Este filme de María Ruído [cf. Work & Words] preside o espazo a ela adicado na S8 Mostra de cinema periférico da Coruña. A infancia e a maternidade son os eixos temáticos da mesma, nunha composición que indica por medio de imaxes estes aspectos chaves para a condición feminina e humana.
Fechar o ciclo como se dunha apoloxía do non domesticado se tratase e refacer a trama para poñer no centro un animal salvaxe.
A domestificación impón as súas regras que hai que saber atravesar para facer do asento unha invitación ao salto.
Saltar do berce como ese gato que non quere por límites a súa existencia e que transita libre entre roseira e roseira.
A imposición social de ser nai vén da man dos xogos da infancia e dos obxectos cos que nesa época nos relacionamos. Unha especie de epifanía desenvólvese nese tipo de xogos para encaixarnos nos roles que se nos asignan.
Esa nena en primeiros planos co seu carriño e coa pretensión de facer do dito gato unha especie de bebé devólvenos á idea primitiva de cousificar a descendencia e todo baixo a ollada perplexa dunha nai que aquí é mera observadora.
Son catro minutos de filme rodado nun xardín e en branco e negro que nos dispón diante dunha acción gravada con planos curtos que retratan un momento significativo: o da fuxida, a fuxida cara a liberdade.
Si, é un filme de liberdade, de aquelo que xorde polos camiños dunha música improvisada, e que nos leva cara roteiros non perfilados: saír do berce, como ese gato que non quere ser o fillo desa nena.
Soster a dúbida da maternidade cando pouco nos importa que o gato marche, cando moito nos importa ser donas do noso corpo.
Calcular sinerxias e establecelas como punto de partida para acadar unha actitude crítica en torno as maternidades. Parir non é o destino da muller.
You might also like
More from Audiovisual
Inma Doval: “[círculo dentro do círculo]” | Carla Nepomuceno
O corpo, a vertigem, os ângulos... são alguns dos elementos que encontramos em [círculo dentro do círculo] de Inma Doval …
Marta Cortezão: “Cantiga Maria” | Carla Nepomuceno
A escritora Marta Cortezão lê um poema seu intitulado CANTIGA MARIA, deleitando-nos com a sua escrita.