{Ler teatro}
Afirmar que Raúl Dans é un dos autores teatrais galegos máis interesantes do momento só é confirmar unha verdade máis ou menos sabida, á parte de non dicir case nada, ou moi pouca cousa: un panexírico e xa está. E constatar que a súa obra As cancións que lles cantaban aos cativos (XXIV Premio SGAE de teatro Enrique Jarciel Poncela), publicada na colección Textos de Erregueté. Revista galega de teatro, outono 2016, e da que existen versións castelá, catalá e éuscara, é unha confirmación e un paso adiante da súa obra anterior, non deixa de ser unha «perogrullada».
Antes de entrarmos en «materia» avancemos que para nós As cancións que lles cantaban aos cativos é unha peza, unha obra realista. O realismo, como a maioría dos ismos, non é máis que unha convención artística tan válida como calquera outra. O importante para que unha obra sexa «boa» (valla o adxectivo) hai cousas que o autor debe, digamos, «priorizar»: o rigor no traballo, desconfiar do que escribiu e non parar de traballar. O importante nunca é a convención, o xogo que o autor escolle, senón a maneira como soubo xogar, a calidade do produto final. E o xogo do autor, de Raúl Dans, produce unha peza de valor, en diversos sentidos: dramático, ideolóxico e literario.
Como afirma Xerardo Couto na pequena, e intensa, introdución, «Ante todo hai que recoñecerlle ao autor a valentía de abordar un asunto delicado, un verdadeiro tema tabú. De feito, moi poucos autores ousaron tratar un asunto, o do terrorismo de ETA que se move polos lindeiros do terreo máis áspero e delicado, polo gume da navalla, politicamente falando». O tema, evidentemente, é delicado, mais é un tema que hai que afrontar, sen medo e sen medias tintas. Sen medias tintas, en certa maneira, o enfronta Raúl Dans, mais, ollo!, é un dramaturgo non un ensaísta. E é mediante procedementos dramáticos, non a través de ningún tipo de discurso máis ou menos pesado, que chega ao fondo da ferida que o autor quere examinar. E como é dramaturgo enfronta o problema enfrontando personaxes, non discursos ideolóxicos, aínda que a ideoloxía poida estar (en verdade o está) presente nas palabras dos personaxes. A obra ten momentos de boa cociña dramática, de tensión de boa lei, de auténtico clímax escénico. Dans sabe utilizar tanto o espazo escénico como os diálogos («Hai que dicir que é un pracer asistir aos xiros, engados, e reviravoltas que propón o autor ao lector ou ao futuro espectador. E todo isto sempre cuns diálogos nos que cada personaxe fala como debe, no seu rexistro e na súa situación», Xerardo Souto), mais tamén consegue movementos vibrantes que xogan coa acción silenciosa, sen palabras (as «Pausas»). No que respecta á lingua, volvemos a Xerardo Couto: «Abraia ver o oído fino que ten Dans para reproducir e anovar a fala real da xente, e para inventar despois, con acerto, parlamentos convincentes, que flúen perfectamente levándonos da man do principio ao final da historia», é dicir, sabe xogar coa lingua cunha máis que notábel eficacia teatral e, ademais, ten un bo olfacto para albiscar aquilo que a xente (lector ou espectador) pode ou non «tragar». Mediante esa lingua (e supoño que mediante un traballo senón de documentación, si de intensa reflexión) fai falar os personaxes, o de Rosalía –sobre todo–, con coherencia, con elaborada naturalidade sen caer en sentimentalismos ou subterfuxios políticos que podían ser do agrado dunha parte de lectores e espectadores.
No personaxe de Rosalía, Raúl Dans creou un ser de ficción diferente. É un personaxe vivo, auténtico en carne e ósos. Na obra hai catro personaxes, quizais protagonistas por igual: e un personaxe por ausencia. Mais Rosalía constitúe o centro do conflito e a temperatura dramática acostuma a dispararse nas súas escenas. Mais o centro do conflito non é só o «terrorismo» senón, como ben di Xerardo Couto, a familia está presente, como en toda a obra de Dans. A familia que continúa a estar no centro da nosa sociedade (como se demostrou cando estalou a crise económica). A familia continúa a ser o núcleo primixenio tanto dos problemas políticos e sociais como psicolóxicos ou persoais da nosa sociedade. Indagar na familia –que quizais sexa o heroe do noso tempo– é indagar na sociedade, describir a familia, cos seus conflitos, continúa a ser describir a sociedade: velaí o que sabe ver e transmitir nas súas obras teatrais Raúl Dans.
Mentres non chega o momento de ver a súa representación nas táboas dun escenario, pode o futuro espectador ser activo lector: non ficará decepcionado. Diálogos áxiles, profundos, interesantes. Acoutamentos que sitúan claramente os personaxes e os seus movementos, e, todo xunto, un alto valor literario. Valor literario no que se albiscan os valores dramáticos que, talvez, só podan ser percibidos na súa totalidade unha vez a obra se represente. Mais mentres ese tempo non chega, e para moitos dos posíbeis lectores talvez non chegará nunca, poden estes desfrutar dun máis que excelente texto dramático.
En resumidas contas, As cancións que lles cantaban aos cativos non é só unha excelente «proposta» dramática cuxa posta en escena implica, acho, poucas dificultades: a dificultade estará, ao meu parecer, na elección dos actores, senón tamén un excelente texto literario que ante todo intenta botar unha ollada non moralizadora (mais si moral) sobre o mundo do terrorismo e o mundo, en certa maneira explosivo, mais tamén solidario, da familia moderna.
You might also like
More from Ler teatro
O grupo de teatro Chévere
"O grupo de teatro Chévere" é um artigo de Xesús González Gómez da série "Ler teatro".
Ler teatro
"Ler teatro" é um artigo de Xesús González Gómez: "Ler teatro ten, entre a maioría dos lectores, mesmo sexan estes …