A sociedade e os seus adiantos, as persoas e mais as súas realizacións non sempre transitan polos mesmos vieiros. Medios de transporte rápidos, e xentes que dedican moitas xornadas a facer un camiño a pé; filmografías sobre a Idade Media que son as máis populares; teléfonos móbiles con cámaras coas que facer milleiros de instantáneas, e fotógrafos que, hogano, optan por empregar a cámara escura para os seus traballos profesionais. Que move aos humanos a preferir vivir a contracorrente? Que pulo romántico protexe da última moda?
*
A cámara escura, ese ritual
Agora que as fotografías gozan da aceptación xeral das institucións artísticas e son vendidas por cantidades que se asociaban ás pinturas importantes, resulta alentador ver imaxes que, ademais de beleza e elegancia, teñen unha sorte de significado fetichista. Sentimos un vínculo con estas imaxes como expresións artísticas, por suposto, pero tamén hai algo de máxico nelas (Sandra Phillips, comisaria, Richard Learoyd: a imaxe total, 2019).
O uso da cámara escura está comprobado a lo menos desde o Renacemento. Leonardo da Vinci fala dela nos seus escritos; así mesmo dise que Vermeer foi un dos pintores que a utilizou, xunto con moitos outros pintores. Trátase de introducir –quizais por primeira vez– tecnoloxía nas artes (máis aló das melloras que os humanos lograron na consecución de cores, telas ou cabaletes). O método é fácil, unha vez que se teña construída a cámara escura.
A utilización da cámara escura polas e polos pintores é, en realidade, un precedente da fotografía. Só cómpre a invención do papel fotográfico para que a fotografía como tal comece a invadir as vidas das familias, das persoas. E agora o fotógrafo británico Richard Learoyd leva décadas utilizando a cámara escura para realizar as súas instantáneas. No mundo da banalización da fotografía, na época que con cámaras de todos os tamaños, e mais cos teléfonos móbiles (que xa son calquera cousa menos teléfonos) se disparan millóns de instantáneas cada minuto, Learoyd abraza a tradición. Executa o ritual. Iso é, en resumo, o que se pode admirar na mostra Richard Learoyd, que brinda a Fundación Mapfre na casa Garriga Nogués: unha viaxe de décadas ao longo da contemplación dos mundos que rodean aos humanos e da exploración dos argumentos cos que dar resposta ás preguntas de sempre: de onde vimos?, quen somos?, onde imos?
Que un fotógrafo profesional, hogano, decida executar os seus retratos e a captura de paisaxes só coa utilización dunha gran cámara escura (giant camera), é toda unha declaración de principios. Learoyd é un adaíl na defensa da fotografía con letras grandes, FOTOGRAFÍA. Converter o seu estudo londiniense nunha cámara escura, seguir os pasos precisos para captar a imaxe dunha persoa, mantela estática, e tirar só unha imaxe (de gran formato) de cada proceso, é un combate pola arte, pola fotografía transcendente, pola excelencia. Que pensará o fotógrafo Learoyd cando ve aos turistas disparar seguido contra todo edificio, rúa, aparador cos que se cruzan no seu deambular? A mañá do día 5 de xuño atopábase o fotógrafo sentado nun banco público do bulevar da Rambla de Catalunya (á altura da rúa Diputació, preto da casa Garriga Nogués), fumando un cigarro e observando o río humano que ía e viña diante dos seus ollos. As/os excesivos turistas disparaban as súas cámaras incesantemente. E, mentres, o mestre captaba a realidade co sabio ollar dun monxe budista á procura do seu nirvana.
A aposta de Learoyd –aposta artesanal– vai dirixida contra o xigante da trivialidade. A súa aposta é artesanal porque é el propio quen fabrica a súa giant camera. Unha aposta a contracorrente que dá como resultado imaxes de gran formato, con pouca profundidade de campo, e dunha espléndida calidade pictórica.
A fundación Mapfre ten a orgullo presentar nas súas sedes mostras de fotografía da máis alta calidade e valor artístico, xa sexa en Madrid, xa en Barcelona. Nas súas salas de exposicións de Barcelona, sitas na Casa Garriga Nogués –tan ben xestionadas durante estes anos por Ignacio González Casasnovas– puidéronse ver verdadeiras alfaias da historia da fotografía (Brassaï, Abbott, Michals, Tomatsu, Halsman, entre outros artistas). Entre eles tamén estivo o fotógrafo de orixe xaponés Hiroshi Sugimoto, todo un artesán da fotografía. Sugimoto, seguindo as inclinacións que de xeito consciente ou por outros canles, lle aconsellan a filosofía e prácticas zen, realiza fotografías de moi longa exposición. Un exemplo: unha sala de cine, sen público, proxecta un filme comercial; Sugimoto chanta a súa cámara sobre o trípode e a exposición dura o que dura a metraxe do filme. Resultado: unha pantalla en branco e as butacas e outros detalles da sala perfectamente definidos. E tamén ten feito unha serie sobre o mar: a serie Seascapes, fotos impresionantes de mar e ceo en branco e negro que remiten obrigatoriamente á liña do horizonte. O horizonte é confín, é fronteira determinada pola vista. Horizonte é porta ao alén, é fiestra para a imaxinación e metáfora do futuro. Se non ten unha localización física concreta é Utopía. No conto de Manuel Rivas, A lingua das Bolboretas, Pardal foxe da escola para ir A Coruña, e así poder migrar a Bos Aires, pero cada vez que chega ao alto dun monte, máis aló hai outro horizonte montuoso máis alto. Non é gratuíto, pois, que Hiroshi Sugimoto sexa o creador da fotografía Bolden Sea, a portada do álbum de U2 No Line on the Horizon. A letra reitera no retrouso: No line on the horizon, no line… / No line on the horizon, no line…
Nalgún sentido –aínda que sexa con intencionalidade inversa– as instantáneas de Learoyd teñen un nexo de unión coas dilatadas tomas de Sugimoto. Proba diso é a fotografía Whale. Pacífica (2015), de Learoyd.
Cámara escura. Fotografía e pintura. Francis Bacon
As fotografías son, desde logo, artefactos. Pero o seu atractivo reside en que tamén poden ter a categoría de obxectos atopados, rebandas non premeditadas do mundo. Así trafican simultaneamente co prestixio da arte e mais coa maxia dos real, Son nubes de fantasía e cápsulas de información (S. Sontag. On Photography.1973).
Richard Learoyd é un fotógrafo británico actual (nado no ano 1966) que decidiu utilizar a cámara escura de gran formato para retratar persoas cunha beleza especial, reproducir paisaxes en branco e negro coa grandeza de imaxes de Salgado. A cámara escura (the giant camera) que usa este retratista fíxoa el mesmo, no seu estudo, de grandes dimensións. De feito boa parte do seu estudo é a cámara escura. Cando quere retratar a unha persoa, busca a posición que lle interesa, logo vaise para o outro lado da parede (a cámara escura), e mira se a persoa, animal ou obxecto a retratar ten a posición que lle interesa. Logo, ás escuras, coloca o papel fotográfico de dimensións case sempre por riba dos 150 cmx150 cm. (ultimamente usa papel Ilfochrome) e retira o obturador da lente para que a luz impresione o papel, coa imaxe a retratar invertida. Neste vídeo, producido polo MOMA de San Francisco, obsérvase ao fotógrafo dando explicacións dos seus traballos e tamén o funcionamento da propia cámara. No seu estudo todo está deseñado polo propio artista, ata a lente.
Desde a aparición da fotografía, as relacións pintura-fotografía pasaron por diversos estadios; da negación á indiferenza, da confrontación á imitación, da colaboración ao recoñecemento mutuo. No século XIX as e os artistas que se adicaban á pintura viron na fotografía o inimigo: ese sistema técnico reproducía facianas e paisaxes con total fidelidade; a pintura, por tanto, procurou outras saídas expresivas (o impresionismo, por exemplo). En troques, desde 1880, e na primeira metade da pasada centuria, houbo un movemento amplo e duradeiro coñecido como a fotografía pictorialista. Quen así fotografaba atopaba a inspiración na pintura e mais na escultura para chegar á obra de arte por medio de temas caros ás outras artes: nus femininos, temas clásicos. E mesmo destruían os negativos para que só houbese unha copia da imaxe obtida, algo así como a obra pictórica que é única. No traballo de Learoyd tampouco hai copias; a giant camera impresiona directamente un papel fotográfico: a fotografía única.
Richard Learoyd ten declarado que lle interesa moito a historia da pintura, e que nalgunhas das súas creacións procura inspiración nas obras dalgúns pintores ben coñecidos. Será Learoyd un fotógrafo pictorialista? Con seguridade, non. Procurar referentes non significa imitar o traballo doutras expresións plásticas. Pero non deixa de haber coincidencias. Learoyd considera que unha das fotógrafas que máis lle interesan é Julia Margaret Cameron, unha fotógrafa inglesa de mediados do século XIX. Toda unha pioneira. Cameron –tía avoa de Virginia Wolf, foi moi reivindicada polos fotógrafos pictorialistas, e considerada como unha adiantada dese movemento– dedicouse fundamentalmente ao retrato, para os que procuraba poses que aproximaban as súas creacións ás iconografías clásicas da pintura.
A querencia de Learoyd pola pintura e pola súa historia lévao a atopar referentes en grandes figuras da pintura. Na presentación da exposición Richard Learoyd, o fotógrafo –preguntado por quen subscribe estas liñas– afirmou que a peza James with two white curtains fora inspirada directamente polas creacións do pintor Francis Bacon; tanto na posición do personaxe como nas veladuras que ocasionan as delicadas cortinas que rodean á persoa. A posición, a ocultación da face (persoa atormentada?, doída?), a verticalidade da peza (incrementada polas liñas brancas que percorren as cortinas) todo fai indicar que o artista pretende mostrar unha figura pesarosa, con remorsos existencialistas. Non é un retrato ao uso, como moitos outros que agora se poden ver nas salas da Fundación Mapfre.
Richard Learoyd, Fundación MAPFRE, Barcelona. Lanzarote
Coido que me seduce o inmediato da representación de figuras (…) Parece haber aí unha preocupación polo real e non pola imaxinación, e iso resúltame moi atractivo (…) Para min a fotografía vólvese interesante cando cuestiona a barreira da ilusión, cando o desexo do espectador de entender a postura do creador queda frustrado ao ser absorbido na experiencia do mirar (Richard Learoyd).
A mostra que agora ocupa a casa Garriga Nogués (Richard Learoyd), e que logo viaxará a Madrid e mais á Fotomuseum Den Haag, da Haia, ten varias peculiaridades que a fan especial. É unha exposición na que se presentan obras recentes dun artista de pouco máis de 50 anos que se atopa no cume da súa carreira profesional; e logo é a máis ampla mostra de obra de Learoyd que se fixo ata agora. En total a Fundación Mapfre presenta 51 pezas en cor e en branco e negro que sintetizan as liñas fundamentais do seu traballo ao longo da derradeira década: retrato, paisaxe, naturezas mortas.
O método tan peculiar de traballo de Learoyd fai que grandes institucións e museos xa se interesaran pola súa obra, obra xa exposta no Victoria & Albert Museum , London, ou no Paul Getty Museum, Los Angeles. E que xa teñan pezas súas centros de arte tan importantes como o MOMA de New York e mais o SFMOMA (San Francisco), o Centro Pompidou, Paris, a Tate Modern, London ou a National Gallery of Canada, Ottawa.
A comisaria de Richard Learoyd é Sandra S. Phillips, conservadora emérita de fotografía do San Francisco Museum of Modern Art. De “Sandy” –como é coñecida no mundo da fotografía– escribiu Peter Galassi, conservador xefe de fotografía do MOMA de New York e unha das máximas autoridades mundiais no campo da fotografía: Coido que é unha das mellores “curadoras” de fotografía que ninguén teña coñecido. Desde 1989 ata a actualidade vén sendo comisaria de a lo menos unha exposición de fotografía por ano, e responsable dos textos que acompañan as devanditas mostras.
En 2017 a Fundación Mapfre concedeulle a Learoyd unha bolsa para que executase un proxecto fotográfico. Este método leva anos executándoo a Fundación Mapfre con diferentes fotógrafos. Por exemplo, en 2012 Jitka Hanzlová estivo fotografando por Madrid, ao ano seguinte fíxoo Emmet Gowin en Granada, Eamonn Doyle (2018) en Extremadura ou Vanessa Winship, en Almería. Vanessa Winship é unha fotógrafa inglesa moi preocupada e ocupada co concepto e coas realidades que se manifestan nas fronteiras; esas duras condicións de vida que han soportar as persoas que migran.
No caso de Learoyd o proxecto executouse na illa de Lanzarote. O fotógrafo xa estivera alí, e interesáballe esteticamente a violencia telúrica que palpita a illa. Durante semanas o fotógrafo trasladouse a Lanzarote e alí instalou a súa cámara escura (giant camera). Para as paisaxes, Learoyd fabricou unha cámara escura grande en forma de remolque para poder transportala co seu automóbil e así poder fotografar paisaxes. O resultado son visións inquietantes de lava negra que semella abrirse, e por onde vai comezar a saír líquido incandescente. Unha das fotografías que tirou Learoyd na illa de César Manrique está agora nas salas da casa Garriga Nogués.
Vanitas, naturezas mortas
Ao coidar que as imaxes que buscaban proviñan do inconsciente, contidos dos que –como fieis freudianos– consideraban atemporais e universais, os surrealistas non comprenderon o máis brutalmente conmovedor, o irracional, o non asimilable, o misterioso: o tempo mesmo. O que volve surreal unha fotografía é o seu irrefutable patetismo como mensaxe dun tempo pasado, e a concreción das súas alusións sobre a clase social (S. Sontag. On Photography.1973).
A contemplación das realidades e a execución das instantáneas levaron a Learoyd na última década por vieiros heteroxéneos. As súas imaxes únicas –pois non hai copias cando se traballa coa giant camera— poden ser de tamaños máis reducidos cando se trata de reproducir ramos de flores, pólas de árbores con froitos, ou animais mortos, colocados de xeitos especiais por medio de fíos que colgan a figura animal no ar. Todas estas naturezas mortas son reflexións sobre a curtedade da vida; a fraxilidade. En resumo, son vanitas que xogan coa realidade (a existencia do animal) e a ficción (a posición forzada), co sentido da vida e da morte. Neste senso, Learoyd volve o ollar cara a pintura barroca e as súas invitacións á contemplación,
cómo se pasa la vida
cómo se viene la muerte
tan callando
en versos de Jorge Manrique. Un bo exemplo é a instantánea titulada Swan na que o fotógrafo suspende no ar un cisne morto, nunha posición bastante forzada e pouco natural. Iso si, o fotógrafo non oculta os fíos que suspenden ao animal no ar. É o xogo do natural e o afectado, a vida e a ficción. Por non falar da súa famosa Horse Head (2012), cabeza de cabalo branco, situada sobre un pedestal branco, polo que escorre sangue do animal. As imaxes tomadas coa giant camera non teñen profundidade de campo, por iso nesta foto o artista enfocou só a cabeza branca, que aínda conserva o ollo aberto. A imaxe non é patética, nin morbosa. Nada que ver coa famosa secuencia do filme The Godfather (O Padriño), de F. F. Coppola (1972). Máis ben a serenidade que mostra a fotografía de Learoyd aproxímase ás esculturas de Fidias no Partenon de Atenas, que agora se atopan no British Museum. En tempos da democracia de Sócrates e Platón esa cabeza de cabalo repousada no mármore do gran templo dórico formaba parte da cuadriga que conducía a Selene polos vieiros da noite.
Outro tanto se pode dicir doutra das series coas que traballou Learoyd no ano 2017. trátase de fotografías xigantes tomadas a automóbiles que sufriron accidentes e están case que irrecoñecibles. Agora na mostra Richard Learoyd están dúas desas magníficas instantáneas: Crashed and Burned e Crashed, Burned and Rolled. Ambas fotografías teñen 240 cm de longo, e 162 de alto. Segundo declarou o propio retratista, o proxecto sobre estes automóbiles custoulle máis de 250.000 dólares, pois fixo as inmensas fotografías en EEUU. Contemplando o estado no que quedaron eses coches, o espectador pode levar o seu pensamento polos mesmos camiños que vendo un ramo de flores, ou un cisne, ou a cabeza dun cabalo. As imaxes deses automóbiles son vanitas tamén. Son alegorías sobre o paso do tempo (Tempus fugit), son avisos sobre a fraxilidade e fugacidade da vida. Son ataques contra o xigante da trivialidade.
A pintura: retratos e paisaxes. Surrealismos.
Existe pracer na contemplación do conxunto, pero tamén no exame dos detalles máis pequenos: a marabillosa luz, a insoportable e máxica realidade que evocan as imaxes, a especial cualidade translúcida da pel, as brillantes pupilas con mirada interior, como se o modelo fose sorprendido mentres está perdido nos seus pensamentos aínda que mire cara fóra (Sandra S. Phillips , comisaria, sobre os retratos de Learoyd, 2019).
O atractivo que a historia da arte –en especial da pintura– ten sobre Richard Learoyd lévao a tratar de seguir os ronseis de figuras ás que admira. Iso acontece moito nos retratos. Desde os seus comezos, cando traballou para o Scottish Arts Council, andou á procura dos xeitos de facer de Degas, pois el tamén tomou imaxes de bailarinas. Nos retratos que vén facendo nos anos deste século déixase levar polas bandas de Schiele, o pintor expresionista austríaco, e por outros pintores de raizame máis clásica, como é o caso de Vermeer (algún dos retratos de Learoyd mesmo semella estar concibidos seguindo os detalles de luz e poses do autor de A Moza da Perla) ou Ingres. Precisamente na mostra Richard Learoyd está presente un retrato de 2011 titulado After Ingres. É un nu feminino de corpo enteiro (que oculta a face), con pouca profundidade de campo, pero coa calidade e o efcto pictórico, que ben pode ter como referencia algunha das odaliscas do pintor neoclásico francés. A Gran Odalisca é a peza que o movemento Guerrilla Girls aproveitou para denunciar os abundantes nus femininos que hai nos museos, e a ausencia de artistas mulleres nos mesmos espazos. Aínda que tamén se lle poden buscar referentes pictóricos en tantas pezas nas que Tiziano aproveita o tema mitolóxico para executar un magnífico nu feminino; ou na Olympia de Manet, ou Goya e Velázquez.
Preguntado o fotógrafo por que nalgúns dos retratos de mulleres e homes decide situalos sobre fondos claros, nalgúns casos, e sobre fondos escuros noutros; que efecto psicolóxico busca? Learoyd aclarou que no seu estudo-giant camera a luz sempre é a mesma. Que cando quere que a figura do primeiro plano sexa captada con fondos claros, o que fai é mover a parede do fondo cara diante, conseguindo así que a parede se vexa iluminada. Pola contra, cando quere darlle máis profundidade e dramatismo a unha figura, move a parede que pecha o estudo cara o fondo, quedando así fóra da iluminación dos focos.
Seguindo coas referencias á pintura que practica Learoyd, pódese seguir a pista tamén polas paisaxes. Na Glasgow Achool of Art Learoyd tivo como mestre a Thomas J. Cooper, un fotógrafo paisaxista norteamericano que estivo décadas aprendendo fotografía á xente nova en Glasgow. A práctica fotográfica de Cooper ten unha pegada romántica: rochas agrestes, cantís que descenden a chupe sobre o mar, escenarios tan do gusto, tamén dos pintores románticos. Este profesor influíu en Learoyd ata o punto que, anos despois, viaxará a EEUU para observar e fotografar as paisaxes primixenias, salvaxes, telúricas do Oeste daquel país, dos que lle falara Cooper. O autor de After Ingres procurou aquela “terra virxe” da que lle falara Cooper, e tamén das novas miradas que dirixiran sobre esas paisaxes os compoñentes do movemento New Topographics, un fato de persoas que xogaban nas súas imaxes coa natureza e con esta alterada pola acción da humanidade. Dentro deste cupo están as instantáneas que –coa súa giant camera móbil, feita por el mesmo– captou Learoyd no parque de Yosemite e nas costas de Califirnia. Un exemplo é a xa famosa toma da Whale. Pacifica (2015), a fotografía dunha fermosa praia sobre a area da que se ergue un vulto informe que non vén sendo outra cousa cos restos dunha gran balea.
Hai máis sobre paisaxes, sobre esas imaxes en branco e negro que o autor de Crashed and Burned vai facendo por exteriores que lle atraen. Tal é o caso das viaxes que fixo polas terras de Flatford e mais polo río Stour, onde tomou instantáneas de bosques escuros, de marismas e cursos de auga. Por que viaxou precisamente a eses paraxes de Inglaterra? Pois pola poderosa razón de que nesas paisaxes foi onde alimentou as súas obras un dos grandes pintores paisaxistas ingleses: John Constable, que pintou –con doces aires roma´nticos– mormente a comezos do século XIX.
A magnífica exposición Richard Learoyd, a máis ampla mostra de traballos deste peculiar e atractivo fotógrafo é unha grande oportunidade para coñecer (e tratar de adiviñar) as querencias do autor de After Ingres polos pintores que lle atraen, e que dun xeito ou outro procura seguir nas súas exploracións das realidades, desde a súa giant camera, e que lle permiten chegar ao estadio de contemplación.
Como ben di Susan Sontag, as imaxes de naturezas mortas, retratos ou paisaxes non deixan de ter un compoñente surrealista en tanto que pretende o imposible: deter o tempo. No caso dos retratos, as posicións, a ocultación das faces en moitos casos e outros detalles cos que Learoyd prepara á/ao modelo para lograr a imaxe, son dignos de estudo por parte de psicanalistas. Por que contorsiona as figuras humanas? Por que oculta as faces? Que ditados do subconsciente hai nas prácticas do fotógrafo?
*
EXPOSICIÓN: Richard Learoyd. Fundación Mapfre-Barcelona, ata o 8 de setembro de 2019.
You might also like
More from Crítica de arte
«O meu corpo é a miña arte viva»
Hincapié. Vitrina, 1989 A frase anterior foi escrita pola artista María Teresa Hincapié, que aproveitou a súa formación teatral para facer …
25 anos do Museo Guggenheim Bilbao: arte e vida
25 anos do Museo Guggenheim Bilbao: arte e vida. O Museo Guggenheim Bilbao este ano chega ao seu aniversario número …