– Marta rouboume os cartos! Os cartos do meu peto!
Quen berraba, coa melena recollida nunha cola que brincaba ó compás da súa indignación, era a súa filla Natalia. Tiña seis anos e gardaba as moedas esporádicas que lle daban eles e outros parentes adultos nun peto con forma de coelliño de porcelana. Agora que aprendía a contar Natalia gustaba de abrirlle o bandullo ó coello, contar as moedas, clasificalas, calcular o seu valor e volvelas meter dentro. Aquelas moedas éranlle moi prezadas á nena como colección en aumento, como pequena cobiza. Pero non, aínda non coñecía o significado do diñeiro e o que pode facer coas persoas.
Malia todo, amosáballe ó pai o seu coello de porcelana. Axitábao, dáballe viravoltas coas mans: non soaba, estaba baldeiro.
– Rouboume as moedas! Ladroa!
Sinalaba para o outro curruncho. Alí estaba a principal sospeitosa do crime: a súa irmá Marta. Tres anos de idade, mirando curiosa para a vítima e o policía: el, Manel, o seu pai.
– A túa irmá non foi, que non sabe nin para que son os cartos. Caerían polo chan.
– Non tal! Xa mirei por todo!
Non tiña ganas de lerias, mais o caso era raro. Non grave, pero raro.
– Deixa a túa irmá tranquila. Logo miro eu. Non te preocupes, que imos atopar as moedas, e se non, douche eu outras.
– As mesmas?
– Iguais que as que perdiches.
Natalia deuse medianamente por satisfeita e liscou en silencio. O pai abaneou a cabeza. Non puido evitar relacionalo con outra anécdota daquela mañá, noutro mundo, no mundo dos adultos.
Foi onda a súa muller, Natalia tamén, a Natalia Grande, que andaba pola cociña colocando alimentos.
– Tes cartos soltos? -preguntoulle.
– Nin un peso. Debino de gastar todo onte na tenda.
Manel abaneou de novo a testa. Contoulle que retirara pola mañá unha cantidade do caixeiro e que non gastara nada camiño do traballo. Horas máis tarde mirou na carteira e non había nada de diñeiro en metálico. Concluíu que o seu compañeiro, o novo, lle andara no armario e lle roubara. Non o acusou porque non tiña probas, mais non se lle ocorreu outra explicación. Non era unha cantidade grande, mais era polos principios.
– Pero agora tamén che faltan cartos a ti e ata lle faltan a Natalia Pequena.
Manel relatoulle o vivido coas nenas había poucos minutos.
Soou o timbre. Xa o esqueceran, pediran pizzas para cear, non lles apetecía moito cociñar. Decatáronse de que non tiñan cartos para pagarlle ó repartidor.
Abríronlle, recolleron as pizzas e preguntáronlle se podían pagar con tarxeta.
– Vostedes tamén? Hoxe ninguén ten cartos en efectivo ou que pasa? Pois precisamente hoxe o lector de tarxetas non anda alá moi ben.
En efecto, o pago non foi posible con ningunha das tarxetas da parella. Querían morrer de vergoña. O repartidor tranquilizounos.
– O da tarxeta non é culpa súa, hoxe non funcionou con ningún cliente. Debe de ser este fedello.
– Canto o sinto. Vai ter que levar as pizzas de volta.
– E que fago eu con dúas pizzas frías? Queden con elas. Vostedes son de confianza. Apúntollo e a vindeira vez que pidan, páganme o de hoxe tamén. Pero téñanme cartos en efectivo, que con este demo de chintófano nunca se sabe.
Que rapaz tan amable. Mais Natalia Grande e Manel comeron nas pizzas con preocupación, ó contrario que Natalia Pequena e Marta, alleas ós problemas do capital e amantes, respectivamente, da Speziale e da Hawai con ananás.
Máis tarde, despois de deitar as nenas, Manel entrou coa aplicación do seu móbil na súa conta bancaria. Estaba a cero. Natalia Grande consultou a súa, noutra entidade distinta, con idéntico resultado. No ordenador entraron nas súas contas en liña, mesmo as de aforro e as tarxetas de crédito. Todas funcionaban desde un punto de vista técnico, mais non había un can en ningunha. Só un último movemento de saída de orixe descoñecida equivalente á cantidade que había esa mesma mañá. Saldo actual: cero. Coma cero céntimos.
A parella mirouse en silencio, case en pánico, Natalia Grande tapábase a boca malia non emitir ningún son. Xirouse e sinalou algo nos andeis que tiña detrás: o grande tarro de vidro onde ían guindando os céntimos sobrantes das compras. Cando estivera cheo farían algo con eles, ir de festa, (avogaba el) darllo á caridade (porfiaba ela). Estaba case cheo a última vez que miraran. Agora estaba baldeiro.
Había varias explicacións posibles ó problema das contas, desde as racionais ata as paranoicas. O das contas bancarias podería ser un erro xeral do sistema (algo insólito e porén factible), ata un ataque cibernético, un roubo a grande escala. Mais a desaparición dos cartos tanxibles, moedas e billetes, era xa cousa de meigallo, algo inexplicable. Algo fixeran mal, eles e o resto dos humanos, e agora estaban a ser castigados.
Natalia Grande e Manel estiveron discutindo unha hora sobre o que pasara e o que ían facer. Un dos dous dicía algo e o outro retrucaba con algo ou gardaba un silencio reflexivo. Un mundo sen cartos. Preguntaron a algúns amigos por vía da mensaxería do móbil: todos miraron e todos tiñan as contas a cero. Tamén dos pais de Manel. Os de Natalia eran analfabetos nas cuestións de móbiles, tecnoloxía e internet, polo que esa noite durmirían tranquilos.
Porén, ningunha das mensaxes fixo mención ó dos cartos en metálico. A parella arrombou os seus móbiles a un carón e mirouse desesperada.
Fixeron o plan para o día seguinte. Natalia decidiu que seguirían coa súa rutina: ela iría deixar Natalia Pequena no colexio, logo a Marta na gardería e logo acudiría á oficina, coma sempre, como se fose recibir un salario a final de mes para pagar, por exemplo, o colexio e a gardería. Iso, se lle abondaba a gasolina: non podía repostar. Manel, pola súa banda, tiña o día libre. Iría ó banco pola mañá a informarse.
– E se isto non se amaña? -un minuto despois de pronunciar esta pregunta, ningún dos dous sabería dicir se a formulou el ou ela mesmo ou a súa parella.
O primeiro eran as fillas. O home tíñao claro, farían como o que lle contaran da Guerra Civil: enviarían as cativas á aldea cos avós, os pais de Natalia Grande. Alí nunca sobraron os cartos mais tampouco faltaría a comida: o que daban a terra e as bestas. Sería como unhas vacacións. A cidade volveríase violenta, sen seguridade, o Estado esboroaríase, os bancos e as empresas afundiríanse. A guerra. Pensou, non sabía por que, nos drogadictos. Sen cartos e coa abstinencia sairían dos seus tobos na procura de droga, farían calquera loucura.
Natalia, en cambio, sen contradicir o seu marido, víao como un novo comezo. A xente boa reuniríase, colaboraría, autoxestionaríase. Non sabía moi ben como, pero sería o comezo dunha nova democracia. Mais no entanto, concordou, cumpría protexer as nenas.
Buscaron respostas nas novas da televisión, sen éxito. Logo na internet. Os grandes medios tampouco se facían eco do que acontecía, mais a xente especulaba en foros e bitácoras. Ninguén podía desde a noitiña pagar con tarxeta, facer transferencias ou sacar cartos dos caixeiros. E ninguén sabía a causa.
Natalia Grande apagou o ordenador, quedou de novo en silencio e chorou queda, con bágoas e sen pranto. Ó outro lado da mesa Manel tapaba a cara coas mans. Decidiuse e foi consolar a súa esposa. Non estiveran moi próximos nos últimos meses. Bicouna na cara quente e mollada, ela respondeu.
Tiveron sexo alí mesmo, el de pé e ela ofrecida sentada encol da mesa da cociña. Fixérono como se fose a fin do mundo, se cadra érao de vez, mais amodo e en silencio para non espertar as nenas. Había semanas que non o facían en absoluto, e meses que non obtiñan o un do outro outra cousa distinta a un intercambio de fluídos rápido, mecánico e sen sorpresas.
Ó remate abrazáronse, rindo en silencio. Foi como quitar un peso de enriba. El vestiuse e decidiu:
– Mañá mesmo chamo os teus pais e levo as nenas á aldea. Non están seguras aquí. Se a cousa acouga, traémolas de volta.
Ela bicouno. Foron para cama. Para a súa sorpresa, durmiron de contado.
Pouco despois de soar o espertador pola mañá apareceron as dúas nenas no dormitorio dos adultos. O pai estaba completamente espido, a nai, cunha camisola do pai e sen bragas, pero por fortuna estaban cubertos polas sabas de cintura para baixo. Ademais, as nenas viñan con problemas máis serios.
– Foi Marta, xa volo dixen, foi ela quen me quitou as moedas. Meteunas no penico, que noxo!
Efectivamente, Natalia Pequena termaba do penico de plástico de Marta, por fortuna seco e limpo, e no fondo amoreábanse moedas de todos os tamaños e algún billete de pouco valor: os aforros do peto da súa nena maior. Mais Natalia Grande e Manel só vían cartos, cartos reais, en metálico. Tal e como pensaran que nunca verían máis.
– Natalia, nena, dime unha cousa -ocorréuselle á muller-: colliches ti os céntimos do tarro da entrada?
– Si, papá deume permiso. Díxome que ía repoñer os meus cartos. Mais agora xa podes levalos.
A nai mirou ó pai, este bufou. Natalia Pequena sempre tendía a interpretar as cousas ó seu xeito e conveniencia.
Natalia Grande buscou o seu teléfono móbil, acendeuno e tecleou freneticamente. Manel miraba para a pequena pantalla, calado. As cativas, aburridas, marcharon da habitación, deixando no chan o penico cheo de moedas.
– Estou na nosa conta… está ben, cos nosos cartos, parece todo en orde. Foi un problema, din as novas, de toda a banca mundial… descartan un ataque cibernético… máis ben un colapso, un erro en cadea. Amañárono ás catro da mañá. Todo volve a estar como antes.
Vestíronse, aquelaron as nenas e almorzaron os catro. As fillas xa estaban coma sempre, nin sequera parecían lembrar o incidente das moedas. Os pais actuaban maquinalmente, conmocionados.
Natalia Grande, antes de saír coas cativas, bicou o seu marido brevemente, como decotío. Mais logo houbo un segundo bico, máis intenso. Quedaron ollándose.
– Que cabrón! -soltou Manel de súpeto.
– Quen?
– O meu compañeiro. O novo. Daquela si que me roubou os cartos da carteira!
You might also like
More from Francisco Castiñeira
Cuspidiños
E non sabes con quen me atopei? Coa Sabela, a do Roxo. Si, ía ben de tempo sen vela, porque …
O escribente
- Que queres? -inquiriume secamente o vello. Medio corpo tapado pola porta que abrira só en parte, o outro medio …