Levitt. New York, 1940
En que ten que centrarse un profesional da fotografía para figurar, a posteriori, nos libros de historia desa disciplina? A fotógrafa Helen Levitt pasou case toda a vida retratando escenas da vida polas rúas da súa cidade, New York. O seu interese centrouse na vida cotiá de barrios e vidas nada salientables nin famosos. Nesas xeiras, sentiu unha atracción especial polas nenas e nenos que facían boa parte da vida nas rúas. As rúas neoiorquinas como escenarios do teatro da vida.
❧
Helen Levitt. KBr Barcelona Photo Center
A forza das imaxes fotográficas provén de que son realidades materiais por dereito propio, depósitos ricamente informativos flotando no ronsel daquilo que as emitiu, medios poderosos para enfrontarse á realidade, para transformala nunha sombra. As imaxes son moito máis reais do que calquera puido imaxinar. (S. Sontag, On Photography, 1973).
Tantas olladas sobre as realidades de New York! Tantas fotógrafas e fotógrafos do século XX endereitaron as súas cámaras para disparar contra persoas, muros, estradas, edificios da vila do Hudson. A captación das vidas neoiorquinas, como sobre outras tantas vilas grandes. A diversidade social e étnica, a heteroxeneidade de barrios e modos de vida, convida a que cada fotógrafo se especialice nun ou dous temas. Leceres e traballos, días e noites.
A nómina pode comezar por Berenice Abbott, a recuperadora da obra de Atget, o gran retratista do París baleiro, dese París insólito, quen dedicou anos e anos a testemuñar a transformación da arquitectura de New York. Como escribiu Susan Sontag no deu afamado traballo O libro de Abbott (Changing New York, 1939) ten un título idóneo, xa que non conmemora tanto o pasado como limitarse a documentar dez anos dese trazo autodestrutivo crónico na experiencia estadounidense, na que incluso o pasado inmediato se desgasta, despexa, moe, rexeita e muda constantemente. Cada vez menos estadounidenses teñen obxectos con pátina, mobles vellos, olas dos seus avós. En 2019 a Fundación Mapfre dedicoulle unha excelente antolóxica.
Un caso radicalmente diferente é o de quen se autochamou Weegee (como un berro, unha exclamación na noite da metrópole). Weegee, presentou en 1945 Naked City, o libro que o consagrou como fotógrafo definitivamente. Alí están as imaxes nocturnas desa cidade e diríase que a cara B da gran metrópole: mortes, accidentes e similares. As súas instantáneas puidéronse ver grazas á mesma fundación. Mudando de escenarios –aínda que dentro da mesma cidade-, Peter Hujar foi o retratista das individualidades, das persoas outsiders da cidade. Como exemplo pódese afirmar que retratou á pensadora Susan Sontag en varias ocasións. A nómina pode seguir por Bruce Davidon que dedicou boa parte dos seus traballos a reflectir as realidades do barrio de Harlem, sempre cun ollar humanista e positivo en canto á calidade humana das persoas que moraban aquelas rúas. Tamén Mapfre brindou a oportunidade de disfrutar das súas imaxes.
Helen Levitt. Libro A Way of Seeing.
Decidín fotografar traballadores e participar nos movementos da época, fosen socialistas, comunistas… Despois vin as fotos de Cartier-Bresson e tomei conciencia de que a fotografía podía ser unha arte. Iso espertou a miña ambición, e procurei avanzar cara a realización dunha fotografía que fose autónoma. (Helen Levitt, 1986).
A estancia dun ano (1935) de Henri Cartier-Bresson en New York permitiulle a Levitt acompañalo e por suposto coñecer as novidosas propostas do instant decisif (ou tamén dito Images à la Sauvette) do fotógrafo francés. Esa experiencia mudoulle a vida a Levitt, decatouse que a fotografía podía ser tratada e considerada como outra manifestación artística máis. Mercou unha leica ,a revolucionaria cámara alemá de dimensións moi reducidas, e con ela percorreu as rúas de New York sen mirar para outros lados. Naqueles primeiros anos comenzou a fotografar polos barrios de Harlem ou no Bronx e tamén polo Lower East Side. Rapidamente lle chamaron a atención os nenos; nenos que facían boa parte da vida nas rúas, lugares onde xogaban e tamén reproducían roles de grandes: mesmo o xogo da vida. Os nenos como actores con verdade que expoñen a o dramatismo cotiá. As rúas da cidade como escenarios dun gran teatro.
Helen Levitt (1913-2009) foi unha muller que soubo transitar a súa cidade coa cualidade de pasar desapercibida; non molestaba, non interrompía. Unha poeta silandeira, interesada en atopar aqueles intres decisivos nos quefaceres e nenos e xentes; Levitt, mentres retrataba, nunca participaba en nada e menos opinaba sobre o que vía, viña a ser unha testemuña muda que diante dos sensitivos ollos portaba a cámara de retratar. Por iso as súas composicións parecen accidentais. Pero non son tal cousa; nelas está presente o ritmo da vida, mesmo o humor con equilibrio. Con encadres intuitivos, precisos, non pretende denunciar condicións de vida nin loar tales cousas, máis ben as súas apostas van na dirección de ofrecer aqueles recunchos de barrio onde semella que nada pode suceder, pero que diante da leica acaban aparecendo intres de maxia, de beleza en protagonistas anónimos, sen historia nin relatos que os poidan glorificar.
Como primeira resposta a tanta imaxe captada por rúas sen glamour no ano 1943, o MOMA da súa cidade dedícalle a mostra Helen Lewitt: Photographs of Children, todo un recoñecemento aos seus traballos de rúa. Helen Levitt (por ser muller?) era coñecida en círculos moi reducidos, pero custou moito que chegase a públicos máis amplos. Por outra parte, naquela mesma década (1946) completa o volume A Way of Seeing, prologado por James Agee (que aproveita para facer un extenso ensaio sobre fotografía e sobre Levitt). Pero, por razóns diversas o libro non sairá do prelo ata o ano 1965. Dificultades para unha muller e mais para as/os protagonistas das súas imaxes? Neste ano 2025 a arquitecta e cineasta Reyes Gallegos presentou ao público o documental Ellas en la ciudad, un traballo en varios barrios de Sevilla que presenta ao público as vidas e loitas de moitas mulleres que anonimamente foron conformando cidades nos anos 60, 70 e 80. Entre os traballos de Levitt e de Gallegos -malia a distancia cronolóxica segue habendo trazos perfectamente identificables: a ocultación da vida das mulleres, a negativa a dar valor a zonas periféricas e/ou degradadas, e menos a importancia das mulleres na conformación de comunidades e identidades.
Helen Levitt. Deseños infantís. Fotografía en color.
A Helen Levitt non lle interesaba a grandeza da metrópole, nin as ostentosas zonas comerciais, nin as luces brillantes, nin as pontes emblemáticas, nin os edificios notables. Tampouco a xente famosa, glamurosa. Perante toda a súa carreira como fotógrafa de rúa, Levitt fixou a súa atención na xente corrente que vivía en barrios modestos de clase traballadora. (Elizabeth Gand, no catálogo da exposición).
Na magnífica mostra que agora ofrece ao público de Barcelona a Fundación Mapfre (Helen Levitt), centos de imaxes en branco e negro e tamén en cor, todo iso comisariado por Joshua Chuang, unha das cousas que máis sorprende é a temática das imaxes. Imaxes da cidade de New York que foron disparadas nos anos 40 e 50, pero tamén nos 70 e 80, e, se se exceptúa que unhas poden estar en B/N e outras en cor e pequenos detalles, a constante nas mesmas é que Levitt presenta perante décadas as mesmas fasquías da gran metrópole. Calquera diría que nesa aglomeración urbana houbo cambios moi importantes, que a transformación urbanística que testemuñou B. Abbott non aconteceu, que Wall Street é realidade afastada do lugar onde vive Levitt.
A Helen Levitt chamáronlle a atención desde os comezos os nenos -como xa se dixo- e mulleres neses barrios que tamén se ven nos bos filmes sobre os comportamentos mafiosos e similares. E dos nenos, os deseños tan fermosos que de xeito efémero executaban cun xiz sobre o negro asfalto das rúas. Os temas dos mesmos son moi diversos, casas, figuras humanas heteroxéneas, cowboys disparando… En tales creacións mestúrase a inxenuidade co realismo. E Levitt pasa por alí sen molestar, silandeira, e dispara, captura o efémero.
E esas nenas e nenos creadores son os mesmos que aparecen noutras instantáneas portando máscaras coa dignidade de actores nun teatro grego representando algunha traxedia de Sófocles, ou brincando, ou adoptando poses de adultos no que semella parodia perfecta. Noutros casos fuman coa veteranía de adultos ou bailan. Unhas das imaxes pilladas no intre preciso mostra a unha nena branca e un neno negro iniciando uns pases de flamenco. A nena (filla de españois?) está a demostrarlle ao rapaz coo se poñen os brazos, coo se moven as pernas nunha bulería?
Helen Levitt consegue en 1959 unha bolsa Guggenheim e con ela comenza a traballar en color. O seu novo traballo ao longo dos anos 60 e 70 farao coa mesma sensibilidade co anterior en B/N e cunhas cores que aínda serve mellor se pode ser á reflectir a vida cotiá daquela vila. Non a vida rica, espectacular, senón máis a cara B, as zonas deprimidas ou peor tratadas. Como ser o tempo non pasase. Mudan os anos e as décadas nas que Levitt dispara a súa cámara, pero todo indica que a realidade segue a ser a mesma de xeito testán. Hogano -pasado tempo- recoñécese a Levitt como unha das pioneira da fotografía de rúa en color, anticipándose a figuras xa tan coñecidas como William Eggleston.
A fotógrafa da sinxela vida cotiá tamén tocou outra arte propia do século XX, o cinema. Unha das obras máis coñecida desta nova xeira de Levitt é In the Street, unha cinta muda (entre 1945 e 1948) que ofrece os mesmos temas de sempre, pero agora con movemento. Pero os nenos, as mulleres grandes, as rúas pouco glomurosas seguen a ser o tema central.
❧
EXPOSICIÓN: Helen Levitt. KBr Barcelona Photo Center, Mapfre. Ata o día 1 de febreiro de 2026
You might also like
More from Artes
Maruja Mallo, metade marisco, metade anxo
A pintora Maruja Mallo, aínda non moi coñecida, foi unha das grandes figuras da arte en España e compañeira de …
emotiva abstracción de Sean Scully | Lito Caramés
O artista Sean Scully vén sendo hoxe un dos máximos exemplos vivos de creadores que procuran reflectir as emocións que …





