O raro fascinio dos gravados e debuxos de Durero vai in crescendo. Unha mirada-fiestra-imán que absorbe todas as presenzas nunha xanela compartida da percepción interior. Como se tivese inventado en tempos o dispositivo primitivo do chamado “ollo de peixe” (o grande angular do obxectivo fotográfico) ao través dalgunha lente de aumento. Unha mirada a súa que sempre está perto da ebriedade do infinito (co Norte magnético da ollada). Atopar algúns fermosos libros cos seus senlleiros gravados vai representar un continuo reencontro coa maxia e feitizo liñal do grande creador. Precisamente pouco despois (axexando de novo nos seus lendarios gravados ao través dos libros que merquei na librería Strand de New York) vén a mostra que lle dedica o Museo do Prado cunha boa escolma de pinturas, debuxos e gravados. A verdiazul á da águia, a tenra mirada dunha simpática lebre. Os cativos e reconcentrados gravados coa súa expresividade xestual. Reparo na pegada inmensa que deixou na historia da pintura: de Max Beckmann ata Picasso (por dicir dous nomes de primeiras). Outra tería sido dende logo a xeira compositiva do itinerario na historia da pintura sen a súa aportación. A alquimia visual destes pulcros gravados nútrese dunha destreza na composición (e dunha fértil intuición) case sen precedentes. Fillo de reloxeiro, cada cativa imaxe dun seu gravado vai artellar un preciso mecanismo na ourivería visual da percepción. Creou imaxes poderosas. Como borrar da mente moitas delas? Mudadas xa arestora case en imaxes “interiores” de nós mesmos.
Imposíbel non relembrar o sonado augaforte dedicado á Melancolía, datado contra o 1514 (como proba a disposición horizontal dunha das ringleiras de números da táboa máxica a xeito de mensaxe cifrada). Todo neste gravado é alegoría (mesmo críptica linguaxe cifrada). Vai reflectir o impreciso pouso da señardade dun xeito único. Como se toda a tensión enigmática da pittura metafísica estivese xa eiquí (reconcentrada e atemporal) condensada nesta sabia combinación duns sinxelos elementos. “Horror vacui” dunha ateigada xuntanza figural. A presenza central do ambiguo anxo taciturno, o reloxo de area, as ferramentas de traballo e medición, a escala que apunta cara ao ceo (dende os sete escalóns). Símbolos xeométricos puros: co seu segredo intacto. A natureza respira vibrante ao fondo, nunha marabilla liñal da xeometría do soño. Os pregamentos representan na pintura e nas artes visuais o acougo intemporal, coa dimensión mesmo do infinito, no labirinto volumétrico que vai pautar as esculcas de ensimesmamento e introversión da mente (como se o debuxante fose quen de transmitir ise fascinio recorrente ao espectador demorado). Relato visual de intersticios e lentas reviravoltas (dos pregamentos lineais) no relato da percepción mental polos meandros psíquicos. O ollo vai ficar apreixado nesa miniaturización do tempo da percepción sen remate. Pregamentos sen fin no labirinto do tempo interior. Ollada infinda que medra sen desmaio, nin atranco algún. “Mundo sen fin”, coma o que tentaba Joyce para a súa escrita-entrelazo.
Outros gravados van acadar unha frenética dislocación xestual, que amosa ao autor como pioneiro das tendencias expresionistas: como acontece con Muller nova atacada pola morte (que podería remitir á anguria do Munch máis intenso). Na meirande parte deles (pola contra) o agarimo liñal vai dar conta da placidez do ánimo nun sedutor sosego intemporal, salientando sempre os certeiros achados da composición. A ironía, a capacidade de comunicación expresiva. As figuras amosan as paixóns humanas (tamén as vivencias espirituais inzadas de sentimento relixioso). Cativos animais presentes. A complexa arquitectura hipnótica dalgún dos fondos. Árbores únicas cheas de matices e singularidade. A irónica sinatura do artista coas iniciais penduradas sempre en recunchos inesperados ou pousada en pequenas táboas gravadas en baixorrelevo. As súas escenas reflicten sempre unha dimensión escultórica, como se xurdisen dun muro traballado a cincel ou dunha talla prodixiosa. Os xinetes da apocalipse e outras obras dese ciclo inesquencíbel gozan de moita sona. Vai ser ao redor do ciclo da Melancolía (coincidindo coa morte da nai, á que lle dedicou un retrato) e nas obras de San Xerome na súa cela quizais a mellor representación do ánimo subxectivo e da introversión reflexiva da conciencia, no labor silente do estudo. Auténticos xeroglifos da percepción. O enigma ao redor do gravado calcográfico da Melancolía segue emitindo con forza a súa mensaxe, chea de misterio e opacidade alegórica. O gravado contén elementos relacionados coa alquimia, tamén coa transformación máxico-creativa. A xeito de inventario da transmutación interior, que vai corresponder coa pedra filosofal, tamén co emblema do andróxino. Á percura da liberdade interior. Coñecemento oculto que se manifesta ao través da escolma de recursos. O reloxo de area como expresión do tempus fugit. A case invisíbel presenza dun cranio ou calivera (na que ninguén semella reparar) construída con cativos puntos no interior da figura do poliedro. Estampas minuciosas, relatos visuais cheos de dinamismo que acadaron (xa no seu momento) unha extraordinaria difusión por toda Europa. A través da técnica de reprodución de imaxes máis popular daquela: as xilografías (os gravados feitos en madeira) e calcografías (coas estampas feitas en prancha metálica). A insuperábel factura elaborada polo miúdo ía deixar unha pegada que logo os expresionistas van retomar máis adiante (aínda que dun xeito ríspido). Existe unha tradición anterior a Durero, a do Mestre de Esse, I. van Meckenem, os gravados de Schongauer e mais as traballadas estampas de Wolgemut que son importantes antecedentes do artista. Hai en Durero unha fonda pegada metafísica, influencia de concepcións herméticas que falan nunha linguaxe cifrada, dun harmónico universo ensimesmado nun acougo fóra do tempo. Xunto á incerta xestualidade da dor, a violencia da apocalipse na desfeita humana.
You might also like
More from Antón Patiño
Mirada do xordo en Bob Wilson
A linguaxe configura tamén a nosa noción da realidade. As verbas conflúen na representación do real engadindo un valor simbólico. …
Casa Malaparte
A casa que construiu Curzio Malaparte é talvez a mellor autobiografía que puido deixar: a xeito de autorretrato arquitectónico. A …