Brandt, Northumbrian miner at his evening meal, 1930
O fotógrafo Bill Brandt é peculiar na súa biografía e mais nos seus traballos profesionais. A galería Marlborough Barcelona -a galería que deu a coñecer as instantáneas deste notario do século XX- presenta agora unha escolma de fotografías ben coñecidas. Por que se afirma que Brandt é o fotógrafo do raro, do inusual?
*
Bill brandt, fotógrafo das clases traballadoras.
If I think a picture will look better brilliantly lit, I use lights, or even flash. It is the result that counts, no matter how it was achieved. I find the darkroom work most important, as I can finish the composition of a picture only under the enlarger. I do not understand why this is supposed to interfere with the truth. Photographers should follow their own judgment, and not the fads and dictates of others. Photography is still a very new medium and everything is allowed and everything should be tried. And there are certainly no rules about the printing of a picture. (Bill Brandt. A Statement, 1970).
Bill Brandt, de orixe alemán, de contado vai vivir a Inglaterra e fará todo o posible por borrar as pegadas da súa ascendencia xermana e mais por integrarse totalmente na sociedade inglesa. Neses vieiros de integración na vida británica é onde hai que situar os seus primeiros libros de fotografías: The English at Home (1936) e A Night in London (1938). Estes traballos foron elaborados despois de vir de París, onde estivo (Brandt tamén!!) de axudante no estudo de Man Ray e puido coñecer á pléiade de artistas surrealistas. Que tiña o estudo de Ray para que tantas persoas pasasen por alí? Por que deixou tanta pegada neles? Contaba moito a “moda” do surrealismo ou aínda máis a personalidade do fotógrafo? Cómpre lembrar que por alí pasaron, entre outras, a fotógrafa británica e surrealista Lee Miller e mais a norteamericana Berenice Abbott, a rescatadora dos traballos de Atget.
Bill Brandt (1904-1983) Con vinte anos comezou a interesarse pola fotografía durante unha estancia no balneario da vila suíza de Davos para tratar unha tuberculose. Moitas e moitos artistas pasaron polos balnearios que existían nesa cidade para tratar de curas enfermidades. Alí estiveron, por exemplo, Paul Élouard e mais Helena Diakonova, Gala (logo Dalí), alí coñecéronse e namoraron. E logo as instantáneas de Brandt van tomando os eixos estéticos que o farán famoso: fotografías con moita carga poética. O artista é quen de presentar as realidades máis duras e, por contra, atopar as maneiras de introducir un toque de humor, ou de saber introducir unha visión que se illa da violenta realidade. Unha das imaxes máis coñecidas de Brandt (e presente na mostra que presenta a galería Marlborough, e que agora se comenta, é East End girl dancing the Lambeth Walk (1930). Nese arrabalde de supervivencia, as rapazas e mozotas saben darlle a volta a todo o que as envolve acotío e crear a ilusión de que a súa vida está chea de felicidade. Tamén Brandt foi quen de atopar a orixinalidade formal (por iso se considera un dos grandes mestres da fotografía da primeira metade do século XX, a carón -e en igualdade- con Walter Evans ou Cartier-Bresson.
As imaxes que en branco e negro consigue Brandt son testemuñas de situacións, de realidades, nas que emprega as sombras como os elementos que lle permiten atopar o espírito do captado. Non se trata só dunha imaxe, nas súas fotografías maniféstase a esencia dunha paisaxe industrial, por exemplo, as fonduras espaciais, e tamén as interrogantes da vida: como viven as familias mineiras? Ou só sobreviven?
Outra das grandes orixinalidades do autor da serie Halifax derívase das pegadas que nel deixaron as súas estancias en París, nos anos vinte, e as abundantes relacións que estableceu co mundo dos surrealistas, xa con Man Ray, xa con toda a pléiade e caterva que se movía arredor de André Breton (que era moita, como observa Granell no libro Isla Cofre Mítico). As instantáneas de Brandt escora polo que Freud denominou o unheimlich, termo alemán habitualmente traducido como “o estraño”, “aquilo que produce inquietude”. Unheimlich que –moi na liña do surrealismo– entra (aínda que sexa como escarnio) dentro da esfera do que é estético.
Bill Brandt. Galería Marlborough Barcelona.
I had the good fortune to start my career in Paris in 1929. For any young photographer at that time, Paris was the centre of the world. Those were the exciting early days when the French poets and surrealists recognised the possibilities of photography. There were the surrealist films such as Bunuel’s notorious “Le Chien Andalou” and “L’Age d’ Or”, which had a strong effect on photography. One could say that it was now that modern photography was born. (Bill Brandt. A Statement, 1970)
Como vén dicir Brandt no parágrafo anterior, a súa estancia en París a carón dos surrealistas foi decisiva na súa traxectoria profesional e estética. Non é gratuíto o cualificativo que se lle apón ás súas imaxes: unheimlich, termo empregado nada máis e nada menos ca polo doutor Freud. Para entender esa deriva no seu ollar e a súa querenza por todo o surreal, o fotógrafo declarou: Un fotógrafo debe posuír e conservar as facultades receptivas dun niño que mira o mundo por primeira vez.
Agora a galería de arte Marlborough Barcelona presenta unha escolma das fotografías máis coñecidas que o fotógrafo disparou nos anos 30 e 40, xa na Inglaterra onde se refuxiou escapando das persecucións nazis. Son imaxes impactantes onde, mormente se observan escenas de vida traballadora: mineiros do norte, traballadoras e traballadores das industrias, barriadas dos arrabaldes menos favorecidas, o traballo doméstico das mulleres (ese gran descoñecido e ignorado en calquera lugar. Como exemplo, pódense sentir as críticas que -actualmente- se fixeron á serie televisiva Downton Abbey, onde o servizo doméstico é idílico).
As viaxes que este fotógrafo xirou polas terras inglesas levárono a pararse nas condicións de vida das persoas traballadoras. Dedicou (e agora están na Marlborough) moitas imaxes ás familias mineiras. Moitas; unha delas acompaña estes parágrafos. A situación dos mineiros e as súas familias, mineiros nos anos 30 do século XX vivían igual (senón peor) ca os que describiu Emile Zola no seu romance Germinal, ou cos que traballou Vincent Van Gogh en Bélxica. Os mineiros realmente viven? Durante os bombardeos dos alemáns sobre London (primeiros anos 40), Brandt baixa coa xentada ás estacións de metro polo mesmos bombardeos e tamén para significar a testemuña de como pasaban as noites á espera de que, pola maña, as súas vivendas estivesen intactas. As persoas que, nesas condicións anímicas e físicas, dormen no metro teñen vida?, ou sobreviven?
As fotos da serie Halifax e da zona mineira foron reveladas usando contrastes extremos para crear unha textura granulada y chea de feluxe, imitando o fume negro das chemineas. Brandt non fai concesións a unha visión edulcorada da realidade. As súas imaxes son denuncias. As copias que agora presenta a galería Marlborough en Barcelona son de época (o que lle dá un gran valor) e, ademais, foron imprimidas polo propio fotógrafo nos anos 70 expresamente para exposicións dos seus xa famosos traballos. A primeira promoción importante para as obras de Brandt foi cando o MOMA de New York decidiu expor as súas fotografía no ano 1948. E, máis tarde, 1969 xa lle adicou unha retrospectiva, grande e definitiva.
Pola súa parte, a galería Marlborough Fine Art foi a primeira en presentar en público e nun espazo privado as creacións de Brandt (1979); tanto que, desde entón, foi a entidade que representou ao fotógrafo, e organizoulle -de 1975 a 1977- unhas dez mostras das súas creacións.
A obra de Brandt abrangue moitos máis temas e espazos. Importancia especial terá na súa produción o tema dos nus, corpos espidos. Nus que o fotógrafo tratou con moita delicadeza, e evidentemente co unheimlich que o caracteriza. En varios casos non se sabe se o que se ve na imaxe é un elemento da paisaxe ou a parte dun corpo humano. Outro tanto acontece coas súas galerías de retratos, máis aló de pretender a psicoloxía da persoa retratada, Brandt facía algo inusitado tamén para a época: crear escenografías. En moitos casos, a persoa retratada, por moi famosa que fose, aparece nun recuncho da foto, escorada, ou ao fondo, mergullada en arquitecturas e espazos amplos. Un exemplo é o retrato que lle fai á escultora Hepworth, ou a Henri Moore, ambos dominados polas súas propias creacións artísticas. Ou o caso especial do retrato do pintor Francis Bacon en 1963. Evidentemente ese retrato está moi descompensado: a persoa no recanto esquerdo e o resto da fotografía, paisaxe. Que indica o camiño da dereita?
Agora a galería Marlborough brinda a oportunidade de gozar coas forzadas imaxes do fotógrafo das clases traballadoras; cousa que tamén se puido facer na magnífica exposición que nesta vila presentou a Fundación Mapfre.
EXPOSICIÓN: Bill Brandt. Galería Marlborough Barcelona, ata o 8 de setembro de 2022
You might also like
More from Crítica de arte
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …