Outumuro, O Retrato da Ausencia
As imaxes que na infancia se gravan nos miolos sobreviven lúcidas perante décadas. Nas salas da Deputación de Ourense vense de abrir unha exposición de fotografías especial e valente: O Anxo que Nunca Fun. Manuel Outumuro presenta con franqueza as súas lembranzas de nenez e os seus traballos profesionais. Que forza telúrica fixa as primeiras vivencias de xeito indeleble?
❧
Manuel Outumuro. O Anxo que nunca fun. Deputación de Ourense.
Ao chegar á porta da casa un inesperado golpe de vento arrebolou polos aires as plumas da cesta alí esquecida. Foi ese preciso instante o que se gravou na miña retina como se se tratase dunha fotografía. Como o retrato da ilusión diluída ou o voo dunhas ás nunca aviadas; as do anxo que nunca fun. (M. Outumuro. O Anxo que nunca fun, 2024).
No mes de santos de 2022, no Carnegie Hall de New York, Manuel Outumuro recibiu o Lucie Award, considerado o Óscar da fotografía. Este acontecemento permite valorar a grandeza deste artista. Manuel Outumuro (A Merca, 1949) ten afirmado en moitas ocasións que nunca fixo fotografías persoais, as súas icónicas imaxes sempre son froito de encargos profesionais. Pero…
A Deputación de Ourense brindoulle a oportunidade de organizar unha exposición e, entre moitas outras opcións, apostou por presentar lembranzas dos seus dez primeiros anos de vida pasados na súa Merca natal. E así xurde O Anxo que nunca fun, a mostra na que, segundo as súas verbas recollidas no magnífico catálogo, estas lembranzas que agora comparto (…) constitúen un íntimo, saudoso e preciso homenaxe ao meu pasado, á miña terra e á miña familia. As emocións presentadas con valentía á paisanaxe e mais á paisaxe galegas.
Nesta orixinal exposición Manuel Outumuro confirma graficamente a aseveración que por escrito fixera Rainer Maria Rilke: a infancia é a verdadeira patria. O Anxo que nunca fun estrutúrase a partires de 13 imaxes de infancia, de 13 lembranzas atesouradas n’A Merca, que lle permiten revivir aqueles anos 50 en branco e negro, a carón de familiares; e coa ausencia dos pais, na emigración. A infancia, patria retratadora de imaxes tan vívidas e permanentes. Con esas 13 imaxes revividas -e outros tantos textos de gran forza emocional e calidade literaria- Outumuro viaxa por leiras e crenzas, por fragas e romarías; por preferencias, pola chegada da luz artificial ou polo rústico coñecemento do cinema.
Paralelamente á mostra O Anxo que nunca fun, Outumuro presenta nas rúas da súa vila natal, A Merca, a exposición Mulleres doutros Mundos. Fotografías de gran formato que ilustran os espazos, as rúas polas que transitou a nenez do fotógrafo. Instantáneas profesionais de actrices que contrastan coa ruralidade circundante. Son mulleres doutros mundos (Rossy de Palma, Ariadna Gil, Carmen Maura, Nicole Kidman, … ).
Manuel Outumuro. O Anxo que nunca fun, o fotógrafo abre a súa memoria en público. O retratista retratado.
A extensa e intensiva mostra O Anxo que nunca fun está organizada pola Deputación provincial de Ourense (Centro Cultural Marcos Valcárcel), sendo as comisarias Silvia Omedes e Imma Cortés da Fundación Photographic Social Vision, e na que colaboran á Xunta de Galicia, o Ourense Film Festival-OUFF e a Fundación Carlos Velo. Perante todo o mes de setembro as rúas de Ourense ofrecíanse engalanadas con imaxes de Outumuro.
Manuel Outumuro comeza na fotografía levado pola familiaridade co medio, e mormente pola curiosidade, sempre a curiosidade. “Nos comezos pouco sabía das técnicas e de cámaras. Levaba anos, iso si, indicando aos fotógrafos como quería a foto, vixiando desde a maquillaxe e a indumentaria até o mobiliario. Facíalles apuntamentos de planos, de elementos. Só faltaba o detalle final: pórme por tras da cámara… e disparar. O fotógrafo artesán.
Afirma -iso si- que non é fotógrafo do instante roubado (ou instante decisivo) senón máis ben o contrario; precisa dos seus tempos e preparativos para lograr a fotografía que busca. Buscar a beleza, atopar a poética visual. Dá a casualidade que nestes meses de finais de 2024 o KBr Barcelona Photo Center programa unha importante antolóxica de Henri Cartier-Bresson, o transcendental fotógrafo que foi quen de darlle valor ao instant décisif: la fraction de seconde au cours de laquelle un photographe, appuyant sur son déclencheur, capture l’instant unique qui vient de naître et de mourir sous ses yeux.
As imaxes que, nesta reseña se presentan, van por parellas, sendo a da esquerda a “lembranza” de infancia e a outra unha das fotografías profesionais que nas salas do Centro Cultural Marcos Valcárcel acompañan vivencias dos primeiros anos. As instantáneas de Outumuro protagonistas absolutas.
Manuel Outumuro: A Costureira, O Espello Cansado, O Subway.
Antes de saír para os prados, o meu avó dábame as últimas instrucións:
-Se algún animal vai ao millo do veciño, mándote ao “subway” de Nova York, para que saibas o que é o inferno– dicíame. (Manuel Outumuro, O Subway, 2024).
A estrutura de O Anxo que nunca fun baila entre esas 13 imaxes que Outumuro recuperou do seu arquivo de infancia e as referencias que tales tesouros cicelados con poucos anos van ter -pasado o tempo- nos seus traballos profesionais. O rapaz d’A Merca lembra perfectamente aquela costureira que, de tanto en vez, aparecía pola casa dos seus avós para coser vestidos e traxes, unha muller con recendos especiais e coa máquina Singer sobre a súa cabeza. Andando os anos o artista dedícase en boa parte á fotografía de moda. Canta influencia tiveron esas vivencias e imaxes de cativo para que logo sinta a atracción pola alta costura? Cómpre lembrar que Outumuro presentou no ano 2010 a mostra OUTUMURO LOOKS. Veinte años fotografiando moda, e que boa parte dos seus traballos profesionais móvense nas esferas da moda. Coherentemente, na exposición agora comentada moitas das imaxes escolmadas retratan mulleres presentando moda; algunhas son as modelos máis cotizadas. Outumuro cáptaas como se fose un pintor renacentista: xestos contidos, iluminación uniforme; ou os contrastes lumínicos, as poses vitalistas e comunicativas que obrigan a pensar en Vermeer, en Caravaggio e noutros artistas barrocos. Algúns críticos de arte chámanlle a este artista o “Richard Avedon español”. Case nada: fabricante de iconas por ser dono da linguaxe visual rigorosa e da naturalidade ascética. Mulleres, moda, beleza. Desde a súa creación Outumuro é o único fotógrafo oficial da Fundación Balenciaga, facendo el as imaxes de todos os traxes do famoso modisto.
Avedon, xogando coa crenza que cada retrato rouba unha miga da alma da persoa retratada, facía a lectura ao revés: Non será que o que retrata tamén vai deixando anacos de ánima en cada disparo? Será Outumuro da mesma opinión?
Outro dos apartados nos que se van presentando as lembranzas de infancia e as imaxes escolmadas da súa carreira profesional é O Espello Cansado. Na casa dos avós tiñan un espello que deixaba caer labras prateadas ao chan de madeira. A tía Lidia dixo que aquel espello estaba cansado de devolver imaxes. O rapaz de poucos anos e infinita imaxinación tamén quixo comprobar -emulando a Alicia- se permitía pasar a outros mundos. A fotografía dun neno ante un espello e o poético texto dan paso a unha manchea de imaxes profesionais nas que a figura humana reflectida define a instantánea.
Por suposto, se a infancia baixo o duro franquismo era en grises, as fotografías do artista son de dura pureza nos brancos e nos negros. Estilismo rotundo e minimalista. Nalgúns casos os contrastes son tan fortes que se diría que o artista está a facer propostas de body art, ou brinquedos Pop e Op art. O branco e negro é o que ten: permite a serena elegancia, esculturas de corpos e vestimentas.
Manuel Outumuro, O Anxo que nunca fun: o fotógrafo no seu labirinto biográfico. A valentía do artista captado nas súas lembranzas.
O seu avó emigrara aos EEUU e foi dar ás obras do metro (o subway) de New York. Alí entre vigas de aceiro que cubrían o teito e vías de ferro que alfombraban o chan, logo comezou a abrirse para el o túnel do desencanto. Daquelas terras trouxo un baúl grande que, en vertical, deviña un armario (reproducido agora na exposición). Cando nos anos 80 marchou a New York a traballar, o neto reviviu as fantásticas historias que lle contara o avó n’A Merca. Neste apartado as fotografías profesionais mostran modelos nas rúas da megalópole, diante dos impoñentes rañaceos. Imaxes que ben poden remitir a instantáneas de Berenice Abbott e de tantas e tantos outros fotógrafos atraídos por ese espigón do mundo. Abbott retratou a metamorfose da cidade nos anos 30 como se fose un corpo, un amante, un barco a punto de levantar a áncora, un artefacto, un bosque, un lugar solitario, en verbas de Cara Hoffman.
O emprego do B/N permite xogos de luz e sombra especiais, intensidades dramáticas e plásticas que non dá a policromía. A súa preferencia polo branco e negro, pódelle vir ao rapaz d’A Merca do álbum familiar, das fotografías que unha vez ao ano mandaban os pais desde Venezuela? Quizais tamén lle cheguen eses grises das clases de debuxo ao natural, con lapis carbón, que fixo o autor de Iconos de Estilo nos anos de formación na Escola Massana.
Manuel Outumuro: Unha Saba Branca, A Noite que Chegou a Luz, Mulleres da Terra.
As miñas tías dobraron cerimoniosamente a saba branca. Fixérono con minucioso coidado, como se en cada un dos pregues quixeran conservar as imaxes alí proxectadas (…) Gardaron logo a saba na cómoda que estaba no meu cuarto (…) Alí conservouse moitos anos, pero non tantos como a fascinación que sentín eu esa noite polo que acababa de descubrir: o cine. (Manuel Outumuro, Unha Saba Branca, 2024).
O retratista do cine español ten a sapiencia para presentar imaxes que evocan a mellor pintura, o mellor cine, a mellor escultura. Así se fixo evidente na mostra Outumuro. BCN. Retrats (2017). Nas instantáneas de Outumuro a harmonía turra pola beleza sosegada, permanente, libre de artificios. As súas obras saben fundir clasicismo con vangarda, sobriedade con innovación técnica.
As 13 imaxes -lembranzas da infancia rural- que se fixeron presentes nos miolos de Manuel Outumuro para argallar esta mostra (O Anxo que nunca fun) debuxan un arco da vella amplo e múltiple, e outro tanto fan os deliciosos textos que as acompañan. Imaxes de vida redivivas a carón da perfección estética dos traballos profesionais.
Con seis anos o neno Manuel asistiu asombrado á invención da luz artificial. Aquela pera que colgaba no cabeceiro do leito producía maxia: facía a luz. A pulsación convulsiva que o neno facía daquela pera (que facía e desfacía a luz), regresa en lóstregos de memoria cando no seu estudo de fotógrafo agora estoupan os flashs reiteradamente. Cadaquén é dono das memorias históricas de seu. Moitas das instantáneas que acompañan a lembranza do nacemento da luz artificial son exhibicións dos máis logrados e elegantes claroscuros (unha homenaxe a Caravaggio?).
A emigración, fenómeno social que pintou a Galicia rural de viúvas de vivos e tamén de orfos de vivos, fai escribir agora ao autor de Ver o no ver: “Medrei rodeado de mulleres…” As mulleres foron e son os motores da vida no rural galego. Outumuro titula un dos apartados de O Anxo que nunca fun co significativo epígrafe de “Mulleres de terra”. Remata o texto adicado ás mulleres dicindo que estaban dotadas dunha agarimosa tenrura que mesmo se diría brotar da terra. A mesma terra da que elas estaban feitas. As fotografías profesionais que ilustran o peso do mundo feminino nos seus traballos presentan imaxes de mulleres de variada idade e procedencia: María de Medeiros, Juliette Binoche, Rinko Kikuchi, Rosa Regàs, …
Manuel Outumuro é un retratista atento, respectuoso. Antes de pórse por tras da máquina, procura saber que cousas lle agradan á persoa que ten diante; todo pola comodidade do retratado, en favor da serenidade, da imaxe traballada. Eu non quero ser como Diana Arbus –declara–. Non quero que a persoa que se somete á sesión de fotografía sufra; prefiro o lado amable de cadaquén. Ás veces emprega o xogo de pedirlle a quen está sendo retratado que xogue coa referencia dos tres monos, os tres monos sabios ou místicos: os micos que tapan os ollos, a boca e as orellas. E seica funciona. Cada fotógrafo ten os seus métodos xa para provocar tensión como para todo o contrario. Philippe Halsman apostou pola súa técnica do Jumpology: pedir ás personalidades que viñan ao seu estudo que saltasen. Ao saltar –afirmaba Halsman– cáeselles a máscara).
Outra das imaxes de infancia imposibles de esquecer é a primeira vez que se viron imaxes en movemento: o cine. Unha tardiña, n’A Merca a veciñanza foi convocada á praza para asistir a un acontecemento novo, nunca visto. Nunha saba branca foron aparecendo imaxes nas que un touro mataba a un toureiro. A fascinación sentida polo rapaz sensible levouno a ter devoción pola sétima arte. Devoción que se pode admirar nas imaxes profesionais escolmadas para a mostra O Anxo que nunca fun. Agora, nas salas da Deputación de Ourense (Centro Cultural Marcos Valcárcel) é doado visionar unha montaxe que Isabel Coixet fixo para o seu amigo Outumuro e que titulou Beyond the look. Trátase de segundos de filmación dos 50 filmes que máis lle agradan ao rapaz d’A Merca. Un compendio da historia de cinema.
A exposición O Anxo que nunca fun é un espectacular deleite para os sentidos, un exercicio de virtuosismo gráfico, sinceridade e pinchacarneiros escénicos que transforma as salas da Deputación de Ourense nun espazo máxico onde asistir a representacións barrocas. Involucrarse nos espazos de O Anxo que nunca fun tal como acontece ante As Meninas de Velázquez.
❧
EXPOSICIÓN: O Anxo que nunca fun. Deputación provincial de Ourense, ata o día 5 de xaneiro de 2025.
You might also like
More from Artes
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
13ª Raias Poéticas ~ Afluentes Ibero-Afro-Americanos de Arte e Pensamento
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.