As primaveras árabes: movementos sociais da mocidade? (ou democracia e anarquismo)
Foi impactante no seu momento como, partindo dun foco primixenio, estas loitas foron expandíndose en todo o norte de África e en Oriente Medio. Un fenómeno de masas que principalmente ten como suxeito transformador a mocidade.
Vivimos nunha época conectada globalmente, e os medios de comunicación como internet non poden en ningún caso ser alleos aos movementos sociais (sobre todo) da mocidade.
Dende sempre os novos foron os que máis decididamente actúan no eido socio-político para pedir mudanzas. Mudanzas que atinxen as formas democráticas -solicitando máis transparencia, máis liberdades, máis xustiza- e levaban consigo, nalgúns países, a reclamación da fin das ditaduras (forma política para nós arcaica, pero que neses territorios ainda se mantén vixente).
Democracia e anarquismo (utopía política que apertan moitos mozxs) non teñen por que ser antagonistas, senón que a última responde a un estado avanzado da mesma onde a cidadanía tería voz -e voto- para todas e cada unha das decisións da súa comunidade, baseando as súas relacións na solidaridade internacional. Desde perto ata o mundo.
***
Procesos revolucionarios e primitivismo
Un proceso revolucionario é aquel levado a cabo por un suxeito que se converte en elemento transformador, o que supón que as estruturas do sistema (o vello) son substituídas por outras (o novo). A revolución ten como escenario a rúa mais tamén a propia interioridade. Podemos así sofrer un proceso revolucionario interno como consecuencia da mudanza de hábitos, ideas, actitudes etc. Pero este non é o obxecto aquí, senón as revolucións sociais.
Xa falamos do EZLN, das primaveras árabes e de democracia e anarquismo e a pregunta que nos facemos agora é: que virá despois destas democracias representativas? A resposta pode vislumbrarse se atendemos as novas propostas de ámbito local -e nacional, no seu caso- que pretende achegarse á poboación a través, por exemplo, de asembleas de barrio. Con todo, a permanencia dos partidos políticos como forma de goberno aínda vai durar por un tempo.
Os partidos políticos chegarán a ser modalidades demodé nun contexto futuríbel, xa que están baseadas en presupostos xerárquicos. Isto é, desaparecerá a xerarquía e todxs teremos a mesma categoría socio-política. Polo tanto, visto así o futuro podemos sinalar que as divisións do traballo -desde un ponto de vista económico- tamén serán abolidas. O ser humano será así dono do seu traballo e controlará todas as partes do proceso (como un artista), nun sistema onde non será necesaria a especialización. Tal vez soe a primitivismo, por que non, e tal vez deberíamos mirar a sociedade preagrícola como modelo a seguir, xa que os estudos máis recentes mostran que valores como a igualdade, a solidariedade e a liberdade estaban presentes nela.
***
A arte como modelo a seguir para a produción en economía
Os sistemas económicos, desde a II guerra mundial, divídense en dous tipos: a economía capitalista e a comunista. Os exemplos paradigmáticos dos dous son USA e Rusia. Con todo, cabe dicir que existe unha otra categoría: a da Terceira Vía dos países en desenvolvemento, que se moven entre as dúas anteriores. Pois ben se a economía é a infraestrutura na que se substenta a superestrutura, isto é, a ideoloxía, volvemos atoparnos con esa dualidade: produción libre (véxase os tratados de libre comercio) e a nacionalización da mesma.
Que posición ten a arte en todo este entramado? Pois sendo unha tarefa humana que nas súas múltiples formas e manifestacións libera ao ser humano, pode substituír os procesos fordianos nos que o proletariado se ve involucrado e que eliminaría así mesmo a plusvalía. Trátase aquí de novo da cuestión fundamental en teoría política: a liberdade. Pero esta ten que estar a carón do respecto e tamén da solidariedade, velaquí a ideoloxía ou construción de ideas que emanan da economía.
You might also like
More from Estela Pan Vázquez
Entrevista | Diego Giráldez: “Agora mesmo a soidade é un antídoto”
Diego Giráldez (O Porriño, 1976) leva toda a súa vida profesional vinculado ao xornalismo. Dirixiu distintos xornais e revistas, e …
Entrevista | Xoán Antón Pérez-Lema: Fascismos en Europa
Xoán Antón Pérez-Lema López (A Coruña, 1966). Avogado en exercicio dende 1990, con especial experiencia en Dereito Societario, Concursal, Mercantil …