Ribeira. Esquina abierta. Beni Ensar, Marruecos, 2019 (Los afortunados)
Nesta primeira metade de 2023 e na cidade de Donostia, está aberta unha ampla e contundente mostra da fotógrafa Lúa Ribeira, unha das escollidas que xa forma parte da axencia Magnum. Baixo a denominación xenérica de Subida al cielo, nas salas de Kutxa Kultur Artegunea van representando o mundo imaxes de case todas as series que Ribeira leva feito ata agora. O resultado, un luxo estético, e badaladas na conciencia. ‘Subir ao ceo’ para identificar as inxustizas sociais?
❧
Lúa Ribeira. Subida al cielo. Kutxa Kultur Artegunea. Colonialismos?
There’s a lady who’s sure
All that glitters is gold
And she’s buying a stairway to heaven
When she gets there, she knows
If the stores are all closed
With a word she can get what she came for
(Led Zeppelin. Stairway To Heaven. 1971).
A fotógrafa Lúa Ribeira (As Pontes, 1986) presenta agora na Kutxa Kultur Artegunea, situado no antigo edificio da Tabakalera de Donostia unha mostra de traballos de varias series, titulada Lúa Ribeira. Subida al Cielo. No seu conxunto a presente exposición é a máis extensa e completa dos traballos que -ata agora- leva feito a fotógrafa. Comprende traballos de cinco series, das que Aristócratas ( serie confeccionada a partir das imaxes dunha residencia de monxas, sita na Mariña lucense, que acolle a mulleres con discapacidades) vén sendo a máis vella (2016). Seguen Subida la Cielo, elaborada con instantáneas tomadas en Bristol -vila na que viviu tempo, Las Visiones, ollada particularísima sobre persoas da localidade de Puente Genil e rituais da Semana Santa. Completan o elenco da retrospectiva de Lúa Ribeira dez imaxes de La jungla (2019), serie creada a partir dunha proposta colectiva para retratar a fronteira entre México e mais os EEUU, ese calvario migratorio e, por último, Los Afortunados (2020), traballo efectuado perante ese ano da Pandemia na fronteira hispano-marroquí entre a cidade de Melilla e mais de Beni-Ensar.
As fronteiras entre estados son eses espazos físicos e mentais onde se visualizan as peores actitudes e máis negativos principios da Humanidade. Como se pode apreciar con facilidade ao observar só os titulares que Ribeira lles dá ás súas series e o contido das mesmas, unha das armas empregadas pola autora da serie Noises in the Blood (2017) é precisamente a ironía, a ferinte retranca galaica. Algo similar pódese dicir do comezo da letra de Stairway to Heaven -considerada por moitos críticos musicais como a máis fermosa balada da historia do rock- onde o terceiro verso reza And she’s buying a stairway to heaven; que se volve repetir como retrouso. As persoas de Bristol retratadas na serie Subida al Cielo, onde van?, onde pretenden subir? As persoas de niveis sociais baixos que Ribeira retrata tiradas na herba ou entre as tumbas do cemiterio, onde pretenden ascender? Agardan a morte liberadora? As persoas captadas na serie Subida al Cielo non teñen poderes, como din Jimmy Page e Robert Plant que ten a protagonista de Stairway to Heaven. Retranca?, denuncia social? De certo, denuncia social.
No comezo da canción do grupo Triana Abre la puerta, a letra inicia o seu percorrido poético cos seguintes versos: Yo quise subir al cielo para ver / Y bajar hasta el infierno para comprender / Qué motivo es / Qué nos impide ver / Dentro de ti, dentro de ti / Dentro de mí. Lúa Ribeira estará a facer o mesmo?: subir ao ceo para ver… baixar ao inferno cotiá das persoas desposuídas para comprender… Comprender, que? As esencias da inxusta e salvaxe sociedade capitalista? Os ollares intensos de Ribeira non se encamiñan cara os autos caros, traxes ou edificios de multinacionais; os seus ollos ven eses territorios lixados, eses espazos por onde escoran os refugallos das sociedades do chamado primeiro mundo. En verbas de Susan Sontag (On photography): a cámara (de retratar) é a arma ideal da conciencia.
En case todas as series que Ribeira ten elaborado -por suposto nas cinco que se mostran nesta gran exposición- os seus obxectivos páranse ante as estremas, nos marcos e máis aló da normalidade, de toda a imaxinería que a sociedade do benestar ofrece acotío. Os terreos de La Jungla, Los Afortunados, Aristócratas, etc. son o retrato daquelas vidas e realidades que son excluídas da iconografía comunmente consentida. Á fotógrafa das Pontes non lle interesan os temas singulares, as accións heroicas, (algunha vez pensou no intre decisivo?). Prefire temáticas banais, e que sexa a acumulación de varias imaxes da serie a que leve a quen observa polos vieiros da incomodidade, das preguntas. Cotidianeidade-dureza?, banalidade-transcendencia?
Lúa Ribeira é unha fotógrafa ante-colonialista? As súas series mesmo encarrilan a quen pousa os seus ollares sobre as instantáneas da mostra Lúa Ribeira. Subida al Cielo a coidar que a resposta á cuestión é afirmativa. Colonialismos impostos polos poderes económicos, colonialismos interiores (nada de inimigos externos): dominios da “normalidade” contra quen é diferente, contra quen é rebelde, contra quen se nega a ir polo rego. Na súa serie Noises in the Blood adopta o punto de vista de respecto cara rituais heterodoxos (nada de festas incrustadas nos calendarios laborais oficiais), e tamén de crítica feminista. Que acontece coas imaxes da serie Aristócratas (outra volta a retranca…)? As mulleres que viven nesa residencia rexentada por monxas teñen algunha discapacidade (de certo que en moitos casos esas disfuncións son sociais e/ou de orixe social). Esa serie é do ano 2016, moito antes de que nesta península saltasen as alarmas pola saúde mental, como consecuencia da pandemia padecida polo virus Covid-19. As imaxes poden semellar simples instantáneas sen intencionalidade, pero a sucesión de situacións, de faces, de actitudes, acaba devindo denuncia. Documentos expositores do que se pretende non ver, non exhibir: as persoas excluídas. Relevancia versus banalidade.
A fotógrafa Lúa Ribeira é teimuda, tenaz; traballa e investiga a fondo en cada serie, tanto que ela mesma vese implicada nas situacións que pretende mostrar publicamente. Non lle interesan os exotismos (fotos de paisaxes espectaculares -xa rurais, xa urbanos-), nin as excepcionalidades: prefire inserirse nas realidades que pisa, nas historias que a envolven e que practicamente atende a elas. Por iso viaxa por aí, polas fronteiras do correcto, polas estremas onde amosan os outsiders. O dito pola gran estudosa do mundo da fotografía a mediados da centuria pasada: A cámara é a arma ideal da conciencia.
Lúa Ribeira. Subida al cielo. Documentalismos.
Las fotografías de Lúa Ribeira quiebran la habitualidad de la mirada, la destituyen de su comodidad y ofrecen la posibilidad de ensanchar y alargar la percepción de lo humano. No es una historia sencilla aquella de las imágenes que, bajo la apariencia de poner el foco sobre lo extravagante, lo bizarro y la escepcionalidad, dan vida y sostén a un margen, a una periferia, que de otro modo desaparecería o resultaría inexistente. (Carlos Skliar, La mirada frágil. A propósito de “Subida al Cielo” de Lúa Ribeira, 2023).
Sorprende moito que con só trinta e dous anos a axencia de fotografía Magnum (Magnum Photos), a gran referencia internacional no campo da fotografía nominase a Lúa Ribeira (As Pontes, 1986) como asociada súa, e que en 2020 xa se convertese en socia de pleno dereito da Magnum. Algo tiveron que ver nela as persoas que rexentan ese club exclusivo de grandes profesionais. Agora, con Ribeira, na Magnum hai tres fotógrafas españolas, as dúas Cristinas: Cristina García Rodero e mais Cristina de Middel e a autora de Los Afortunados. No portal web desa axencia de fotografía pódese ler: Lúa Ribeira’s practice is characterized by its collaborative nature, extensive research and an immersive approach to her subject matter. She is interested in using the photographic medium as a means to create encounters that establish relationships and question structural separations between people.
Tal é a carta de presentación da fotógrafa que muda o rumbo para poñer proa ás cuestións sociais. Ribeira xa traballou como profesora en universidades como no London College of Communication, na University of the West of England e tamén na University of South Wales.
A mostra Lúa Ribeira. Subida al cielo, tan ben organizada e presentada pola Kutxa Kultur Artegunea, é unha ocasión magnífica para observar case todos os traballos que a socia de Magnum leva feitos nos últimos seis anos. Observar e sentir a incomodidade das instantáneas provocadoras, dos retratos nos que non se aposta polos canons de beleza estipulados polo capitalismo. As series de Ribeira falan de excluídos da sociedade de benestar, de outsiders non voluntarios. A mediados da centuria pasada, Peter Hujar, o fotógrafo amigo de Susan Sontag e retratista da estética do perdedor, xa dedicou boa parte dos seus traballos a recoller imaxes dos mundos lumpen, underground de New York a, por contra, metrópole do máis feroz malgasto capitalista.
Que mostran as instantáneas de Ribeira? Son imaxes cangadas de inocencia, á primeira vista. Persoas, paisaxes do común; diríase sen intencións, sen segundas lecturas. Pero. Ao ir pasando a vista por varias fotografías da mesma serie, un algo, un lóstrego de arrepío sube polas costas e pon os miolos en garda. A sucesión de imaxes provoca incomodidade, afonda na preocupación; incentiva as interrogantes. Que pretende a autora? Retratos sinxelos de anacos de realidade?, ou presentar as estremas do “sistema” para que cadaquén elabore as súas propias conclusións? A inquietude en xestos, a inquietude previa á reflexión? Desasosego como o que transcende en versos de Xohana Torres: E todo para que, corazón meu, / para ser unha hora fóra do tempo, absurda, / onde trens e andén endexamais concorren? Ribeira brande a espada da solidariedade social, segue os vieiros rezados por Susan Sontag.
Nestas datas no KBr Barcelona Photo Center, da Fundación Mapfre, é doado asistir á exposición Anastasia Samoylova. Image Cities na que esa fotógrafa nada en Moscova (e actualmente vivindo en Miami) ofrece as súas interesantes e críticas imaxes de grandes cidades, de metrópoles. A percepción de Samoylova difire da de Ribeira, evidentemente, pero teñen un punto en común: a crítica á especulación, a denuncia da “cosificación” que a publicidade fai dos corpos femininos (corpos perfectos, claro, corpos que responden aos canons de beleza que permiten vender máis ás grandes empresas do neoliberalismo. No frontispicio da páxina que Magnum dedica a Lúa Ribeira lese esta declaración da autora de Los Afortunados (¿!!?): I am interested in nuns, thieves, and gardens. In the rotting body, witchcraft, hotel receptions, and heaven’s gates. Phantoms, funeral directors, and gravity. Colección de outsiders!
Cústalle moito elaborar unha serie a Ribeira? Traballa de vagar, implicándose nos temas, nos estados nos que se atopan as persoas ás que se vai aproximando: perfila vieiros estraños a si mesma. Deixará que os enigmáticos carreiros do azar lle diten os disparos da súa cámara? Camiña por comareiros, por fronteiras sociais que resultan ser fíos de navalla onde todo -animado e inanimado- remata por saír ferido. Tenrura ao servizo da dureza.
As series creadas por Ribeira baséanse nos documentalismos, nas fotografías testemuños. Non naqueles temas que, aínda que sexa polo sensacionalismo do momento, piden as axencias de noticias para vender axiña a televisións e demais medios de comunicación social ao uso. Non. Ribeira non documenta catástrofes naturais, nin unha guerra que perante curto espazo de tempo está de moda, non. Acaso o que si fai é virar os ollares cara catástrofes humanas cotiás. Atopar interese nas marxinalidades, nas fronteiras que tan ben capta nas series La Jungla e tamén en Los Afortunados. Outra volta as ironías. Chamarlle “afortunados” ás rapazadas que pretenden saltar a valla que separa Melilla de Marrocos para así entrar en Europa; ese espellismo garante de vidas plenas, de riqueza, de felicidade.
Prestar atención ás imaxes a toda cor da exposición Lúa Ribeira. Subida al cielo é unha aposta pola solidariedade sen recompensas. Nas salas da Fundación Kutxa vese o sufrimento no existir diario. Nada de excepcionalidades; nada de estéticas machistas.
EXPOSICIÓN: Lúa Ribeira. Subida al Cielo. Kutxa Kultur Artegunea, ata o 2 de xullo de 2023.
❧
You might also like
More from Artes
Suzanne Valadon, artista valente | Lito Caramés
Agora, no MNAC, pódese disfrutar da mostra Suzanne Valadon. Una epopeia moderna, unha antolóxica dedicada a esta artista que, contra …