O xadrez é un xogo milenario valorado por intelectuais e por artistas, que o practicaron e plasmaron nas súas obras. Duchamp chegou a estar abducido polo dameiro e as súas pezas. E as vangardas do século pasado atoparon no xadrez fonte de inspiración e guía nos vieiros cara á abstracción.
Lito Caramés
Marcel Duchamp abandona a arte para dedicarse ao xadrez
Todas estas bagatelas, existencia de deus, ateísmo, determinismo, libre albedrío, sociedades, morte, etc., son as pezas dun xogo de xadrez chamado linguaxe e só son divertidas se un non se preocupa en ganar ou perder esta partida (M. Duchamp, 1956).
Marcel Duchamp (1887-1968), un dos artistas decisivos ao longo do século XX decide, no ano 1923, despois de rematar a súa emblemática obra O Gran Vidro, retirarse da práctica artística. Xa en 1917 provocara un terremoto coa súa peza Fountain, un readymade (un urinario industrial) que foi declarada por expertos, críticos e artistas a obra máis influínte do século XX. O curioso da decisión de Duchamp é que deixa a arte para dedicarse ao xadrez, actividade que consideraba superior porque, a pesar de que as vangardas camiñaban decididas cara á abstracción e cara unha arte cada vez máis sintética, Duchamp seguía vendo a práctica artística excesivamente obxectual, demasiado apegada a formas e cores. Por contra, consideraba o xadrez un exercicio intelectual máis puro e conceptual. Duchamp centrouse no xadrez durante uns anos ata ter o título de mestre, de formar parte do equipo nacional de Francia, co que chegou a ser o número dous dese país e ser seleccionado como membro do equipo nacional francés para participar nas olimpíadas de xadrez que se celebraron en 1933, en Folkstone.
O xadrez, un xogo que procede da India, comezou chamándose Chaturanga, voz sánscrita que vén significando “as catro divisións militares”, as catro formacións dos exércitos hindús daquela: elefantes, carros de guerra, cabalería e infantería. A igrexa cristiá pretendeu prohibir o xadrez porque era habitual que nas partidas de apostasen cartos. En 1212, no concilio de París chegou a condenarse ese xogo, pero sen éxito. A súa práctica estendeuse por toda Europa. Neste xogo non existía a figura da raíña orixinariamente. Ao pé do rei situábase o mantri, visir ou conselleiro, que só movía un espazo en diagonal. Na Idade Media os persas e mais os árabes estenderon o xogo cara occidente co nome de shatranj (pronunciado Shaterej). Cara o século XIV, na Europa Occidental comeza a mudarse a peza do mantri pola da raíña, cos mesmos e limitados movementos. E, no século XV, a Raíña pasa a ser a peza máis poderosa do dameiro, coincidindo cos reinados de mulleres tan significadas e poderosas como Matilde de Toscana, Eleonor de Aquitania e mormente Isabel a Católica, a muller con máis dominios do seu tempo. Durante a Segunda Guerra Mundial o xadrez deveu un elemento clave da propaganda nacional de ambos os bandos, e tamén unha boa metáfora do triunfo nas frontes de batalla. Os alemáns crearon o xadrez militar Tak Tik, onde as figuras habituais do xogo substituíronse por elementos de guerra do exército nazi.
Para ter unha idea da importancia que Duchamp dispensou a este xogo ao longo da súa vida, dúas referencias: en 1910 pinta a peza La Partie d’Échecs (aos 23 anos), un óleo con claras inspiracións de Manet e de Cézanne, onde o artista mostra aos seus irmáns xogando ao xadrez, e ao seu carón as súas cuñadas; os homes concentrados e abstraídos polas lides do xogo (tal que dous xogadores de cartas cezannianos?), e as dúas mulleres –enchendo o primeiro plano– en rol de figuras decorativas (Dejeneur sur l’Herbe?). E a peza póstuma que Marcel Duchamp deixa (con certo misterio) para que sexa descuberta á súa morte (Étant Donnés) ten como base de acceso os furados de pechadura polos que cómpre mirar un dameiro.
Duchamp. Partie d’Echecs, 1910
Klee. Überschach, 1937
Fin de partida. Duchamp, el ajedrez y las vanguardias
La exposición “Fin de Partida. Duchamp, el ajedrez y las vanguardias” plantea la hipótesis del ajedrez como fondo continuo de las vanguardias históricas, ya sea como un ocio intelectual en lo íntimo y en lo público, como una metáfora social, como un residuo de la perspectiva convencional, como un espacio para la reflexión sobre el lenguaje, como un teatro capaz de expresar la dramaturgia de la conciencia, como un juego de guerra o como un tablero donde cuestionar la convención y la regla (Manuel Segade, comisario).
Nestes meses de outono e inverno a Fundació Miró, desde a súa atalaia de Montjuïc branca, tal e como a deseñou o arquitecto Sert, brinda a oportunidade de repasar as vangardas do século XX a partir de dúas hipóteses nada convencionais. A primeira é arrincando da biografía do polifacético e controvertido Marcel Duchamp, un obseso do xogo do xadrez (dito por el mesmo) e tan inquieto e inclasificable que a súa obra toca en moitos “ismos” e inventa outros novos, os readymades, por exemplo. E a outra premisa da que arrinca Fin de partida: Duchamp el ajedrez y las vanguardias vén sendo o propio xogo do xadrez, que interesou a moitos artistas e que acabou coincidindo coas preocupacións de moitos cubistas, surrealistas ou artistas abstractos.
Fin de partida: Duchamp, el ajedrez y las vanguardias é, por tanto, unha exposición (patrocinada pola Fundación BBVA) que xunta 80 obras, que van desde os anos 20 ata os anos 70 do século pasado. Destas obras, 73 chegan procedentes de 45 institucións museísticas internacionais, tales como o Centre Pompidou, The Israel Museum, Xerusalén (onde estes meses hai unha exposición de Francisco de Goya), o Kunsthaus de Zurich ou o Philadelphia Museum of Art. As pezas, moi variadas, van de pinturas a esculturas, de obras de carpintería a pezas de xadrez metálicas ou de vidro, de manifestos a cartas privadas. O comisario da exposición é un profesional ben coñecido: Manuel Segade (A Coruña, 1977). Desde hai décadas Segade traballa nunha historia cultural das estéticas de finais de século XIX (o ensaio Narciso Fin de Siglo é parte desa laboura). Foi comisario de importantes mostras, como La construcción del espectador (Fundación Luís Seoane, A Coruña, 2003), foi comisario do Centro Galego de Arte Contemporánea entre 2007 e 2009, e actualmente é o director do Centro de Arte Dos de Mayo –CA2M– (Móstoles).
A relación do xogo do xadrez coa arte vén de moi lonxe. Xa na India se pintaba mesmo á deusa Rama xogando a este complexo e intelectual pasatempos. En España o rei Alfonso X publica un Libro del Axedrez, Dados y Tablas, con ilustracións ben explícitas. Da pintora non moi coñecida Sofonisba Anguissola (1535-1625) consérvase en Polonia un óleo titulado Partita a Scacchi (1555). Dicir que Anguissola traballou na corte de Felipe II, do que fixo algún retrato e de quen o Museo del Prado conserva algunha pintura. Desde entón son moitas e moitos os artistas que recrean partidas de xadrez, só cómpre repasar as imaxes que se mostran nesta ligazón. Especial atención dedícalle a artista alemá Elke Rehder, que leva pintadas series enteiras sobre deste xogo.
Michel Aubry. L’Echiquier, 2000.
Xadrez, construtivismo soviético e Bauhaus
A mostra preséntase en seis ámbitos diferentes, e que permiten facer un percorrido máis ou menos cronolóxico por boa parte da arte do século XX. A mostra arrinca coa peza xa citada de La Partie d’Échecs (1910), onde xogan os irmáns de Marcel, e nese primeiro apartado é doado ver unha escultura dun dos seus irmáns (Raymond Duchamp-Villon) titulada Le Cheval (1914). A continuación, anos 20 e 30, vén a sección El ajedrez y el arte para el pueblo. Neste apartado sobresae, por exemplo, a atención dedicada a Rusia e á práctica do xadrez naquel país. O xadrez que sempre fora unha práctica burguesa, agradaba en cambio aos grandes revolucionarios rusos (Lenin, Trotski, ou a Tostoi) que decidiron promocionar este xogo entre a poboación en xeral. No Pavillón Soviético da Exposición Universal de París de 1925 os novos artistas revolucionarios, os autores do construtivismo ruso, en concreto Ródchenko, presentaron un club para traballadores onde se incluía, entre outros materiais, unha mesa con cadeiras para o xogo do xadrez polos obreiros. Esta mesa, reproducida agora por Aubry, está na Fundació Miró. Realmente é todo un xogo xeométrico no que as cadeiras están integradas na mesma peza coa mesa. As tradicionais cores branca e negra do dameiro foron aquí substituídas polo negro e máis polo vermello revolucionario. No mesmo espazo aparecen as aproximacións da Bauhaus ao xadrez como base dunha estrutura xeométrica que pode axudar ás melloras sociais. En Montjuïc están agora pezas de Kandinski, daquela profesor de pintura na escola Bauhaus, nas que amosa dameiros entre liñas rectas, diagonais, círculos e outros símbolos abstractos. Pola súa parte, Klee, tamén profesor da escola, pinta un gran dameiro onde o rei vermello ergue triunfante sobre o negro, derrotado (hai quen ve nesta peza, Überschach, 1937, unha premonición sobre a derrota dos nazis, que o fixeron regresar a Suíza e que logo retiraron todas as súas obras de galerías e museos por ser arte dexenerada).
Rodoreda. Composició IX, 1954
Do surrealismo á guerra e á arte conceptual
O xadrez mantíñao cada vez máis ocupado (a Duchamp); pasaba moito tempo estudando o xogo e frecuentando o mundo do xadrez. Eu seguín sendo un xogador de terceira, un autómata. Concentrábame en deseñar novas formas para as pezas de xadrez, e iso non interesaba moito aos xogadores, pero a min inspirábame enormemente para inventar (Man Ray, Self Portrait, 1988).
Marcel Duchamp seguiu a súa carreira de xadrecista ata que nas olimpíadas de Folkestone quedou mal clasificado, e iso foino afastando do mundo xadrecístico. En 1932 Duchamp coescribiu, xunto co xogador profesional Vitaly Halberstadt, o libro L’opposition et les cases conjuguées sont réconciliées, unha escolma de xogadas especiais, case imposibles ou utópicas, que un xogador atopa unha vez na vida. Neses anos 30 moitos artistas surrealistas interésanse polo xadrez, e xogan a el; na Fundació Miró é doado ver fotos de Dalí xogando con Gala, ou obras de Magritte, Max Ernst, fotos de Man Ray e outros ben relacionadas con este xogo. Hai un óleo surrealista e ben interesante na mostra Fin de partida: Duchamp el ajedrez y las vanguardias. Trátase da peza de Muriel Streeter, The Chess Queens, 1944, na que a autora se representa a si mesma e a Dorothea Tanning, pintora e muller de Max Ernst, en primeiro plano sobre un pedestal e simbolizando as dúas raíñas do xadrez, a negra e mais a branca. A escena sucede nunha paisaxe tipicamente onírica, onde loitan e se esfarelan os cabalos e os peóns van caendo. O óleo é unha crítica de xénero, unha crítica dirixida ao colectivo de surrealistas que deixan en posición secundaria dentro do grupo surrealista ás mulleres, fronte aos seus homes, que son os que figuran, os campan. Tamén dentro do apartado adicado ao surrealismo (El espacio psicoanalítico del tablero) hai dous óleos da escritora Mercè Rodoreda, dos anos 50. Dentro desta sección tamén hai espazo para o cinema coa proxección do filme Entr’acte, de René Clair (1924): todo un brinquedo entre ballet e xadrez, coa colaboración de Picabia e coa música de Eric Satie. Outras obras que non están en Montjuïc e que podían estar pola súa temática son, por exemplo, o lenzo de Maruxa Mallo, Elementos del deporte (1927), onde sobre un dameiro acumúlanse diversos obxectos, entre eles unha avioneta de brinquedo e unha raqueta de tenis, que coas súas cordas semella reproducir, outra volta, un taboleiro de xadrez.
A Segunda Guerra Mundial converterá o xadrez nun instrumento máis de propaganda nacional e unha metáfora do triunfo nos campos de batalla. Da importancia simbólica dada polos gobernos ao xadrez fala a invención, como xa dixemos, que os nazis fixeron do seu xogo Tak Tik, onde as figuras convencionais foron substituídas por símbolos do exército alemán. Os nazis declararon o xadrez como “o deporte de loita dos alemáns”. Nesta sección dedicada á guerra pódense ver fotos de prisioneiros en campos de confinamento xogando ao xadrez.
En 1944 Julien Levy, Max Ernst e Marcel Duchamp organizaron a exposición The Imagery of chess, na galería neoiorquina que o primeiro (marchante de Duchamp e home de Muriel Streeter) tiña nesa cidade. A mostra foi un punto culminante na relación do xadrez coas vangardas. Presentaron obra artistas aínda non coñecidos: Motherwell ou Gorky, e outros ben coñecidos, mormente surrealistas: Ernst, Ray, Breton, Tanguy, Calder, etc. Todo adobado con música de John Cage e Vittorio Rieti. Durante a inauguración celebrouse unha partida a cegas co campión Koltanowski. Competiron contra el en sete partidas simultáneas, para as que usaron os dameiros exhibidos na mostra e que crearan os mesmos artistas que agora xogaban contra o campión. O evento foi recollido fotograficamente por Dorothea Tanning. Agora en Fin de partida: Duchamp el ajedrez y las vanguardias están presentes bastantes das pezas que conformaron aquela exposición de 1944.
Muriel Streeter. The Chess Queens, 1944
Max Ernst. Chess Set, 1944
Guerra Fría, Étant donnés, finais de partida
Cando xogas unha partida é como se deseñases algo ou edificases un mecanismo a través do que ganas ou perdes. O aspecto competitivo non ten importancia. O xogo en si mesmo é moi, moi plástico. Iso é probablemente o que tanto me cativou del (M. Duchamp, Cartas sobre arte 1916-1956).
No ano 1957 Samuel Beckett publica en París a peza teatral Fin de Partida, baseada no Rei Lear de Shakespeare e no Libro de Xob, e onde o xadrez é a escenografía. No ano 1966 a Indica Gallery de Londres organiza a exposición WAR IS OVER, if you want it, puras referencias á Guerra Fría. Nesa mostra Yoko Ono presentou varios dameiros de xadrez absolutamente brancos e titulados Play it by trust (Xoga por confianza). Ao non haber marcas visuais, os contrincantes que decidan xogar neses taboleiros han, por forza, ter confianza no inimigo; todo o contrario do ambiente que a Guerra Fría estaba a provocar no mundo dos anos 60. Seica foi nesa exposición (WAR IS OVER, if you want it) onde se coñeceron John Lennon e mais Yoko Ono.
En 1963 o fotógrafo Julian Wasser retrata a Duchamp xogando ao xadrez, unha performance que el mesmo organiza dentro dunha mostra que lle organizaran no Pasadena Museum. A performance acontece nunha sala ampla, ante O Gran Vidro, e o artista xoga coa tamén artista Eve Babitz, que senta ante o dameiro totalmente espida. A muller ten a face tapada polos cabelos. A quen representa esta muller anónima, por canto non se lle pode ver o rostro? Que están a xogar? Xogarán a algo similar ao que xogan o cabaleiro e mais a figura de negro no filme Det sjunde inseglet (O sétimo selo), 1957, de Ingmar Bergman? Quizais as dúas son Fin de Partida.
Para rematar, dicir que no testamento artístico de Marcel Duchamp, a peza de difícil interpretación Étant donnés, e que o artista deixou inédita para que fose descuberta polo público, despois de atopar materiais e instrucións para a súa instalación, sábese que Duchamp deixou disposto que todo o chan que leva cara o corpo feminino nu ha de ser un dameiro de xadrez.
Algún famoso xadrecista definiu este xogo como unha loita; o xadrez como unha actividade violenta. Talvez a historia da arte do século XX, cos seus ismos introspectivos e explosivos, coas súas propostas xeométricas ou futuristas, veña sendo unha interacción de gambitos e de mates á procura dun final de partida que pode rematar na máis pura mercantilización, ou que aínda está por xogar.
Lito Caramés
EXPOSICIÓN: Fin de partida: Duchamp el ajedrez y las vanguardias
Fundació Miró
ata o 22 de xaneiro de 2017
You might also like
More from Crítica de arte
À conversa com Erika Jâmece | Estela Jorge Tarrío
No mês de abril inaugurou-se na Faculdade de Filologia da Universidade de Santiago de Compostela a exposição Obras de capa, …
A tensión dramática nas obras de Antonio Saura | Lito Caramés
A nova mostra da Galería Mayoral é sobre o artista Antonio Saura, un dos “rebeldes” que se opuxeron ao franquismo