A linguaxe configura tamén a nosa noción da realidade. As verbas conflúen na representación do real engadindo un valor simbólico. A nosa visión do mundo fica peneirada nun certo xeito a través da linguaxe, coa denominación e apropiación simbólica do real. O pensamento estritamente visual (arredado totalmente da palabra) pode existir en opcións psicolóxicas das marxes. Coma cando Bob Wilson fixera a “Mirada do xordo” subliñando a intensidade enigmática da visualidade espida. A forza da mirada núa. A complexa construción da imaxe coma un palimpsesto de resonancias sedimentadas. Moitos rexistros agroman daquela: a ollada epidérmica, a viaxe da memoria, a tatuaxe simbólica e comunitaria da verba. Toda isa “summa” constrúe unha imaxe interfaz (entre nós e o mundo). Anacos de sentido na construción da identidade. Nas obras de teatro de Bob Wilson predomina o movemento demorado en pausas extáticas silentes, os corpos dos actores convertidos case en esculturas. O intervalo escénico, as presenzas hieráticas na inmobilidade do “tableau vivant”.
Inventario ritual de xestos que se sitúan fóra do tempo: vocabulario inmóbil do mito, que se atopa por definición lonxe, nun tempo afastado. A vivencia lendaria da imaxe interior vibra no arquetipo primordial. A conciencia moderna do intervalo e da descontinuidade quebra a cohesión intemporal do mito. Bob Wilson semella estabelecer unha polaridade entre o carácter extrahistórico do mito coa imaxe do intervalo (sometida xa á aceleración historica e unha incesante fragmentación temporal). Estratexias próximas ao estrañamento nese viver dous tempos simultáneos propio da sensibilidade metafísica. A marxinalidade das anomalías psicolóxicas teñen moitas veces cabida no eido da arte porque expresan unha situación excéntrica a respecto das condicións habituais e cotiáns da percepción. Vínculos secretos da imaxe co invisíbel. Metáfora visual e desprazamento perceptivo coa realidade inmediata. Estrañamento e mirada reencantada cara o próximo. Despois de saír dunha montaxe teatral de Robert Wilson os xestos cotiáns semellan ter outra dimensión. Ao situármonos na saída, nun semáforo (a carón de ocasionais e robóticos peóns anónimos) temos a sensación de participar nunha escena teatral. Isa distancia fronte á realidade da propia contorna inmediata é a que reflicte o estrañamento artístico. Cada xesto acada nese intre un grao inédito de revelación e orixinalidade, transmitindo unha mensaxe remota e secreta que amplía os lindeiros da percepción (decote anestesiada).
Técnicas da éxtase nun novo reencontro coa maxia de Bob Wilson. A mostra que preparou para Isamu Noguchi tivo unha montaxe excepcional da man do director teatral norteamericano. Agroma de xeito nídio unha evidencia: a capacidade da arte para “transportar”. O xamán seica exercía unhas técnicas arcaicas de éxtase nas chamadas culturas primitivas (talvez algún día recuperaremos algúns dos seus refinamentos!). O que fai Wilson é dotar ás pezas do escultor e deseñador (xa de por si de alto contido poético) dunha aura senlleira. Como nova alquimia da percepción. Unha mestura de rigor e precisión implacábel que non desbota o recendo emocional. Aquela sensualidade de texturas e materiais complementarios aos obxectos. “A mirada do xordo” segue a ser un espazo singular. Darlle voz ao invisíbel coma nos rituais animistas. O baleiro é a materia prima decisiva na construción das presenzas e figuras. Encol do baleiro a materia vibra e adquire nova incandescencia perceptiva: isa alta temperatura emocional que o distingue dun xeito nídio reflicte unha intensidade espiritual extraordinaria.
Acougo do baleiro coma enerxía intersticial que vai configurando todo nun lento e demorado continuum espacial. A mirada transita por diferentes umbrais de intensidade. Espazo lento que xorde coa forza da primeira mirada. Na estancia do comezo (dende a penumbra do animismo) aparecen estilizados obxectos de culto. Penetramos no escenario dos rituais: fica só o baleiro dos obxectos. O misterio figura falarnos dende o hieratismo do ídolo. O enigma contémplanos cara a cara, fala dende a escuridade dun tempo antergo. Tótems dunha sexualidade simbólica. Fertilidade nutricia do mito. Síntese das figuras do invisíbel chamando dende a noite (lento reverso escuro). Logo, o efecto de contraste, de súpeto a festa dos anos sesenta estoupa nos ollos. Cores ondulantes nas rebuldeiras liñas orgánicas inzadas de curvas biolóxicas. O ritmo da modernidade amosa o seu hábitat. Interior doméstico como emblema do confort moderno. Unha rara complementariedade e contraste activo entre os dous mundos. O xardín xaponés fálanos despois dende o fermoso silencio estilizado das pedras de Quioto. Area espida peneirada unha e outra vez na mística da contemplación. Ao sairmos, unha sensación indefinida vai facer despregamento na derradeira estancia, a xeito de museo de arte moderna onde da influencia de Brancusi pasamos á ingravidez cromática de Calder ou ao xogo de Miró. As diferentes lecturas dos paradigmas da modernidade artística. As iconas dos 60. Depuración volumétrica do Brancusi dos anos 50. A obra do Giacometti surrealista da década dos 40: incisións horizontais no mapa do desexo. Homenaxe a Franklin no remate, onde o lóstrego é unha clave simbólica que enche de enerxía unha cativa estancia singular (a xeito de despedida). Coma sempre a posibilidade de sairmos transformados no saudábel efecto positivo da catarse Wilson.
You might also like
More from Antón Patiño
Casa Malaparte
A casa que construiu Curzio Malaparte é talvez a mellor autobiografía que puido deixar: a xeito de autorretrato arquitectónico. A …
Mestre gravador Alberto Durero
O raro fascinio dos gravados e debuxos de Durero vai in crescendo. Unha mirada-fiestra-imán que absorbe todas as presenzas nunha …