O pasado 2013 conmemorouse o décimo cabodano de Jordi Domènech (1941-2003), poeta catalán amigo de poetas galegos (García-Bodaño, Graña, López Casanova, Avilés…), tradutor de Álvaro Cunqueiro (Herba de aqui o allà, Edicions 62, 1993), de Fiama Hasse Pais Brandão, de Ungaretti, de Italo Svevo, etc. Participou nas Festas Minervais de Santiago: de aí a súa amizade con poetas galegos.
Jordi Domènech traballou de deseñador, participou en mil e unha aventuras culturais da súa cidade natal (Sabadell) e foi autor dunha non moi ampla mais si importante obra poética, case toda baixo o signo do que se denominou «a ruptura». Obra poética que foi axuntada en volume cinco anos despois da súa morte e publicada por Editorial Eumo co simple título de Obra poètica (1971-2002); volume que recolle só os libros publicados en vida do autor, xa que moitos dos poemas que apareceran en revistas nunca os incluíu Jordi Domènech en ningún do seus libros e os editores respectaron esta vontade.
O seu primeiro poemario foi Un poema en deu trossos, publicados nun libro colectivo, I li estreba les vetes de la cotilla (Homenatge a Joan Oliver) [«E apertoulle as fitas do xustillo. (Homenaxe a Joan Oliver»), en 1971, que tres anos máis tarde sería traducido ao galego por Basilio Losada e publicado por Ediciós do Castro: Un poema en dez anacos. De 1971 ao 2002, o poeta deu ao prelo cinco libros. En 1984 Llibres del Mall publicou o seu libro máis «rupturista»: En comptes de la revolució, cun apéndice algo caótico e moi informativo de Vicenç Altaiò, apéndice, por outra parte, escrito aínda baixo a influencia do telquelismo (revista Tel Quel). En 2002 apareceu o seu último libro: Amb sense («Con sen», editorial Moll). O ano seguinte, morría. No seu día Salvador García-Bodaño (en El Correo Gallego) e máis quen isto asina (n’A Nosa Terra) lembramos a súa figura.
Non é agora o momento de falar da poesía de Jordi Domènech (o lector interesado pode ler o prólogo que lle pon á Obra poètica Sam Abrams, xudeu norteamericano que vive en Catalunya, e en catalán escribe: Abrams foi alumno de Basilio Losada e traduciu, ben que nunca foi publicada, unha antoloxía de Luís Pimentel ao inglés; talvez na Fundación Penzol garden as cartas que intercambiou con Ramón Piñeiro sobre o tema), hoxe queremos dar, simplemente, noticias do seu labor como tradutor «privado» e algunha máis.
Chamo tradutor «privado» a aquel que traduce algún texto e o dá a coñecer só a amigos seus. Eis un labor que desde 1978 fixo Jordi Domènech: cada ano enviaba, normalmente polo Nadal, un folio con traducións que facía de poetas na maioría italianos, tanto en italiano como en dialectos da península itálica (lembremos que Pasolini escribiu diversos libros de poemas en friulés; ou que Pirandello escribiu algúns dos seus dramas en dialecto siciliano, Liolà, por exemplo), galegos e algún portugués. En galego, cuxas traducións entregaremos, traduciu «privadamente» a García-Bodaño, López Casanova, Bernardino Graña, Xosé Luís Méndez Ferrín, Alberto Avendaño, Manuel M. Romón, Antón Reixa e Xavier Seoane. Do portugués, a Fiama Hasse e Viale Moutinho –de quen tamén era amigo–, do italiano e dialectos itálicos: Pasolini –do friulés–, Spatola, Eugenio Montale, Umberto Saba, G. Pontiggia ou Antonio Porta, por mencionar os máis coñecidos.
Á parte de traducir a estes e máis poetas, Domènech traballou con eles e sobre eles para producir (sic) a súa poesía –un traballo «textual», ou «intertextual», como se dicía na xerga doutros tempos. Así, por exemplo, En comptes de la revolució, na parte final, Antologias, usa de versos, palabras ou materiais que lle «insuflaron» un monte de poetas, entres eles os galegos: Álvaro Cunqueiro, Manuel Cuña Novás, Manuel María, Celso Emilio Ferreiro, Salvador García-Bodaño, Arcadio López Casanova, Xosé Luís Méndez Ferrín, Uxío Novoneira, Alfonso Pexegueiro, Luís Pimentel, Antón Reixa, Luís Seoane, Xohana Torrres e Lorenzo Varela, á parte de poetas franceses, italianos e cataláns. Como afirma o seu epiloguista neste libro, o devandito Altaiò: «Pola elección de autores, é evidente o antidogmatismo e a anti-uniformización estética, á vez que se nos presenta un coñecemento das culturas en contacto: a galega, a italiana, a francesa; todas menos unha: a española». E o mesmo epiloguista escribe a continuación: «Os seis últimos substantivos do poema “Recoñecer con vergonza…” proceden de seis significativos poemas galegos de autores contemporáneos». Eis o poema
Recoñecer, con vergonza, os anos
Recoñecer, con vergonza, os anos
perdidos (beixos coa boca coa lingua)
amando esta comunidade
repulsiva (lobos ouvean?) que come
defecacións de carcereiros: semellan
fígados de oca, trufas. Anos perdidos
simulando entender todo o que non
se entende. A licantropía. Un pobo
que pasa o exilio dentro da propia
terriña, cheo de xenerosos amigos
aos que, xa para sempre, renunciar.
Esquecer substantivos. Pedra, solaina,
cuneta, saliva, mar, nación.
Á parte destas «influencias», que non son tal, senón traballo sobre uns poemas ou sobre un material poético e/ou uns poetas determinados, ou, matizando máis, sobre uns versos determinados de certos poetas, Jordi Domènech escribiu algún poema en galego. En Un poema en deu trossos («Un poema en dez anacos») o «noveno anaco» está escrito directamente en galego. No libro Històrias de l’arquitectura, ten un poema tamén escrito directamente en galego: «Varanda dunha casa galega en Veitureira»:
(Os bastidores son de cores claras:
azuis, rosas, etcétera). Esporas
que rachan a fuxida dunha besta
perto de aquí: tras dos outeiros hai
a estrada de ficar (¿nesta varanda?):
as alfas e as omegas esmorecen:
somentes unha mesa e tres cadeiras
de plástico: nas torres poderia
haber algún tesouro nun agacho
(é Frankenstein que xurde no proscenio).
Curiosamente, xusto antes deste poema aparece outro, en catalán: «Galeria d’una casa gallega. A Veitureira». Outros poemas deste libros que teñen que ver con Galicia: «Finestres “trompe-l’oeil”, a Santiago de Compostel·la», «Escala d’un hotel llòbreg, a Porrinyo»: «Para Xesús Campos que, como todo o mundo, morreu de mala maneira. Aquel serán estabamos Núria, el, Viale (que trouxera a botella) e máis eu. Estampas do mundo elegante [un dos versos do poema] é o título dun libro seu (póstumo) de crónicas e debuxos»; «Exposició d’unes dues-centes pedres tombals al cementiri de Noia»: «Mirabámolas desde unha galería da Casa da Cultura, en compañía de Antón Avilés de Taramancos: foi a última vez que o vimos. Hai referencias na súa biografía». No poemario Vine, venusvenecia, a l’aigua (2001), o poema «East River» leva a seguinte dedicatoria: «Tamén para Luís Seoane».
Como afirma Sam Abrams: «A morte prematura segou a carreira poética de Jordi Domènech e privounos dun creador excepcional e único. A súa perda empobreceunos a todos. Ora ben, a obra que nos deixou alimentaranos e acompañaranos porque é rotunda e imprescindíbel. Temos traballo para intentar estar á altura deste legado e del ser merecedores». Nunca mellor dito.
2
Como continuación do traballo anterior sobre Jordi Domènech, damos agora as súas versións catalás (e o orixinal galego) dos poemas que traduciu de forma «privada». Talvez entre os seus papeis quedou algún outro poeta galego traducido, non o sei, porque se ben Domènech era un gran traballador, non daba a coñecer, nin aos seus amigos, aquilo que consideraba que non estaba «acabado». Vaiamos, pois, coas traducións «publicadas» en vida do poeta.
SI EM MORO
Em deixeu a Rodeira,
en el sorral de Cangas,
ran de mar.
La sorra és cementiri
i el mar, que res no tem,
vindrà sempre prop meu
a jugar.
A dalt hi haurà la gent,
qualque turista ros,
els nens, dolces femelles,
estiu gai.
Quan sigui hivern vindran
ferms mariners del Forte,
de Moaña o de Balea
a pescar.
Allà, ona o bromera,
seré sorra, conquilla,
font d’esquers
i els peixos creixeran.
Si em moro.
em deixeu a Rodeira,
en el sorral de Cangas
ran del mar.
Bernardino Graña. Cangas de Morrazo, 1932
Del llibre «Non vexo Vigo nin Cangas».
[SE MORRO/// Deixádeme en Rodeira, / no areeiro de Cangas, / xunto ó mar. // A area é cimiterio, / e o mar, que non ten medo, / virá comigo sempre / pra xogar. // Enriba andará a xente, /algún turista loiro, / os nenos, doces femias, / ledo vran. / No inverno virán rexos / mariñeiros do Forte, /de Moaña ou de Balea / pra pescar. // Alí, onda o escumallo, / serei area, cuncha, / fonte de iscos, / e os peixes medrarán. // Se morro, / deixádeme en Rodeira, / no areeiro de Cangas, / xunta ao mar.]
—-
PROFECIA
Jo sé que en cada tomba
hi apareix una espasa
esperant-se.
Jo sé que en cada mort
hi viu un crit
esperant-se.
I que per a aquella derrota
hi ha una victòria
esperant-se.
Ja ho sé.
Els vostres noms m’ho diuen
damunt les lloses
esperant-se.
Salvador García-Bodaño. Teis, 1935.
Del llibre «Ao pé de cada hora».
O poema orixinal non ten título.
[Eu sei que en cada tumba / atópase unha espada / agardando. // Eu sei que en cada morto / pervive un berro / agardando. // Eu sei que para aquela derrota / hai unha victoria / agardando. // Eu seino. // Dinmo os vosos nomes / sobre as lousas / agardando.]
PARAULES EN LA TARDA PER A ROSALIA
Si jo ara pogués
dir: Galícia
lliure, pronunciar
el teu nom, Rosalia,
estendre’l sobre el plany
i posar cada síl·laba
dels teus versos aquí,
al bell mig
d’una taula (testimoni
del que encara sofrim).
Si amb tu vingués
la veu antiga
dels joglars: Torneol,
Martín da Limia,
Codax, Mendiño.
si després, desvestida,
sonés la veu del poble
amb força…
Ai, seria
impronunciable escoltar
les arrels vives
de la Terra, el cant
de la nostra Galícia.
Si jo ara pogués
pronunciar síl·laba
per síl·laba, lletra
per lletra, l’afligida
paraula, el teu
nom, Rosalia,
i si vingués de cop i volta
una lleu brisa
de llibertat, que germinés
pels solcs, que obrís
portes ver l’esperança…
Quina alegria
llavors sentir-nos poble,
cantar al mig del límpid
matí renaixent, tu
i jo, els qui
continuem
esperant ser lliures
pel damunt dels solcs
de la Terra afranquida!
Arcadio López-Casanova, Lugo, 1942.
Dels llibres: «Palabra de honor» i «Memoria dunha edá».
[Palabras na tarde pra Rosalía /// Si eu agora puidera / decir: Galicia / ceibe, pronunciar / o teu nome, Rosalía, / estendelo sobre o pranto / e poñer cada sílaba / dos teus versos, eiquí / mesmo, riba / dunha mesa, (testimuña / do que sofrimos ainda).// Si contigo viñera / a voz antiga / dos xograres: Torneol, / Martín da Limia, / Codax, Mendiño, / si despóis espida / soara a voz do pobo / con forza… Ai, sería / impronunciable escoitar / as raíces vivas / da terra, o canto / da nosa Galicia. // Si eu agora puidera / pronunciar sílaba / por sílaba, letra / por letra, a dorida / palabra, o teu / nome, Rosalía, / e si de súpeto viñera / unha lene brisa / de libertade, xermolara / nos sucos, abrira / as portas cara a esperanza… / Qué ledicia / sentirnos entón pobo, / cantar entre a limpa / mañá renacente, tí / e máis eu, todos / os que ainda/ agardamos ser / ceibes sobre os sucos/ da terra redimida!]
Sabadell, desembre del 1978.
You might also like
More from Poesia
Uma dose de poesia com Isa Corgosinho | Carla Nepomuceno
O Café con Português oferece cinco poemas do livro PANÓPTICOS & GIRASSÓIS da escritora brasileira Isa Corgosinho. «...Para ser capaz …
Uma dose de poesia com Renata Magliano | Carla Nepomuceno
Renata Magliano transmite realidades sobre os assuntos humanos e o conhecimento, através dos mais variados afetos. Para saber um pouco …