Desde a Palavra Comum agradecemos muito a Xosé Duncan o envio deste fragmento do capítulo 2 (titulado ‘O Distrito 2’) de “Negruña“, publicada por Urco Editora. O capítulo está ilustrado por Segismundo Rey (pode ver-se abaixo).
O robot deu outro voo de recoñecemento sobre os restos do Museo Militar. Desde as alturas, aquela multitude de cidadáns semellaba unha masa de insectos arremuiñados arredor dun formigueiro. Dobrou unha das pancas, que se axustaban nos engrenaxes inferiores do rotor da hélice, e fixo que as aspas se inclinasen xusto o necesario para que o xiro o mantivese fóra do alcance da vista dos Controladores. Abriu o foco do obxectivo da cámara, para lograr abranguer toda aquela escena, e tomou varias instantáneas co aparello fotográfico que lle adaptaran no seu único ollo. Repetiu a operación un par de veces máis e, cando a capacidade de almacenamento chegou ao seu tope, turrou do acelerador para se elevar até o nivel das nubes e marchar de alí o mellor camuflado posíbel.
O pequeno mecano non medía máis dun metro e o seu corpo, protexido por un peto e un casco de cristal, facíase case invisíbel no medio daquel ceo cincento. Malia ir pendurado dos arneses que o cinxían ao tubo central do rotor, agarrábase con forza das pancas de control. Non era a primeira vez que os cintos rachaban e sufría unha caída no medio do nada. E se de algo se preocupara o seu creador, fora de gravar no seu núcleo un efectivo programa de supervivencia, máis que nada por se evitar os longos paseos para o ir recuperar despois desas aterraxes forzosas. Os indicadores de memoria chea apagaron o sistema fotográfico e o robot activou o interruptor da radio. Tras unha serie de estridentes asubíos, captou a frecuencia de onda curta da súa base e estabeleceu as coordenadas de destino no gps. Os niveis de combustíbel estaban case no mínimo e aínda sobrevoaba a costa de San Amaro, así que soltou o acelerador e percorreu o tramo final do seu traxecto aproveitando a inercia que lle fornecía o movemento da hélice. Planeou a vinte metros do chan, sen lograr que a quentura de podremia que subía desde os prados moribundos o elevase, e cambiou de rumbo para se separar de terra e aproveitar os refachos de vento que batían na costa. Coa forza das correntes do mar, ascendeu vertixinosamente e, aos poucos, a afiada figura da Torre de Hércules apareceu no seu visor de proximidade. Asomando por entre as murallas de salvaxes matogueiras que a forraban, a parte superior do faro aguantaba en pé grazas ao retorto esqueleto que formaba ao seu redor aquela selva de vexetación mutante. O artefacto voador foi perdendo altura e, cando xa estaba a piques de aterrar no cumio da Torre de Hércules, o xordo e atascado flap-flap das hélices cesou de socato, precipitando o robot sobre o piso de pedra. O estrondo do forte impacto alertou o creador, que se atopaba, como sempre, vixiando os equipos de radio que enchían por completo o cuarto andar e, temendo un ataque a traizón dos fillos do gas, subiu a toda velocidade pola escaleira metálica que levaba ao cumio do faro. Empurrou lixeiramente a claraboia de ferro e asexou, tremendo polo medo, a través da estreita fendedura que quedara entre a porta e o oco. Non achou rastro de invasor ningún, mais a visión da morea de ferralla, que aínda se retorcía contra a vidreira do extinto foco, supuxo para el un duro e inesperado golpe.
―Non, home, non! ―laiouse o ancián mentres se arrincaba varios pelos da longa barba gris―. Pero mira que es parvo! Por que esgotaches todo o combustible? ―continuou a berrar mentres agarraba os restos do esnaquizado robot e os apertaba contra o peito―. E agora que vou facer… Eras o último, o derradeiro! E xa non teño máis pezas articuladas, xa non podo fabricar outro coma ti…
Deixouse caer de xeonllos sobre o chan de rochas e acariñou coa enorme mata de cabelo, que lle cubría por enteiro a faciana e a cabeza, aqueles restos metálicos que xa daban os seus últimos estertores. Ergueuse con moito coidado e rodeou a cúpula acristalada do faro arrastrando as botas de coiro marrón rachadas. Detívose na esquina Norte da torre e guindou pola beira da balconada os anacos machucados do seu camarada moribundo. Torceu a vista, para non ter que asistir ao golpe do robot contra as pedras do cantil, e recolleu a parte inferior das hélices de camiño á claraboia. Deulle un par de voltas ao rotor, para desatoar as aspas que ficaran prendidas no eixe, e comprobou que aínda tiñan enganchado o equipo fotográfico. Afrouxou os parafusos para liberalo das porquetas e, cando xa foi accesíbel, correu a tapa da traseira de plástico para sacar do seu interior a tarxeta de memoria. O rotor, as pancas e as hélices estaban completamente destruídas e a cámara inservíbel, mais, cando menos a simple vista, a tarxeta non presentaba danos. Meteuna no peto do seu chaleco e baixou pola escada até chegar ao terceiro andar. Por riba da súa cabeza, no cuarto andar, as radios continuaban coa súa eterna e constante coral de asubíos e chíos. Para calquera outra persoa sería motivo dabondo para perder a cordura, mais o ancián levaba tantos anos escoitándoas que xa non lle afectaban. Cos ollos aínda asolagados polas bágoas, empurrou a porta do estudio e sentou no escritorio acarunchado que había baixo a xanela perforada na parede. Gustaba de pasar alí os seus momentos de investigación, co aire do mar entrando por aquel estreito oco, imaxinándose que aínda traía o cheiro ao sal que lle contara o seu avó. Era tamén o curruncho máis luminoso do faro, xa que os andares inferiores estaban tapiados pola vexetación e, por medo a que o atacasen desde a terraza da torre, el mesmo bloqueara as xanelas dos das dúas últimas alturas con grosas pranchas de madeira. Así que o terceiro andar se convertera no seu santuario, no único lugar no que se sentía a salvo e tranquilo.
Abriu os caixóns do escritorio e espallou por riba da mesa todas as súas ferramentas de revelado dixital. Meteu a tarxeta no enchufe multientrada e conectou o cable de datos para visualizar o seu contido no reprodutor cristalino. A barra de progreso da lectura da tarxeta foi aumentando no bordo inferior esquerdo e, ao chegar o 100%, amosou o rótulo de «20 elementos». Unha matriz de cadrados debuxouse na superficie do vidro e só en cinco deles se podía percibir que contivesen algunha imaxe visíbel. O ancián premeu na primeira das diapositivas e ampliou a fotografía para que ocupase todo o panel. Levoulle uns segundos identificar o lugar no que se tomara a instantánea e, por moito que apegaba o rostro ao reprodutor, non podía dar creto do que estaba a ver. As patrullas do Alcalde no Museo Militar, o linde Sur do Distrito 2 aberto e ducias de cidadáns amoreándose ás portas do Arquivo. Non entendía o que iso podía significar mais, de comezaren a expandirse naquela área, ninguén lle podía asegurar que non se chantasen aos pés do faro en calquera momento. Tan absorto estaba no seu descubrimento que non escoitou a chamada que comezaran a emitir as súas radios. Era a primeira vez, desde que instalara a central de comunicacións, que as vellas e enferruxadas máquinas captaban algún sinal. E, como se celebrasen ese estraño acontecemento, os altofalantes berraron simultaneamente a mesma transmisión, xerada desde diferentes frecuencias. O ancián púxose en pé dun chimpo, levou por diante a cadeira do escritorio e ranqueou rapidamente até a saída do cuarto. Apoiou as mans no marco da porta e torceu a cabeza para que os seus ouvidos captasen mellor o eco daquelas palabras.
«Atención! Atención!!» a voz distorsionada dunha muller rebotaba polas paredes do faro «Superviventes do Distrito 2! Aquí os fillos do gas! As tropas do goberno están a derrubar as nosas fronteiras! Acudide esta noite aos Menhires! Temos que nos organizar! Temos que nos defender! Se permanecedes sós, morreredes como cans!»
You might also like
More from Narrativa
Doce Setembro | Morgado MBalate
Morgado Mbalate Doce Setembro Nasci do amor entre o senhor Henrique e a dona Palmira, numa madrugada de 6 de Setembro de …
Cidade Cinza, de Sara F. Costa | Uma entrevista de Nuno Santos
Sobre Cidade de Cinza de Sara F. Costa | Uma entrevista de Nuno Santos