A muller estaba alí e os teléfonos móbiles xa chegaran. Aterraron nas nosas vidas por man dos que podían, despois por conta dos que os necesitaban e máis tarde colonizaron entre os que non puideron ou xa non quixeron escapar deles. Pillalos pola rúa, fotografalos, non era doado nos primeiros momentos. Eran cousa de coches con vocación representativa e de despachos nos que uns terminais aínda xigantescos se amosaban á vista dos visitantes co único e indisimulado ánimo de abraiar na clientela. Certo día adoptaron a autonomía e tamaño preciso para que pasearan polas cidades e non foron poucos os elixidos que con fachenda de novo rico percorrían paseos, avenidas e centros comerciais en pose de facer negocio. O conto era airear relacións privilexiadas, edificantes pelotazos, viaxes vertixinosas ou insinuar, case sempre en voz alta, o posible potencial económico do portador do aparato. Pasaron anos e tecnoloxías e o común dos mortais botou man e oído deses móbiles que chegan para enfiar as máis normais ou reservadas das conversas e para, sen piedade, asentar negativos apuntes na agre literatura das contas correntes. E o fotógrafo xa non foi quen de liscar deles. Aparecíanlle en calquera esquina para ser fonte de retrato ou documento. Mesmo logrou facer aparecer, como os antigos espiritistas, a muller coa que fala ou enreda un telefónico e anónimo paseante.
You might also like
More from Crónicas
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …