Os osos dos mortos… a que mortos estás venerando?
Os osos das persoas que amo e que xa non están pero iso non me impide honralos, querelos…sei que venero un concepto, unha idea, seguramente unha imaxe maquillada polo tempo e a memoria pero así o decidín e así é.
As festas tradicionais… que relevancia teñen no poemario?
Moita. A medida que fun medrando, decateime de que as festas das aldeas son un estupendo instrumento para analisar a situación da aldea, as relacións entre veciños e dentro dos propios núcleos familiares. Quizais iso non me interese tanto coma as normas non escritas que se establecen entre nós, os códigos, a reacción do grupo cando ese código se deturpa. Reaccionar ante o perigo de desestabilizar a estructura.
Levas dentro e sae como fume. A que, a quen?
A quen me ensinou a partir sen facer rebumbio. “ O ruído faino cando esteas viva, logo un debe apartarse con elegancia e partir”
A vida, cos conceptos dicotómicos.. onde topas a beleza? E o contrario?
A beleza adoita atopala nos pequenos e nos grandes actos revolucionarios, nas sublevacións de cada día. Todo canto me amose que unha persoa está viva e exerce como tal. O contrario? na dominación, na negación do outro, a imposición…e, ás veces, cambio de parecer e atopo beleza no exceso e quen non é a imposición senón exceso? a vida igual é eso, irse medindo a unha mesma.
O que non nomeamos faise mostro… esa visión de fatalidade instálase no poemario?
Non creo que sexa fatalista porque ao final o grito aparece, faise preponderante, a voz poética rebélase. Nese aspecto eu non falaría de libro fatalista aínda que si algo angurioso pero creo que con espazo para que entre aire e respirar.
O salvaxe preséntasenos sen concesións no amor. É necesario non estar domesticadas?
Pois depende. Así a priori diríache que non deberiamos estar domesticadas e menos as mulleres, e entédase por tal que non debemos asumir ningunha norma que non sexa dende o máis absoluto convencemento, reflexión e responsabilidade para con nós pero tamén para con todas as mulleres que nos rodean. Estamos sendo atacadas dende a máis absoluta carencia de respecto cara nós como iguais polo tanto en ese aspecto non deberíamos estar domesticadas.
As veces non galopamos senón que nos sentimos encerradas. Que é o que che fai libre?
O silencio e a risa. Calar cando queres, rir cando che apetece. Non dar explicacións, é agotador dalas a toda hora, sempre… Porque si e porque non son respostas moi satisfactorias, aínda que haxa, que sempre a hai, unha motivación detrás. Ser unha inadaptada nese aspecto.
Botamos a arder todo o que non queremos, todo o que non nos pertence. Que arde no poemario?
As palabras que non se pronunciaron no seu momento, as situacións difíciles que ninguén explicou, “as cousas que ten a vida” que quedaron pendentes de ser axustizadas. Creo que no rencor. Eu sei odiar pero selecciono que senón é moi canso.
Habitamos e deshabitamos… que función ten o baleiro no poemario?
O baleiro é o lugar desde o que se escribe, a paisaxe toda a redor del.
A figura da pirámide.. que significado ten?
O exhibicionismo do amor cara quen se foi. Querer que todos vexan cos teus ollos ese baleiro, facelos partícipes, que tamén lles doa. Aquí está o meu monumento cara quen tanto quero, chorádeo comigo e por min. Algo así quería transmitir.
**
Miriam Ferradáns Ferradáns é poeta, natural do concello pontevedrés de Bueu. Diplomada en Traballo Social pola Universidade de Vigo, na actualidade desenvolve traballos relacionados co ensino secundario. No ano 2012 gañou o 3º premio do Premio Xuventude Crea co poema «Novecomaoito». A partir de aí, segundo di, «comezo a tomar conciencia da escrita como un exercicio de reflexión». En 2013 obtén o 1º premio Rosalía de Castro de Cornellá con «Decibel». Un ano despois faise co mesmo premio por unha obra titulada «Ruído». Xa máis recentemente, en 2016, acada o premio Francisco Añón de poesía coa obra «Deshabitar unha casa» e o 3º premio de poesía do concello de Ames cun poema sen título. Tamén participou no libro colectivo 6 poemas 6, Homenaxe a Federico García Lorca. Colabora mensualmente no xornal Sermos Galiza desde xaneiro do 2018 e tamén en Dorna.
Con o poemario “Dos nomes do fumes” ganou o Premio de poesía Pérez Parallé.
Foto da autora via lecturafilia.
You might also like
More from Entrevistas
À conversa com Luciene Carvalho | Carla Nepomuceno
Luciene Carvalho, a primeira mulher negra no Brasil a assumir a presidência de uma Academia de Letras
Tocar na palavra de forma viva | Sobre «Câmara de ar», de Hirondina Joshua
Câmara de ar (douda correria, 2023) é o último livro de Hirondina Joshua. Da Palavra Comum tivemos a honra de …