non demos a conta necesaria.
– Palavra Comum: Que peso tem nos teus trabalhos a tradição musical galega?
– Pedro Lamas: A música tradicional de Galicia é a miña permanente fonte de inspiración. Tanto como intérprete ou como compositor é unha referencia ineludible e da que trato de aprender recorrentemente.
– Palavra Comum: Que aportou para a tua criatividade o trabalho com crianças? Conta-nos as tuas experiências nesse sentido?
– Pedro Lamas: Os nenos son un reflexo instantáneo da veracidade dunha mensaxe artística. Como mestre de música tradicional podo comprobar que a relación dos máis novos coa música está desprovista de moitos dos artificios dos que nos valemos no mundo adulto, e que en moitos casos tinguen unha determinada expresión dunha certa impostura. Esta idea fai que en moitos casos me cuestione a validez de determinadas propostas en que estou a traballar.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, de comunicação das suas criações à sociedade, etc.) estimas interessantes para a música hoje?
– Pedro Lamas: A música debe recorrer todos os camiños posibles. Hai tantas músicas como músicos, tantos camiños como persoas dispostas a percorrelos. A sociedade non é inmutable e a música está ligada a ela. Non me atrevo a pronogsticar os seus derroteiros.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Pedro Lamas: Afortunadamente estou inmerso nun grande número de proxectos de xeito simultáneo, algo que me estimula enormemente. Cada proxecto debe ser significativo para min, e tento concentrar os meus esforzos coa perspectiva singular que cada un deles require, pero sempre coa máxima implicación. O proxecto actual sempre é o máis importante, pero a actualidade depende dos meses e ás veces mesmo da semana ou do día.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum? Que gostarias de ver também aqui?
– Pedro Lamas: Supón un punto de encontro para xente interesada noutros mundos presentes pero moitas veces alonxados das esferas cotiás. É un bálsamo contra a indiferenza.
Introito (Pedro Lamas para a Nova Galega de Danza). Interpretado en directo pola Orquestra de Jazz de Galicia o 15 de decembro de 2010 no Pazo da Ópera da Coruña.
You might also like
More from Entrevistas
Tono Galán expus na Corunha | Alfredo J. Ferreiro
Tono Galán (A Corunha, 1967) é um artista corunhês muito polifacético que, embora se esteja agora a dedicar fundamentalmente à …
José-Mª Monterroso Devesa: as suas e as nossas teimas | Alfredo J. Ferreiro
Em dezembro de 2023 aproveitamos a oportunidade de parabenizar o amigo José-Mª Monterroso Devesa pela publicação do seu último livro, …