Chegou a noite, asomou a miña ollada e o que vin nela non me gustou. A expresión de baleiro absoluto fíxome recuar cando, buscándome no espello, só atopei a nada e, tras dela a inquietude, unha inquietude perturbadora.
“Burato negro -pensei- pozo sen fondo, iso son agora os meus ollos, antes luminosos, ridores”.
– Sima de silencio, es unha sima de silencio! -berraron as estrelas, que loitaban, asustadas, por non caeren nos meus adentros.
O seu berro inquietoume… Si, si, vinde a iluminarme, estreliñas, non teñades medo… síntome tan soa, tan escuramente despoxada!
O vento de decembro rozoume coas súas frías ás de paxaro escuro. Nin unha alma circulaba polas rúas.
Nin unha alma.
Tan só o vento mais eu á deriva, baixo as luces oscilantes das grilandas de neón, que proclamaban o Nadal consumista.
“Que triste -pensei, xa que cando menos podía pensar- non ter corpo nin casa. Unha casa alegre, coa súa árbore de Nadal, o Belén pequeniño enriba da tele, regalos derredor, un bo lume, champán, e unha bandexa de turróns ben surtida a man… Si. E tamén un sofá de dúas prazas xunto ao fogar. E o máis importante: alguén con quen celebrar as festas, nesta hora solitaria en que todas as fiestras son ascuas que compiten coas xélidas estrelas. Ollos de luz eléctrica nas ventás, que só miran cara o seu interior. Cara o efémero benestar dunha sala ben amoblada, onde xermola a mentira.
Como non era máis ca unha sombra, unha alma extraviada que non atopaba o meu camiño, resignada, regresei ao meu cadaleito. Mentres me acomodaba entre o forro acolchado de raso do estreito ataúde, escoitei a voz de Xerardo, o meu desconsolado viúvo… Xerardo, con toda a cara, murmuráballe na orella á miña mellor amiga, mentres con disimulo tocáballe o cu: “Feliz Nadal, querídísima, feliz, feliz Nadal”.
Ás doce oín cantar un galo.
Era un galo negro, sóubeno sen velo.
A misa que se dixo na miña memoria tamén era negra….
Sentín que a soidade e uns ciúmes enormes me roían as entrañas. “Feliz Nadal, queridísima, feliz, feliz Nadal”.
– Xa veremos…”-pensei anoxada.
O eco da súa voz traidora impediu o meu descanso, perturbou a miña paz. Levanteime da caixa e saín de min mesma de novo.
Tomara a firme decisión de non deixarme enterrar sen antes amargarlles o postre de Nadal a eses dous.
You might also like
More from Chelo Suárez
O gato de Hilario
Hilario volveu de América máis pobre que marchara. Para disimular a súa frustración, presumía diante dos colegas de ter vivido …
Emulando a Juan Eduardo Cirlot
Recreando ao meu admirado poeta Juan Eduardo Cirlot. Meu pranto Meu pranto é a cruz que me condena, meu pranto vai pola xustiza …