(A Alejandra Pizarnik. In memoriam)
I
Dende a nada
sinto o ruído dos teus pés.
Soan
coma un rumor de ás.
Con mans de cristal
rompes o hábito das horas
escachas a monotonía.
A noite
sombra que me trae
silencio
escuridade e luz
no calado murmurio das estrelas
ven falarme de ti.
II
Unha hora de paxaros para te buscar.
Abóndanme dous segundos
para achegarme a ti.
Abre, abre axiña
a inaccesible porta do teu labirinto,
para que poida atopar
na sombra dos teus silencios
a túa luz.
III
Que se agocha tras desa melancolía
que trae xa un ataúde feito á medida
de cada un dos teus pensamentos.
Todo nace para morrer.
Sabémolo.
Menos a palabra.
Esa palabra túa, que chega a nós
viva e ferida.
Os teus poemas
versos na miña alma.
Versos
de sombra e luz.
IV
Un día
deseñastes con palabras un raro xardín.
Sen flores.
Plantastes nel bolboretas negras
e paxaros de brétema
iluminándoo logo
cunha rara luz.
Para que o habitase
sen veo ningún
a túa melancolía.
A túa sombra nua.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …