(A Alejandra Pizarnik. In memoriam)
V
Dende o limiar da ausencia
chégame un recendo a lilas.
Unha canción de bágoas.
Un perfil na sombra.
Imaxe que de ti
proclaman os espellos.
VI
Soñei a túa sombra, cisne.
Viñas na noite
por un mar de cinzas
abertas as ás
ao vento e ás ondas.
No gris
escoitei o teu canto.
A túa pena
fíxose voo.
E veu pousar en min.
Non sei
en que momento.
VII
Quero bicar a túa man de morta, e sentir o teu frío.
Chámame. Chámame cada noite.
Cada unha desas longas e escuras noites que caben
na máis pequena migalla da túa luz.
Despois da última cantata nocturna dos reloxos, chámame, chámame…
E, mentres o pulso dunha estrela determina o noso ritmo
ambas agoniaremos coa febre máis azul.
VIII
Soa no vento unha pianola de auga
mentres a choiva, pranto deshabitado,
esvara pola miña tristeza.
Unha mala luz, frío escinitileo
asumíndote
nunha hora incerta,
afastoute do tempo.
Ti, sombra náufraga.
Acubillada no pálido
esplendor da lúa.
IX
Hoxe, Alexandra, espertaches
no ángulo invisible do meu lado escuro.
Sigo o teu ritmo en clave de fuga.
Nesta hora alagada
polos ventos e a choiva.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …