Que Manuel Rivas levase o seu toxiño na man o día da súa entrada na Academia é algo engrazado. É certo que hai moitos anos que anda coa poliña espiñenta e florida, mais velo agora así enfeitado no rito desa tan antiga institución semellou darlle ao vello xesto rivasiano todo o seu sentido. Semellaba en silencio dicirnos: «Aviso de que levo espiñas acarón das flores; sei que na Academia atoparei flores acarón das espiñas; lembremos através do toxo o que a Cultura é: interacción entre a sociedade e a terra». O que había de simbolizar aquel toxiño elevado a digno acompañante en honra tamaña, sendo como foi durante milenios febra primordial do traballo fertilizador? Un dos máis duros traballos da vella aldea era extraer da corte os cheirentos torróns coa picaña e carrexalos até a leira onde habían de fertilizar os campos que precisamos para manter o gando. O toxo, ese cacto autóctono que tanto apesaraba o raposo no alto de Camariñas, foi de tal modo necesario para o sistema agrogandeiro tradicional que era replantado cada tres anos no monte. Por milenios unha folla brava e útil, este día foi ademais unha alegoría universal.
Máis información na Axenda Cultural AELG e no blogue da editorial Xerais.
You might also like
More from Alfredo Ferreiro
Premios Xerais 2017: equipo de comunicación
Unha galería de fotos tiradas por Tiago Alves Costa & Alfredo Ferreiro, saíndo do porto de Cesantes (Redondela) e traballando …
O centro do mundo | Alfredo J. Ferreiro
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …