L’amour et les fôrets (El amor y los bosques, na tradución ao castelán), do autor francés Éric Reinhardt, ou todo un chamamento sobre a vida interior e os desexos que existen sobre o cotián.
O autor que se ficciona a si mesmo comeza desvelando, a través da relación con Bénédicte, que somos persoas contradictorias, que no noso mundo interior sempre estamos divididos e que a través dos personaxes é posible unificarse malia sentir unha realidade fragmentada.
Fala do seu traballo como escritor, como sente o proceso narrativo mentres é capaz de alixeirar as trabas mentais, solta peso, e iso lévao á velocidade da luz a construír mundos. Logo, cando regresa á realidade percibe un desdobramento, entre o seu eu escritor e o seu eu persoa normal, e nesta dicotomía aparece a parálise porque sabe que é difícil volver a dar o máximo de si mesmo nesa viaxe ascendente cara a novas exploracións. Aproveita a relación coa lectora para analisar o seu último traballo, no que a partir de catro liñas creativas amosa a diverxencia entre personaxes que parten dun mesmo punto común pero que son dotados de vivencias e medios distintos dende que cumpren dezaoito anos.
A lectora complementa a visión do escritor e asegura que o libro se escribe para que viñese ao mundo un ser reconciliado consigo mesmo e fornecer unha trampela inesperada para saír do mundo real. A través do alimento que ofrecen os libros a lectora toma valor para inventar tódolos días a súa propia vida. Empregando outros textos, como “O pracer inesperado” se resume a relación coa realidade a través do encantamento, a éxtase, revelación e transformación, un camiño para baixar á propia vida interior e realizarse, ou unha fuxida cando o que hai no cotián non é satisfactorio.
O libro está sometido a constantes retroalimentacións entre os personaxes, iniciándose coa presentación do retrato físico e psicolóxico de Bénédicte, de quen nos queda claro que é un ser case invisible ante os demais. Ao longo da novela o autor vai tecendo a historia empregando distintos recursos e puntos de vista, fundamentalmente escribe a realidade a partir do punto de vista de B., e en función dos relatos que ela lle fornece, e que incluso dentro deles, só amosa a parte que desexa compartir gardando para ela partes vitais, como é o caso da súa enfermidade. Cando o autor, que é quen leva a historia ata puntos sublimes, quere mudar o punto de vista e completar a información, porque el non é un narrador omnisciente, busca o alter ego da protagonista, nada mellor que ubicala radicada nunha familia de orixe, distinta á formada polo matrimonio, que lle revela datos esenciais sobre a vida pasada da lectora e tamén como foi o seu desenlace.
Con toda esta amalgama o libro parece estruturarse en catro partes diferenciadas, a primeira o inicio da relación entre escritor-lectora, a segunda a vida da lectora a través dos seus ollos, a terceira o achegamento a súa irmá xemelga e a derradeira, o capítulo que trascende á súa morte e que sublima o momento máis feliz de Bénedicte xunto con Christian, unha unión case mística (ben, que se me ocorreu pensar, dentro da tradición cristiá, na palabra Cristo bendito, que vén sendo dalgún xeito a unión deses dous nomes, en fin, que seguro que iso é unha chorrada miña, pero que mira, ¿por que non?).
A historia que ao final temos na cabeza coma se nos pintasen un lenzo é unha realidade bastante frecuente hoxe en día e o único xeito de trascendencia desa realidade concreta é baixar a un mundo interior no que a protagonista pode instalarse e vivir. O certo é que o autor é capaz de transmitirnos emocións coñecidas, non soa nada estraño no discurso e achégase á alma, ao máis delicado da personaxe e tamén de nós mesmos. ¿Como poder respirar co abafo constante dun mundo sórdido? Nese espazo de obrigas e de falta evidente de respecto e amor técense as bágoas máis amargas, as que provocan que non se queira pasar pola vida como unha ameba, a necesidade de saír do afogo e de respirar, de sentirse querida. Un feito cotián e agresivo pola parte do marido, a pinga que lle reborda o vaso, énchea de valor para abrir unha ventá ao mundo, unha aplicación insignificante que lle regalaría o día máis feliz da súa vida, o día que necesita para poder seguir soportando ser un cárcere con patas, e tamén o máis complicado porque por ese intre o seu home sométea a tratos degradantes ata rematar nun sanatorio onde ela atopa o seu lugar e se entrega con liberdade, á escrita e a memoria do seu Christian.
¡Ai, que mágoa non ser capaz de fuxir desa realidade!, ela estaba totalmente capada polo fucarán, o seu único xeito de saír foi na caixa. Iso, a verdade non me gusta, eu teceríalle outro final, outras opcións, a imaxe do personaxe do marido acaba sendo moito máis miserable do que xa se pintaba coa ruindade nos derradeiros intres da muller. Chegas a sentir unha mágoa fonda e tamén noxo. O personaxe feminino desexaba entender, grazas ao libro que fixo que contactase co autor, que era posible construírse a propia vida e que esta fose fermosa.
O autor ao comezo do seu alegato pregúntase que sería del se aos vintetrés anos non coñecera á súa muller, cando escribe está ben documentado pero logo toda esa documentación comeza a esluírse coma se se independizase de todo realismo onde as personaxes parecen converterse en inquietamente reais, ante o cal, cuestiónase quen é real e quen non, e os personaxes da novela rematada da que fala antes de dar forma a este libro encarnan para el tres categorías que lograra esquivar: o afán de poder e riqueza, o afán de vinganza e violencia suicida e o afán de enclaustramento e existencia virtual; a non ser que a súa vida se limitase a sintetizar os tres respectivas ansias desas categorías, desembocando no escritor en que se converteu, ávido de notoriedade e solitario, e aproveita para facer un autorretrato psicolóxico das súas principais características ao tempo no que podemos clasificar nalgunha destas categorías as experiencias vividas polas personaxes, que dalgún xeito aparecen todos eles ao longo do libro, como por exemplo, a necesidade de poder, o primeiro marido de B., vinganza e violencia suicida, o segundo marido, enclaustramento e existencia virtual a protagonista, por poñer uns exemplos.
Devorei o libro a fin de semana pasada e agora, nesta fin de semana aproveito a poñer estas reflexións. Hai moito máis, cousiñas que cando as lía me resultaban bastante habituais. Os libros que fan medrar a unha por dentro son os que se achegan aos bosques interiores e íntimos e permiten percorrelos con moitos matices, como se camiñasemos a carón dun río baixo as follas fermosas do outono.
You might also like
More from Beatriz Dacosta
Toxomar é unha utopía (e V), por Beatriz Dacosta
TOXOMAR É UNHA UTOPÍA é un conxunto de poemas escritos ao redor dos anos 2001-2002, que ben se podería ter …
Toxomar é unha utopía (IV), por Beatriz Dacosta
TOXOMAR É UNHA UTOPÍA é un conxunto de poemas escritos ao redor dos anos 2001-2002, que ben se podería ter …