O traballo artístico das mulleres non ten a proxección pública que si ten o dos homes, as creacións que saen de mans femininas non alcanzan astronómicas cifras nas poxas. Obedece todo iso a unha realidade obxectiva? Sería posible un picasso-muller?
Lito Caramés
Esta primavera é doado visitar a primeira retrospectiva que se lle fai en España á artista austríaca Maria Lassnig -xusto un ano despois do seu pasamento- na Fundació Antoni Tàpies barcelonesa, organizada en colaboración co Universalmuseum Joanneum, de Graz. A mostra componse de 45 óleos de gran formato, e de vídeos, acuarelas, deseños, escritos e outros obxectos persoais. Todo para lograr unha boa perspectiva do traballo da muller que expresou as súas teimas, filias e fobias, a través do seu propio corpo.
Maria Lassnig (1919-2014) comeza a pintar nos anos corenta baixo o dominio dos nazis, que consideraron a súa obra -igual que a de moitos outros creadores- como un produto dexenerado (feito recollido no filme Monuments Men). En 1945 viaxa a París e alí ten a oportunidade de coñecer aos surrealistas, que son os primeiros que a incitan a expresarse con liberdade. Pero a súa obra comezará a ser plena e propia despois de chegar a New York en 1968.
Dúas maneiras de ser, 2000.
Body-awareness
Aquí, no Novo Mundo, sentiu a liberdade aínda máis de preto, e axiña estableceu contacto cos movementos feministas. Nesas terras a súa creación muda radical e definitivamente, coincide cos expresionistas abstractos, rebeldes fillos dos anarquistas (Miró, Tanguy, Breton) que migraran aos Estados Unidos co gallo da Segunda Guerra Mundial. A mestura das propostas dos De Kooning, Pollock, Rothko, máis as reivindicacións feministas de mulleres como Silvianna Goldsmith levou a Lassnig a autoinvestigar no seu propio corpo, a saber de si mesma, comezo cunha experiencia corporal, logo veñen as preguntas existenciais: o hospital, a natureza maltratada polas persoas, a guerra. Pinto a suma dos meus estados, manifestou aos periodistas. Foi unha das primeiras mulleres en pór o corpo da muller no centro da súa obra, como parte da súa implicación feminista. A esa pescuda implacable sobre si mesma, desde o seu propio físico, é o que ela chamou body-awareness (consciencia corporal). O meu corpo sempre me estorbou. A partires desa afirmación usou a súa carcasa corporal como medio de representación, xusto para poder enfrontarse coas limitacións que ese corpo lle provocaba. Por iso boa parte da súa obra son autorretratos, autorretratos nos que non se gaba; máis ben agrédese.
O resultado da investigación constante que fai de si mesma corre por un existencialismo tinguido de surrealismo, sen esquecer que Lassnig vén de Viena e trae consigo a carga dos escritos de Freud. Contemplando as pezas que chegaron á Fundació Tàpies tense a impresión de estar ante a creación dun espírito indomable, libre, autónomo, e ao mesmo tempo fráxil: Póñome fronte ao lenzo espida. Sen nada planeado… Deixo que as cousas pasen. Pero si que teño un punto de partida, que vén de decatarme de que a única e verdadeira realidade son os meus sentimentos… Lassnig, cos seus autorretratos, é ao tempo ela mesma (o seu corpo) e a súa propia creadora, mantén unha loita continua entre o dentro e o fóra, ela como artista suxeito e como artista obxecto. Nalgúns dos autorretratos móstrase como unha pura carcasa física e corpórea. Tratarase de modernas ‘vanitas’? Será algo parello ao que neste ano propoñen os irmáns Santilari?
Triplo Autorretrato, 1972
Cores e estados de ánimo
Lassnig utiliza nos seus lenzos unhas cores especiais cando trata de perfilar as súas faccións, o seu corpo. As cores reflicten estados de ánimo. Ou sensacións que percibe en diferentes partes do corpo. Na face dunha mesma peza pódense atopar verdes, rosas, vermellos, dependendo de como ela perciba as diferentes partes da súa face. Os verdes case sempre indican certo distanciamento, unha visión externa, máis obxectiva, mentres que as cores cálidas (avermelladas, rosadas) indican complicidade co seu ser interno. Así acontece en Triplo Autorretrato (1972). Se mentres pinta unha face (Dúas maneiras de ser, 2000) sente presión nunha zona do seu rostro, aí aparecerá un vermello, se pretende expresar intensidade, os rosados, e se é dor o que experimenta entón usará o amarelo. Aínda que proxectado na obra doutro xeito, este uso tan expresionista das cores garda similitude co que facía daquelas Rothko.
María Lassnig sentaba diante dun espello, e se quería plasmar algunha sensación nunha tea facíao axiña, traballaba rápido. O comisario da exposición, Hans W. Poschauko, que foi alumno dela, declarou na presentación da mostra: Lassnig pintaba moi rápido, acababa os cadros no día, porque ao día seguinte a sensación cambiaba, era outra. Quería atrapar esa sensación tal e como a sentía. O seu traballo era moi introspectivo.
Da súa estada en New York, e dos novos aires que deu á súa obra, fala tamén a súa dedicación á animación e a elaboración de varios vídeos, como integrante do grupo Woman Artist Filmmakers. Desde entón creou pequenas pezas fílmicas en clave autobiográfica, onde se mestura a súa imaxe e o deseño e onde presume dunha forte ironía. Entre elas destaca A Balada de Maria Lassnig.
A creación de Lassnig vai parella á de outras artistas do século XX implicadas e afectadas pola súa condición de mulleres artistas. Por citar algunhas: Nancy Spero e a súa loita por lograr unha expresión artística propiamente feminina, as tamén obras autobiográficas de Louise Bourgeois e Kiki Smith, e da mesma Frida Kahlo (coa que se comparan algúns dos autorretratos de Lassnig). Sen esquecer a brasileira Tarsila do Amaral e a pioneira e valente Maruxa Mallo.
Ti ou Eu, 2005
Why Have There Been No Great Women Artists?
Hai décadas que as Guerrilla Girls veñen dicindo: ‘as vantaxes de ser muller artista son que a túa carreira poderá despuntar cando teñas oitenta anos, estar segura de que calquera tipo de arte que fagas vai ser etiquetada de feminina, ser incluída nas edicións revisadas das historias da arte’ (Unha boa mostra das súas reivindicacións pódese ver estes días en Madrid). Son pitonisas loitadoras? O que si é certo é que seguen atinando. Fixérono con Carol Rama, e tamén con María Lassnig. Lassnig recibiu o Globo de Ouro da Biennale de Venecia no ano 2013, aos 93 anos! Non puido recollelo, estaba enferma, pero mandou un discurso no que dicía: Despois de 70 anos pintando, con moitas privacións e necesidades, tras moitas exposicións e éxitos que chegaron tarde, debo agora recibir este grande premio, que xa non me é posible recoller en persoa. Talmente unha militante das Guerrilla Girls. E para confirmar os vaticinios o MOMA de New York dedícalle unha retrospectiva o ano pasado, aos 94 anos! E agora a Fundació Tàpies.
A lista de mulleres artistas que se rebelaron e rebelan contra o maltrato que a sociedade patriarcal lles dispensa é moi extensa, e vén de séculos. Nela pódense incluír algunhas que usaron e usan o seu propio corpo (na liña de Lassnig) como arma para defenderse e para reivindicarse alí onde lle negan a propia identidade. Entre elas están Eva Hesse e Ana Mendieta, creadora do chamado earth-body art, a comuñón do corpo feminino coa terra. E tamén Niki de Saint Phalle, artista da que actualmente se poden contemplar obras no Guggenheim de Bilbao. E para corroborar que a cousa non mellora pódese pór o exemplo da cantante Amanda Palmer a quen, nun concerto, se lle viu un peito, argumento que aproveitou o xornal Daily Mail para arremeter contra ela. Como resposta a semellante ataque, Amanda Palmer dedicoulle unha peza ao Daily (Dear Daily Mail), peza que interpretou mentres se ía espindo e que acabou cantando ao órgano totalmente núa.
Xa no ano 1971 a profesora Linda Nochlin publica un artigo que se fixo famoso: Why Have There Been No Great Women Artists? (Por que non houbo grandes mulleres artistas?). Nel a ironía e a denuncia pola ocultación da participación das mulleres na historia da arte discorren parellas á crítica contra o modelo hexemónico machista (nesta ligazón pódese ler o texto do artigo).
Este último apartado pretende dar argumentos para responder aos interrogantes do comezo: Obedece todo iso a unha realidade obxectiva? Sería posible un picasso-muller?
Lito Caramés
Eu como vaca alpina, 1987
EXPOSICIÓN Maria Lassnig
Fundació Antoni Tàpies
ata o 31 de maio de 2015
You might also like
More from Crítica de arte
“Veneradas e Temidas” ~ O poder feminino entre dualidades | Lito Caramés
Exposición Venerades i Temudes. El poder femení en l’art i les creences. Caixaforum. Divinas dualidades.
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …