“Prisión para o escritor que cometeu asasinato e levou o seu crime a unha novela“: prescindamos por un momento do argumento desa novela. Sexamos capaces de esquecer o tema sanguinario que se nos presenta, e pensemos por un momento que pode ser substituído na nosa cabeza por un argumento de novela rosa, de fábula ou de familia azucarada e feliz que no final atopa o canciño perdido. O caso é que a novela usa un argumento copiado da realidade, transcrito de tal modo en palabras que sobresae fundamentalmente polo seu realismo debido á profusión de detalles nos motivos máis inesperados. É iso o que o lector valora, —e agora voltemos ao tema da noticia— xunto coas historias escabrosas, é claro.
Isto dá para pensar no pouco preparado que está o lector actual para percibir o literario, ou o necesitado que está de que non lle conten “historias” senón que —por favor— lle muden a realidade actual por outra. Outra que semelle nova e mellor realidade, claro, non unha historia “incríbel”. Implicitamente hai un desprezo do ficcional, do conscientemente “falso” e lúdico. E o receptor exixe unha proposta seria; será porque existe a necesidade inapelábel de evadirse a outra realidade?
Aliás, o concepto como “Reality Show” parece querer indicar que o real se torna espectáculo até porque é demasiado cru e está demasiado baleiro; mais baleiro de que? Carne crúa, só carne nos noticiarios vemos cada día. Ese vacío ten que remeter á ausencia de algo esencial para que implique deste modo unha patoloxía. Porque quen precisa evadirse, quen está imposibilitado para atopar no mundo o que precisa para xustificarse como ser no tempo e no espazo asignado, é unha persoa enferma. Todos temos, e iso é un dos temas literarios e filosóficos de sempre, dificultades de diversa profundidade para equilibrar os múltiples brazos da nosa balanza e continuar coa vista para a frente. Mais non estou a falar dos esforzos naturais que a vida impón.
Que haxa tanta xente a ignorar a utilidade do código literario paréceme grave. E que o ignoran é claro porque preferen a descrición dun feito morboso a un feito tráxico, isto é, ficcional. Non queren contos, aqueles contos que sempre nos ensinaron a existencia dos múltiples camiños que existen para a consumación persoal, que é a consecución dunha mellora interior e non o consumo dos nosos cadáveres como catalizadores do medo instintivo dos cidadáns. Porque ignoran o poder curativo ou ao menos balsámico que posúen as ficcións creadas por sabios e talentos sensíbeis, argumentos que nos axudan a comprender a univocidade do diverso, o inalcalzábel fundo do saco do amor, o valor do ben que nace da dor intensa. A nosa humanidade, que é o vidro desde o que observamos o mundo e con súa deformidade calculamos os pasos a dar polo sendeiro acima.
Literatura é ademais sinónimo de xogo no mellor sentido, porque xogo é atributo da infancia que debe perdurar. Literatura ademais é sinónimo de obsequio, algo que alguén fixo para o noso desfrute, algo elaborado que ten o noso pracer como obxectivo. Algo xeneroso. Algo moi distante da sensación física que produce imaxinar alguén secuestrado, atado, descuartizado e logo deshidratado para ser ofrecido en sopa de letras. Protesto: eu non son un canibal!
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …