Canto máis tempo haberá que carrexar o peso dos pecados? Pere e Josep Santilari presentan obras na galería Artur Ramon sobre o tema dos sete pecados capitais. Os deseños e as pinturas destes dous artistas de traxectoria realista volven exhibirse para deleite dos sentidos e pracer de quen as pode contemplar. As vanitas creadas polos Santilari convidan a unha viaxe sensitiva, desde o barroco ata o día de hoxe.
*
Os sete pecados capitais. Os praceres da vida
Pero el pecado es tormentoso y arrebata en su remolino a quien lo roza.
Sopla y cambia de piel con la velocidad del fuego que devora los mejores propósitos
y no consigue nunca disimular con bellos atavíos el rabo y la pezuña.
Es igual que un color que aulla entre las flores.
¿Y son ésas las tintas que utilizó Hieronymus?
¿Qué pecados mezcló para alcanzar la negrura de la pesadilla?
(Olga Orozco, Hieronymus Bosch en desudada compañía. La noche a la deriva, 1984).
A galería de arte Artur Ramon vén de inaugurar unha interesantísima e exhuberante exposición que leva por título 7 pecats capitals, amb Josep Santilari i Pere Santilari. Neste espazo de arte, radicado agora na rúa Bailén, 19, o bo facer ilumina espazos e dispón ás ánimas para o deleite e a beleza. A riqueza cultural que atesouran as persoas que dirixen a empresa artística Artur Ramon compite en igualdade de condicións co potencial e diversidade de pezas que inzan os fondos desta veterana galería. Tal é o que acontece estes meses coa instalación 7 pecats capitals, amb Josep Santilari i Pere Santilari, que non se trata só de admirar os traballos destes dous artistas xemelgos de Montgat, senón tamén de disfrutar da orixinalidade e boa factoría que asemade lograron impor nos espazos da galería de arte. Entrar estes días na Artur Ramon é facelo nun sancta santorum, nunha naos; burbulla de tempos, que provoca a visitantes mentres os fai viaxar por terras e mares, e cinco séculos de vida.
Cousa similar –gardando as distancias– púidose ver nestes meses pasados, e nestes mesmos espazos, coa creación da artista ferrolá Pamen Pereira. A galería Artur Ramon inaugurou a súa nova andaina coa instalación Tiempo imaginario, un fato de suxestivas creacións de Pamen Pereira. A artista elaborou pezas que combinaban visións do pasado coa utilización de tecnoloxías audiovisuais de última hora. En Tiempo Imaginario Pereira, creadora de fortes raigames telúricas e filosóficas, apostaba claramente polo xogo co tempo, coa intemporalidade.
Pere e Josep Santilari, artistas realistas. 7 Pecats Capitals
Puede el hombre, si quiere, conducir su deseo
por vena de coral o celeste desnudo.
Mañana los amores serán rocas y el Tiempo
una brisa que viene dormida por las ramas.
F. García Lorca. Oda a Walt Witman. Poeta en Nueva York, 1940)
Os artistas e irmáns xemelgos Josep e Pere Santilari (Barcelona, 1959), son un caso excepcional dentro do panorama artístico actual. Licenciados en Belas Artes, traballan xuntos no mesmo obradoiro, na vila costeira de Montgat, e as súas producións son tamén parellas. Desde a óptica realista, son quen de elaborar deseños e pinturas que con dificultade se poden diferenciar. As paisaxes (mormente vistas da Barcelona desde Montgat) combínanse cos bodegóns, austeros, verdadeiras impresións de luz. Os bodegóns nacen da tradición barroca, pero os Santilari reviran o curso do tempo e fan que sexan fieis á realidade dos artistas: bandexas de aluminio e cubertas de plástico translúcido, para froitas, verduras ou queixos que tamén puideron ser modelos de pintores barrocos. As pinturas de figura humana –máis habitual na produción de Josep– mestúranse coas vanitas que nuns casos debuxan e noutros pintan. Teñen feito exposicións en Barcelona (Fundació Vila Casas, 2008), en Badalona (2011), en Madrid, Londres, New York, ou París. A comezos de 2015 os irmáns Santilari xa fixeron unha importante exposición das súas obras na galería Artur Ramon, daquela sita no carrer de la Palla, que levaba por título L’Altra Llum. Alí presentaron unha escolma das súas temáticas: bodegóns, paisaxe, figuras, vanitas.
En febreiro do ano 2013 o Museu Nacional d’Art de Catalunya (MNAC) –nada menos– presentou ao público o documental do cineasta e escritor David Trueba, El Cuadro. Coa publicación da súa novela Saber perder, Trueba coñeceu aos Santilari, pois a portada do libro leva un cadro de Josep. No coloquio posterior ao pase do filme El Cuadro, Trueba asegurou que el vira realmente dous artesáns laborando coa meticulosidade e as ansias que empregan as persoas que aman o seu oficio. E iso foi un dos motivos polos que lles propuxo poder presenciar (e filmar) a xénese dunha das súas obras: asistir a longas sesións de traballo (como se viaxase ao século XVII). David Trueba viña de Madrid de cando en cando, instalaba a cámara no obradoiro, e gravaba. No documental El Cuadro asístese á preparación da pintura Ell@ –un lenzo pintado ao óleo, de 185 x 175 cms.– (desde a chegada da modelo e a pose a escoller, pasando polas fotografías) e ás posteriores etapas de creación: o debuxo e a cuadriculación da tea, a pintura dos fondos, das roupas e, por fin, o máis difícil: as tonalidades do corpo da modelo. O realismo é unha aposta polo perfeccionismo, pola meticulosidade, por un virtuosismo de ourive.
Desde hai uns cinco anos comezaron a traballar tamén o tema vanitas –tan barroco– tendo como referente principal a caveira humana. E ultimamente van polo que os artistas de Montgat chaman a serie do Grande Artista. Trátase de deseños concibidos como homenaxes a grandes creadores do pasado. Así, por exemplo, é doado atopar entre as súas pezas un deseño que reproduce un deseño e autorretrato de Rembrandt acompañados de instrumentos propios do pintor e gravador: buril, pincel, lapis.
7 Pecats Capitals. Irmáns Santilari. Barrocos
No importa que cada minuto
un niño nuevo agite sus ramitas de venas,
ni que el parto de la víbora, desatado bajo las ramas,
calme la sed de sangre de los que miran el desnudo.
F. García Lorca. Navidad en el Hudson. Poeta en Nueva York, 1940)
Para entender unha miga cal é a proposta que se pode ver en Artur Ramon con 7 pecats capitals, amb Josep Santilari i Pere Santilari mesmo é doado dicir que a intemporalidade que se condensa nos seus espazos gravita entre a Mesa de los Siete Pecados Capitales, de Hieronymus Bosch, esa alfaia do século XVI que se conserva no Museo del Prado e o filme Seven–Se7en (1995), de David Fincher, protagonizada por Morgan Freeman e mais por Brad Pitt. Eses dous referentes poden ser o afelio e mais o perihelio da elipse na que se converteu a galería Artur Ramon, e que envolve a quen entra nesa instalación para o seu goce. Á fin trátase dos sete pecados capitais; os praceres da vida. A instalación que resulta ser a suma das oito creacións dos irmáns Santilari máis as pezas coas que a galería Artur Ramon decidiu acompañar as creacións devanditas (en complicidade cos artistas), vén sendo unha representación. O Teatro das Vaidades. Don Pedro Calderón de la Barca xa o deixou escrito no seu preclaro El Gran Teatro del Mundo, onde anuncia: Y para que desde tí / a representar al mundo / salgan y vuelvan a entrarse, / ya previno mi discurso / dos puertas: la una es la cuna / y la otra es el sepulcro. Representación vital, o xogo cíclico, a danza espiral dos espazos e mais dos tempos.
O xogo primordial entre Eros e Thanatos. A vida.
Nestas pezas que versan sobre esa grande espada que colga por riba da humanidade: os pecados capitais, a luz é o eixe da produción, a ditadora do traballo, a mestra que lles di cando remataron a obra. Investigando, pescudando os xeitos de traballar dos grandes mestres, os Santilari acadan a luz caravaggista, a luz dirixida, provocada por un foco de claridade que deixa espazos ás escuras. A luz, reveladora do acto pictórico. Luz/Sombra, ingredientes dos séculos e das pinceladas, caprichosas aliadas da transcendencia artística.
As oito pezas dos irmáns Santilari –verdadeiras alfaias da arte figurativa– foron creadas entre os anos 2015 e 2017. Son froito dun quefacer pousón e confiado; propio dos artistas que cren na súa propia laboura, nas súas orixes históricas e na súa realidade presente. O atractivo desas oito obras está na perfección técnica que logran en todas elas, e tamén no traballo previo: a concepción. Como representar a lascivia ou a acidia con escasos elementos, pero que se comprenda metaforicamente? Ese proceso de elucubración, de procurar as mellores maneiras de transmitir o concepto de cada pecado, é moi meritoria. Teñen enriba moitas horas de traballo; de sufrimento? Tal vez. Por se for lícito tomarse tal licencia, establecese a seguir paralelismo entre o poeta lisboeta (Pessoa) e os artistas de Montgat: O poeta é un fingidor / Finge tão completamente / Que chega a fingir que é dor / A dor que deveras sente.
Cobiza e Vaidade. Aliadas ou competidoras?
Las flores mal despuntadas
de sus rosados capullos
saldrán la primera vez
a ver el Alba en confuso.
Los árboles estarán
llenos de sabrosos frutos,
si ya el áspid de la envidia
no da veneno en alguno.
(P. Calderón de la Barca. El Gran Teatro del Mundo. 1655)
Segundo escritos cristiáns os grandes pecados que cometen os humanos teñen a súa orixe nun só: a soberbia. A vaidade e a vangloria son, por tanto, os eixos mentais e/ou espirituais nos que xermolan o resto de (para algúns) degradacións morais ás que chegan con facilidade a humanidade. Ben é certo que a psiquiatría en xeral tamén fala de que tales “pecados” son ou poden ser manifestacións de intelixencia emocional.
Para sintetizar a metáfora, a esencia, o concepto de Soberbia, Pere Santilari –ese virtuoso do lapis– elaborou, sobre cartón Schoeller, un deseño de 25×30 cms. Así de complicado. Case todo o fondo do debuxo é un fondo negro, agás a escasa liña de luz que ilumina a mesa sobre a que se asentan os tres obxectos que sintetizan o pecado dos pecados. A luz branca, fría, vén da dereita e golpea a mesa, o reloxo, a caveira e mais o espello circular. O punto de vista baixo, como se o espectador se tivese que conformar con ser “inferior” á caveira narcisista. Un reloxo de peto, referente do luxo e mais do imposible control do tempo, e a caveira que se mira, regalada, no espello. Que magnífico xeito de dicir tanto con tan pouco! Este debuxo, tan reducido nas súas dimensións e tan grande na súa execución e significado, estudarase dentro duns anos como o verdadeiro mito de Narciso? To be or not to be. Na Mesa de los Pecados Hieronymus Bosch presenta a unha muller de costas que se mira e admira nun espello aguantado por un demo.
A vaidade pode ser tanta que ata a caveira segue a se regalar na imaxe que o espello lle devolve. Non cómpren estanques, nin superficies acuosas onde se mirar un mozo ata o extremo de namorarse de si mesmo. O traballo que este debuxo hiperrrealista ten enriba! O lapis negro a escurecer case toda a superficie. Pero, de onde sae esa luz abrancazada? Dunha néboa algodoeira?, doutro mundo? O lapis de Pere resegue os pormenores de xuntas, volumes, prominencias e covas da caveira. A vanitas vai, neste caso, acompañada de leóns, animal soberbio. Leóns en acuarelas, en madeira, etc.
Que dicir do xeito que Pere Santilari tivo de concibir a envexa, a cobiza, que seica é un pecado moi hispano? Vanitas que se concentra en escasos elementos, que agranda a negrura dos fondos e que eleva o punto de vista do espectador por riba dos catro obxectos ata perdela na escuridade. Pretende con isto Pere salvar aos espectadores dese pecado? A maxestosa execución comeza, neste caso pola entrada de luz á esquerda, o vaso con flores brancas, sobre a mesa unha ponla de aciñeira e un froito de ciprés, para deixar á esquerda todo o espazo á caveira cega. O meticuloso traballo debeu chocar coa fraxilidade e levidade da vida das flores brancas. As baldeiras órbitas oculares da caveira están tapadas por un cordel branco: a envexa impide a contemplación da beleza. A envexa imposibilita disfrutar a vida.
Que diría Sanchez Cotán, o pintor barroco de bodegóns tan austeros, destas vanitas?
Se procurar se pretende referentes noutras artes sobre estes pecados aludidos, hai abondos. Citizen Kane, filme de Orson Wells (1941) vén sendo un exemplo perfecto para a soberbia, así como Paradise Lost, de John Milton –ese poema que vangloria a Satán– vale na literatura. Moitos son os filmes que tratan a envexa: Amadeus (1984), de Milos Forman?, esa envexa malsá de Salieri contra Mozart? E libros? Othello, de Shakespeare: a envexa que Iago sinte contra Othello, o moro de Venecia.
A acidia boa conselleira para a lascivia
¡Qué dulce es una cama regalada! / ¡Qué necio, el que madruga con la aurora, / Aunque las musas digan que enamora / Oír cantar un ave la alborada! / (…) / ¡Salve, oh Pereza! En tu macizo templo / Ya, tendido a la larga, me acomodo. / De tus graves alumnos el ejemplo.
(M. Bretón de los Herreros. Soneto a la pereza, 1850).
Segue o percorrido polo privilexiado espazo da galería Artur Ramon, pola mostra 7 pecats capitals, amb Josep Santilari i Pere Santilari. Os sete pecados capitais ocupan espazos diferenciados. A tal efecto as persoas responsables da galería decidiron que, a carón de cada unha das vanitas que crearon os irmáns Santilari, se colgase unha bandeirola na que estivese reproducido un detalle da vanitas en cuestión, ampliado fotograficamente dez veces. Deste xeito a bandeirola dá entrada ao espazo destinado a cada un dos sete pecados, e ao tempo permite escrutar polo miúdo as técnicas que os Santilari empregan para debuxar e mais para pintar. Esas técnicas detallistas, minuciosas, que os levan a traballar con lupas.
Josep Santilari firma a vanitas Peresa cun debuxo delicioso. A luz máis ben cálida, a entrar pola dereita e iluminar a caveira e as tres cunchas de caracol que a acompañan. O punto de vista baixo, como se o espectador tamén cansase, posuído pola acidia, e mirase o conxunto co queixo repousado na mesa. Sobre fondo moi escuro, a caveira ofrécese estática entre as cunchas que se distribúen a ambos lados. Deste xeito semella que a caveira fúndese sobre a superficie sobre a que repousa, como pousona. E as cunchas de caracol terrestre redondean a metáfora da galbana. A calidade técnica, a meticulosidade, vén sendo o mesmo que xa se comentou. Pola súa parte, o Bosco resume a preguiza no sono dos protagonistas do cadro.
Seguindo desde o perihelio ao afelio destes espazos que tan ben combinan historia e intemporalidade para compor 7 pecats capitals, amb Josep Santilari i Pere Santilari, é a quenda da lascivia. A vanitas Luxúria fírmaa Josep Santilari cun potente e metafórico debuxo. Seguindo coas caveiras, nesta ocasión o deseño inclúe dúas, non unha soa como no resto das vanitas. As caveiras ocupan todo o espazo do deseño, deixando pouco marxe a dereita e esquerda, e están a se tocar pola parte da face. A caveira da dereita está na posición que tivo en vida (a volta do cranio arriba), mentres que a da esquerda preséntase invertida. Xogo morboso ou irónico? Pretende Josep que se entenda que son caveiras, carcasas baldeiras, de dous amantes, e que, na súa realidade post–mortem búscanse unha á outra? Para seguir o xogo erótico e sexual da composición, en primeiro plano están debuxados primorosamente un caracol de mar e unha ameixa aberta. O extremo do caracol penetra dentro das cavidades do bivalvo.
As referencias á lascivia na literatura son incontables. De feito hai un xénero que responde exactamente ao concepto deste pecado, a literatura erótica. Como clásico da literatura cómpre citar, por exemplo, a Madame Bovary, o romance de Gustave Faubert, que relata as aventuras amorosas desta muller de provincias, cansa da súa vida aburrida e monótona, e que foi levada ao cinema e moitas ocasións. E como non, o clásico referente, Romeo e Xulieta, de Shakespeare, onde Xulieta declara ante Romeo: É verdade, meu Montesco, que son moi apaixonada / e podes pensar que de conduta lixeira; / pero confía en min e demostrarei ser máis fiel / que as que saben finxirse discretas (La Voz de Galicia -2005-, tradución de Miguel Pérez Romero).
E no cine, entre moitas outras, atópase Shame, de Steve McQueen (2011), a historia dun mozo neoiorquino obsesionado co sexo. No caso da galbana, vese esta reflectida en The Big Levowski, dos irmáns Coen (1998). E como preguiceiro literario ben vale Oblómov (1859), a novela de Iván Goncharov, unha dura crítica á pasividade da nobreza rusa.
Metaforicas vanitas de intemperanza e rabia
Funme achegando. Pegueime a el. Saquei a subela e metinlla aquí na virilla. Despois tirei para arriba ata sentir as mans quentes de sangue. Cabíalle un puño polo buraco. Caeu redondo. Ninguén dixo nada. Naquel momento abría a quen fose. A min chulos, non.
(Carlos Casares. A Capoeira. Vento Ferido, 1967).
Seguen os Santilari o xogo de levarnos da man polos motivos que chegan a hoxe desde os anos do século XVII. A arte, a creación plástica, é moi caprichosa. Semella que ao longo dos tempos hai constantes que veñen a repetirse de cando en vez; estilos estéticos que pareceron desaparecer, pero que, outra volta, gañan o favor de artistas e público. Un destes estilos é o a suma de movemento, de vida, de espiritualidade complexa, de realismo duro, que vén recibindo o nome de barroco. Os irmáns Santilari son verdadeiros resucitadores dos xeitos barrocos; para festa dos sentidos, para goce de quen contempla.
A cor da ira, dise, que é o vermello; asimilación co sangue que se acumula nos miolos e cega a vista? Así llo quere mostrar aos cativos o conto O Monstro das Cores, que se pode atopar en todas as librerías que hai en museos e galerías de arte. Para sintetizar a rabia en pouco espazo e menos elementos, Josep optou por presentar unha vanitas na que simplemente se contivese unha caveira humana pelada. Sen engadidos, sen acompañantes. O cadro ao óleo con fondo negro, aluma unha caveira branca –como as que empregan nos deseños a lapis– que mira á dereita, sobre un soporte de tintas avermelladas. A luz, tamén branca, fría, chegada da dereita, fire os espazos da face da caveira psara mellor mostrar os estragos do Tempo. A ira, a violencia, a rabia, está evidenciada na fendedura que a caveira ten nas tempas do lado esquerdo. Un golpe, un violento golpe de culata, de outro instrumento contundente fendeulle o cranio e provocoulle a morte. Composición que resume no realismo, nos trazos delicados e minuciosos do mínimo pincel, unha guerra, unha vendetta entre veciños. Na galería Artur Ramon o cadro de Josep vai contextualizado cunhas cantas pezas de boa feitura e mellor mellor calidade: entre deseños de acios de uva branca e tinta, aparece con todas as súas cores vermellas o lenzo Combat, de Mariano Fortuny, e a augaforte de Goya, Lluvia de toros (da serie Los Proverbios). A rabia escenifícaa O Bosco cunha loita a coitelo entrte dous homes.
Na entrada da galería Artur Ramon, na instalación de 7 pecats capitals, amb Josep Santilari i Pere Santilari, o primeiro pecado, o primeiro pracer que se atopa a persoa visitante é a Gola. A composición, a vanitas, que Josep Santilari argalla para o apetito esaxerado de comer e beber –dentro das feituras xerais que teñen as oito obras que presentan os irmáns de Montgat– é especial, rara. O lenzo tamén de reducidas dimensións, recibe a luz da dereita, pero esta luz, máis cálida ca noutras composicións, resalta moito o primeiro plano, os elementos que acompañan a caveira humana. Por contra, esta caveira queda moi nas sombras, difícil de distinguir, e aínda por riba, o pintor optou por mostrala de costas á luz. O que realmente se distingue cun pouco de luz da devandita caveira é o arco cigomático. O mesmo acontece, evidentemente, na bandeirola que en grande reproduce un anaco desta vanitas: o que de verdade se pode contemplar desta caveira son as pinceladas de cores máis claras que delimitan con total detalle o arco cigomático. Neste caso, os elementos que acompañan á caveira son obxectos que falan de comida selecta: uvas, ostras e o tapón dunha botella de champagne. Arredor da vanitas Gola hai un óleo do século XVII, titulado La Festa del Gatet (Frangipane), unha mesa tamén do século XVII sobre a que descansan ricas copas de vidro do século XIX, así como granadas, froita exótica. Hieronymus Bosch ridiculiza a gula con personaxes fartándose de comer e beber.
Tamén hai moitas representación noutras artes para estes dous pecados. A voracidade ben se representou no filme La grande bouffe (1973), de Marco Ferreri, ou en Delicatessen (1991), de Jean-Pierre Jeunot e de Marc Caro. A rabia incontida atopa bo acubillo no libro A Laranja Mecánica, de Anthony Burgess, que se popularizou moito a partir do filme homónimo de Kubrick (1971). Por suposto no cinema son incontables os casos en que o tema central da cinta sexa a rabia, a violencia: Pulp Fiction, ou Reservoir Dogs, de Tarantino, O Resplandor (1980), tamén de Stanley Kubrick, por citar só uns poucos exemplos.
Cobizas, mesquindades, por partida dobre
En verdade, non é pouco traballo o de gardar na casa unha gran suma de diñeiro, e afortunados aqueles que teñen o seu caudal ben colocado, e non conservan máis ca o necesario para o seu gasto! Bastante trastorno é este de ter que inventar, por toda a casa, un agocho fiel; pois, pola miña parte, as caixas fortes resúltanme sospeitosas, e non quero nunca fiarme delas. Paréceme realmente un claro cebo para os ladróns, e é sempre o primeiro que estes van atacar.
Jean-Baptiste Poquelin, Moliere, L’Avare, 1668)
Ao chegar ao lugar reservado para a Avaricia, dentro de 7 pecats capitals, amb Josep Santilari i Pere Santilari, salta a sorpresa. Hai dous óleos sobre tela, dous. Un de cada un dos irmáns Santilari .O estilo realista, o detallismo, a minuciosidade de execución, todas esas características están presentes nas dúas pezas, tituladas igual Vanitas – Avarícia, unha de 2015 e outra de 2016. Pere optou por idear a vanitas cun punto de vista alto, a caveira levemente iluminada, virada á esquerda e na posición máis habitual. Mentres que Josep decidiu inverter a caveira (dando un sentido máis tráxico e inquietante ao resto humano), e mostrala cun punto de vista máis baixo, o que achega máis ao espectador á escena avarenta. A caveira invertida de Josep vén acompañada por un fato de moedas en primeiro plano, e doutras que lle enchen as cavidades dos ollos. A caveira está a chorar cartos! A escena que artellou Pere complétase con moedas e cun billete de 200 euros. Dous exemplos para demostración do virtuosismo destes artistas neo-realistas. As obras que os Santilari crearon para a avaricia van acompañadas por un óleo holandés do século XVIII: Muchacho contando monedas, por unha arqueta de ferro alemá do século XVII, verdadeira caixa forte da época (a cobiza por acumular obxectos de moito valor) e mais por un escritorio catalán, verdadeira alfaia do mesmo século, con incrustacións de oso moi delicadas.
A cobiza ten literatura propia. Xa só con citar L’Avare, de Moliere, que tan ben reflicte a avaricia extrema de Hiperión, abonda para entender que foi tratada en moitas outras obras literarias. E no cinema, outro tanto. Dous exemplos: There Will Be Blood (Pozos de ambición) (2007), dirixida por Paul Thomas Anderson, e O lobo de Wall Street (2013), de Martin Scorsese.
*
EXPOSICIÓN: 7 pecats capitals, amb Josep Santilari i Pere Santilari. Galería Artur Ramon. Ata o 25 de maio de 2018
You might also like
More from Artes
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …