I. Pennm. Pablo Picasso at La Californie, Cannes, 1957
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo Irving Penn. Penn é ben coñecido por ser un dos revolucionarios da fotografía de moda. Pero os seus traballos e legado van máis aló, chegan a ofrecer calquera persoa (por miserable que sexa) con toda dignidade e autoridade. Irving Penn. Centennial é unha celebración da arte.
❧
Irving Penn. Centennial. Fundación MOP
O gran fotógrafo Irving Penn (1917-2009), como moitos outros artistas tiña nos miolos orientar a súa creatividade por outros vieiros. Asistiu á Escola de Arte Industrial de Filadelfia (1934-38) e alí foi onde se aplicou no debuxa¡o, na pintura e outras artes. Tal era a súa intencionalidade que, ao saír desa escola, viaxou por México e mais polos EEUU pintando e debuxando, probando as súas destezas en tales artes. Por entón coñeceu a un emigrante ruso en New York (o fotógrafo tamén naceu no seo dunha familia xudía rusa chegada a New Jersey) Bródovich -que viña sendo o director de arte da afamada revista Harper’s Bazaar- e que lle foi mostrando boa parte da pintura de vangarda que xa se fixera en Europa. Nos seus desexos de ser pintor foi observando os traballos de Picasso e máis dos cubistas, de Matisse, xefe de fauvistas, e doutros creadores como Duchamp ou Man Ray. A sensibilidade e honestidade de Penn levouno a abandonar a pintura definitivamente. Non só iso, contan os seus coñecidos que limpou os lenzos que pintara ao recoñecer que nunca sería un bo pintor, e logo empregou eses lenzos como manteis. Reciclaxe artístico.
Con todo, o aprendido na Escola de Filadelfia serviulle para máis adiante, para outras actividades. Habitualmente Penn facía debuxos preparatorios das fotografías que quería conseguir; e non cómpre esquecer que a primeira portada que fixo no ano 1943 para Vogue, a revista que sería a súa casa definidora de estilos e técnicas fotográficas, foi un bodegón que mesmo semella unha pintura cubista, do máis radical gusto daquel primeiro cubismo analítico. E algunhas das súas instantáneas máis icónicas están montadas sobre unha sobriedade de liñas, de cores e de composición que mesmo se aproximan á arte abstracta e ao cubismo.
A creatividade na familia de Irving Penn abrangueu a outros membros da mesma. O seu irmán pequeno, Arthur Penn foi un renomeado director de cinema. Na súa filmografía atópanse filmes tan coñecidos e valiosos como The Chase (Manada humana), 1966, un duro retrato da sociedade sudista naqueles anos de loita contra a segregación racial e as diferencias sociais; ou Little Big Man, 1970, un dos primeiros filmes que pretende facer xustiza coa masacrada poboación amerindia nos EEUU.
Agora nestes meses a cabalo entre 2024 e 2025, a Fundación Marta Ortega (MOP) presenta nos seus locais da Coruña unha fantástica antolóxica da creatividade deste fotógrafo: Irving Penn. Centennial. A magnífica panorámica á extensa e variada produción de Penn, traballos comezados nos anos trinta e que seguiu producindo ata comezos do século XXI, foi organizada polo Museo Metropolitano de Arte de Nueva York, o MET, co gallo de que en 2017 foi o ano do centenario do seu nacemento (de aí o nome da antolóxica). Esta mostra está comisariada por Jeff L. Rosenheim, xefe do Departamento de Fotografía do Met, e presenta unha 170 imaxes disparadas polo artista (polo indiscutible renovador da fotografía de moda) así como revistas e outras pezas empregadas por Penn.
Agora a magnífica retrospectiva Irving Penn. Centennial está á disposición do público, de balde, nas instalacións da Fundación MOP. Esta fundación tamén programa cursos de formación para fotógrafos, bolsas e outros tipos de axudas para futuros profesionais. Acompaña á mostra fotográfica un excelente catálogo publicado para a ocasión.
Mesmo se diría que a fotografía de moda enche espazos das vilas galegas. Ata hai uns días, na Deputación de Ourense, púidose ver a fantástica Manuel Outumuro. O Anxo que Nunca Fun, onde, ao marxe das lembranzas de infancia que o fotógrafo leva fixadas na memoria, presentáronse magníficas instantáneas de moda, eidos nos que Outumuro leva décadas traballando.
❧
Irving Penn. Centennial. Vogue
Cando Irving Penn regresou das súas viaxes por Mexico e mais os EEUU (1943), coñeceu en New Tork a Alexander Liberman, outro ruso emigrado e que, daquela era o director artístico da revista de moda Vogue, e un dos grandes creadores. Liberman confiou rapidamente en Penn, contra a opinión doutras directivas da revista. Deste xeito e nese mesmo ano o director artístico pediulle a Penn que fixese unha imaxe fotográfica para a portada da revista. O resultado foi sorprendente: Penn creou un bodegón de complementos de moda (un guante, un bolso, unha bufanda, un cinto, un diamante amarelo), un bodegón austero, cubista, a súa primeira portada de Vogue. Esa foi a primeira das 165 portadas que firmou para esa revista. Todo un récord, toda unha fazaña.
Irving Penn pasou uns 70 anos traballando para revistas de moda, principalmente para Vogue, o seu eixo de referencia artística. A orixinalidade de Penn na fotografía de moda foi, ao marxe desa tan evidente sobriedade coa que resaltar a beleza das composicións, presentar ás modelos diante de fondos neutros, fondos inexpresivos que, deste xeito, daban todo o protagonismo a aos tecidos, ás texturas, e fuxido de escenografías recargadas e excesivas que o único que conseguían era restar forza e protagonismo ao que realmente se pretendía ofrecer. Non foi o único fotógrafo que optou por solucións semellantes. Cando Richard Avedon comezou a retratar a mineiros e traballadores non lle agradaba o resultado. A solución atopouna en situar á persoa a retratar diante dun lenzo branco, monocromo. Con tal estratexia as figuras medraban e presentábanse agrandadas.
Cara finais dos anos 40, acabada a II Guerra Mundial, Penn instálase en París onde están todos os grandes modistos (Balenciaga, Dior, …). Alí -nunha sesión de fotografía coñece á modelo mellor pagado do momento, a sueca Lisa Fonssagrives, casándose ao pouco tempo. Fonssagrives foi para Penn unha grande axuda pois coñecía moi ben o negocio da moda. Unha das fotografías que acompaña este texto (Woman in Chicken Hat) é precisamente unha das imaxes que Penn tomou da súa muller.
❧
Irving Penn. Centennial. Retratos, bodegóns
A traxectoria de Irving Penn non se detivo nos eidos da moda (nos que traballou case 70 anos). De cando en vez procuraba outros obxectivos. Así, por exemplo, fixo, nos anos 60 e 70, series completas de traballadores, Small Trades, que iniciou en París e logo continuou por Londres, New York e outras cidades: camareiros, ferreiros, afiadores, limpadores… Tales retratos -logo recollidos nun libro con ese mesmo título- facíaos Penn sempre que os traballadores vestisen as súas roupas de traballo, e con sinais de estaren manchadas. A técnica coa que Penn retrataba a obreiros era a mesma que xa empregara coas modelos: fondos neutros, monocromos, para así resaltar a dignidade do traballador.
As súas constantes técnicas e humanistas son comprobables noutro tipo de retratos. No ano 1948 viaxou ao Perú e retratou con toda dignidade aos quechuas do Cuzco (Le voyage à Cuzco). Neste caso a Penn non lle importa que vistas farrapos ou que vaian descalzos, a súa cámara ten a mesma prestancia para uns individuos igual que para outros. Diante da cámara de Penn semella haber un principio de igualdade social.
Nas súas estadas en París (e logo en New York e outros lugares) Penn comezou a facer retratos de persoeiros, de persoas importantes, xa artistas plásticos, literatos ou cinematográficos. As sesións para eses retratos eran longas (unha das persoas retratadas chegou a dicir que Penn “retrátate como se foses un bodegón. Has de estar moito tempo inmóbil”). Entre as personalidades capturadas polo gran fotógrafo de Vogue cóntanse Pablo Picasso, Truman Capote ou Willem de Kooning; tamén Audrey Hepburn, Francis Bacon, Dora Maar e unha longa lista de afamadas persoas. Neste caso Penn gusta de facer forzados xogos de luz (como se se tratase de retratos tenebristas, caravaggescos) e coa persoa moi en primeiro plano, tanto que nalgúns casos nin se lle pode ver a cabeza completa.
A relación de temas tratados por Penn é extensa. Fixo nus, mulleres núas (parece ser que os homes non se mostran espidos), cunha mirada diferente. Os corpos femininos captados pola súa cámara son case sempre corpos voluminosos, non precisamente o canon imperante, non se mostra a cabeza das mulleres e as posturas son escorzos ou posicións “non convencionais”, nalgúns casos esas tomas, os volumes ofertados, remiten a traballos de escultura, tal como Henri Moore ou Barbara Hepworth. Tan heterodoxos foron os nus de Penn que a crítica, os museos e as revistas rexeitáronos por antiestéticos.
A mostra Irving Penn. Centennial é un luxo. É a oportunidade de asistir ao proceso creativo dun dos fotógrafos que modelou a fotografía artística ao longo do século XX.
EXPOSICIÓN: Irving Penn. Centennial. Fundación MOP, A Coruña, ata o 1 de maio de 2025
❧
You might also like
More from Contributos de:
Mares agitados: na periferia dos anos 70, de Mazé Torquato Chotil | Carla Nepomuceno
Mares agitados: na periferia dos anos 1970, romance de Mazé Torquato Chotil
Caminho-Décima Colectânea Internacional reúne 73 autoras e autores | Carla Nepomuceno
Caminho-Décima Colectânea Internacional reúne 73 escritores, poetas, desenhadores e pintores de várias nacionalidades em fraternidade cultural e afeto mútuo