R. Casas. Jove decadent, 1898
O Modernismo, a Art Nouveau, foi un mangado de propostas estéticas que hai cen anos resultou atractiva a moitas e moitos creadores. E segue a interesar. Na súa andaina de recuperar as propostas modernistas a galería de arte Gothsland volve ofrecer unha suxestiva visión sobre as ópticas coas que as mocidades de entón resolvían as súas angueiras vitais. Que teñen as pezas modernistas para resultar tan próximas? A humanidade mudou algo nos últimos cen anos?
*
Glamour & Decadència. L’Origen de la Modernitat. Galería Gothsland
Lo primer que has de cuydar es la indumentaria. Barret tou, d’alas amplas y abonyegat á puntades de peu. Lo trajo féstel de vellut, de color de castanya bullida y sobrat de roba. Las calsas has de durlas sempre arremangadas com si al carrer hi hagués fanch ó vinguessis del hort. Després, cops al físich. Es necessari que’t deixis la cabellera ben llarga. Si ets calvo, plega.… o pósat perruca, encara que sigui d’espart. Un modernista que no porti’ls cabells á la romana, és com un gos esquilat ó un ciutadá sense cédula: ningú’l coneix. (Manual del perfecte modernista, 1898)
Na nota de prensa que a galería Gothsland edita co gallo da presente exposición Glamour & Decadència. L’Origen de la Modernitat esta entidade cultural tivo o acerto de introducir anacos deste Manual para modernistas. Lendo as liñas deste opúsculo, manifesto e proclama, enténdese ben o título da mostra: os anos que van de finais da centuria de 1800 e os comezos da seguinte -entre guerras, imperialismos e revolucións culturais e artísticas- as xuventudes basculan entre a evanescencia nugallá e e rebeldía que os provoca e obriga a rachar as convencións sociais. Mocidades de burguesía que se debatían entre a vida “benestant” que lles brindaba a familia e os aires de modernidade que precisaban para fuxir deses modos de vida acomodada, e, ao tempo, dos academicismos.
A mostra Glamour & Decadència. L’Origen de la Modernitat vén sendo unha nova entrega das que esta galería, xunto co atractivo Museu del Modernisme veñen facendo desde hai varios anos en pro de entregar á poboación de Barcelona, e por extensión de Cataluña, o seu pasado modernista. Un esforzo meritorio de corredores de fondo que a familia Pinós e compañeiros de viaxe fan paso a paso e de xeito privado. A esta familia e demais responsables desta exhibición de traballos constantes sobre o Modernismo hai que recoñecerlles publicamente os desvelos, e entregarlles as condecoracións precisas que os acrediten como merecedores do Mérito Modernista. E se tal cousa non existe, é tempo de inventala.
Na presente ocasión -en pleno Segundo Ano de Pandemia- Gothsland presenta ao público 25 pezas que responden moi ben a esta dicotomía que tanto se levou naqueles anos de comezos do século XX. Foron aqueles tempos duros, basculados entre o progreso industrial europeo, que semellaba non ter fin, e as competencias deses mesmos estados que desembocaron na Gran Guerra. A xuventude -ir á guerra, ou denunciar as explotacións?- veuse moi atacada por esas ambivalencias, por apostas vitais ben diferenciadas (mesmo en moitos casos acabaron por pasar dunha opción a outra: a bohemia nos anos de xuventude e vida acomodada máis adiante).
Ben mirado, cen anos despois as cousas non variaron tanto. Hoxe o planeta, e en concreto Europa, vese afectado por unha pandemia viral que -sumada á crise ecolóxica- pon patas para riba os modos de vida habituais. Como paradigma estes días de marzo de 2021 viviuse o paradoxo tan inesperado, pero tan emblemático da senrazón xeral, de que un barco atrancou o Canal de Suez e evidenciou a extrema fraxilidade do comercio mundial, do capitalismo agresivo e violento. Entre 2020 e 2021 estanse a vivir situacións moi complicadas para a vida en xeral, e en especial para a vida cultural. A pandemia provocada por este virus covid-19 veu para evidenciar os precarios equilibrios entre humanidade e medio ambiente, de que o voo dunha bolboreta ou dun morcego revira as expectativas sociais. A pandemia é a metáfora dos tempos; metáfora contra da carreira tecnolóxica que un inimigo tan diminuto (un virus) deixa á humanidade sen recursos. Pandemias houbo na antigüidade, no medievo, nos tempos modernos e mais nos contemporáneos. E a Arte floreceu nesas circunstancias. A Arte cómpre para a vida.
Nestas difíciles circunstancias, a galería Gothsland responde a ese chamado da Arte como alimento social e -xunto con outras entidades, mormente privadas- segue a programar exposicións temporais que, malia as penalidades, peches sociais e demais atrancos, van enchendo as súas salas de visitantes. Outro tanto acontece co polifacético Museu del Modernisme. Ao longo destas liñas iranse vendo algúns exemplos do comentado.
Els Quatre Gats e a Modernidade.
Sens dubte l’origen dels Quatre Gats a Barcelona va tenir la influència directa de Le Chat Noir de París. En totes dues ciutats, la capital francesa i la ciutat comtal, es van succeir una sèrie de fets històrics i geopolítics que van proporcionar el sorgiment d’una generació d’artistes i intel·lectuals que van marcar el nou rumb de l’avantguarda cultural. Els artistes d’aquella generació van voler diferenciar-se dels academicismes i les decisions polítiques que van comportar a un desastre social, cívic i nacional. Ells van marcar el punt de partida de la renovació cultural en les dues ciutats. (Gabriel Pinós, 2019)
A importancia dun local en principio sen grandes pretensións como foi Els Quatre Gats, fundado por Pere Romeu e mais Ramon Casas no verán do ano 1897, é difícil de avaliar agora, a cen anos de distancia. Dentro da tese que presenta esta mostra tan atractiva (Glamour & Decadència. L’Origen de la Modernitat) a taberna, restaurante, sala de exposicións e máis cousas que foi Els Quatre Gats, ocupa un lugar privilexiado; diríase que foi o crebaondas barcelonés no que estouraban todos os efluvios e modas que ían chegando desde a cidade do Sena. Se París deveu a capital artística mundial, Barcelona foi unha desas vilas onde se reflectían os novos modos de vivir que tantos e tantas visitantes a París, carrexaban cara outras latitudes.
Entre as pezas que se poden contemplar e disfrutar agora na galería Gothsland hai unha de Ricard Opisso, un dos confrades asiduos da taberna e mais dos ambientes bohemios, titulada Ricard Canals amb la seva muller Benedette (1900), un deseño á cera sobre papel. Pois na parte de riba da peza, que vén representando a parede do fondo do local no que a parella está tomar algo, vese claramente o famoso debuxo de Ramon Casas que decoraba Els Quatre Gats: Ramon Casas i Pere Romeu en tándem, agora no Museu Nacional d’Art de Catalunya.
Por Els Quatre Gats pasou ou fixo asento moita da xuventude que ía ou viña de París, desde Rusiñol e Casas como grandes referentes, pasando por Picasso (que tamén expuxo nese local), Casagemas, Gosé, Utrillo, por citar algunhas das persoas. Polo de agora non se fala de mulleres que frecuentasen o establecemento, pero como a historia (en calquera das facetas) das mulleres está por facer, por desenterrar do esquecemento, é moi doado que de aquí a pouco vaian saíndo as mulleres “modernas” que compartían estilos de vida e intereses cos Casas, Rusiñol e tantos outros.
Na mesma galería Gothaland, hai un ano, antes do peche provocado pola pandemia, Gabriel Pinós e compañía presentaron a fantástica mostra Barcelona i Els Quatre Gats. Un gir vers la modernitat, toda unha exhibición de coñecementos e de material gráfico e artístico que facía xustiza á historia dese citado local. Entre a propia mostra e o excelente catálogo preparado e editado por Gabriel Pinós saíu á luz a importancia social e cultural de Els Quatre Gats. Remitir, xa que logo, a esa exposición e circunstancias aforra máis anotacións e referencias sobre o famoso local. O catálogo, en concreto, é un libro para ter, consultar e cuidar.
A Modernidade. Gosé, Meifren, Mir …
Pel carrer has d’anar sempre en direcció contraria (…) Si fumas, fesho en pipa; pero no en una pipa senzilla ó artística, no: ha de ser una cosa monstruosa, ciclópea (…) Convé molt que vajis en bicicleta. Aquest exercici, apart del tó que dona al individuo, el doblega naturalment y ¡es tan modernista caminar ja encorvat en la flor de la joventut, aparentant que un no fa cas del mon y que tot s’ho tira á l’esquena!. (Manual del perfecte modernista, 1898)
Neste outro parágrafo do devandito manifesto modernista queda ben claras as preferencias bohemias, contraculturais daquelas mocidades de hai algo máis de cen anos. O da bicicleta é definitivo. Por iso presidía o local de Els Quatre Gats o deseño de Ramon Casas onde este compartía vehículo co propietario?
De Xavier Gosé, artista elegante, presenta precisamente a escolma Glamour & Decadència. L’Origen de la Modernitat varios traballos. Un deles é o debuxo-pintura (Biciclistes) no que se contempla unha parella de xente nova que pasa a toda velocidade nun tándem por diante doutra parella de máis idade e que os contempla entre sorprendidos e incomodados. Gosé expuxo por primeira vez e con moito éxito na cervexaría Els Quatre Gats. Entre os críticos coetáneos os adxectivos adicados a este creador repítense: constante, con talento, áxil, orixinal, fecundo, tendo como soporte dos seus actos creativos o papel. Xavier Gosé a triunfar en París nas revistas máis prestixiosas da alta costura porque os seus deseños como ilustrador tiñan a mestría do trazo sintético, escaso, o control das manchas de cores sobre o espazo e o dinamismo no compendio de obxectos e figuras. Está considerado un dos responsables da creación da figura la parisienne, a muller moderna, sofisticada, esvelta, evanescente e cun chic fatal. Xa avisou Eugeni D’Ors (desde o seu alias Xenius): Xavier Gosé, com Baudelaire, fou un gran il·lús en el desig de trobar una bellesa nova (…) Xavier Gosé fou lúcid, honrat, meravellós. (…) una part important de l’art contemporani ve d’ell i de la seva imaginació. (La Veu de Catalunya, 1915)
Por mudar de estilo e de temáticas, e para citar algúns dos artistas e pezas presentes en Glamour & Decadència. L’Origen de la Modernitat, cómpre reparar nalgunhas paisaxes do gran pintor Joaquim Mir, todas elas de comezos do século XX. Nestas pezas o estilo recargado e vitalista de Mir está ben á vista. E a súa unha pintura polícroma e festiva. Hai poucos meses que o Museu del Modernisme presentou nos seus locais da rúa Balmes unha extraordinaria escolma de vidreiras modernistas, tan difíciles de ver e atopar hogano: Elogi al Color. L’Esplendor del Vitrall en el Modernisme. Alí, entre diversas técnicas e exemplos sobranceiros, puidese contemplar a vidreira VITA, sorprendente pola súa fervenza cromática, que lle foi encargada polo obradoiro de Antoni Rigalt, no ano 1911. Mir pasa por ser un mago da luz e da cor. As súas creacións semellan un canto á vida, ao Mediterráneo. Mir sempre foi tido por inclasificable, andou sempre á súa, pelexando coa natureza de Mallorca ou recluído no Vallés. A peza VITA vén estando na liña das creacións de Mir: un canto ás cores, á luz, á vida.
Seguindo coas paisaxes, de Eliseu Meifrén preséntanse varias, unha delas interesante polo contido e mais pola historia: El Sortidor del Monestir (1912). Nesta pintura, que pode convidar a lembranzas impresionistas, Meifrén déixase cativar polos restos do mosteiro de San Jeroni de la Murtra, sito nas partes altas do concello de Badalona. Quen na actualidade camiñe por esas ruínas decatarase de que o deterioro en cen anos é forte. Na pintura ao óleo a fonte vese rodeada de vexetación diversa (roseiras, entre outras), agochando ao fondo a arquitectura do cenobio. Historicamente sempre se dixo que foi neses intres onde os coñecidos como Reis Católicos recibiron a Cristobal Colon á volta da súa primeira viaxe a aquelas Indias, que remataron por ser un novo continente.
A Modernidade. Casas, Opisso, Graner, Llimona.
Lluïsa Vidal, políglota en seis idiomas, colega de las escritoras Caterina Albert (Víctor Català), Dolors Mansardà y Carme Karr, de la pedagoga Francesca Bonnemaison, amiga de la periodista Marguerite Durand (…) los críticos de arte barceloneses y los maestros en la capital francesa le reprochaban que el dibujo, su gesto pictórico por excelencia, era demasiado duro. Si no tenían más remedio que admirarla, le decían que pintaba como un hombre. (Mercè Ibarz, A través del espejo. Cuerpo y Género en la construcción del arte moderno. 2016)
Seguindo o percorrido polas salas da mostra Glamour & Decadència. L’Origen de la Modernitat atópanse moitos outros artistas. E máis que faltan. Por exemplo, no ano 2014 o Museu del Modernisme dedicou a primeira exposición monográfica dedicada á pintora Lluîsa Vidal (Amb ulls de dona. Lluïsa Vidal, la pintora modernista), magnífica artista e feminista, encadrada dentro das estéticas modernistas. A primeira mostra dedicada a quen se considera unha grande artista, e froito do esforzo privado. Tan boa se considera que sábese hoxe que se teñen vendido cadros de Vidal, falsificando a sinatura, como pezas de R. Casas e de S. Rusiñol, nada menos. E os seus coetáneos, por riba, afirmaban que “pinta como un home”.
Unha das pezas que sorprende, dentro da diversidade de Glamour & Decadència. L’Origen de la Modernitat é a pintura ao óleo A la taberna (1898), de Lluís Graner. Graner pousou o ollo esteticamente en varias temáticas, unhas burguesas e outras non. Pero o seu interese centrouse (seguindo os vieiros do mestre Nonell?) na pintura realista, de preocupación e/ou social. Graner móstralles á burguesía aquelo que non queren ver. E iso en obras que, de compralas, faríano precisamente persoas “benestants”! Tal é o caso desta pintura. Sorprende deste cadro o trato tan diferenciado que o artista adica á persoa que senta á esquerda, e que case case non se ve (oculta naa sombras da taberna) e a forte luz que se proxecta sobre esa parede na que saltan á vista ese amarelo e o azul por baixo. O tratamento das cores, as gradacións dos tons, fan concluír a mestría deste artista. O resto é austeridade, escuro e anódino.
Tamén hai algunhas pezas de Ramon Casas, o máximo representante do Modernismo en Cataluña. É lóxico, Gabriel Pinós é un gran coñecedor da vida e obras do autor de La Sargantain. Entre as pezas que se mostran agora en Gothsland está o deseño que Casas fixo a Vicent Bosch, o propietario das destilerías Anís del Mono, de Badalona, que tamén foron amigos. Esta mesma peza estivo non hai moito noutra mostra: Ramon Casas visita Badalona, no Museu de Badalona, e na que colaborou o señor Pinós.
Na exposición Glamour & Decadència. L’Origen de la Modernitat tamén están presentes algunhas esculturas. Unha delas é unha orixinal copia das varias que se conservan da peza El Desconsol, de J. Llimona. A obra orixinalmente foi encargada a Llimona pola familia de Ramon Casas para colocar na tumba dunha das súas primas, morta en plena xuventude.
Glamour & Decadència. L’Origen de la Modernitat. Galería de arte Gothsland, ata o 30 de abril de 2021
You might also like
More from Crítica de arte
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.