Himal é un poemario inédito do escritor e músico Paulino Pereiro.
I
Resido no medio do camiño.
Detéñome nas palabras elementais
con que construír a procura.
Indeciso, como a montaña,
agardo.
Soporto.
Vivo.
Espero.
II
A montaña
e a súa palabra escura,
sen importancia.
III
Subida.
O cumio define o límite
como un reto adiado.
O vento.
Decide debuxar rostros
enfrontados.
IV
A neve como cadro na parede.
Afastada para sempre.
Da casta dos intocables.
V
Cume vestido
co lizgairo pano de seda
da brétema delicada.
VI
A montaña, chapeu de neve,
envolta no traxe de néboa,
para ninguén.
VII
Montaña:
como palabra xorda,
portadora, tan só, de vida impresa.
Acubillada no dicionario
para que alguén a lea
e imaxine.
VIII
Sen bulir,
a montaña libera
a suor, sempre fresca.
No seu devalar
circula o tempo.
A masa de pedra,
inmóbil,
sente envexa.
IX
A auga tumultuosa
precipítase
sen imaxinar
que morrerá,
transfigurada,
no mar.
X
Escorregan as horas río abaixo.
A corrente
contra as pedras redondas
esmiúza minutos de escuma multicolor.
Os segundos,
incómodos nos seus traxes de pingas.
XI
Na inmobilidade esquecer
mesmo o silencio
e a súa respiración á espera.
XII
O recordo da montaña apenas persiste
na corrente do río
durante a veloz carreira
en que a auga
persegue o futuro.
XIII
Un deus mudo,
acolledor das ladaíñas
que as bandeiras de oración ofrecen
ao vento das terras altas.
XIV
Nas abas da montaña
susurra o vento
o seu rogo natural,
como unha amante en brazos
de Shiva.
Ferrol, 27 de agosto de 2009-16 de xaneiro de 2010
You might also like
More from Paulino Pereiro
Entrevista ao músico e escritor galego Paulino Pereiro
- Palavra Comum: Que significam para ti a literatura e a música? - Paulino Pereiro: Son dúas maneiras de expresar os …