Desde a Palavra Comum agradecemos a Rafael Catoira que escolhesse este espaço para publicar, em diversas entregas, o seu poemário inédito No volver que seremos estamos.
Antigo dito da tribo Hopi:
Nós somos aqueles aos que estabamos a agardar.
***
O tecido da chuvia
A chuvia tece con delgadas agullas o devir eterno da vida.
Esta visión transcende o ollar cando no ar
a luz amosa eses filamentos que aluman de invisible brancura.
Esa translúcida caída. O seu descenso
de frío magma. A súa humidade salobre
que foi adozándose mentres ascendía do mar,
voltea a súa xenerativa man, docemente empapada,
sobre o terreo onde a semente agarda
coa impaciencia debida do que se programa
desde os principios sólidos nos que se basea a vida.
Así é o todo deste planeta: un agardar algo
que esperte dun soño aletargado no vivir,
coma o lagarto espreguiza o sangue co sol
que paseniño ábrese paso entre as crebas
da súa rugosa costra que, en contacto coas augas
adelgazadas polo vertical descenso, ábrense
con delicada atención para que se dilúan as veas
de arame de xeo.
Temos unha chuvia quente que se deixa caer
sobre a pel deste astro. Este líquido mesto,
eixe de tódolos centros, navega e rube polo corazón da materia
e baixa coa forza intensiva da chama.
Máquina que fai rodar a astronomía. A lava é o pano
onde se despraza o universo.
Sobre o cristal das fiestras vemos caer a chuvia,
debuxarse en abstractas caligrafiás que nos asombran
porque algo nos din.
Seica non é un idioma
o que define todo iso que nos inquieta?
Coma se nomean as cousas? No seu pronunciar
de nome que xa engloba o todo o que abarca
o seu significado,
por que foi definido antes de que pensásemos
o seu sentido; ou nesta calidade de descubrir
o que estaba oculto
e que a nosa imaxinación alentou, deu vida e madrugou
o seu existir e botou a andar co seu significado
xa impreso en cada átomo do seu signo?
Mais, se se descoñece o revelar da chuvia
cando afonda na terra coa súa branda sustancia, a chuvia
xera o motor do vivir nas raíces que devoran o que antes
non existía e agora fai medrar.
*
Penso nos vexetais tan necesitados
dese bautismo e na pedra labrada lentamente
e no musgo que agarda esa chamada
para despuntar un sinxelo asomo de verdor
e meter as unllas na rocha para rubir
coa súa fusca cabeleira de tupido tapiz
que agocha a animais que respiran nesa pel nova.
Todo o verde é a espiga antes de florecer en trigo.
A súa madurez é consecuencia da alianza
do sol e a chuvia que empapa as raíces.
Así se forxa a espada, desde a flamíxera fragua
ao ventre da auga onde evapora o seu fulgor
e endurece a súa alma. Así é o aceiro: auga e lume
concentrados en moléculas apertadas.
Agora, unha pinga escorrega inqueda. Esvara
polo vidro coma unha pedra pola pel dunha rocha.
Agora amontóase con outra. Case un ritual
ese encontro que se multiplica,
pinga tras pinga e pinga: un rio.
De lonxe o mar.
Unha nube sobre o horizonte bebe a grolos longos,
xusto onde unha gaivota se altera
e sobe en voo que xa non alcanza esa outra nube
preñada que rompe en augas desde o ceo.
Esta chuvia de agora,
por tantos rios eslimada, por tantos ventres de montañas
purificada, esvara, pinga a pinga, polo cristal
desta ventá.
Nesas pingas vémonos regresar,
porque regresa esa auga baixo a ponte da historia,
porque ascendeu para volver
no seu calendario sen fin
e viunos, xa antes deste minuto,
xunto á fiestra neste estar contemplativo
mentres buscamos o noso ser
reflectido nese pingar paseniño
que se nos escapa, vidro abaixo,
deixando unha húmida pegada que se vai a escorregar
lentamente.
***
O Auriga (Unha homenaxe)
O meu avó pisaba forte,
os seus zapatos de ferro deixaron pegada de cemento
e cosmética de alcatrán
polas chairas xeografias desta terra.
A súa man, rexa ferramenta, viraba veloces órbitas
dun planeta pequecho cun guiador onde o seu puño
precisaba mil voltas para mover un segundo vagaroso
dun minúsculo círculo.
Manobras case imposibles con rodas de metal denso,
que el movía con delicada enerxía,
coma se o seu manipular nese redondo eixe
puidese envorcar o firmamento.
Lembro a súa cara e tamén a intemperie
de tódolos seus días xogando a debuxarse na súa pel
como el cartografiaba co seu cilindro apisoadora
estradas virxes entre montes imposibles
e vexetacións ergueitas coa soberbia de guerreiros
invencibles e o seu dereito de conquista.
Lembro as poucas veces nas que, sentado á súa banda
sobre corcel tan lento, notaba renxer a terra
ata acadar a dureza precisa.
(Esa precisión do que é envorcado en si mesmo
pola gravidade e fai habitar
neste planeta esférico, neste círculo exacto
coma aquela roda metálica
que esmagaba o espazo e deixaba un pouso liso, chairo,
pero de compacta forma por onde alixeirar o tempo,
e que el, sobre ese carro de ferro,
incrementábao coma un bruxo dos vellos tempos nos amosaba
con sortilexios
un camiño por facer e un horizonte sen final,
nin precipicio)
Ese dragón que el montaba
(pois fume saía daquel naríz dragoniano
afiado en tubo, asentado na cabeza de tea embreada.
Palio que protexía o avó e a súa auréola de Zeus
distraído da súa potencia, coa súa atención concentrada
no pavimento)
incrementaba a gravidade sobre este planeta
que quizais necesitaba un descoido na atención do meu avó
para evaporar o seu ser de pedra astral esmagada
coma un distender de músculo tensado.
O po do chan afundíase ata compactar.
Parían as pedras retrincos esnacados que saltaban
ao redor con son de cristal e brillos fuxidios.
Por detrás daquel Atlas ergueito sobre a máquina
un séquito de camaradas
chorreaban con negro betume a estrada.
Eu, ás veces, fun compañeiro dese auriga,
entón tremíanme os brancos xeonllos
fóra do pantalón curto,
e el falábame en silencio,
un silencio tan intenso que as súas palabras
traspasaban o ruído atroz do pisar de ferro tan cruento.
Sobre ese cabalgar vagaroso
chegábame a súa voz coa mesma forza e a paciencia
que o suave pingar usaba para furar
a rocha. Agora lembro o que me dicia,
entre o tronar do motor, o chorro de coiro negro
que anoitecía o chan e o grito da cantería esmagada:
todas as guerras pérdense, sempre.
Sempre, engadía, con aplacada vehemencia,
unha man no meu ombreiro e outra curvando o mundo.
Desde entón vivo con esa sabedoría.
É doado percorrer a mitoloxía das palabras. Díxenme.
É doado perderse no labirinto
das buguinas e navegar cos hipocampos
e non oir as revelacións do mar, tan antigo,
tan coro e voz dos homes tan seres da terra.
Non ollar na arcaica memoria dos petróglifos,
porque así de antiga era a súa revelación tan sabia.
Quizais as palabras beben na súa oxidación, díxenme.
Quizais o idioma precise nova pel e sangue fértil
para inventariar o desvario e tamén novos ósos
cos que inventar feitos sen heroes
nin máxicos tempos agochados na néboa da lenda.
Quizais sexa precisa só unha palabra coma bafo
de mañá en illa de area branca
para escribir a infancia da vitoria sen guerras, nin batallas,
que necesita nacer sempre
e sempre necesita ser inventada. Riuse da miña inxenuidade
aquel Deus con ferro por alas, tan cansado de voar,
e empuxoume ao ar aberto de mans
para que tocase o chan amodo
e camiñase ergueito seguindo ese camiño
que el inventaba ao pisar co seu andar canso
e que eu rapidamente adiantei
porque el empuxábame a adiantarlle.
You might also like
More from Poesia
Vencedor do Prémio Literário Glória de Sant’Anna 2024
PRÉMIO LITERÁRIO GLÓRIA DE SANT’ANNA PRÉMIO AO AUTOR DO MELHOR LIVRO DE POESIA 1ª EDIÇÃO EM PORTUGAL, PAÍSES E REGIÕES …
Tocar na palavra de forma viva | Sobre «Câmara de ar», de Hirondina Joshua
Câmara de ar (douda correria, 2023) é o último livro de Hirondina Joshua. Da Palavra Comum tivemos a honra de …