Agradecemos a Tati Mancebo que a partir de agora se sume á nómina de colaboradores oficial d’O levantador de minas. Este modesto blogue crece, impredicibelmente, e non desexamos limitar as potencias do seu metabolismo. Son forzas espirituais as que o moven, non cabe dúbida, pois nada hai de dirección calculadora ou estratexia reflectida detrás da vontade dos que aquí escribimos. Somos amigos, escritores, xente ocupada nos varios frentes en que a vida nos obriga a gastar as horas do día, que non pode desaproveitar a oportunidade que a rede lle ofrece para divulgar estes produtos compostos de palabra e sentimento. Son forzas espirtuais as que nos moven, dicía, sendo consciente de que tal afirmación non parece destes tempos, nin dunha mente progresista, nin postmoderna. Creo que o que acontece é que nós somos un tanto tradicionais, e eu gusto de chamarlle a cada cousa polo seu nome.
Ao mesmo tempo, como os colaboradores que tan xenerosamente se teñen sumado a este proxecto non usan pseudónimo, a denominación O levantador de minas pasa a figurar unicamente como cabeceira, polo que este servidor a partir de agora tamén asinará co seu propio nome.
More from Alfredo Ferreiro
O centro do mundo
Os tempos son duros, e as sensibilidades, inevitabelmente vanse mudando. Deste modo hai sucesos que antes, nun outro marco de …
O Grupo Poético Hedral recitará hoxe en Arteixo
Agora que a libraría Á Lus do Candil (Arteixo) nos convida para recitarmos de novo xuntos, un grande orgullo acode …