Vieira da Silva. Le Jeu de Cartes. 1937
As artistas e as súas creacións van gañando espazos en entidades públicas e privadas. O Museo Guggenheim Bilbao presenta estes meses a antolóxica Anatomía del Espacio, unha excelente colección de obras da artista portuguesa Maria Helena Vieira da Silva, artista recoñecida desde nova e que se definiu a si propia como Je suis l’incertitude même. As incertezas como fundamentos creativos?
❧
A artista no labirinto
Cando comezo un cadro, gústame telo polo menos un ano. En ocasións máis tempo, ata que atopo a solución. Traballo en varias pezas á vez, mesmo mentres respondo ao teléfono ou recibo a alguén. Gosto de estar no estudo e contemplar as miñas obras: nunca son iguais; baixo diferente luz as súas cores mudan por momentos. (France Huser, Vieira da Silva dans le labyrinthe, 1982).
María Helena Vieira da Silva (1908-1992) foi unha grande artista, mormente pintora, que nacendo en Lisboa viviu e traballou case toda a súa vida en París. Esas dúas cidades son as súas grandes referencias vitais. Vitais e artísticas. Con só 20 anos foise vivir e estudar a París, chegando a esa cidade -capital da arte- na efervescencia renovadora de acabada a Gran Guerra. Vieira da Silva estuda e vai coñecendo artistas coetáneos (en París había onde escoller) e tamén antigos, xa nos museos da Ville Lumière, xa nas viaxes que rendeu a Italia e outros lugares. A súa práctica artística basculará entre a contemporaneidade e a tradición pictórica figurativa; Vieira da Silva atacará -nas súas linguaxes plásticas de seu- a abstracción sen abandonar o figurativismo de todo; atraeranlle moito as propostas do futurismo italiano, pero non esquecerá o expresionismo, beberá directamente do proto-cubismo de Cézanne -por exemplo- facendo choscadelas á Optical Art. Sen esquecer as súas débedas cara os volumes de Mantegna e mais de Paolo Ucello. Todo un mundo fascinante interior que lle permitiu á autora de Les Joueurs de Cartes dominar cores e estruturas con musicalidades que vigorizan os espíritos.
A propia artista manifestou en 1960: “Je suis l’incertitude même“
Por tanto, todo o comentado anteriormente non pode levar a deducir que Vieira da Silva foi unha artista sen estilo propio. O contrario. A autora de L’Arène (19 ) é unha abonada directa ao Principio de Incertidume de Heisenberg. A incertitude permítelle a procura, a investigación; non desbotar nada e atopar as solucións (solucións que -como ela mesma afirma- lle levan tempo e tempo de reflexións). Moitas das súas creacións son o resultado de horas e horas de traballo. As persoas amigas e que a coñeceron confesaron que lle agradaba moito estar no seu estudo, permanecer acubillada coas creacións nas que traballaba, metida nun tobo cálido, afable, feraz, que tanto se volvía caverna como labirinto. Caverna das ideas, das concepcións teóricas; refuxio onde procesar informacións, imaxes, lembranzas. Se for labirinto (como semella afirmar o libro de France Huser: Vieira da Silva dans le labyrinthe) serviría tamén para abrir portas/furados a outras dimensións, a outros mundos.
Estes meses no edificio de Gaudí La Pedrera (Barcelona) está instalada unha importante exposición de obras da escultora Cristina Iglesias. Coa distancia que pode haber nos tempos e nas disciplinas, todo indica que estas dúas creadoras gostan do labirinto, de lugares sen espazo, sen tempo, auténticos buratos negros que permiten viaxar a outras dimensións. A finais de 2021 o mesmo Museo Guggenheim presentou> unha exposición importante neses vieiros que transita coa intención de mudar cousas como a consideración social que se ten das mulleres que se dedicaron e dedican ás artes plásticas en xeral, e das que optaron polos eidos da arte abstracta. A inmensa mostra Mujeres de la Abstracción foi un berro xusticeiro en prol das artistas tan maltratadas persoal e profesionalmente; artistas que practicaron un xénero de arte -a abstracta- que se tiña como algo moi afastado das linguaxes plásticas empregadas por mulleres. Na tal mostra estiveron presentes máis de 110 creadoras, representadas por máis de 400 obras. Pois ben, Maria Helena Vieira da Silva constou na nómina de Mujeres de la Abstracción, sendo representada por catro excelentes lenzos. A valía e transcendencia da obra de Vieira da Silva están fóra de toda dúbida.
Vieira da Silva cabalga vangardas
Para min “Les Joueurs de cartes” de Cézanne abordaba a maneira de crear unha pintura e correspondíase coas sensacións do mundo no que eu vivía. Eses homiños están na miña cabeza xogando ás cartas, toda a miña vida. (M. H. Vieira da Silva).
Nestes meses finais de 2025 o Museo Guggenheim Bilbao presenta a exposición temporal María Helena Vieira da Silva. Anatomía del Espacio, unha importante antolóxica que, con máis de 70 pezas significativas da produción da artista portuguesa percorre a súa obra comprendida entre as décadas de 1930 e 1980 -uns cincuenta anos de creación- que ten como uns dos seus eixos temáticos o interese da autora de Fêtes à Paris polas paisaxes arquitectónicas; paisaxes arquitectónicas que Vieira da Silva foi captando en Lisboa e logo en París. A artista sempre carrexou nos seus miolos o urbanismo lisboeta, as rúas estreitas e inzadas de casas baixas, así como os azulexos azuis que tanto abundan nas edificacións daquela cidade. Vieira da Silva viviu case toda a súa vida en París, si, mais a memoria portuguesa sempre estivo presente para ela. No ano 1948 o fotógrafo Denise Colomb fíxolle o retrato no seu estudo.
Outro aspecto fundamental nos traballos de Vieira da Silva é a relación entre abstracción e figuración. A artista sempre gostou dos espazos arquitectónicos (mesmo estudou anatomía pola querenza de facerse escultora), e de aí lle vén o seu interese polo urbanismo – que nas súas pezas reflíctese como paisaxe urbano real ou inventado. A súa Lisboa, e o mundo portugués sempre estiveron presentes nas súas creacións. É sintomático do que se está a dicir que no famoso retrato que Denise Colomb lle fai no seu estudo, en 1948, nos andeis do fondo aparezan moitas pezas de cerámica popular portuguesa; cerámica como a que se leva séculos facendo en Galegos (preto de Barcelos), cerámica como a que daquela xa facía a creadora Rosa Ramalho.
O recoñecemento de Vieira da Silva como artista chegou cedo, con poucos anos. Unha das probas de tal feito é que Maria Helena Vieira da Silva foi unha das 31 mulleres artistas que a marchante Peggy Guggenheim escolleu e incluíu na súa fundacional exposición 31 Women. O evento celebrouse no ano 1943 -perante a II Guerra Mundial, na galería que, daquela, tiña en New York: a Art of This Century. As pezas de Vieira da Silva seguiron a aparecer en moitas ocasións en mostras temporais. O pasado ano no MNAC (Barcelona) presentouse unha exposición moi, moi interesante: Quina humanitat?, toda unha reflexión sobre a barbarie que os humanos provocan con demasiada asiduidade. Entre as pezas que ilustraban esa barbarie, esa deshumanización cruel e descarnada estaba, como non!, Le Désastre, unha das pezas de crítica á guerra en xeral que a autora de Le Couloir elaborou no ano 1942 mentres vivía en Rio de Janeiro, perante a II Guerra Mundial. Esa acusadora obra, moi característica de Vieira da Silva (futurismo con expresionismo; arquitecturas imposibles e perspectivas do País das Marabillas), segue a servir para denunciar as barbaries en Gaza, Ucraína, Sudán, e tantas e tantas outras.
Nos tempos presentes a memoria e as creacións (así como estudos) de Vieira da Silva están a ser promovidos pola Fundação Arpad Szenes-Vieira da Silva, radicada en Lisboa, no mesmo edificio que a pintora empregou como estudo nas súas estadas na capital portuguesa. Esta entidade tamén leva o nome de quen fora home e compañeiro de vida da artista, o pintor Arpad Szenes.
Como xa se comentou nestas liñas sobre a interesante mostra María Helena Vieira da Silva. Anatomía del Espacio, coa que o Museo Guggenheim Bilbao volve reivindicar a creatividade desta artista tan interesada polos espazos, Vieira da Silva bebe de moitas influenzas de estilos; influenzas que logo ela dixire, reelabora e sintetiza. A modo de exemplo, paga a pena comprobar a pegada que nela deixaron a diversas versións que Cézanne pintou de Les Joueurs de Cartes (1893-96), tal e como ela mesma confesa no parágrafo reproducido anteriormente (Eses homiños están na miña cabeza xogando ás cartas, toda a miña vida). As pezas que a artista crea arredor dese tema son varias, e cómpre afirmar que en ben pouco se asemellan: Les Joueurs de Cartes (1947). Esas xeometrías, cadrados como taboleiros de damas que poden lembrar azulexos portugueses, perspectivas arroladas por remuíños labirínticos. Outro tanto se pode apuntar sobre outra obra súas: La Gare Saint Lazare (1949) que ten o mesmo título que aquela serie que Claude Monet creou en 1887 ante os movementos dos trens na coñecida estación parisiense.
A mostra Anatomía del Espacio é unha oportunidade perfecta para coñecer as creacións dunha artista que se definiu a si propia como: Je suis l’incertitude même.
❧
EXPOSICIÓN: María Helena Vieira da Silva. Anatomía del Espacio. Museo Guggenheim Bilbao, ata o 20 de febreiro de 2026.
You might also like
More from Artes
emotiva abstracción de Sean Scully | Lito Caramés
O artista Sean Scully vén sendo hoxe un dos máximos exemplos vivos de creadores que procuran reflectir as emocións que …
Tarsila do Amaral, artista “antropófaga”, esencial | Lito Caramés
Tarsila do Amaral, artista “antropófaga”, esencial, por Lito Caramés. Tarsila do Amaral. Pintando el Brasil moderno. Museo Guggenheim





