Exposición «Maruja Mallo. Máscara y Compás»
A pintora Maruja Mallo, aínda non moi coñecida, foi unha das grandes figuras da arte en España e compañeira de tantas e tantos da Xeración do 27. Nos últimos anos estase a reivindicar a súa creatividade. Neste senso, o Centro Botín presenta unha importante antolóxica desta artista, de quen a amiga e filósofa María Zambrano afirmou, de volta do exilio: “Maruja Mallo es el ser más libre que he conocido”.
❧
MARUJA MALLO: Máscara y compás. Pinturas y dibujos de 1924 a 1982. Centro Botín Santander.
Tú, / tú que bajas a las cloacas donde las flores más flores son ya unos tristes salivazos sin sueños / y mueres por las alcantarillas que desembocan a las verbenas desiertas / para resucitar al filo de una piedra mordida por un hongo estancado, / dime por qué las lluvias pudren las horas y las maderas. / Aclárame esta duda que tengo sobre los paisajes. / Despiértame. / Hace ya 100.000 siglos que pienso en que tú eres más tú cuando te acuerdas del barro / y una teja aturdida se deshace contra tus pies para predecir otra muerte. (Rafael Alberti, La primera ascensión de Maruja Mallo al subsuelo –Fragmento-1929).
Maruja Mallo foi unha grande artista da chamada Xeración do 27. É un caso máis da lexión de mulleres creadoras que tiveron recoñecemento en vida (ou nunha parte da súa vida), pero logo o patriarcado fai o posible para que caian no esquecemento. Maruja Mallo chegou a Madrid desde o seu Viveiro natal para vivir a efervescencia cultural daqueles anos da ditadura de Primo de Rivera e mais a plenitude da Segunda República. Viviu e compartiu, por tanto, os anos máis frutíferos da Residencia de Estudantes e de outras institucións innovadoras. Foi compañeira de inquedanzas e creatividades de mulleres como Rosa Chacel, María Zambrano ou a deportista e poeta Concha Méndez. O agocho intencionado destas mulleres atopou outra circunstancia en que eran republicanas, e a ditadura fixo o posible (como en tantas e tantas outras biografías) por negar a súa existencia.
Maruja Mallo foi unha artista rachadora -tanto nas abas artísticas como nos planos vitais-, libre, independente e moi intelixente. Compartiu tempos, vivencias e preferencia estéticas cos homes daquela Xeración do 27 que eles si quede sempre recibiron recoñecementos e loas ás súas magníficas creacións. En masculino si, en feminino, non. Foi amiga e compañeira de Federico García Lora, de Salvador Dalí, de Rafael Alberti, de Miguel Hernández, de Luís Buñuel, por citar os casos máis sobranceiros. Como proba de recoñecemento da valía de Mallo, García Lorca escribiu por aqueles anos sobre as obras da creadora de La Sorpresa del Trigo (1936): Estos son los cuadros que vi pintados con más imaginación, con más gracia, con más ternura y con más sensualidad. Y estas imágenes de maniquí, que están pintadas con ausencia de color, son notícias necrológicas.
MARUJA MALLO: Máscara y compás. Pinturas y dibujos de 1924 a 1982. Muller rebelde.
Horizonte. Espumas. / Azules fríos. / Salteando olas / torsos radiantes, / en líricas danzas/ y acrobacias. / Aquella danzarina / del bañador verde … / Aquel gimnasta … / Las olas íntegras / son el mejor columpio. (Concha Méndez, Bañistas, no seu poemario Surtidor, 1928).
Nestes meses de mediados do ano 2025 -ano marcado polas políticas do Gran Irmán do Norte (EEUU), o Centro Botín, como parte importante da Fundación Botín, presenta nas súas salas da badía de Santander esta magnífica exposición: MARUJA MALLO: Máscara y compás. Pinturas y dibujos de 1924 a 1982. Un conxunto de máis de noventa pinturas, así como debuxos que van conformando a creatividade de Mallo ao longo da súa vida. Case 60 anos de creatividade; sendo este un dos grandes acertos da comisaria, Patricia Molins (do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía) e mais da organización, xa que tal antolóxica permite coñecer as diversas etapas creadoras da artista. A mostra está coproducida pola Fundación Botín e mais polo museo citado, poderanse contemplar na vila de Madrid a finais deste ano.
A calidade das pezas vén avalada, tamén, pola diversidade de institucións que prestaron obra: o Art Institute of Chicago, o Centre Georges Pompidou, o Museo Provincial de Lugo e entidades museísticas de América Latina, onde residiu moitos anos (Museo Nacional de Artes Visuales de Montevideo, Museo de Arte Latinoamericano -Bos Aires-, entre outros moitos).
A creatividade de Mallo sorprendeu a quen a coñeceu entre os anos 20 e 30. Foi Salvador Dalí o que a definiu como metade marisco, metade anxo. Que xeito tan poético e luminoso de catalogar a aquela muller libre que se atrevía a andar en bicicleta polas rúas de Madrid (en compañía da súa amiga Concha Méndez) e ás que os varóns guindaban pedras como maneira de mostrar o seu rexeitamento a tan “escandalosas” novidades. Maruja Mallo, espírito libre. A ansias de liberdade daquelas mulleres que querían unha vida plana tamén se coñece por outras accións simbólicas, como negarse a levar sombreiro. De aí que se coñecesen como Las Sinsombrero, as rebeldes e loitadoras (Maruja Mallo, Ernestina de Champourcín, María Teresa León, Concha Méndez, María Zambrano, Rosa Chacel, Josefina de la Torre, Margarita Gil Roësset, Margarita Manso). Na creación de Mallo sobresae o esforzo feminista que aplica aos temas escollidos; un imaxinario feminino que se anticipa ao que farán outras artistas feministas nos aos setenta.
Maruja Mallo es el ser más libre que he conocido (María Zambrano).
A produción artística de Mallo é moi diversa, e ao tempo, unificadora. A súa intelixencia permítelle adiviñar que o universo é un, no que calquera aspecto do mesmo acaba afectando todas as outras. Tiña a visión globalizadora de que o mundo é un sistema ecolóxico no que caben toas as cousas, que cómpre preservar. A autora de Canto de las Espigas non desprezaba as cloacas, nin os restos orgánicos. Unha das súas series máis coñecida é a que titulou Cloacas y campanarios (1930-32). Para Mallo nonhabía diferencias entre o popular e aquilo que se puidese denominar “vangardista”. Todo é digno de estimación estética. É habitual que nas súas pinturas aparezan restos orgánicos como caveiras de animais, osos, cardos e outros elementos non valorados esteticamente pola meirande parte de artista de todos os tempos. Esas pezas de restos orgánicos veñen sendo vanitas contemporáneas? Coñecendo a súa rebeldía non estraña que esas pezas de restos orgánicos, a artista as titule Naturalezas Vivas, e non Naturalezas Muertas como se levaba facendo desde o Barroco.
Os vieiros plásticos de Mallo son tan persoais que se fai difícil a clasificación. Cara o final dos anos 20 encarreirouse nas liñas do surrealismo. Cando chegou a París e presentou as súas creacións alí, os surrealistas quedaron sorprendidos, e o pope André Breton mercoulle unha das súas pezas titulada El Espantapájaros (1930).
O seu pensamento progresista de Mallo fai que unha das súas constantes a pintar -sempre que hai figura humana- sexa sempre a figura feminina. Son moitas, moitas, as obras onde, sexa cal sexa o tema que representa, aparece a figura feminina. Na devandita obra La Sorpresa del Trigo algúns críticos e estudosos consideran que a cabeza feminina alí presentada é a deusa da agricultura -Demeter-. A nai terra a fornecer de alimentos aos humanos. Sobre a importancia que a artista lle concedía a esa obra tan explícita e definidora dos traballos e da vida, cómpre salientar que cando en 1936 tivo que fuxir ao exilio por Lisboa, a única obra que levou consigo ao exilio americano foi La Sorpresa del Trigo.
MARUJA MALLO: Máscara y compás. Pinturas y dibujos de 1924 a 1982. Creacións novidosas.
In my country, we are fighting like hell for the democracy we once took for granted. That affects all of us here because the arts are democratic. Art is inclusive. It brings people together, like tonight. Art looks for truth. Art embraces diversity. And tha’s why art is a threat. That’s why we are a threat to autocrats and fascists. (Manifestacións do actor Robert de Niro ao recibir a Palma honorífica no Festival de cine de Cannes).
A Arte, a Cultura son democracia, son diversidade e ameaza para autócratas e fascistas. Iso vén de dicir Robert de Niro en Cannes. A arte é alimento para a humanidade.
A rachadora e innovadora obra de Mallo tamén fixo vieiros novos de rebeldía, de inconformismo social e político. Non lle ían os límites e foi quen de mesturar o popular coa vangarda, a diversidade con raíces de proximidade. Mallo, pintora que sempre tivo preferencias pola figura feminina, tamén é certo que se fixou en figura que remiten a espazos tropicais. Unha pintura como La isleña o Mujer con cabra (1927) remite a outras xeografías. A diversidade. Por outra banda, a súa serie Las verbenas (1927-1928) presenta tal heteroxeneidade de personaxes que mesmo convida a reflexionar sobre a longa tradición ao tempo que o fai sobre arte popular e vangardas. Nestas composicións xeométricas do espazo fai choscadelas á arte popular, aos escenarios desa arte escénica e tamén ao guiñol, que tanto lle agradaba. Persoas de clases e etnias distintas mulleres revestidas con irreverencia, intelectuais montados sobre porcos que levan un carrusel como entrada a mundos exóticos.
Hai pouco que pechou a mostra temporal 1924. Otros surrealismos nas salas da Fundación Mapfre Madrid. Alí o traballo de curadora de Estrella de Diego percíbese moi ben ao pasar polas salas e ir constatando a presenza de tantas e tantas creadoras que non é habitual atopar nestas celebracións internacionais. Un traballo excelente. Estrella de Diego fai que Maruja Mallo sexa a artista que encabece a derradeira seccións de 1924 Otros Surrealismos, titulada “Piedras, árboles y otras criaturas”. Aquí varias obras de Mallo (dos anos 30) exhiben a súa querenza por esqueletos e outros restos orgánicos.
Nas obras figurativas (aínda que non realistas) semella estar presente unha liña de traballo que tamén se pode apreciar na artista brasileira Tarsila do Amaral, que acaba de ser homenaxeada no Museo Guggenheim Bilbao cunha potente antolóxica. Coñecéronse estas dúas artistas? En París estiveron as dúas a comezos dos anos 30. Logo Mallo viaxou por América Latina nos longos anos de exilio. Nas súas figuras e composicións hai algo similar. Tal vez a súa querenza polo cubismo, matizado logo por outras tendencias como o surrealismo, levounas a facer composicións que fagan que aparezan como similares. Sería interesante saber ben a orixe desta afinidades.
❧
EXPOSICIÓN: MARUJA MALLO: Máscara y compás. Pinturas y dibujos de 1924 a 1982. Centro Botín (Santander), ata o 14 de setembro de 2025
You might also like
More from Artes
Irving Penn, a fotografía sen ornamentos | Lito Caramés
A Fundación MOP (A Coruña) ten o acerto de presentar unha mostra antolóxica de todos os traballos do gran fotógrafo …
entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia | Luís Serguilha
«entre espelhos falsos magritteanos e peugadas in-corpóreas de Bete Gouveia», por Luís Serguilha