F. Miralles. Translacions. Dona-arbre, 1973
Nestes comezos do novo milenio o planeta chamado Terra vai emitindo signos preocupantes que permiten concluír que o seu estado de saúde é malo, agónico; dígase cambio climático ou doutro xeito. Que relación ten a arte con todo iso? As verbas da artista Fina Miralles que titulan estas reflexións definen, desde hai décadas, a súa traxectoria vital e tamén plástica: a mirada ao medio ambiente, a identificación coa natureza. Miralles vén sendo unha visionaria?
*
Fina Miralles: forzas creadoras, vitais
L’artista està predestinat. L’artista és que fa de la seva vida una història d’Amor, una vertadera aventura amorosa que el transforma (ell i la societat). L’entrega i el coratge heroic sense cap por, amb total llibertat, són les qualitats necessàries per ser un ésser sensible, per a sentir a dins teu aquesta força vital que t’empeny en totes les circumstàncies de la vida, transformant el sofriment, el dolor i la tristesa en força creadora, en força viva. (Fina Miralles. Testament Vital, 2007).
Fina Miralles (Sabadell, 1950) comezou a rachar a pana de ben nova. No ano 1974, con 24 anos, presentou na Sala Vinçon de Barcelona (unha famosa tenda de obxectos de deseño) unha exposición que titulou Imatges del Zoo. O que a artista presentaba e o que os sorprendidos compradores podían ver colgadas nas paredes eran fotografías nas que se invertían os roles humanos. Imatges del Zoo foi unha denuncia ás autoridades da falta de espazos públicos onde as persoas creadoras puidesen exhibir os seus traballos (por iso se ía Miralles a un comercio). Tamén veu sendo un berro contra as penosas situacións de vida que soportaban os animais no Zoo de Barcelona e en calquera outro. E por outra parte a dislocación conceptual viña porque nas imaxes o que se vían eran gaiolas con animais dentro: gaiolas non nun zoo concreto, senón en interiores humanizados, animais domésticos (ovellas, gatos, cans) e, como non!, a propia artista. Mudar rumbos; mudar o mundo. Xa nesta ocasión tan temperán Miralles interroga sobre todo, sobre o rol das persoas espectadoras dunha obra de arte, sobre a individualidade de quen se di “artista”, sobre as relacións dos humanos co resto da natureza (a humanidade pecha á natureza?; ao final, a natureza engaiola aos humanos?). Imaxes daquela rachadora exposición pódense ver agora no MACBA (Museu d’Art Contemporani de Barcelona) na retrospectiva Fina Miralles. Sóc totes les que he sigut.
Como curiosidade, dicir que, desde hai poucos anos, os inmensos locais que ocupaba a firma Vinçon na rúa Passeig de Gràcia (xusto ao pé de La Pedrera, edificio levantado por Gaudí, e que foran residencia dos artistas Ramon Casas e Santiago Rusiñol, entre outros) están agora inzados pola roupa da firma Massimo Dutti. Pois ben, neses espazos vai para tres anos que a artista Pamen Pereira instalou tamén a súa peza Los Huesos de la Tierra. Tratábase de intervencións que xogaban cos espazos, coas vestimentas e mesmo coas persoas. Catro intervencións para pescudar nas leis da natureza, nos materiais telúricos e a súa interdependencia coas forzas emocionais. Nesa peza están condensadas algunhas das teimas e predileccións da artista ferrolá. Hai natureza, hai enerxías que atentan contra as leis da gravidade: na parte de riba da instalación as andoriñas voan e revoan, en espirais, en redemuíños tan fortes que acadan por erguer do chan as pesadas pedras. As andoriñas, a enerxía que logran acumular –todas a un– no seu remuíño ascendente provocan que as pedras – os ósos da Terra– voen como se fosen burbullas de xabón. As forzas telúricas levitan; a Pachamama estende as súas ás polo éter, xa por medio dos voos dos paxaros, xa coa ingravidez das pedras, un dos materiais fundamentais da súa esencia.
Sabía Pamen Pereira que 45 anos antes dela, neses mesmos espazos, outra artista tiña mostrado as súas reverencias pola natureza e en contra do maltrato animal?
Fina Miralles. Sóc totes les que he sigut. MACBA.
Des de llocs geogràfics i conceptuals molt divergents es replanteja el sentit, la funció i la materialització del fet artístic. L’art perd l’objectualitat i desplaça el sentit de l’objecte cap al que es va anomenar la desmaterialització de l’art. L’art com a procés, com a experiència, però també com a registre o crònica. Un desplaçament de l’objecte cap a la performance i l’àmbit experiencial, que qüestiona la precisió, la delimitació del concepte tradicional de l’obra d’art. (Fina Miralles. Sobre el potencial polític en la bellesa i la poètica de la imatge. Teresa Grandas, 2020).
Agora, neste Ano Segundo da Pandemia, cando a humanidade está a pasar situacións que se tiñan por superadas séculos ha, a mostra Fina Miralles. Sóc totes les que he sigut toma aínda máis sentido. As súas interaccións coa natureza, as relacións de respecto polos seres vivos, alcanza cotas de premonición. Semella estar interrogando Miralles, mentres se deixa fotografar con medio corpo enterrado na nai terra, a quen a contempla: ides vendo que é o importante? Tedes idea de cara onde imos? Fina Miralles pitonisa.
A antolóxica Fina Miralles. Sóc totes les que he sigut está comisariada por Teresa Grandas, conservadora do MACBA, que se pasou moito tempo rebuscando nas creacións de Miralles co gallo de recuperar moitos dos seus traballos para que nas salas do MACBA se poida contemplar agora a vida e a obra da artista -pois neste caso vida e obra van parellas-. Na moi ampla escolma que seleccionou Grandas, a artista de Sabadell revisa as súas crenzas sobre arte, sobre a natureza, sobre o poder, sobre o feminismo. E para iso recórrese a accións protagonizadas por Miralles coa axuda da pintura, o vídeo, a fotografía, os collages. Todo un programa expositivo atractivo e provocador. Tamén cómpre dicir que Fina Miralles doou ao MACBA unha importante cantidade das súas obras.
A investigadora e comisaria de moitas exposicións Tamara Díaz Bringas comenta no seu artigo de 2020 Ser-ne part (contra una pedagogia de l’exterioritat) o seguinte: Potser podem rellegir la Dona-arbre arrelada a la terra, o la Fina Miralles de la sèrie Relacions que es vol fondre amb la sorra, el mar o l’herba, com intuïcions d’un cos que se sap naturalesa i no una realitat exterior. O la que als anys vuitanta escriu: «[…] yo abrazo un árbol, beso una piedra, acaricio la brisa de la tarde, me sumerjo en el agua del río, porque los amo, y entonces soy árbol, piedra, viento, río y amor.»
Quizais Miralles non se teña a si mesma por ecoloxista, pero as súas praxes –desde sempre– van moito máis aló dun simple conservadurismo. Trátase de vivir a Natureza. Por outra parte, todas as pezas de Miralles e, xa que logo, todas as que agora se mostran en Fina Miralles. Sóc totes les que he sigut rompen calquera convencionalismo estético. Informalismo?, arte abstracto? Land art? Difícil catalogación de creacións onde a propia Miralles é obxecto artístico, onde prima o proceso executado para reverenciar as relacións coas árbores ou coa terra sobre o resultado final da creación. Importan as xestualidades e ponse en discusión o valor que poida ter o resultado final. A autora foi desde ben nova (e segue a ser) unha outsider, unha desmitificadora da obra de arte; preocúpalle máis a relación da humanidade coa natureza.
Por último dicir que Fina Miralles no seu portal web fai gala de xenerosidade e entrega a visitantes as edicións íntegras, en PDF dos libros que ten publicados: Del Natural (2003), De la llum, cap a la llum (2005) e Testament Vital (2007). Un fermoso regalo.
O MACBA ten longa tradición de presentar nas súas salas mostras de obras realizadas por mulleres artistas. En 2015 trouxo a antolóxica da artista italiana Carol Rama (que daquela tiña 97 anos) e que é exemplo nidio do que xa hai décadas veñen dicindo as Guerrilla Girls: ‘as vantaxes de ser muller artista son que a túa carreira poderá despuntar cando teñas oitenta anos, estar segura de que calquera tipo de arte que fagas vai ser etiquetado de feminino, ser incluída nas edicións revisadas das historias da arte’. Tal cal o caso de Rama! Un ano despois tocáballe a quenda á crítica e provocadora Andrea Fraser. Perante os meses que durou a exposición puidéronse ver moitas das accións desta profesora e crítica de arte; entre ela chamaba a atención Little Frank and His Carp (2001), unha intervención executada con cámara agochada no museo Guggenheim de Bilbao e na que a artista excitábase tanto co espazo que iniciaba unha relación erótica cunha das columnas do edificio.
Fina Miralles. Sóc totes les que he sigut. Traslacions, Petjades, Relacions
Les tres naturaleses de la mare -naixement, mort i retorn- són expressades en l’arbre pels vincles amb la terra i per la capacitat de donar vida, tal com s’indica en la següent cadena: flor, fruit, llavor, terra, mort i nova vida. Ideari que expressa unes realitats cícliques que l’ésser humà va associar a unes constants del ritme vital biològic i/o terrenal, establint un procés de naixement, creixement i mort, concebent una solidaritat còsmica entre tres plans: el temps, la vida vegetal i la vida humana. (Marta Pol Rigau. Anàlisi de l’obra plàsticovisual i poèticotextual de Fina Miralles: L’arbre com a reflex de la seva cosmologia, 2012).
No ano 1983 Fina Miralles decide facer unha viaxe por América do Sur. Esa viaxe para a artista foi fundamental. Aínda a reforzou máis na súa visión cosmocéntrica do mundo. As interpretacións antropocéntricas quedan definitivamente abandonadas. A xeografía, a natureza viva que se manifesta sempre nese continente permitiron a Miralles pórse en contacto directo coa Pachamama, a nai terra. Para ter unha idea da presenza desa deusa incaica só lembrar que en moitas vilas e cidades de América Latina -aínda hoxe- non se comeza a construír un edificio sen antes facer rituais á Pachamama.
Nos anos 70 Miralles inicia as súas series tituladas Traslacions, accións, performances nas que a artista se integraba coa natureza. Un exemplo son as testemuñas que quedan de cando Miralles se enterraba na terra, xa parcialmente, xa totalmente. Actos que daquela sorprendían moito. Non faltou quen quixo ver nesas intervencións en hortas e espazos naturais actos de land art, cousa que a artista nunca confirmou. Noutros casos tratábase de meterse no mar. É dicir, as Traslacions consistían que o corpo humano (sempre da propia artista) “invadía” espazos que en principio non lle correspondían. Miralles é quen de visionar os elementos do seu panteísmo en cada acto, en cada proposta de movemento dentro da natureza. Onde a levan os seus universos, as súas cosmoloxías?
Polos mesmos vieiros e anos Fina Miralles levou a cabo toda unha serie de accións que titulou L’arbre i l’home. Veñen sendo actuacións similares: as relacións da artista con árbores (nun dos casos mesmo se contempla a imaxe do seu corpo aforcado). Subirse ao árbore, abrazalo, reclaman outro tipo de relación coa natureza; quizais a procura de relacións pasadas e respectuosas. Relacións nas que sempre o protagonismo pasa ao elemento natural non-humano. Segundo a comisaria de Fina Miralles. Sóc totes les que he sigut noutro dos seus traballos: Els treballs entorn de l’arbre parteixen del “Costumari català”. La referencialitat als costums i usos ancestrals, a l’anomenat folklore que compila el Costumari, no és sinó un recurs que Miralles fa servir per mostrar “problemes que avui es presenten a la nostra societat i la nostra cultura”. As series encol das árbores conforman varios eixos de intervencións, como por exemplo l’arbre i l’home (como se comproba na enumeración: primeiro o elemento vexetal, a natureza). Estas accións son fotografadas e logo presentadas en diversos espazos. O importante está no medio natural, fóra do individuo humano. A Natureza. Fina Miralles dá apertas ás árbores. E seguro que estes responden. Investigacións dos últimos anos demostran que as árbores comunícanse entre elas, que se trasladan de sitio. E no caso dos pradairos mesmo se diría que as súas formas vexetais teñen bastante de animais: adáptanse ao lugar onde están plantados, as súas ramas teñen engurras, apertan “sinais de tránsito”, etc.
Así pode seguirse toda unha nómina de performances. No caso de Relació del cos amb elements naturals (1975) a autora fai que o seu corpo entre en contacto con palla, terra, herba e outros materiais naturais, ata identificarse con eles, ata desaparecer no medio da natureza. O mesmo ano executou outra serie: Relació del cos amb elements naturals en accions quotidianes, resultado do que son fotografías nas que Miralles, come, lávase, lava os dentes, dorme, le, e calquera outra actividade da vida cotiá.
As intervencións de Fina Miralles non teñen conto, e son absolutamente diversas. No ano 1976 elaborou un filme que titulou Petjades. Miralles confeccionou dous zapatos que na sola tiñan en relevo as palabras “Fina” e “Miralles”. Mollaba os zapatos en tinta e, ao andar polas rúas, ía deixando un rego de pegadas (petjades) co seu nome e apelido. Tamén fixo outra serie que denominou Matances (1976-1977). Neste grupo de actuacións dominan as fotocomposicións, montaxes e collages. Trátase de chamar a atención sobre a opresión do poder sobre os seres humanos, pero tamén sobre os animais. Hase ter presente que daquela estaban nas mentes das persoas que viviron o franquismo as últimas execucións que impuxera a ditadura. Nunha das imaxes (que se reproduce aquí) aparecen os fusilados do cadro de Goya Los Fusilamientos del 3 de Mayo, unha cabeza tapada e unhas letras que puñan: Sóc innocent, jo no l’he mort, l’ha mort … LA JUSTÍCIA.
EXPOSICIÓN: Fina Miralles. Sóc totes les que he sigut. MACBA, ata o 5 de abril de 2021
You might also like
More from Crítica de arte
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …