Guerrero. La Mancha 02, 2009
As artes, esas actividades que seica non son importantes, mais tan necesarias, evolucionan a golpes de creatividade, de traballos. O KBr de Mapfre presenta agora a obra do fotógrafo José Guerrero, un artista inconformista que aposta claramente por abrir novos camiños, por non seguir sendas xa moi sabidas. As paisaxes retratadas poden ser antiestéticas? Pode haber paisaxes verticais?
❧
José Guerrero. A propósito del paisaje. KBr Mapfre
Arriba
el agrio son quebrado de los grajos.
Y en lo alto la tierra,
sola desde la altura,
capaz, enorme, terca, hasta lo lejos.
La extensión de la tierra.
(José Ángel Valente, Silos, en La Memoria y los Signos, 1966).
Despois da magnífica e exitosa exposición de Henri Cartier-Bresson, o KBr Barcelona Photo Center segue os vieiros da excelencia presentando dúas sobranceiras mostras: José Guerrero. A propósito del paisaje e mais Bravo (do colombiano Felipe Romero Beltrán), unha reflexión crítica sobre a fronteira entre México e os EEUU (tan de actualidade, desgraciadamente, nestes meses de agresividade extrema) e ganou o KBr Award 2023.
O fotógrafo José Guerrero (Granada, 1979) leva xa décadas dedicado á fotografía, unha profesión plena na que aposta por abrir eidos novos, por investigar. A obra de Guerrero xa está, por exemplo, nas coleccións da Universidade Estatal e o Center for Creative Photography de Arizona ou do CAAC (Centro Andaluz de Arte Contemporáneo). A organización da actual exposición, unha verdadeira mostra dos traballos de Guerrero ao longo das décadas deste século, segue unha liña cronolóxica e está formada por 138 fotografías e un audiovisual coproducido por o propio fotógrafo e mais o compositor Antonio Blanco e relacionado cos seus traballos na cidade de Roma. A mostra José Guerrero. A propósito del paisaje está comisariada por Marta Gili, comisaria de exposicións e máis cousas, entre elas foi directora do Jeu de Paume de París (centro dedicado á fotografía e á imaxe).
A mostra José Guerrero. A propósito del paisaje poderase ver logo nas salas da Fundación Mapfre Madrid, e a finais de ano no Centro José Guerrero de Granada. Centro dedicado a ese importante pintor granadino que traballou e compartiu afinidades pictóricas con artistas da Escola de New York: a coincidencia de nome e apelido non implica que haxa unha relación familiar entre pintor e fotógrafo.
Nas obras de José Guerrero, onde impera a captación e traballo das paisaxes, non hai persoas; nunca aparecen seres humanos. Feito sobranceiro e definidor, aínda que case todas as paisaxes retratadas son de espazos humanizados, de espazos modelados pola acción das actividades humanas, xa sexa a agricultura, a industria ou mesmo os espazos arquitectónicos. En moitas das series amósase de contado a intervención de persoas que non están na foto: La Mancha, Efímeros, Carrara, BRG, etc. Esta peculiaridade non é estraña no mundo da creación fotográfica. Non hai moito a Fundación Mapfre programou unha espectacular exposición dos fotógrafos Bleda e Rosa na que se puido observar o mesmo fenómeno. Alí había campos de deportes sen ninguén que os practicase, escenarios de famosas batallas sen exércitos, restos arqueolóxicos sen profesionais, … Todo un exercicio de combinación entre medio natural e memoria humana. Con anterioridade foran polos mesmos vieiros grandes creadores como Brassaï ou Atget.
Fotografías de paisaxes humanizados, sen xente. Son vistas, vedute ao estilo italiano? Deveñen postais dos lugares? As súas vistas son, en todo caso, son tomas desmitificadoras das paraxes puramente estéticas; non son imaxes pictorialistas.
José Guerrero. A propósito del paisaje. Horizontes, Efímeros
Puede el hombre, si quiere, conducir su deseo
por vena de coral o celeste desnudo.
Mañana los amores serán rocas y el Tiempo
una brisa que viene dormida por las ramas.
(F. García Lorca. Oda a Walt Witman. Poeta en Nueva York, 1940)
Desde os seus primeiros traballos, unha vez decidido que o seu campo profesional sería a fotografía, Guerrero aposta polas paisaxes núas, descarnadas. Unha das series coas que comeza os seus traballos é a que tutulou Efímeros. Xa aquí están algunhas das constantes dos seus trabalos posteriores: a preocupación polo medio ambiente, a denuncia e/ou crítica. O amosa o fotógrafo nesta serie son arrabaldes de cidades degradados, contaminados e abandonados. Chatarra, automóbiles abandonados e enferruxados, terras degradadas; esas cousas que tanto se ven nas aforas das vilas, as faces feas e lixadas do capitalismo salvaxe. En paralelo, foi facendo series sobre lugares extensos e orfos de humanos. En La Mancha as terras en planicie que son captadas, con eses horizontes baixos que tanto lembran as paisaxes dos pintores holandeses, están traballadas, labradas, sementadas. Noutros casos non é así. Por exemplo na serie dedicada a ese espazo tan estarrecedor como é o Monument Valley é doado ver a acción das forzas naturais, pero non a dos humanos. A inmensidade e a forza das formacións rochosas non permite albiscar a presenza humana. Pola contra, no imaxinario dos humanos xa están grabadas esas paisaxes por seren on lugares onde se filmaron inmortais películas: A Dilixencia, Centauros do Deserto, etc., etc.
Que vén sendo a paisaxe? Segundo estudosos a paisaxe é un invento da arte. A paisaxe vén sendo a “necesaria” domesticación da natureza. O medio natural (bosque, deserto, pradeira) é ilimitado; unha pintura, unha fotografía son mecanismos que os humanos utilizan para reducir as inmensidades, para conseguir certezas. As propostas de Francisco de Asisi (entre outros acontecementos) de respecto pola natureza, de irmandade co resto de animais e plantas, fixo virar os xeitos de pintar, e comezan a xurdir os fondos, as paisaxes. E por tanto, os horizontes.
A todas horas se contemplar horizontes. Moitas pinturas, deseños e fotos exhiben as súas liñas de demarcación, onde se intúen as intencionalidades de moitos artistas ao apostar por un horizonte baixo, ou alto, curvilíneo ou recto, esa liña, que parece nítida e que realmente confronta aos humanos coas súas obxectividades e imaxinacións. O horizonte é confín. Horizonte é a porta ao que pode haber máis alá, despois; para o que non se coñece.
O horizonte é indeterminado, enigmático, ceibe, emocionante, atractivo.
José Guerrero. A propósito del paisaje. Verticalidades? Abstracción.
Hay conceptos, como el punto de vista, la altura del horizonte, las líneas de fuga, el encaje del dibujo en un lienzo concreto, etc. que tienen una importancia fundamental en la sintáxis del propio medio fotográfico y sus inherentes características técnicas. También sospecho que la descomposición en planos de un proyecto de ejecución material tiene una relación directa con la organización de mi trabajo en series, polípticos y secuencias. (José Guerrero en Ah Magazine,2015).
Como contrapunto ás paisaxes, os humanos, na súa teima de controlar o mundo natural, inventan os xardíns. A paisaxe é control da natureza, o xardín, invención da mesma. Hai a pretensión de reproducir a pequena escala o Edén en xardíns privados e públicos?
Nas imaxes de José Guerrero en A propósito del paisaje non todo remata nas series de captación de paisaxes humanizados (para ben e para mal), paisaxes retratados como ferramenta de denuncia, de crónica. Guerrero é persoa inquieta, levada pola experimentación, por provocar outros modos de mirar a natureza. Nos anos que o artista estivo en Roma aproveitou para seguir traballando noutras series, e con outras perspectivas. Neste sentido sobre sae a longa serie que elaborou no ano 2016 titulada Carrara. Fotografías realizadas nas famosas canteiras da Toscana de onde -e desde tempos do Imperio Romano- se extraen os afamados mármores que deron lugar, por exemplo, á estatua do David de Michelangelo Buonaroti, unha soa peza de 5 metros de altura e hogano icona das estéticas, serenas e naturalistas, do Cinquecentto.
Pero non. Guerrero non procura as brancuras máis ou menos matizadas daqueles mármores que aínda non foron arrincados da montaña. Todas as imaxes sa serie Carrara proceden da parte subterránea das canteiras, de onde se extraen as mellores pezas desas pedras tan prezadas. Son por tanto imaxes escuras, como nocturnas, revestidas de misterio, evocadoras de magnos edificios. Semella que Guerrero quere darlle a razón a Tanizaki e loar tamén a sombra. No recente filme (e excesivo) The Brutalist, unha pretensión de mini-biografía dun arquitecto inventado, os protagonistas da película viaxan a Carrara para buscar e comprar un bloque de mármore que fixese de altar no edificio que (pretendidamente) se estaba a construír preto de Filadelfia. E tamén saen secuencias nos subterráneos desas canteiras. Ao presentar estas imaxes escuras, en penumbra, está o fotógrafo a provocar? Trátase de ofrecer o anverso do esperado? É un xogo parecido ao presentado na serie Efímeros, onde se presenta a cara B das populosas cidades occidentais?
Seguindo nas liñas de xogo e experimentación, en 2024 o autor de BRG elabora a serie Brechas, presente tamén en José Guerrero. A propósito del paisaje. As paisaxes do revés! En canteiras e outros lugares, o fotógrafo aposta pola radical verticalidade das pedras e pola visión do ceo en raias verticais. A paisaxe sempre foi horizontal. De aí o adxectivo “horizontal”. Nesta serie non, outro xeito de provocación? No imaxinario occidental a paisaxe, o contacto coa natureza sempre se concibiu horizontal, con eses horizontes tan ben definidos. As verticalidades quedan para a figura humana, ou para aquelas imaxes onde se queren reflectir as comunicacións dos humanos coas divindades. A inquietude deste fotógrafo lévao a forzar conviccións, a rachas estereotipos.
No ano 2017 José Guerrero viaxa a México e alí coñece a obra do arquitecto Luís Barragán. E queda impresionado polos xogos de volumes e luces que producen as súas construcións. De volta a España decide facer algo similar: elabora maquetas de cores similares ás empregadas por Barragán, con volumes xeométricos e planos diversos. A partir de aí, xogando coa luz vai fotografando espazos abstractos que acaban na fantástica serie BRG. Outra pinchacarneira! Agora as imaxes producidas -de liñas xeométricas puras, abstractas, elementais- remiten por suposto a arquitecturas e tamén ás oníricas arquitecturas que Giorgio de Chirico fixera na súa época de pintura metafísica. Fotografía metafísica, logo?
Visitar José Guerrero. A propósito del paisaje é darlle pracer aos sentidos, é contactar con novos xeitos de entender os traballos fotográficos.
❧
EXPOSICIÓN: José Guerrero. A propósito del paisaje. KBr, Mapfre Barcelona, ata o 18 de maio de 2025
You might also like
More from Artes
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha