– Palavra Comum: Que é para ti a poesia?
– Paulino Vázquez: Coa poesía pásame como a Santo Agostiño cando lle preguntaban polo tempo: se non lle dicían nada sabíao, se tiña que contestar non sabía. Hai lúcidas respostas: a de Borges, a inminencia dunha revelación que non chega a darse; a de Rilke, a beleza é só o comezo do terrible na medida en que aquilo desdeña destruírnos. Non creo que a poesía se poida reducir a enunciado, teño intuicións do que sexa a poesía, máis nada.
– Palavra Comum: Como entendes/praticas o processo de criação poética -e artística, em geral-?
– Paulino Vázquez: Como unha entrega á inminencia dunha revelación. O poema non nace da técnica, Valente dicía que o poema comeza onde o dicir é imposible. Hai certos momentos, certas imaxes que nos conmoven, e penso que a verdade só se pode atinxir de xeito estético. Como dicía Nietzsche, todo comeza cunha especie de asombro, de respiración do espírito, do medo, dun silencio estraño, dunha música perdida, da perda mesma…. o que non é a raíz do poema é a lóxica. O cerne da linguaxe é a metáfora, escribiu Nietzsche. Pensamos metaforicamente. Unimos imaxes. Cando traducimos iso á lóxica entramos na ciencia. Hoxe un grande problema para a escrita é a invasión da lóxica na linguaxe usual (“transtorno bipolar” vs. atópome coa testa contra o muro).
– Palavra Comum: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (plásticas, música, etc.)? Tens experiências neste sentido?
– Paulino Vázquez: Creo que a literatura e a música están moi relacionadas, todo poema ten o seu ritmo, aínda que non estea marcado xa ao xeito medieval. O vínculo entre ambas é innegable, pero Bach é irredutible a secuencia verbal. Acaso a música sexa máis profunda, porque o seu fondo é a súa forma, daí o seu carácter tráxico (Nietzsche outra vez).
– Palavra Comum: Quais são os teus referentes (num sentido amplo)?
– Paulino Vázquez: En poesía T. S. Eliot, Ezra Pound, Anxo Quintela, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xabier Cordal, Chus Pato… En prosa David Pérez Iglesias, De Quincey seguramente, e sempre Shakespeare, que é incomparábel a todo.
– Palavra Comum: Que caminhos (estéticos, etc.) estimas interessantes para a literatura e outras artes, na sua comunicação com a sociedade?
– Paulino Vázquez: A literatura nace do diálogo e medra na soidade. A sociedade é virtual. Eu podo escribir para os mortos ou para o futuro, porque o presente é abondo pútrido.
– Palavra Comum: Que perspetiva tens sobre o estado da língua e a cultura, e que conexões -reais ou potenciais- encontras com outros espaços culturais (nomeadamente a Lusofonia)?
– Paulino Vázquez: O galego está en estado agónico, só a lusofonia o pode salvar. Oxalá nos deamos conta axiña, porque socialmente non hai nada en que termar del. A xente en Galiza quer ser castellana, iso é todo. Carvalho Calero deixou claro tudo: o galego será galego-castelán ou galego-portugués.
– Palavra Comum: Trabalhas no ensino desde há muitos anos. Como ves a sua situação? Para onde deveria caminhar, desde a tua perspectiva?
– Paulino Vázquez: O ensino mudou moito. Non hai cousa que o capitalismo non varra. No ensino mil supersticións e ningunha idea. A LOGSE foi fatal, a LOMCE pior. Hai que volver aos vellos modelos. É curioso que nunha sociedade aparentemente democrática o ensino non se coide como noutras sociedades máis pechadas. Supoño que ao Poder lle interesa o ensino como espazo para a mercadoría, e, claro, Kant, Nietzsche, Bach, o cristianismo… iso non cotiza en Bolsa.
– Palavra Comum: Como seria a tua Galiza Imaginária?
– Paulino Vázquez: A miña Galiza ideal é: unha pequena república orgullosa do seu idioma e da súa esencia: o cristianismo.
– Palavra Comum: Que projetos tens e quais gostarias chegar a desenvolver?
– Paulino Vázquez: A ver se acabo un poemario nesta década. Non teño moito tempo, e a poesía sae como a augardente, pinga a pinga. Xa dicía Eça de Queiroz, ou se ama ou se escreve, e eu teño familia.
– Palavra Comum: Que achas de Palavra Comum e que gostarias de ver também aqui?
– Paulino Vázquez: Palavra Comum é unha xanela interesante e nobre. Procurar espazos para o poético xa ten de seu algo de poético. Non acho nada en falta, só digo que manteñades ese amor pola palabra que vos caracteriza.
NOTA: a fotografia do autor provém do seu perfil na Editorial Galaxia, a quem agradecemos que permitisse usá-la para esta entrevista.
You might also like
More from Entrevistas
Carla Nepomuceno entrevista Adrienne Savazoni | Café com Português
O «Café com Português» e a Palavra Comum trazem uma entrevista com a professora, ambientalista, promotora cultural e poeta brasileira …
Entrevista I edu_ALBO: “A minha arte surge do risco e da valentia”
Conheci edu_ALBO num dos muitos e inebriantes baretos de Monte Alto (Corunha), acabando por terminar esse mesmo dia no seu …