Resulta pracenteiro comprobar que, con regularidade, a iniciativa privada supera os pulos das entidades públicas na oferta expositiva da arte. A arte, esa actividade que seica non serve para nada, pero que é tan esencial no decurso das comunidades humanas. A galería Gothsland presenta unha mostra, extensa e de calidade, sobre a taberna de Els Quatre Gats e a cidade de Barcelona; un tránsito pola creatividade artística. Un traballo que merece parabéns.
*
Barcelona i Els Quatre Gats. Un gir vers la modernitat. Galeria Gothsland
Sens dubte l’origen dels Quatre Gats a Barcelona va tenir la influència directa de Le Chat Noir de París. En totes dues ciutats, la capital francesa i la ciutat comtal, es van succeir una sèrie de fets històrics i geopolítics que van proporcionar el sorgiment d’una generació d’artistes i intel·lectuals que van marcar el nou rumb de l’avantguarda cultural. Els artistes d’aquella generació van voler diferenciar-se dels academicismes i les decisions polítiques que van comportar a un desastre social, cívic i nacional. Ells van marcar el punt de partida de la renovació cultural en les dues ciutats. (Gabriel Pinós, 2019)
A galería de arte Gothsland –da ben coñecida familia, no mundo da arte barcelonesa, Pinós– abre nas súas dependencias da rúa Consell de Cent 331 a mostra Barcelona i Els Quatre Gats. Un gir vers la modernitat. Todo un luxo. Unha demostración de que a iniciativa privada segue a presentar na cidade de Barcelona o que non saben (ou non queren?) facer as institucións públicas. O esforzo que o señor Gabriel Pinós e o seu equipo tiveron que facer para presentar tan interesante exposición merece todas as loas e respectos. Tanto polos seus contidos como pola calidade das pezas presentadas en Barcelona i Els Quatre Gats. Un gir vers la modernitat esta mostra merece a consideración de exposición museística. Cómpre salientar que a taberna-cabaret Els Quatre Gats foi un polo de atracción –nos derradeiros anos do XIX e primeiros do XX–, un niño de creatividade artística para as tendencias que ían xurdindo en Europa. Por que non a programou o MNAC, o museo referencia de Cataluña?
Barcelona é a vila onde floreceron as primeiras galerías de arte en España, alá polos anos 70 do século XIX, onde a burguesía destinou, perante décadas e décadas, parte dos seus cartos á inversións en obras de arte. Hogano semella que iso está esmorecendo. O escritor, periodista e experto no mundo cultural, Sergi Vila-Sanjuán, vén de publicar o artigo ¿Qué pasa en el mundo del arte barcelonés? no suplemento Cultura/s (que dirixe) do xornal La Vanguardia. Ao longo das liñas do citado escrito, Vila-Sanjuán enuncia feitos e opinións (como a de Mónica Ramon, actual presidenta do Gremio de Galerías de Arte de Catalunya) cos que concluír que no mundo da arte barcelonesa pasa algo; algo serio. Por exemplo que en xuntanzas ás que foi invitado o escritor polo concello de Barcelona, as persoas asistentes pediron accións para dinamizar o mundo artístico na cidade, dada a mala situación do sector. Dentro das dificultades e/ou freos que poden influír no mundo artístico desde as actuacións políticas e económicas, sorprenden indefinicións, eivas e involucións de institucións tan relevantes como poden ser os museos públicos cataláns, mormente o MNAC (Museu Nacional d’Art de Catalunya) e mais o MACBA (Museu d’Art Contemporani de Barcelona). Os casos son numerosos. Os analistas sorpréndense moito de que a gran exposición conmemorativa do décimo aniversario do pasamento de Josep Guinovart –celebrado hogano– a tivese que programar unha fundación privada, a Fundació Vila Casas, e non o MACBA, Ou que a exposición que o MACBA fixo sobre a obra de Jaume Plensa, un grande escultor con obra por todo o mundo, fose unha mostra “curta”, que tiña que ter sido moito más ampla e representativa das diversas liñas de traballo do escultor en ferro. E que o MNAC –que en principio ten como obxectivo dar a coñecer a arte catalá anterior a 1940– programe exposicións sobre temáticas tan actuais como a de Liberxina, ou a da revista El Víbora, ou a do fotógrafo Oriol Maspons. Todo un despropósito.
Barcelona i Els Quatre Gats. Un gir vers la modernitat. Publicación
«L’home de les grans idees i de les grans iniciatives al nostre país». Amb aquestes paraules, Josep Palau i Fabre definia la figura de Miquel Utrillo, un personatge polifacètic, polièdric i en constant transformació, que per mèrits propis esdevingué indispensable per l’evolució de l’art català de finals del segle XIX i principis del XX. Tot i la rellevància que assolí a través de les diverses iniciatives que encapçalà al llarg de la seva vida, entre elles la creació a Barcelona de Els Quatre Gats, mai ha rebut tota l’atenció que mereixeria per part dels especialistes. (Sánchez Sauleda, 2019)
Fronte a esa parálise pública, as galerías de arte privadas son quen de demostrar que o traballo, o esforzo, ten froitos ben sobranceiros. Este é o caso de Barcelona i Els Quatre Gats. Un gir vers la modernitat. Os responsables da galería Gothsland conseguiron xuntar máis de cen obras. 100 pezas artísticas de moitos e variados artistas: Ramon Casas, Pablo Gargallo, Xavier Gosé, Adrià Gual, Manolo Hugué, Josep Llimona, Eliseu Meifrèn, Ricard Opisso, Joaquín Sorolla, Pau Roig, Santiago Rusiñol. Un elenco extraordinario, e enmarcado dentro das lindes temáticas da exposición. Para optimizar aínda máis a proposta expositiva, as pezas presentes en Gothsland son pinturas, debuxos, carteis, esculturas, fotografías de época. E como se trata de ofrecer ao público unha mostra duns anos moi concretos da vida da cidade, están presentes tamén unhas cantas pezas de mobiliario modernista. Por se todo iso non chegase para cualificar Barcelona i Els Quatre Gats. Un gir vers la modernitat como un acontecemento cultural, entre as obras colgadas nas paredes da citada galería hai obras inéditas: dous debuxos de Ricard Opisso, un sobre Gaudí, e outro sobre Carles Casagemas.
A importancia desta exposición monográfica e diversa á vez vese inzada polo feito de que sobre Els Quatre Gats nesta vila téñense programado algunhas exposicións, poucas. No ano 1995 o Museu Picasso presentou Picasso i els Quatre Gats, e no 2005 correspondeulle a Els Quatre Gats de Casas a Picasso, no Museu Diocesà. Isto axuda a incrementar a valía da aposta do señor Gabriel Pinós.
A importante exposición Barcelona i Els Quatre Gats. Un gir vers la modernitat é o froito dun traballo exhaustivo de pescuda durante anos, que contou con colaboradores e expertos no mundo do modernismo. Cómpre salientar, tamén, que a galería presenta o primeiro libro dedicado exclusivamente a Els Quatre Gats, dirixido por Gabriel Pinós e con colaboracións de profesionais como Vinyet Panyella, Juan Carlos Bejarano, Sebastià Sánchez Sauleda ou Pau Medrano-Bigas. Unha publicación coidada e ben documentada que, baixo o mesmo título, acaba de sacar do prelo Gothsland: Barcelona i Els Quatre Gats. Un gir vers la modernitat. Este traballo de pescuda vén encher un baleiro existente ata agora encol da vida artística na idade de Barcelona a comezos do século XX. Parabéns polo traballo feito.
É relativamente habitual atoparse escrita a sentenza A arte non serve para nada. Poida que sexa certo, que a creación artística non teña unha finalidade precisa. Quizais a súa intencionalidade vaia polos vieiros de incomodar, provocar reaccións. Pero a arte –en todas as súas manifestacións– é unha importante actividade humana. Non hai moito deuse a coñecer o que ata agora se consideran as pinturas rupestres máis antigas pintadas por humanos, as primeiras pinturas en Indonesia, cunha antigüidade aproximada de 44.000 anos. Esta datación é o duplo da que se dá para as pinturas de Altamira, por exemplo. Por que os devanceiros xa precisaban gravar en pedras (seguramente tamén o facían noutros materiais perecedoiros: óso, madeira) escenas das súas actividades? A supervivencia daquelas comunidades, tiña nas materializacións estéticas instrumentos de cohesión? A arte é parte esencial do acontecer humano. Por iso é tan gratificante atoparse con mostras como que agora se comenta.
Els Quatre Gats na cidade de Barcelona
El 1897, el mateix any que obria Els Quatre Gats, molt a prop s’inaugurava un dels establiments més refinats de la capital catalana, la Maison Dorée, creat a imatge de la Maison d’Or de París. Els Quatre Gats s’inspirà en un local ben diferent, el cabaret Le Chat Noir. L’aparició gairebé simultània d’aquests dos espais ens serveix per entendre una realitat social tan complexa com la Barcelona del tombant del segle XIX al XX. Malgrat la seva aparent disparitat –el primer anava destinat principalment a un públic burgès; el segon, a un més bohemi-, ens trobem que aquí, com en altres indrets de la Barcelona d’aleshores, la població els convertí en punts de trobada i confluència (Juan Carlos Bejarano, 2019).
O establecemento hoteleiro Els Quatre Gats abre no ano 1897, na rúa Montsió (antes de Sant Josep), nunha das rúas do chamado Barri Gòtic. O tal Barri Gòtic semella ter bastante máis de Neogótico que propiamente de barrio baixomedieval. As probas están publicadas en extenso, con teses doutorais e todo polo medio.
Precisamente esta taberna, froito da iniciativa de xente nova e artística como Santiago Rusiñol, Ramon Casas, Joaquim Mir, Miquel Utrillo, entre outros, e contando coa figura estelar e empresarial de Pere Romeu, quen pasou a ser a imaxe viva de Els Quatre Gats (tal e como se pode ver na pintura-cartel de Ramon Casas que presidía o local: Ramon Casas i Pere Romeu en un tandem) estaba situada nos baixos da coñecida co nome de Casa Martí, pois tal era o apelido do empresario que mandou construír. A casa Martí é o primeiro proxecto executado polo novo arquitecto Puig i Cadafalch, un dos grandes do modernismo catalán, no ano 1896. O seu estilo xa entra dentro do modernismo e, por suposto, do neogoticismo que xermolaba por toda Europa (Puig i Cadafalch era admirador da arte flamíxera das terras flamencas e xermánicas. Como anécdota dicir que Eugeni D’Ors –o que foi pope do Noucentisme (autoproclamado Genius), que logo nas súas erráticas derivas chegou a ser voceiro do franquismo– definiu o estilo da casa Martí como gótico-puigcadalquesco mozo de escuadra-catalán. Na súa arquitectura identifícanse arcos oxivais, arcos conopiais, combinación de pedra con ladrillo vista, pináculos e máis elementos que definen a casa Martí como un claro exemplo de arquitectura neogótica.
Els Quatre Gats seguiu aberta ata o ano 1903. En total seis anos que deixaron pegada na vida desta cidade. Alí facíanse tertulias, exposicións, ceas, xuntanzas artísticas, así como espectáculos de sombras chinesas, que tanto agradaban daquela pola novidade. Polos seus locais pasaron con asiduidade músicos como Albéniz, Granados e Millet. Outro dos habituais foi Antoni Gaudí, xunto co artista polifacético Torres García, o pintor de xitanas Nonell ou o debuxante Ricard Opisso. Todo un luxo; a mestura de creatividade e bohemia. En 1899 Pablo Picasso, con 17 anos, presentou alí a súa primeira exposición de arte, na sala grande, e fixo o cartel que se empregou portada do menú de Els Quatre Gats. E aínda se publicou unha revista co mesmo nome da taberna, Els Quatre Gats.
Els Quatre Gats e os artistas
L’establiment, inaugurat el juny de 1897, era el biòtop natural d’aquella espècie vagament antropomorfa, endèmica de les terres catalanes, que feia una aturada més o menys perllongada en la ruta migratòria i de diàspora que sovint passava per París. Els Quatre Gats era el lloc de trobada on els adults, ja sedentaris, compartien mestratge i experiències amb els joves enlluernats i atrets pel focus de la Ville Lumière i l’obscuritat de les nits de Montmartre (Pau Medrano-Bigas, 2019).
A taberna de Els Quatre Gats –o seu nome fai choscadelas ao local bohemio e parisiense de Le Chat Noir, de famoso cartel, e tamén a expresión irónica sobre a asistencia ao antro– tivo unha vida curta, pechou por débedas, pero foi un foco na vida cultural barcelonesa, mormente para a mocidade que apostaba polos novos aires que ían chegando de París. Como xa se dixo, polas súas instalacións na rúa Montsió pasaron pintores, escultores, arquitectos de moi recoñecido nome. De Gaudí a Casas, de Llimona a Picasso.
Na mostra da galería Gothsland, Barcelona i Els Quatre Gats. Un gir vers la modernitat, están presentes creacións de moitos deses artistas que pasaron pola taberna bohemia. Xunto co propietario, Pere Romeu, todo un personaxe en si propio, xurdía a figura de Ramon Casas, un “tándem humano” para tirar do proxecto. Co gallo do 150 aniversario do nacemento do autor de La Cárrega, fixéronse vai para catro anos un mangado de exposicións –incluídas no chamando Any Ramon Casas–. En Sitges, a vila onde Santiago Rusiñol se instalou no Cau Ferrat, celebrouse a mostra La Modernitat Anhelada, No Cercle del Liceu de Barcelona outra ben distinta: Júlia, el desig, un traballo sobre a importancia de Julia Peraire na vida e obra de Ramon Casas.
Agora na galería Gothsland pódese disfrutar da contemplación de pezas de valor, incluso inéditas. Tal é o caso de Gaudí agonitzant, de Ricard Opisso. Despois do accidente que sufriu o arquitecto, de que non aparecese polas obras da Sagrada Familia e de que buscasen pola cidade, atopárono no hospital da Santa Creu, agonizando. Entre as poucas persoas que o acompañaron nos últimos transos de vida –amén de médicos e enfermeiras– acompañárono o escultor Josep Llimona e o debuxante Ricard Opisso, que é o autor deste debuxo sobre papel, feito con carbón.
Do lapis de Ricard Opisso tamén saíu un debuxo (1899) que representa a cabeza de perfil do artista Carles Casagemas, gran amigo de Picasso e que se suicidou en París con só 20 anos, parece ser que pola súa frustrada relación coa modelo Germaine Gargallo. Deste deseño nada se sabía tampouco. Da estancia de Opisso en París hai na mostra varias producións, por exemplo un debuxo que representa a Toulouse-Lautrec de paseo cunha muller. Esta obra vén a demostrar que Opisso e o gran cartelista coñecéronse.
Pola súa parte está nas paredes de Gothsland un debuxo que Ramon Casas lle fixo ao señor Vicente Bosch, o propietario da fábrica de bebidas alcohólicas Anís del Mono. A relación entre os dous homes comezou cando o dono da fábrica de anises convocou un concurso para o cartel do seu produto, e gañouno Casas. Co cartel de Ramon Casas nacerá a imaxe do mono desta marca coa face de Charles Darwin como crítica á teoría da evolución. Para pór outro exemplo de cartel, véxase o icónico de Cigarrillos París, do artista Aleardo Villa. Nestas datas, e baixo o paraugas do modernismo foi habitual a utilización comercial do corpo das mulleres como reclamo. Hai cen anos, si. E agora?
Barcelona i Els Quatre Gats. Un gir vers la modernitat, unha exposición moi recomendable. Galería Gothsland, ata o 28 de febreiro.
You might also like
More from Crítica de arte
«O meu corpo é a miña arte viva»
Hincapié. Vitrina, 1989 A frase anterior foi escrita pola artista María Teresa Hincapié, que aproveitou a súa formación teatral para facer …
25 anos do Museo Guggenheim Bilbao: arte e vida
25 anos do Museo Guggenheim Bilbao: arte e vida. O Museo Guggenheim Bilbao este ano chega ao seu aniversario número …