“Nas terras de Nemancos, sobre unha lingua de area que se adentra na mar brava, e ao abrigo dun monte de penedos, estableceron o seu fogar homes e mulleres que non tiñan medo a vivir no límite, ao borde do mundo. Nos días de temporal o mar atravesaba esa lingua de area de banda a banda. Nesa terra, o nordés era persistente, pero elas e eles aprenderon a aproveitar a súa forza e convertéronse case en peixes para habitar esas casas que anegaba o mar. Fundíndose coa costa, escoitando falar ao mar e ao vento…”
Este pequeno texto serve de introdución á miña mostra NEMANCOS. Sempre o leo cando presento a mostra; un conto que logo segue sendo contado coas imaxes que están nas pinturas. O texto adianta a temática en torno ao territorio e a relación con el de homes e mulleres, que é o obxecto da mostra. A exposición completa está composta por acrílicos e esculturas.
Así, Nemancos é como un conto en imaxes, unha narración mítica sobre as mulleres e homes que habitan a costa, concretamente a Costa da Morte (Nemancos é un nome antigo da comarca de Fisterra, onde vivo, na vila de Muxía).
Aleitando mar
O proceso creativo xorde dunha pregunta que me fago. Ao vivir en Muxía, un territorio ao borde do mar, cun mar bravo que ata non hai moito cruzaba a vila de banda a banda nos días de temporal, unha pregúntase como eran os primeiros habitantes destas terras. Por que decidiron vivir aquí? Que foi o que lles trouxo ata un territorio tan fermoso pero tan duro para a vida cotiá? E por que? Por que aquí?
Entón, ante esta pregunta fantasío cun pobo de mulleres e homes peixe. Seres humanos que viven nunha costa cun nordés tan persistente, un mar tan bravo… teñen que ter algo de seres mariños.
Habitan os lenzos mulleres (as mulleres, presenza importantísima en Nemancos…) e homes cubertos de escamas en metamorfose e simbiose coa natureza mariña que os rodea: a paisaxe imponse e proporciona o medio de vida a quen vive nela, pero tamén os seus habitantes dan sentido ao territorio..
Traballando, pescando, en tertulia, mulleres aleitando peixes, matriarcas que levan o pobo todo ás costas, percebeiros que son case eles pedra vizosa cheíña de percebes, mulleres que levan pegados á pel os peixes que alimentan á tribo, homes que se identifican coa propia embarcación,… e as lendas, e os e as poetas que contan quen é este pobo. Todo isto está en Nemancos.
Salseiros
A propia paisaxe na que vivo préstase á reflexión. E é fonte dun proceso creativo constante. A vida na costa ten para min algo de náusea existencial, porque vivimos nun borde, nun límite. A costa acaba aquí, baixo os nosos pés, e logo só hai mar. Un mar que nos dá a vida, pero tamén é duro e ameazante. Por iso o sentido tráxico da vida. Pero tamén a beleza.
Estes seres que elixen vivir así e forman parte do territorio son coma peixes, e ao tempo coma rochas, son un elemento máis desta natureza brava. E, intelixentemente, aprenden a aliarse coa dureza dos medios naturais. Converten o mar bravo en aliado, pois dálles os mellores percebes nas fisghas, nos lugares máis inaccesibles. E o nordés, tan persistente, tan tolo, é outro aliado, só con el podemos curar o peixe , o noso congro que seca ao vento. Todo un símbolo de resistencia.
Ese nordés é a melodía da nosa existencia. Arrola e marca o compás da vida. E o mar lémbranos a fraxilidade e ao mesmo tempo a forza que temos en nós, tribo de salitre.
Tertulia
Canto ao título, Nemancos, como dixen, é o nome antigo da comarca de Fisterra, na Costa da Morte, e a mostra conta sobre este lugar; pero este Nemancos ben podería ser outro lugar da Galiza, mesmo pode ser unha metáfora do noso país, rico, vizoso, vivo… un país que loita por manter a súa identidade.
Utopía persoal: un pobo de mulleres e homes libres a carón do mar.
As mulleres
Hai aquí unha reivindicación da cultura mariñeira que está na base da nosa identidade, pero que está esmorecendo por políticas que non respectan e mesmo desmantelan todo o que sustenta esta forma de vida. O mundo actual non entende de Nemancos. Pero Nemancos é resistencia.
Nemancos é o desexo de liberdade dun pobo que vive en perfecta harmonía coa natureza e só ela lle debe marcar os seus tempos.
Un mundo a carón do mar. Na costa, ata a lingua ten que ver co mar. Falamos e pensamos en termos mariñeiros, cunha fala que mantiveron para nós os nosos avós e avoas. Nos lenzos e nas esculturas, son os homes e mulleres desta terra de Nemancos -desta Galiza- os que falan contando a súa historia, os que din que somos unha tribo que vive do mar e xunto ao mar, e que queremos seguir sendo este pobo mariñeiro que dende séculos habita as nosas costas, e manter unha cultura que os nosos antergos trouxeron ata nós.
Por iso Nemancos é tamén unha homenaxe aos nosos antergos.
A tribo do salitre
Convidados quedades a sentir o mar e o nordés aquí, no límite, en Nemancos.
NOTA DE PALAVRA COMUM: agradecemos enormemente a Viki, por ter escrito este texto sobre Nemancos, e por permitir divulgar aqui a sua obra. Parabéns por este magnífico trabalho!
You might also like
More from Crónicas
XIIº Encontro de Escritores de Língua Portuguesa
Entre os dias 5 e 8 de setembro tive a honra de representar a Galiza em Cabo Verde no XIIº …
Primeira Crónica desde Xai Xai: a chegada
Participação de poetas da Galiza no VII Festival Internacional de Poesia de Xai-Xai, Gaza, Moçambique Primeira Crónica desde Xai Xai: a …