Si, vai ver se veñen! Son tiranos demasiado domésticos para isto e non aínda abondo estéticos e por moito tempo aínda demasiado covardes perante o Infinito. Que engulipen coa boca aberta un Polonio, filántropo de nada, que lles canta: «Enriquecédevos!». E dicir que tiven, como Çakaya-Mouni fillo de rei, o meu instante de loucura de apóstolo! Oh! là, là, eu, co miña cara vidiña única (que compartirei cunha cara mulleriña única) pórlle o cascabel ao gato! E ocupar con isto a miña louca cabeza sonora! Non sexamos máis proletarios que o proletario. E ti, Xustiza humana, non sexamos máis fortes que a Natureza. Si, meus amigos, meus irmáns! O sexa-o-que-for histórico ou a purgación apocalíptica, o bo vello Progreso ou o retorno ao estado natural. Entre tanto, bo apetito e divertídevos moito mañá, que é domingo.
A subida do sendeiro que conduce á cancela do cemiterio é penosa. Hamlet enfádase e estraga papoulas cos dedos. Chega tarde de máis. Polonio xa está enterrado; as derradeiras siluetas oficiais saen. Hamlet agáchase detrás dunha sebe para deixalas pasar sen ser visto, alguén colle do brazo a Laertes, fillo do defunto que da mágoa ver. Unha voz di, como se estivera fóra de si: «Cando se ten un louco en casa, féchase!».
Ao se levantar, Hamlet decátase que acaba de danar gravemente un formigueiro. –«Non hai nada que facerlle!», pensa «e para que o azar me deba algún favor…». E remata o devandito formigueiro a golpes de tacón.
Todo o mundo saíu. Hamlet só encontra no cemiterio dous sepultureiros, achégase ao primeiro, que arranxa as coroas depositadas sobre a tumba de Polonio.
–Teremos o seu busto o mes que ven, decláralle este home sen ser convidado.
–De que morreu? Sábese?
–Dun ataque de apoplexía. Era un bon vivant.
Nesa altura Hamlet, que en conciencia e a pesar da súa alma tan letrada non pensara no caso, sente que decididamente matou un home, suprimiu unha vida, unha vida da que el pode testemuñar. O chamado Polonio… corenta anos como mínimo tiña aínda por diante (Polonio facíavos tocarlle a fronte para tentear a súa saúde ferro) e Hamlet, cunha estocada irreflexiva mais fatal, tachounos como se borra un desorbitado orzamento de arquitecto. Estes pequenos conflitos de fenómenos riman co máis alá de aquí abaixo?
Hamlet instálase perante do sepultureiro que o observa, á espera de cumprimentos polo seu arranxo das coroas; mírao de enriba a baixo sobranceiramente e logo ládralle ao rostro: «Words! words! words!», entende, palabras, palabras, palabras!».
Diríxese cara ao outro sepultureiro sen oír que este lle berrou un «Vaite de aquí, nugallán!».
–E vós, bo home, que facedes?
–Ben o ve a Vosa Señoría, arranxo as vellas tumbas. Ah! Xa vai moito tempo que estes vellos secaron os xesos por aquí. O noso cemiterio sempre foi pequeno, a pesar de que as bondades do falecido rei fixeron case duplicar a poboación da súa cidade.
Medio bébedo, o sepultureiro trata de apoiarse nunha eixada.
–Ah, verdadeiramente, duplicou a poboación?…
–Vese ben que a Vosa Señoría non é de aquí. O defunto rei (morto tamén dun ataque de apoplexía) era aventureiro mais bo home e tiña un corazón de ouro, e en todas as partes onde proxenitaba deixaba boas caricias e bos escudos coa súa efixie.
–E dicídeme, o príncipe Hamlet é fillo da súa muller Gerutha?
–Vaites! A Vosa Señoría talvez oíu falar do defunto o incomparábel bufón Yorick.
–Sen dúbida.
–Pois ben, o príncipe Hamlet e simplemente seu irmán por parte de nai.
Hamlet irmán dun bufón de corte, non é, xa que logo, tan «fillo das súas obras» como xulgaba!…
–E esa nai…
–Si, a nai era a xitana máis diabolicamente bela que, con licenza da Vosa Señoría, nunca se viu. Chegou aquí dicindo a boaventura co seu fillo Yorick. Mantivérana presa no Castelo e, un ano despois, morreu ao traer ao mundo ao nobre Hamlet. Cando digo ao traer ao mundo… Morreu da cesárea que lle fixeron.
–Ah, ah! O tal Hamlet non foi fácil de traer a este mundo de aquí abaixo!.
–Pois non. Está enterrada onde a Vosa Señoría ve que se quitaron os escombros. Hai un mes a raíña deunos a orde de exhumar os seus restos e queimalos, aínda que a xitana era tan cristiá coma vós e coma min, certo como a borracheira que collemos aquel día. Despois foi a vez da tumba do seu pobre Yorick, cuxos restos pode a Vosa Señoría pisar aquí.
–Non o farei.
–E estou a arranxar todo para recibir nunha hora o corpo da nobre filla de Polonio, Ofelia, que xa foi encontrada. Si, todos somos mortais.
–Ah! Ofelia… encontraron esa señorita?
–Preto da represa, señor. O seu irmán Laertes foi quen veu esta mañá a avisarnos. Puña pena, o rapaz. É moi amado. Sabedes que se ocupa do problema da habitación dos obreiros? Hai tamén que dicir que acontecen cousas curiosas.
–E tamén se asegura que o príncipe Hamlet enlouqueceu, non si? (Oh, meu Deus, meu Deus, preto da represa…)
–Si, si, é o desastre. Oh, sempre o dixen, estamos maduros para a anexión. Unha destas catro mañás, o príncipe Fortimbras de Noruega vai encargarse dos nosos negocios. Xa convertín o meu pequeno peculio en accións de Noruega. E todo isto non me impedirá que maña domingo beba un bos netos.
–Claro que non. Continuade.
Hamlet pon un escudo na man do home e apaña o cranio de Yorick e cun paso arrastrado e correcto vai perderse entre os cipreses e os mausoleos, desacougado polos destinos, moitos turbios destinos, non sabendo xa porque punta retomar un pouco decentemente o seu papel.
Hamlet detense. Achega o cranio de Yorick á súa orella e escoita, perdido…
–Alas, poor Yorick! Tal como se xulga escoitar nunha soa cuncha todo o gran rumor do Océano, seméllame oír aquí toda a inesgotábel sinfonía da alma universal da que esta caixa foi unha encrucillada de ecos, velaí unha idea sólida. E vede unha especie humana que non se interrogará máis, que estará atenta a este rumor vagamente inmortal que se oe nos cranios, a feito de explicacións da morte, é dicir, a feito de relixión? Alas, poor Yorick! Os pequenos helmintos degustaron o intelecto de Yorick… Era un mozo dun humor bastante infinito: meu irmán (a mesma nai durante nove meses), se este título no entanto prescribe unha actitude especial. Foi alguén. Tiña o eu puntilloso, enredado e retorcido; tragaba as propias mentiras. Para onde foi? Nin visto nin coñecido. Tampouco nada do seu sonambulismo. O propio bo siso, dise, non deixa pegadas. Aquí dentro había unha lingua, gutural: «Good night, ladies; good night, sweet ladies! Good night, good night». Cantaba isto e moitas veces indecencias (Hamlet fai o xesto de lanzar o cranio para adiante.) Lembrábase. (mesmo xesto para atrás.) Falou, corou, BOCEXOU –Horríbel, horríbel, horríbel!– Eu podo talvez vivir vinte, trinta anos e os pasarei como todos os outros. Como os outros? –Oh Todo! que miseria aquí xa non estarmos!– Ah!, quero desde mañá partir, investigar polo mundo os procedementos máis adamantinos de embalsamar. A pequena xente da Historia foi tamén así, apaixonada, larpeira, vaidosa, tola de cumprimentos, apertos de mans e de beixos, vivindo de rexoubas de campanario cando aprendeu a ler, a cortar as uñas, a prender todas as noites o sucio candil e a saber dicir: «Que tempo fará mañá? Velaí que vén o inverno… Esta ano non houbo ameixas». –Ah!, ben está o que non acaba. E ti, Silencio, perdoa á Terra, a toliña non sabe moi ben o que fai. Cando chegue o día de pasar as contas da Consciencia diante do Ideal, marcarana cun mesquiño ídem na columna das evolucións miniatura da Evolución Única, na columna das cantidades desprezábeis. –E logo, palabras, palabras, palabras! Esta será a miña divisa mentres non me for demostrado que as nosas linguas se adaptan ben a unha realidade transcendente. –No que a min toca, co meu xenio, poderei ser o que se chama comunmente un Mesías. Mais demasiado, demasiado estragado como un Benxamín pola Natureza. Comprendo todo, adoro todo e quero fecundar todo. Por iso mesmo gravei unha sentenza na parede do meu leito nun dístico igualmente malicioso:
A miña rara facultade de asimilación
Contrariará o curso da miña vocación.
Ah!, aborrézome superiormente. E ben, que é o que eu espero? –A morte! A morte! Ah!, é que hai tempo para pensar por mais dotado que se sexa? Morrer! Morrer? Vaites. Volveremos falar máis tarde do asunto, que temos tempo. Morrer! Claro que morremos sen nos darmos conta como cada noite se entra no sono. Non temos consciencia do paso do último pensamento lúcido ao sono, á síncope, á Morte. Sabémolo todos. Mais xa non sermos, xa de aquí non sermos, xa de aquí non sermos! Nun serán calquera non poder estreitar contra o corazón humano a secular tristeza retida nun banal acorde de piano! –Meu pai morreu, esa carne da que son unha prolongación xa non existe. Xace por aí, deitado de costas, as mans unidas! Que podo facer eu senón pasar un día polo mesmo. E veranme tamén, dignamente deitado, as mans xuntas, sen rir! E dirán: «Quen está aí, é o xove Hamlet tan estragado, cheo dun verbo amargo? É el, xa tan serio como os outros. Aceptou sen se rebelar e con aspecto de tanta dignidade a flagrante inxustiza de estar aí?».
Hamlet apaña con ambas mans a súa futura caveira e tenta arrepiarse con todos os seus osos.
–Ah, vexamos, vexamos! Sexamos serios! Oh, debería atopar palabras, palabras, palabras! Mais para que as necesito se todo me deixa frío? –Vexamos: cando teño fame, teño unha visión intensa de comestíbeis; cando teño sede, teño a sensación clara de líquidos; cando sento o meu corazón completamente celibatario, salouco o sentimento dos ollos queridos e das epidermes de graza. Por tanto, se a idea de morte permanece tan afastada de min, é porque desbordo de vida, porque a vida me acolle, é que a vida quere de min algunha cousa! –Ah, a miña vida, no entanto, que é de nós os dous!
–Ei! Vós!, bérralle o segundo sepultureiro, velaí ven subindo o convoi de Ofelia!
O primeiro movemento do pensador Hamlet é imitar ás mil marabillas o pallaso que un forte redobre de tambor esperta; e é xustamente o que reprime. Despois métese detrás dun peitoril trilobulado con calados e disponse a ver un pouco.
O melancólico convoi entra (dunha vez para sempre!). Co choqueleo da subida caer rosas brancas do veludo negro que recubre o ataúde (caen, ai!, dunha vez para sempre!).
–No entanto non é tan pesada, pensa Hamlet moi interesado. Esquecíame: debe estar tan chea de auga como un odre. Pescada na represa: porca. Ao ler sen método na miña biblioteca tiña que chegar a este fin. –Oh, meu Deus! Agora aprecio a súa grande ollada azul! Pobre, pobre rapaza! Tan débil e tan heroica! Tan inviolada e tan modesta! –Tanto peor!, é o desastre, o desastre! O conquistador Fortimbras faría dela a súa amante: é un turco nestas cousas! E Ela morrería indiscutibelmente de vergoña, coñézoa ben que ben a adestrei! Morreu deixando só unha mala reputación de Bela Helena, mentres que grazas a min…
Hamlet distráese un instante ao seguir os xestos dos monxes a oficiaren arredor do buraco: van rápidos na tarefa, os monxes, porque terán moito que facer mañá domingo. Unha rapaza é tan prontamente enterrada como casada. Onde achar o tempo para rebelarmos contra todo isto? A arte é tan longa e a vida tan curta! E Hamlet non pode deixar de se sentir crispado por un remorso a flor de nervios, pola súa humilde parte.
–De todos os xeitos, de todos os xeitos! Eu que teño tan bo corazón, eu, cuxo corazón de ouro é tan coñecido, facer isto! Arredemo, Hamlet, arredemo!… –Pobre Ofelia, pobre Lili, a miña amiguiña da nenez. Amábaa! É evidente! Era de caixón. E mesmo non pedía para me rexenerar nada mellor que a ollada do seu sorriso. Mais a arte é tan longa e a vida tan curta! E nada é práctico. E pola miña nai e polo meu irmán e todo, estaba condenado anticipadamente (Si, algo así.) e, por tanto, a mágoa que en consecuencia non podía deixar de inflixirlle, adelgazouna, adelgazouna tanto que a alianza que, en tempos mellores, lle puxera no dedo, caía a cada intre, proba celeste de que… e logo, tiña o aspecto tan perecíbel! E logo, con esas galas da corte nas que se escotan desde os dezaseis anos, nin os seus ombros foron unha virxindade que puidese eu saquear. O diabo me confisque se lembro cando vin os seus ombros por vez primeira! Ora, como é sabido, a virxindade dos ombros é todo para min e nisto non transixo nunca. E finalmente, era como as outras, a pesar do todo celeste das súas olladas en branco. Fun, xa que logo, roubado. Non me quedaba máis que observas os seus miúdos xestos de femia. E pensaba: «Arredemo, en que ollos acreditar agora? Debín cegarlle os ollos, eses ollos,e lavarme as mans». E despois, por outra parte, aquela voz infernal que chegaba sempre adiantada ás nosas citas e me atordoaba até o punto de «vou beixala? Non! Con certeza!, non, palabras, palabras, palabras!». Volveríame tolo. Teño que moderarme –Veña, veña, salmodiade Holy, holy, holy, Lord God Almigthy! A personalidade divina, que idea! Velaí o que se chama facer personalidades. –O seu paraíso é aínda a miña lembranza, porque, con efecto, tiña o que sempre pediría á noiva do meu xenio: unha boca inxenuamente acolledora, mais gardada por dous grandes ollos que saben, ou ben (como esa actriz, Kate, confesémolo) dous finos ollos azuis vagabundos e crédulos, gardada por unha boca desfigurada pola prega amarga dos cantos inmortalmente á defensiva. E o seu perfil, e é por outra parte o único padrón para medir a beleza da muller, non lembraba o de ningún animal, do buldog á gacela. E na intimidade nunca puiden sorprenderlle ningún matiz-cadela. En suma, era unha santa en saias. E pena sería que envellecese. E amante de Fortimbras! Ah, Ofelia, non naceras para ser a miña compañeira!, non eras abondo descoñecida para iso! Axudeina a murchar, a Fatalidade fixo o reto.
Ofelia, Ofelia,
Teu belo corpo no estanque
Son paus a flotar
Para a miña vella tolemia…
A cerimonia vai chegando ao fin (dunha vez para sempre!). Óense os terróns de terra bater no ataúde, bater sobre ese ataúde!, dunha vez para sempre!…
–Digamos de novo que tiña un torso anxelical. Mais, que vale todo isto agora! Vamos, dou cinco anos da miña vida por resucitala! E Deus sen dicir palabra! Adxudicado! É por tanto que non hai Deus ou que non me quedan dez anos de vida. A primeira hipótese paréceme a máis viábel, claro.
Hamlet, home de acción, non abandona o seu acocho até que se asegura que o bruto de Laertes marchou coa súa honorábel compañía.
–Levo o teu cranio para casa, irmán Yorick. Fareille un fermoso lugar no estante dos meus exvotos, entre unha luva de Ofelia e o meu primeiro dente. Ah, con tantos feitos canto vou traballar este inverno! Teño o infinito na táboa da misa mesa.
A noite cae! Ah, hai que actuar! Hamlet remota o camiño do Castelo sen se deixar invadir pola cotianeidade da noite nas grandes estradas. Sobe primeiro á torre para gardar o cranio, estatuíña poderosa. Debrúzase un intre na fiestra para ollar a fermosa lúa chea de ouro que se reflicte no mar calmo e serpentea unha columna quebrada de veludo negro e de líquido de mouro, máxico e sen obxectivo.
Eses reflexos na auga melancólica… A santa e maldita Ofelia flotou así toda a noite…
–Oh, no entanto non podo matarme, privarme de vivir! Ofelia, Ofelia! Perdóame! Non chores tanto!
Hamlet volve entrar na súa habitación e apalpa febrilmente.
–Non podo ver as bágoas das rapazas. Si, facer chorar unha rapaza paréceme que é máis irreparábel que casar con ela. Porque as bágoas pertencen a toda a infancia; porque verter bágoas significa simplemente unha mágoa tan fonda que todos os anos de endurecemento social e de razón rebentan e se afogan nesa fonte saltarina da infancia, da criatura primitiva incapaz de mal. –Adeus, fermosos ollos, a pesar de inviolados porque indomábeis, de Ofelia! Faise tarde, hai que actuar. Para mañá os beixos e as teorías.
Hamlet descende para ver como a súa peza vai avanzando.
Un corredor, onde xeralmente acampa a reserva de comida dos grandes bailes de gala, foi dividido en camerinos e debe servir de bastidores a aqueles comediantes.
Hamlet, un pouco distraído, empurra a modiño a porta dun destes camerinos e entra. Detense á entrada. Entre as caixas desembaladas, a chorar como unha Magdalena, sacudida polos últimos saloucos dunha crise, Kate, aquela actriz, xace sobre chan, cun vestido vermello de brocado con escamas de ouros e cola, mais sen blusa aínda, os brazos e os ombros en ofrenda, o peito ao natural cunha camiseta marabillosa de pregas, pobre criatura e talvez consolábel.
Hamlet fecha hábil e suavemente a porta detrás del e vai abeirarse dunha nova historia.
–E logo, Kate, que o que pasa, que tedes?
A presenza da Súa Alteza non emociona un chisco á bela Kate. Permanece aínda minutos así prostrada na superioridade das súas bágoas. Logo (como sempre é necesario acabar para actuar) érguese e se ocupar da Súa Alteza mais que para darlle as costas, comeza a recompor, aquí e acolá na desorde, o seu traxe de reina dunha noite, rabiando con restos de bágoas contra os nós dos cordóns dos zapatos. –A pesar de todo como é xenerosamente bela! Oh, certamente, se lle fala, se lle fala e bordea o hamletismo sen mollarse, Hamlet está perdido! Perdido e gañado!
–Que pasa, que vos ocorre, Kate, amiga miña?
Cóllea xentilmente pola cintura.
–Veña, dicídemo a min.
E velaí a bela Kate que o mira inmortalmente de cara e despois esconde o rostro no peito do casto príncipe, e volve a fundirse en bágoas, a chorar todas as súas bágoas sobre o xibón de veludo negro en que Ofelia verteu bastantes o mes pasado.
Hamlet xulga que debe sementar a súa caluga de beixos calmantes e outros, alisarlle as fitas dos seus cabelos.
Sería necesaria a pluma de Hamlet para servirvos o sentimento da beleza de Kate. Kate é unha deas aparicións que, na rúa, vos deixan pampos sen que se pense en seguila (para que?, dicimos, se debe ter unha vida moi ocupada) e que nun salón se mira, non cun ar belo, louco ou tenro, senón indiferente ou afastado (que habituada debe estar ás cabezas que se viran pasmadas!, non paga a pena, pensamos, aumentar o barullo). Logo sabemos que vive como calquera outra, casada, ou soa, aquí ou acolá. E abraiámonos que non sexa a famosa tal, afogada por dramas internacionais a pesar dos seus vinte e cinco anos e o seu aspecto de monstro que durmiu ben a noite anterior.
E Kate, que viviu pasabelmente, que viviu nada menos que epicamente. Viviu, oh miseria! Oh pequenas cidades, pantalla de lámpadas, intermediarios cotrosos, golpes de portas! Oh miserias, oh ocasión! Viviu e non obstante está aí, a mirarvos; e a carantoña da súa boca é unha campánula que se abriu esta mañá e os seus grandes ollos descoñecidos balbucían: «Que?… Ah?» que modestia neste doce moño sobre esta caluga delicada! –Ah!, deixade, xa que logo, é do outro sexo, é escrava, non sabe…
Non sabe nada e Hamlet só sabe pasear con piedade e con solerma a carantoña dos seus labios adolescentes sobre a pel tenramente limpa dos seus castos ombros mortos de mágoa, e se mostrar criatura, criatura sen frases.
Mais non! A esta hora as pradarías naturais están lonxe! É necesario antes de nada facer táboa rasa, e desde esta noite!
–Agora, Kate, decídeme o por que destas bágoas que estou a ver. Vós que aínda onte non me coñeciades e atopades os meus beixos naturais. Teredes que dicirmo.
–Oh!, non, nunca.
–É unha cousa tan mala, entón? Vamos!, comigo…
E como acaba esta palabra nos seus ombros polos que pasa a súa fazula, ela óllao de fronte, baixa os ollos, estende os brazos e di, moi aborrecida, cunha voz arisca:
–Ben, vale! Eu non deixo de ser unha infeliz, mais, que se saiba, teño a alma altamente situada. Deus sabe cantas heroínas sublimes interpretei sobre as táboas. Mais cando lin estas escenas de infancia e de primeiros noivados do meu papel na parva peza que vos escribistes, oh, mirade! Que penoso e desapiadado é o noso destino! Oh, debedes ser único e incomprendido!, non louco como din esas xentes de esporas e escarvadentes. Mais tamén debedes ter feito sufrido moito! –É moi simple… Non, non!
–Continua, Ofelia, continúa.
–Ollade, ao me vestir repetíame o monólogo da igrexa e de repente o meu corazón rebentou de novo en bágoas, e deixeime ir sobre as táboas. Se soubésedes que gran corazón teño! Ah!, que farta estou desta existencia cínica e baleira! Maña déixoo todo, volvo a Calais e entro nun convento para me consagrar aos pobres feridos da guerra dos Cen Anos.
Hamlet, aínda que ben educado, non pode conter a súa alegría de artista. É o seu bautismo de poeta!, e achégallo ben envolto esta comedianta do primeiro teatro de Londres. E eis Hamlet que esgota de explicación á pobre Kate, faise indicar as menores palabras e, con todo o seu corazón cósmico, mírase neses ollos expertos que o seu xenio acaba de ampliar con moita gloria.
–Achas entón que, diante dun publico de capital e con luces, o efecto sería esmagador? E que me mirarían ao pasar nas rúas asombrándose da miña triste figura? E que algúns se matarían diante do enigma da miña vida? Oh, Kate, se soubeses! Este drama non é nada, concibino e fíxeno en medio de repugnantes preocupacións domésticas. Mais alá enriba teño dramas e poemas, comedias fantásticas e metafísicas, inauditos, fulminantes ou dadores de morte lenta! Ah!, imos a nos amar, eu deixo tamén todo, partiremos esta noite baixo este claro ceo de lúa tan lúcido! Lereiche todo! Iremos vivir a París!
Kate volve a chorar en silencio.
–Non, non, Hamlet, non é para min, eu quero retirarme, entrar nun convento, coidar os feridos da moi lamentábel guerra dos Cen Anos e rogar por vós.
Petan á porta.
–Vamos, Kate, secade os vosos interesantes ollos, arranxade o voso vestido; volverei antes de que acabe o espectáculo. Ámovos, ámovos! E vos dirédesme novas destas inmensidade. –Entrade!
É o director; Hamlet intímao ao pasar.
–Gardarédesme o segredo, non si? Este drama non vén de min. E o primeiro do voso repertorio. Ídevos tranquilamente.
–Ei!, continúa Hamlet en voz alta, de regreso á súa torre, eu moquéome desta representación e da súa moralidade como do primeiro amante de Kate! –A sorte está botada! Teño a miña solución. Estas cousas sempre veñen de onde menos se espera. A min a vida e os seus arredores e os moi gloriosos pesimismos, con todo!
Hamlet vístese solidamente; ordena os seus augafortes que amontoa con manuscritos, ouro e pedrarías nos dous cofres. Escolle armas miúdas. Despois prende unha estufa, pon enriba unha prancha de cobre para gravar sobre a que deita as dúas estatuíñas de cera co corazón puerilmente furado por unha agulla, e as dúas estatuíñas axiña derrétense, uníndose tenramente nun charco repugnante.
–Búrlome do meu trono. Embrutece de máis. Fortimbras de Noruega diríame que é o mellor que podo facer. Sexa: todo está ben. Os mortos están mortos. Vou viaxar. E París! Estou seguro de que ela interpreta como un anxo, como un monstro. Faremos sensación. Teremos curiosos nomes de guerra .
Por un instante Hamlet procura un nome de guerra curioso: mais non!, xa lle salta á gorxa todo o espazo que van devorar a cabalo esta noite. E mañá, tamén domingo, cando as rapazas de Elsenor estean como sempre na misa e as vésperas, a esa hora, eles estarán, lonxe, melancolicamente lonxe das murallas de Elsenor!
Hamlet chama para os derradeiros preparativos ao seu escudeiro. Na espera, divírtese lanzando esgarros aos cadros pendurados nos muros da súa habitación, esas vistas da Xutlandia que pesaron sobre a súa mocidade estéril e mal alimentada.
O rei Fengo e a raíña Gerutha pasean un sorriso fatigado de amabilidade e séntanse nas súas cadeiras reais: a sala volve colocarse cun frufru indeciso de trigal maduro a escoitar de onde vai vir o vento. Os paxes retíranse cara ás portas. O pano do escenario divídese en dous.
No recanto escuro dunha tribuna, Hamlet, cuxa persoa ninguén nota nunca, sentado nun coxín, observa a sala e o escenario polos buracos da balaustrada.
O tópico «público axitado» vénlle aos beizos. –Adiante, Hamlet, que todo isto de deixa impermeabelmente frío. A sala é nula, a etiqueta prohibe aplaudir e os rostros serán modelados sobre os da parella real, o que non será do seu gusto e, xa que logo, nada imparcial desde o segundo acto.
A obra comeza e Hamlet sábea de memoria. Absórbese nas experiencias de efectos escénicos, nota anticipadamente o alcance das súas palabras diante dun verdadeiro público, rumia retoques. Finalmente aparece Kate e electriza a obra.
–Vaites! Só era un principiante! Velaí o que me faltaba: a proba do palco! Oh!, aínda non dei un cuarto do que teño na barriga. E ela!, que rematada e quimericamente fermosa é, así, peiteada á Titus! Co aspecto de non saber para onde a levan! E os seus ollos que ora saben todo, todo!, ora nada, nada, oh Ceos! Palabra que o seu ser está temperado pola realización de cousas das que se falará en mil anos. Nós comprendémonos. Faremos sensación. Ten, como Ofelia, ese ar pedante, mais ela deulle un ascendente (palabra a anotar!). Quero amala como a vida. Oh!, como recitou isto
Oh!, volve aquí,
Volve chorar entre os meus cabelos, os meus cabelos só
Meus, e fareite novelos,
A moreas…
Oh!, veño, veño! E eu, que xulgaba coñecer a Muller! A Muller e a Liberdade! E emporcábaas con banalidades a priori! Pretensioso! Pedicuro! –E os dous criminais alá, teñen moito estilo no espectáculo, abofé! Non comprenden aínda de onde vén este horríbel, horríbel, horríbel drama. Talvez me entreguei demasiado ás superficialidades da fantasía e quedan moitas a pesar dos cortes. Mais esperemos a escena do xardín. –Olla, Laertes non veu.
Érguense porque é o descanso. O rei e a raíña forman un grupo, os paxes recollen as colas dos seus mantos e pasean o seu sorriso afábel e fatigado. Circulan filetes de arenque e pequenos cornos de auroque nos que a cervexa fai espuma.
Despois da escena dúas do acto seguinte e diante deste decorado de bóveda onde o rei Gonzago comeza a durmir abanicado pola súa muller, Fengo, covarde de corazón, comprende! E sen esperar a entrada de Claudius, cae esvaecido. A raíña érguese irta, moi Paul Delaroche1, e móstrase moi atenta con todo un repertorio de carantoñas e murmurios. Un disparo de alabarda do chambelán sucesor de Polonio (feliz de inaugurar así as súas funcións) fai caer o pano sobre a horríbel, horríbel, horríbel peza.
Hamlet érguese no seu recanto e balbucía:
–Música! Música! Entón era verdade! E eu que non o acreditaba!… –Finalmente, na miña opinión, foron abondo castigados. Eu lisco! Un día máis e envelénanme coma un rato, un porco rato!
Hamlet lánzase a través das escaleiras de servizo cheas de tintíns de timbres e chamadas. Os bastidores están desertos. Antes de nada recolle o seu manuscrito abandonado alá, aberto no punto interrompido.
Kate esperábao.
–Un simple desmaio. Contareicho despois. Agora béixame. Interpretaches como un anxo. Agora non temos nin un minuto a perder… como dous ratos!
Axúdaa a saír dos seus brocardos, tivera a boa idea de conservar debaixo a súa roupa habitual. Hamlet arrodéaa cun manto e enfíalle unha touca na cabeza.
–Ségueme.
Atravesan o parque facendo voar paxaros adormecidos. Hamlet asubía alegremente. Saen por unha pequena porta. Alá está un escudeiro con dous cabalos collidos polas bridas.
E tempo de se encaixaren na sela entre eses cofres preciosos e aí van, a todo trote, como era de esperar. (Non, non! Non é posíbel! Todo isto vai demasiado rápido.)
Van a través dos campos para alcanzar a grande estrada sen pasar pola porta de Elsenor, a grande estrada sen a lúa que debe ser tan boa, alá abaixo, ente prados e prados…
É a ruta na que, horas antes, Hamlet camiñaba cruzándose con proletarios cotiáns.
Vai un tempo suave e calorífero do paraíso. E a lúa interpreta, non sen certo éxito, o encantamento das noites polares.
–Kate, ceaches antes do espectáculo?
–Non. Non tiña corazón para comer. E vós?
–Eu non comín desde o medio día. Nunha hora chegaremos á pousada de caza onde tomaremos algunha cousa. O garda é marido da miña nutriz. Verás na súa casa unha miniatura miña de cando era bebé.
Hamlet repara que van xustamente pasar preto do cemiterio.
(O cemiterio…)
E velaí que, picado por non se sabe que tarántula, descende do seu cabalo que ata a unha árbore, árbore indiferente e melancólica.
–Kate, espérame un minuto. É pola tumba de meu pai, que foi asasinado, o pobre home! Xa te contarei. Volvo nun momento, o tempo de coller unha flor, unha simple flor de papel, que nos servirá de marca cando releamos o meu drama e seremos forzados a interrompelo en medio de beixos.
Avanza no luar entre as sombras crúas dos cipreses sobre as pedras, vai dereito á tumba de Ofelia, da xa tan misteriosa e lendaria Ofelia. E alá, os brazos cruzados, espera.
–Decididamente
Os mortos
Que arrepío
Dormen
Mesmo con frío.
–Quen anda aí? Es ti, Hamlet de mala sorte? Que ves facer aquí?
–Es ti, caro Laertes, que che trae?…
–Si, son eu, e se non foses un pobre demente, irresponsábel segundo os últimos progresos da ciencia, pagarías ao momento a morte do meu honorábel pai e a da miña irmá, rapaza consumada, alá, sobre as súas tumbas.
–Oh Laertes, tanto me ten. Mais acredita que terei en conta o teu punto de vista.
–Santo Ceo, que ausencia de sentido moral!
–Entón, achas que chegou?
–Veña! Fóra de aquí, tolo, ou non respondo por min! Cando se acaba na loucura é que se comezou pola farsa.
–E a túa irmá?
–Oh!
Nese momento, óese na noite espectralmente clara o ladrido tan superhumanamente único dun can de granxa á lúa. Por iso o corazón do excelente Laertes (que mais ben merecería, pénsoo, ai!, demasiado tarde, ser o heroe desta narración) desborda, desborda do inexplicábel anonimato do seu destino de trinta anos! É de máis! E apañando cunha man a Hamlet pola gorxa, coa outra espétalle no corazón un puñal verdadeiro.
O noso heroe cae sobre os seus xeonllos orgullosos na herba e vomita sangue a cachón e fai de animal perseguido por unha morte certa, e quere falar… chega mesmo a articular:
–Ah! Ah! qualis… artifex… pereo!2
E entrega a súa alma hamlética á natureza inamovíbel.
Laertes, idiota de humanidade, inclínase, beixa o pobre morto no fronte e apértalle a man, logo, ás apalpadelas no baleiro, foxe saltando os valados, para sempre, talvez a se facer monxe.
Silencio e lúa… Cemiterio e natureza.
–Hamlet! Hamlet!, chama a tremelicante voz de Kate. Hamlet!…
A lúa asolaga todo cun silencio polar
Kate decídese ir ver.
Ve. Apalpa o cadáver lívido de lúa e de deceso.
–O Ceos, apuñalouse!
Inclínase sobre a tumba e le:
OFELIA, FILLA DE LORD POLONIO
E DE LADY ANNE MORTA AOS DEZAOITO ANOS
E a data de hoxe.
–Era a que el amaba! Entón por que me levaba con amor? Pobre heroe… Que facer?
Debrúzase, béixao, chámao.
Hamlet, my little Hamlet.
Mais a morte e a morte e desde a vida o sabemos.
–Vou regresar ao Castelo cos cabalos, procurar o escudeiro testemuña da nosa partida e direi todo.
Volve marchar ao mesmo trote, virando as costas á lúa chea que sería tan boa, alá abaixo, nos prados, nos prados, cara á París e os brillantes Valois de corte plenaria.
Sóubose todo, o reprensíbel golpe de drama verídico, o secuestro, etc. Mandaran procuran o cadáver con fachos de primeira calidade. –Oh noite histórica, a fin de contas!
Ora, Kate era a amante de William.
–Ah, ah!, dixo este home, querían abandonar a Bibi!
(Bibi é unha abreviación de Billy, diminutivo de William.)
E Kate apañou unha boa labazada que non era a primeira e non debía ser a última, ai! E a pesar de ser tan bela, Kate, que, noutros tempos, Grecia a levaría aos altares.
E todo volveu a entrar na orde.
Un Hamlet de menos. A raza non se perdeu, que non se diga!
NOTAS
1 Pintor francés especialista en escenas «históricas». (Ndt.)
2 Que grande artista perece comigo!, de acordo con Suetonio, a exclamación do emperador Nero antes de se suicidar.
You might also like
More from Narrativa
A velha árvore | Artur Alonso
Todos vimos a árvore. Alguns sentaram a sua sombra: para ver dentro deles a escuridão e removê-la. Outros somente se …
Doce Setembro | Morgado MBalate
Morgado Mbalate Doce Setembro Nasci do amor entre o senhor Henrique e a dona Palmira, numa madrugada de 6 de Setembro de …