Vista de Miró i 10 poetes catalans
As artes veñen sendo variados xeitos de expresar emocións, situacións; o que máis as diferencia son os seus modos de comunicar. Joan Miró foi amigo da poesía e mais de poetas. As súas pinturas son poesía?, era dono dunha particular linguaxe poética? Tiña razón Rimbaud cando afirmaba que as vocais son de cores diversas?
*
Xocs i mots: Miró i deu poetes catalans d’avui. Joan Miró, poeta
A noir, E blanc, I rouge, U vert, O bleu : voyelles, / Je dirai quelque jour vos naissances latentes: / A, noir corset velu des mouches éclatantes / Qui bombinent autour des puanteurs cruelles, / Golfes d’ombre; E, candeurs des vapeurs et des tentes, / Lances des glaciers fiers, rois blancs, frissons d’ombelles; / I, pourpres, sang craché, rire des lèvres belles / Dans la colère ou les ivresses pénitentes; … ( Arthur Rimbaud, fragmento do poema Voyelles, 1870).
As relacións de Joan Miró coa poesía foron moi abundantes. Cóntase que, ao chegar ao seu estudo, Miró sempre tiña na entrada algún libro de poesía e, antes de dirixirse ás pinturas e mais ás telas -aínda que fose para rachalas ou queimalas (como fixo na súa época madura)- lía algúns poemas como fonte de inspiración, como exercicio de introspección e preparación. O que o autor de La Masia facía con esa lectura poética era conectar coa súa espiritualidade, unha preparación mental como tantos outros artistas: os pintores de iconas da igrexa ortodoxa (a meirande parte monxes) facían xexún e retiros antes de presentarse ante a madeira preparada sobre a que representar a imaxe divina que correspondese (ver o filme Andrei Rublev, de Andrei Tarkovsky).
Á marxe desa relación persoal, íntima, que o artista Joan Miró tivo sempre coa poesía, traballou directamente con moitos poetas. Concretamente, Miró elaborou conxuntamente con persoas dedicadas á poesía uns 109 libros. 109 colaboracións, man a man. Como viviu moitos anos en Francia, con quen máis participou na creación de volumes escritos foi con poetas franceses, e moitos deles do planeta surrealista: Éluard, Tzara, Breton, Dupin, … Pero, tamén traballou en estreito contacto con poetas cataláns. Entre estes poetas cataláns destacan Joan Brossa, Perucho, Tejedor, Cirlot, Pere Gimferrer, Santos Torroella, e por suposto e principalmente con Josep Vicenç Foix (J. V. Foix), unha especie de irmá xemelgo do pintor. Na presentación da mostra Xocs i mots: Miró i deu poetes catalans d’avui (galería Mayoral), Vicenç Altaió (comisario) afirmou que se J. V. Foix pintase faríao tal como o fixo Miró, e se o autor do tríptico L’Espoir du condamné à mort escribise, sairíanlle os poemas de Foix. Miró pintor de poesía.
A exposición que agora presenta Mayoral vén sendo, por tanto, unha actualización das colaboracións do pintor con poetas cataláns; por iso no título dise que se trata de poetes d’avui. Segundo os propios comisarios, Pere Gimferrer, único poeta que traballou Miró que segue vivo, é o nexo que xungue pasado con presente. Os dez poetas actuais pertencen a dúas xeracións. Gimferrer, Navarro, Mesquida, Casasses e Miquel veñen creando desde hai décadas. En tanto que Callís, Font, Sevilla, Calafell e Guasch son escritores novos, da xeración -por exemplo- da comisaria Llum Vidal. Entre os dez hai moitas poetas. O que se observa agora nas salas da galería Mayoral son obras de Miró de moi alta cualidade compartindo paredes con dez poemas, un de cada un dos escritores.
Como exemplo dos poemas que aluman constelacións e mundos -en paralelo con pinturas-, un fragmento do poema de Pere Gimferrer, PARAULES PER A UN LAPIDARI: Perquè Joan Miró troba una pedra. / Perquè Joan Miró / ha collit una pedra. Mireu l’aigua del sol / i aquest gust que té l’herba, / aquest gust de verd d’herba, / aquestes vetes de la pedra verda: / el Verb, tot fet de vetes rocalloses. / Perquè Joan Miró toca les pedres: / n’hi ha una que tan sols és un fil d’aigua arrecerant-se als masos. É ben sabido, así quedou demostrado na exposición Miró i l’objecte, que este artista (como moitos outros, surrealistas e non) ía apañando cousas que atopaba nunha praia, pola terra, e que logo -no seu obradoiro- ordenaba e asociaba. Tamén está presente nas salas da galería Mayoral este fragmento do poema VERMELL, BLAU, GROC (2022), de Joan Navarro, inspirado no impresionante tríptico de Miró L’espoir du condamné à mort: El mur. El llenç del mur. La cel·la. El bosc guixat. Vora el dacsar. Amb els arbres enormes. I les aigües fosques. De l’enteniment. Que vessa. Com un càntir. Rierol. De la pena. On no hi ha cap engruna. Ni ratolí. Només un cobricel desert d’estrelles. Un ull vermell que crema al carritxar. El foc mineral que dansa. La prosa de l’aire que t’asfixia. Plom i ocell.
Xocs i mots: Miró i deu poetes catalans d’avui. Galería Mayoral
És quan dormo que hi veig clar / És quan plou que ballo sol / Vestit d’algues, or i escata, / Hi ha un pany de mar al revolt / I un tros de cel escarlata, / Un ocell fa un giravolt / I treu branques una mata, / El casalot del pirata / És un ample girasol. / És quan plou que ballo sol / Vestit d’algues, or i escata. (F.V. Foix. Fragmento do poema És quan dormo que hi veig clar, 1939).
Mentres a pandemia semella fuxir e a cruel e salvaxe guerra que o goberno de Putin impón a Ucrania, guerra que obriga a revivir os peores pesadelos do pasado, a galería Mayoral está presentando nestes meses de primavera -seguindo os vieiros expositivos dos últimos anos, a mostra Xocs i mots: Miró i deu poetes catalans d’avui, atractiva combinación de pintura de Joan Miró e mais de poemas de dez poetas cataláns actuais. Como xa aconteceu en ocasións anteriores, trátase dunha exposición con obras dignas de constar nunha exposición programada por unha institución museística. Mayoral é quen de artellar exhibicións de alta calidade. As pezas de Miró son absolutamente representativas dos seus traballos ao longo da súa longa vida. O mundo interior de Miró pinta poesía.
Joan Miró en moitas das súas obras emprega as cores como se fosen vocais, como se se tratase de notas musicais que corren polas telas. Para Miró pintar e escribir é o mesmo. Escribe con cores, con liñas que percorren espazos, con manchas que equivalen a verbas. Hai espiritualidade nas obras do artista amigo de Llorens Artigas. Canto lle agradou a Miró a creatividade de Kandinsky na súa etapa de máis ascetismo (Do espiritual na arte)? Se Kandinsky afirmaba que as súas pezas equivalían a pezas musicais, por que as de Miró non son o mesmo?
Agora na Mayoral pódese ver unha obra de Miró, Peintre (1966), unha peza pequena, sobre madeira aglomerada, unha obra elaborada por tanto sobre materiais industriais; e sobre eses materiais tan prosaicos é que de facer emerxer poesía. Xa que vai de procesos industriais, o pintor-poeta inventou uns tampóns que van deixando unha pegada sobre a madeira tratada: unha sorte de estrela, de elemento vexetal. E, nesa superficie escasa, cada golpe do elemento reiterativo leva unha cor diferente: cada cor unha verba?, cada cor unha vocal?
Ao comezo desta reseña reprodúcese parcialmente o poema do poeta francés Rimbaud titulado Voyelles (vocais); e aí xa se pode ver como o poeta asocia cada vocal cunha cor: A noir, E blanc, I rouge, U vert, O bleu. Asociacións que logo vai ampliando ao longo do poema. Referencias e asociacións ben particulares. O E ten que ser branco? Se un pintor (por exemplo Miró) pinta unha superficie de cor verde, hase entender que que está a riscar un U? A Joan Miró agradáballe Rimbaud, o enfant terrible da poesía francesa. Chegaría a identificarse tanto con el que as súas cores pódense ler nas claves que propón o autor de Une saison en enfer?
A corida e coidada exposición Xocs i mots: Miró i deu poetes catalans d’avui está comisariada por Blanca Llum Vidal, tradutora e poeta, autora entre outros poemarios de Aquest amor que no és u. Conxuntamente con Llum, o outro comisario é Vicenç Altaió, poeta, ensaísta, crítico de arte, un experto na obra mironiana e que xa foi o comisario do do Any Miró e mais do Any Dalí. Çtamén autor de moitos traballos, entre os que interesa para este tema Miró i els poetes catalans, todo un precedente da exposición que está a comisariar agora.
No título da exposición a primeira palabra é Xocs e a segunda Mots, como se os comisarios quixesen resumir o contido poético-pictórico nestas dúas verbas: Xocs (choques) referencia as pezas de Miró, mentres que Mots (palabras) está dedicada aos poemas. Miró chegou a verbalizar que cada obra de arte nova había destruír o imaxinario anterior, é dicir, procuraría un forte impacto (choque) na persoa que se aproxima a ver a creación innovadora. Obra gráfica e obra literaria casan moi ben. Hai unha verdadeira identificación entre as linguaxes escritas, neste caso poéticas e as expresións plásticas. Cando Miró vai riscando trazos, círculos, liñas curvas que percorren/unen espazos vai “falando” de paisaxes, de constelacións de seu: escribe o seus mundos particulares e poéticos. Son, en realidade, dous xeitos de linguaxes poéticas. E así, tamén cómpre dicir que a letra escrita é unha manifestación plena do espírito, descricións de universos paralelos; e xa non se precisa comentar que as pinturas de Miró son absolutamente universais nas súas propostas estéticas e éticas. Os poetas non “ilustran” as grafías de quen pinta; as pinturas non “complementan” os poemas. Trátase de dúas linguaxes paralelas, que gozan de toda a liberdade creativa.
Outro poema presente en Xocs i mots: Miró i deu poetes catalans d’avui é o titulado FINISTERRE, poema en prosa da escritora Dolors Miquel (fragment): Sobre la pissarra quedà dibuixada la paraula Finisterre, blanca, com de boira. Creuaven caminant dos bous lligats amb els lloms plens d’herba verda. També aparegueren orris de pedra i fusta, humits. I la meva cara de nena, amb el nas empegat a la certesa del mite de la fi del món, de nena baixant del cotxe. Les pedres negres, la fúria dels vents oceànics, l’aspror sobre la pell de la salabror marina. Notava l’alè d’una dona jove de tres-mil anys que s’assegué vora meu amb la mateixa emoció al cor i m’agafà amb força la mà.
Xocs i mots. Miró pintor poético
Miró és vida. Llegeix molt bé Novalis i entén la idea romàntica que diu que a la Natura hi ha un seguit de llenguatges. Miró, que és un panteista, que fuig de la Revolució Industrial per convertir Montroig del Camp en la seva font de coneixement, entén que el llenguatge de la poesia o de l’art plàstic ha d’expressar un “a més a més”. (Vicenç Altaió, comisario, entrevista na revista Núvol, 2021).
Joan Miró, como artista integral, pasou por moitas etapas creativas. Nun intre da súa vida sentiu a atracción das caligrafías orientais. El, que xa levaba anos escribindo con liñas, trazos e cores, decatouse que a aprendizaxe tradicional da escrita china e nipoa viñan sendo o xogo entre pintura e escrita; o encontro das técnicas que len realidades. Miró, artista global, é como o protagonista do filme Hing Xiong (Hero) (Zhang Yimou, 2002) que se esforza, que loita con si propio para inventar outra verba máis axeitada para dicir espada.
Na galería Mayoral a mostra Xocs i mots: Miró i deu poetes catalans d’avui presenta nove pezas de Joan Miró, obras sobre tela, madeira, sobre cartón, obras fráxiles, en suma, quizais creadas polo pintor que se instalou en Mallorca para non durar, como exercicios de escrita, cadernos de escolar en constante aprendizaxe. O paradoxo é que esas creacións tan efémeras sobreviven ás décadas, cambiaron xa de milenio, e sobreviven ao seu creador e a aqueles poetas que as viron hai 50, 60 anos. Miró sempre a representar constelacións, mundos galácticos; dono dos espazos. Representar, verbo estraño para un pintor, como moi ben ten especulado e demostrado René Magritte.
Ben se capta, ao contemplar pezas de Miró, que este artista case sempre pinta de dentro cara fóra. As súas obras nacen da reflexión, xa sexa de ler poemas que o mergullan en realidades paralelas que lle provocan visións e lembranzas adurmiñadas no subconsciente, xa sexa porque é dono de mundos exclusivos. As obras pictóricas que están nas salas de Mayoral son intimistas, de fonda raizame expresionista.
A comezos deste ano aínda se podía ver en Mayoral unha exposición temporal onde tamén había obra de Miró: Un homenatge a Pierre Matisse. Pierre Matisse, fillo máis cativo do insigne pintor Henri Matisse, instálase e abre galería de arte (Pierre Matisse Gallery) en New York (1931). De contado consigue ser o único representante de Joan Miró nos EEUU. Un feito definidor e principal para a marcha da súa galería. Desde entón as relacións entre ambos serán de amizade e tamén comerciais (Parece ser que a muller de Pierre -Tini Duchamp, de pai tamén glorioso- viaxou a Barcelona, e foi quen logrou que Miró firmase a exclusiva con eles). A historiadora Élisa Sclaunick vén de publicar Pierre Matisse & Joan Miró. Ouvrir le feu. Correspondance croissée, 1933-1983, un libro que xunta por primeira vez o epistolario entre marchante e artista. Nunha das cartas dos comezos da relación, Miró coméntalle a Matisse: A miña obra coido que te transportará a un mundo de real irrealidade.
Como remate, e para que tamén sirva de nexo entre a vida dos poetas e mais do pintor e a actualidade, reprodúcese un fragmento do poema de Marçal Font titulado Ucraïna (Assaig d’estructura per a un plany): 1.1 / Un blau estrident a l’extrem / i un groc saturant la base / del fogó indica que la combustió és correcta. / L’amenaça d’un hivern de l’àtom gelà el Sol aquell dia: / que colgués de blanc els nets horitzons de la Perestroika, / que oblidés de blau la sang dels herois de la vella Rússia / i fes de la grana la norma establerta.
*
Xocs i mots: Miró i deu poetes catalans d’avui.
Galería Mayoral, Barcelona, ata o 2 de xullo de 2022
You might also like
More from Crítica de arte
Ana Tomé: Intemporalidade | Inma Doval
Ana Tomé: Intemporalidade. Exposición de fotografía no espazo cultural da libraría Biblos de Betanzos (mes de marzo de 2024) | …
Os folgos da escultura flúen polas veas de June Crespo | Lito Caramés
Estes meses o Museo Guggenheim instala nas súas salas unha importante mostra dos traballos da escultora June Crespo: Vascular. Que …